Victoriano Taibo



O meu perfil
manxomou@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A FESTA DO V PREMIO
O sábado día 17 de novembro, ás 19:30, comezou, na escola de Guillufe de Morgadáns, un entrañable acto, que se vén repetindo ano tras ano, e van xa cinco, cuxo motivo central era a entrega a Conchita Álvarez Lebredo, gañadora deste certame, dun talón de 3.000 € e unha escultura de Fino Lorenzo, ademais da presentación do libro galardoado, Distancias e Simetrías. A banda de gaitas Balcón do Miñor, de Morgadáns, abriu a sesión interpretando tres pezas populares. A continuación, Araceli Gonda presentou este grupo e deulle, deseguido, a palabra á poeta Marta Dacosta que debuxou para nós unha breve biografía de Victoriano Taibo e recitou, con potente e modulada voz, o poema Brúa o Mar!!, que o mestre lle dedicou a este elemento e Marta aproveitou para recordar a traxedia do Prestige no seu décimo aniversario. Rematou a súa intervención dando lectura á acta do xurado do que formou parte.
Seguiu a actuación do grupo de teatro afeccionado Bertorella que representou unha adaptación do conto de Taibo Os Polos de Rianxo, contido no seu libro Da Agra Aberta, recentemente reeditado polo IEM. O director, Luís Carballo, ten o mérito non só da magnífica posta en escena desta peculiar adaptación, que foi moi celebrada polo público, senón tamén de ter sido profesor de case todos eles, que conseguiron conformar un magnífico elenco coa característica común de seren todos morgadaneses.
Tivo lugar entón a parte central da xornada: Conchita recibiu de mans de Urbano Esmerode, presidente da Entidade Local de Morgadáns, o devandito talón e a escultura que Fino Lorenzo creou para caracterizar este certame; detrás da intervención laudatoria de Esmerode, a poeta dirixiulle unhas palabras á concorrencia e recitou un par de poemas do libro premiado.
Chegou entón o acto final consistente na actuación do grupo Soño de Calíope composto por Dania, Andrea e Isabel, cantantes, as tres, de privilexiada voz, e compositora e pianista, ademais, a última. Interpretaron tres cancións galegas ou portuguesas do seu repertorio habitual; alén diso, Isabel tivo a xentileza de pórlle música ao poema Abala, de Taibo, cuxa interpretación, xunto coas anteriores, nas voces extraordinarias destas cantantes encheu de maxia o recinto que vibrou emocionado con cada nota; para completar a descrición da sensación causada, cómpre dicir que, entre cada dúas cancións, as sedutoras voces das compoñentes deste engaiolante Soño recitaron poemas do mestre de Morgadáns. Foi unha verdadeira festa na que público e intérpretes estableceron unha cordial conexión e gozaron, ostensiblemente, da interpretación e da contemplación. Rematada a súa actuación, o director e mestre do grupo, José P. Pérez, natural e, de novo, veciño desta parroquia, deu as grazas e anunciou próximos concertos.
Para despedir este evento escoitamos unhas breves palabras de Carlos Méixome, director do IEM, e de Urbano Esmerode. O primeiro expresou o desexo de que a Entidade Local teña unha longa vida, ameazada como está polo proxecto do goberno do estado de suprimilas, e de que lle dediquen a Taibo un merecido día das Letras Galegas. O segundo reiterou o seu compromiso de seguir promovendo e financiando este premio que acadou xa un innegable lugar de prestixio no panorama cultural de Galicia.
Para despedir unha velada plena de emocións, os asistentes baixaron ao soto do edificio onde puideron intercambiar consideracións e degustar uns petiscos, viño albariño cedido xentilmente por Adegas Valmiñor e, ademais, viño Mencía, auga e refrescos achegados polo IEM grazas á xenerosa axuda que, complementando a recibida da Entidade Menor, nos proporciona Aguasana. Durante o albaroque a banda de gaitas interpretou novas pezas de música galega para entretemento dos asistentes.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-11-2012 21:33
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:

(Introduce o código da imaxe)
© by Abertal



Contador web