Victoriano Taibo



O meu perfil
manxomou@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

CONVOCADO O V PREMIO

O Instituto de Estudos Miñoranos vén de publicar na súa web a convocatoria do V Premio de Poesía Victoriano Taibo - Entidade Local de Morgadáns. Pódese ver a nota de prensa, as bases e unha pequena biografía do persoeiro nas ligazóns sinaladas.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-03-2012 11:00
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
ENTREGA DO IV PREMIO
O vindeiro día 12 de novembro, sábado, terá lugar o acto de entrega do IV Premio de Poesía Victoriano Taibo - Entidade Local de Morgadáns. Será no sobrado da Escola de Guillufe (Morgadáns) ás sete e media da tarde cando Calros Solla reciba o cheque de mans do presidente da Entidade Local, Urbano Esmerode, xunto coa escultura de Fino Lorenzo, identificativa do premio. E, por suposto, será presentado o poemario Holocausto Zacoe en edición do IEM ao coidado de Antón Mascato. Esperamos publicar en breve o programa do acto.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-10-2011 10:04
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
GAÑADOR
Composición do xurado do IV PREMIO DE POESÍA VICTORIANO TAIBO - ENTIDADE LOCAL DE MORGADÁNS:

Presidente: Urbano Esmerode, Presidente da Entidade Local de Morgadáns.
Secretario: Carlos Méixome, Director do IEM.

Ambos os dous con voz pero sen voto.

Vocais:
Gonzalo Navaza
Marta Dacosta
Mª Goretti Fariña
Silvia Penas
Miguel Anxo Mouriño

O xurado, reunido o día 8 de setembro pasado, acordou declarar gañador nesta convocatoria a Carlos Solla, autor do poemario Holocausto Zacoe. O secretario, que asinou a acta correspondente, enviou con data de hoxe unha nota de prensa dando cumprida noticia do acontecemento.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 09-09-2011 23:33
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
FINALISTAS 2011
Nunha primeira reunión o xurado do IV PREMIO DE POESÍA VICTORIANO TAIBO - ENTIDADE LOCAL DE MORGADÁNS, como comunicou o secretario en nota de prensa, acordou seleccionar cinco obras finalistas, cuxos títulos son os seguintes:

• Última viaxe ao mar
• Tupperware
• O vals e a rosa
• A cidade imposible
• Holocausto Zacoe

En breves días decidirá cal delas acada, finalmente, o premio da IV convocatoria.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-09-2011 20:41
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
FINALIZOU O PRAZO

O xurado que fallará o IV PREMIO DE POESÍA VOCTROIANO TAIBO - ENTIDADE LOCAL DE MORGADÁNS reuniuse onte para recoller os orixinais presentados, despois de que o 30 de xullo pasado rematase o prazo de entrega. A participación mantense en cotas altas similares ás de anos anteriores. Nesta ocasión, 47 poetas enviaron os seus traballos a este certame que se consolida como referente en Galicia e acolle poemarios de gran calidade que obrigan ao xurado a longos debates para elixir un só gañador. Cómpre salientar que o orixinal titulado Ronca o Mar, asinado por Ardora, foi excluído por indicación do autor que acadou con el outro premio.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-08-2011 10:59
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
CONVOCATORIA DO IV PREMIO
O Instituto de Estudos Miñoranos acaba de facer pública a convocatoria, correspondente ao ano 2011, do IV Premio de Poesía Victoriano Taibo - Entidade Local de Morgadáns mediante unha nota de prensa. Este certame vén sendo moi ben acollido polos poetas e pola crítica e está a producir obras de gran calidade e interese. Pódense ver aquí as bases e unha breve biografía do persoeiro a quen se lle dedica o premio, e aquí o cartel e díptico creados para a ocasión.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-04-2011 12:15
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
ENTREGA DO PREMIO
O vindeiro sábado día 11 de decembro, nos locais da Escola de Guillufe (Morgadáns), terá lugar a entrega do III Premio de Poesía Victoriano Taibo - Entidade Local de Morgadáns. Arroupada por varias e variadas intervencións, Mª Goretti Fariña recibirá de mans do presidente da Entidade Local de Morgadáns o cheque de 3000 € co que está dotado o premio; de mans do artista Fino Lorenzo, a escultura conmemorativa deste evento; e, ademais, terá nas súas mans exemplares do libro publicado polo IEM. Ao final do entrañable acto gozaremos dun albaroque de confraternidade entre todos os participantes. A entrada é libre e, por suposto, gratuíta.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-12-2010 20:39
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
RESOLUCIÓN
O día 9 de setembro de 2010, o Xurado da Terceira Edición do Premio de Poesía Victoriano Taibo, instituído pola Entidade Local de Morgadáns (Gondomar) e xestionado polo Instituto de Estudos Miñoranos (IEM), e integrado por:

Gonzalo Navaza Blanco, profesor e escritor, membro do IEM
Marta Dacosta Alonso, poeta e profesora, membro do IEM
Elvira Riveiro Tobío, poeta e cogañadora da segunda edición deste premio
Mª Carmen Caramés Gorgal, poeta e cogañadora da segunda edición deste premio
Araceli Gonda Cabreira, xornalista e guionista

no que actuou como secretario (sen voto) e representación do IEM, Miguel Anxo Mouriño Fernández, e presidido polo Presidente da Entidade Local de Morgadáns, Urbano Esmerode Domínguez (sen voto) acordou por unanimidade adxudicarlle o III Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns ao poemario titulado Devastacións dispoñibles, da autoría de Mª GORETTI FARIÑA CAAMAÑO, do que valorou especialmente o lirismo que, co trasfondo dunha perceptible tristeza existencial, impregna o poemario, así como un manexo elegante e eficaz da lingua para expresar con amenidade estes sentimentos.

A nova fíxose pública no transcurso dunha rolda de prensa celebrada o día 10 dos correntes na Escola de Guillufe, de Morgadáns, na que fora vivenda do mestre Victoriano Taibo.

Mª GORETTI FARIÑA CAAMAÑO naceu en San Xoán de Baión (Vilanova de Arousa) no ano 1965. Na actualidade reside en Vilagarcía de Arousa. É licenciada en Bioloxía e profesora de Ciencias nun colexio de Vilagarcía.

No eido da poesía conta cos premios Concello de Vilalba (Codias canda min, 2007), Manuel Orestes, Concello de Paradela (As devocións danadas, Consellería de Cultura, Santiago, 2005), Avelina Valladares, Concello de A Estrada (Nada por vir, 2003), Rosalía de Castro (Nai e mais ninguén, Follas Novas, Libros da Frouma, Santiago, 2000), Concello de Viveiro (Do noxo estacionario, 1999), así como outros varios en Begonte, Marín, Universidade de Vigo, Peñaranda, etc.

O certame de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns foi creado no ano 2008 creado co obxecto de renderlle unha homenaxe ao escritor, poeta e académico Victoriano Taibo, rescatalo do esquecemento no que inxustamente estaba asolagado e vinculalo definitivamente ao lugar onde por máis tempo desenvolveu o seu labor docente e cultural, a parroquia de Morgadáns. O premio está dotado con 3.000€, un bronce de Fino Lorenzo e a edición do poemario por parte do Instituto de Estudos Miñoranos.

O I Premio (entregado en novembro de 2008) recaeu no libro Cultivos Transxénicos do poeta lalinense Carlos Negro.

O II (novembro de 2009) concedeuselle o premio ex aequo aos poemarios titulados Cuarto Minguante de Mª Carmen Caramés e Biografía da Multitude: escrito a dúas mans por Elvira Riveiro e Silvia Penas.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-09-2010 09:03
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
FINALISTAS
O xurado do III Premio de Poesía Victoriano Taibo - Entidade Local de Morgadáns reuniuse o día 4 de setembro de 2010 para deliberar sobre os orixinais que, nun total de 43, se presentaron nesta convocatoria. A participación non só foi abundante senón tamén de gran calidade, como sinalaron unanimemente os membros do xurado, feito que dificultou a decisión de distinguir un dos libro co galardón deste ano polo que, nesta primeira reunión deliberatoria, decidiron seleccionar dez finalistas para, en breves días, elixir un deles como gañador do certame. Os títulos das obras seleccionadas, relacionadas por orde de recepción dos orixinais, son os seguintes:

+ Outono en Alphaville
+ Aliens e nomades
+ Refuxio
+ Devastacións dispoñibles
+ Vilareda
+ O libro das mentiras
+ Galicia en bus
+ Código morse
+ Amnannese
+ Tardes malva

O gañador, cuxo nome e obra faranse públicos en breve, recibirá o premio co que está dotado este certame (3000 € en metálico e unha peza escultórica de Fino Lorenzo) no transcurso dun acto que se celebrará a mediados de novembro, en cuxo momento será tamén presentado o libro gañador editado polo Instituto de Estudos Miñoranos.

Podes descargar es arquivo AQUÍ.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-09-2010 18:49
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
REMATOU O PRAZO
Rematou o prazo para a entrega de orixinais no III Premio Victoriano Taibo - Entidade Local de Morgadáns. Co mesmo éxito que nas pasadas edicións rematou a recepción de orixinais para o III Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns. O xurado reuniuse para recoller os traballos presentados, nun total de corenta e tres obras, cifra similar á da primeira e segunda convocatoria. O fallo farase público nos primeiros días de setembro, en data que se anunciará nesta páxina e nos medios de comunicación.

O premio está dotado con 3.000 €, unha peza escultórica do artista miñorán Fino Lorenzo, creada especialmente para este certame, e a publicación da obra premiada na colección Victoriano Taibo do IEM; o galardón será entregado nun acto cultural que se celebrará no edificio das Escolas de Guillufe (Morgadáns) na 2ª semana de novembro.

Na primeira convocatoria resultou gañador o poemario Cultivos Transxénicos de Carlos Negro. Mentres que na segunda edición o xurado acordou conceder o premio ex aequo aos poemarios Cuarto Minguante, do que é autora Mª Carmen Caramés, e Biografía da Multitude, que resultou estar creado a dúas mans por Elvira Riveiro e Silvia Penas.

Das corenta e tres obras presentadas quedou eliminada a denominada Conversa por non aterse ás bases do premio. Así mesmo o orixinal presentado baixo o título Só tres veces e co lema Máis que nunca chegou sen plica, polo que a persoa autora deste texto tería que enviar o antes posible a plica correspondente.

Pódese descargar este arquivo AQUÍ.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-08-2010 09:01
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
1 [2]
© by Abertal



Contador web