Víchelo, miráchelo!



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Comezamos o curso 2011-2012 na procura da verdade.
Esta curso o lema será DESCUBRE A VERDADE...A GALICIA QUE LEVAS DENTRO . O texto que imos usar para a Unidade 0 será de Castelao , do seu libro Cousas.

Xira ao redor da idea da educación da nosa identidade. Se o que nos fai humanos é precisamente a fala, exercer como tales humanos esixe vivir na procura de nós mesmos e manifestarnos como tal, de xeito auténtico ou verdadeiro. “Coñécete a ti mesmo” é unha fermosa e vella sentencia da antiga Grecia que podemos aplicar á hora de nos dispor a coñecer ese nós colectivo que se chama Galicia e que usa unha lingua que nos dá identidade no mundo, o galego.

Tomamos este texto como primeira lectura do curso e lectura central da Unidade 0. O debuxo que tes a túa dereita acompaña o seguinte texto.



CHEGOU DAS AMÉRICAS
(de “Cousas” A.D. R. Castelao)

Chegou das Américas un home rico e trouxo consigo un negriño cubano, coma quen trai unha mona, un papagaio, un fonógrafo... O negriño foi medrando na aldea, onde deprendeu a falar con enxebreza, a puntear muiñeiras, a botar aturuxos abrouxadores.

Un día morreu o home rico e Panchito trocou de amo para gana-lo pan. Co tempo fíxose mozo comprido, sen máis chatas que a súa coor... Aínda que era negro como o pote, tiña gracia dabondo para facerse querer de todos. Endomingado, con un caravel enriba da orella e unha ponla de malva na chaqueta, parescía talmente un mozo das festas.

Unha noite de estrelas xurdeu no seu maxín a idea de saír polo mundo á cata de riquezas. Tamén Panchito sinteu, como tódolos mozos da aldea, os anceios de emigrar. E unha mañán de moita tristura gabeou polas escaleiras dun trasatlántico.

Panchito ía camiño da Habana e os seus ollos mollados e brilantes esculcaban no mar as terras deixadas pola popa.

Nunha rúa da Habana o negro Panchito tropezou cun home da súa aldea e confesoulle saloucando:

—Ai, eu non me afago nesta terra de tanto sol; eu non me afago con esta xente. ¡Eu morro!

Panchito retornou á aldea. Chegou probe i endeble; pero trouxo moita fartura no corazón. Tamén trouxo un sombreiro de palla e mais un traxe branco...
Comentarios (1) - Categoría: UNIDADE CERO - Publicado o 19-09-2011 22:13
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal