Víchelo, miráchelo!



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Rematamos o mes de maio co himno

Eduardo Pondal compuxo un longo poema de 10 estrofas no seu libro Queixumes do Pinos. Os galegos da Habana en 1907 procurando unha letra para o que sería o Himno de Galicia escolleron as catro primeiras estrofas deste poema ao que logo poría música Pascual Veiga.

Neira Vilas remarca o papel fundamental na creación da conversión desta peza no himno galego dun emigrante ferrolán, Xosé Fontenla Leal -«home lúcido e apaixonado que amaba a súa patria de orixe, á que lle dedicou de por vida todas as súas enerxías». Aquel home primeiro pensou no poeta Curros Enríquez e o mestre Chané para a letra e a música do himno, respectivamente. Pero un enfado entre ambos os dous impediu o proxecto e finalmente serían o poeta Eduardo Pondal e o músico Pascual Veiga os autores.

Segundo parece a súa colaboración arranca en 1890, cando o poeta lle envía ao compositor Os Pinos para presentarse ao premio para unha «Marcha Regional Gallega» nun concurso musical celebrado no Recreo de Artesanos da Coruña. Non obstante, a estrea non chegaría ata o 20 de decembro de 1907, na Habana, aínda que nos últimos anos hai investigadores que apuntan que o himno debeu de interpretarse en público con anterioridade.

Reproduzamos o texto do himno:

OS PINOS

Que din os rumorosos
na costa verdecente
ao raio transparente
do prácido luar?
Que din as altas copas 5
de escuro arume arpado
co seu ben compasado
monótono fungar?

Do teu verdor cinguido
e de benignos astros 10
confín dos verdes castros
e valeroso chan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta do teu sono 15
fogar de Breogán.

Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden
e con arroubo atenden
o noso ronco son, 20
mais só os iñorantes
e féridos e duros,
imbéciles e escuros
non nos entenden, non.

Os tempos son chegados 25
dos bardos das edades
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois, donde quer, xigante
a nosa voz pregoa 30
a redenzón da boa
nazón de Breogán.





BOTEMOS LOGO UNHA OLLADA INICIAL AO LÉXICO DO HIMNO:
- os rumorosos: ruidoso, adxectivo referido aos pinos.
- verdecente: de cor verde.
- luar: nunha noite de lúa.
- arume arpado: a folla do pino en forma de arpa do pino.
- compasado : que segue o compás ou un ritmo.
- monótono fungar: un ruído ou son uniforme.
- cinguido: que rodea.
- confín: terra do lindeiro.
- castros:construción da cultura prerromana.
- inxuria: insulto
- rudo: bruto
- encono: rancor
- Breogán: primeiro rei celta de Galicia
- arroubo: admiración
- féridos: cruel.
- bardos: cantor da memoria da tribo
- vaguedades: imprecisión.
- pregoa: anuncia
- redenzón: liberación
- nazón: pobo, xentes

UN HIMNO CON PREGUNTAS:
Pondal escribiu o único himno do mundo, que nós coñezamos, que comeza con preguntas e interrogantes.

Esta será a nosa primeira investigación:

1- Quen pregunta? E quen fala, quen responde no noso himno?

2- Cal destas tres opcións cres que é o tema ou idea central desta composición?

- Loanza da paisaxe galega
- Preocupación polo uso da lingua galega
- Chamamento ao espertar de Galicia.


RECURSOS DO NOSO HIMNO COMO ARGUMENTOS PARA DEMOSTRAR QUE ESCOLLEMOS BEN DO SEU TEMA:

RECURSOS SEMÁNTICOS (atendendo ao contido e significado das palabras)

Xa falamos das interrogantes iniciais que marcan dúas partes claras na composición:

3- Cales serían esas partes? Indica os versos e o contido de cada unha desas partes.

4- Nesta composición un dos recursos literarios usados é a personificación. Explica en que versos podemos localizala e en que consiste?

5- Seguro que xa reparaches na palabra do primeiro verso "rumorosos" un adxectivo epíteto que vén sendo como unha metoninia (é dicir, recurso que pon en relación dous termos por contigüidade, continente - contido, causa efecto...) A que se refire? Aparecen evocados dalgunha outra forma nos versos seguintes? Indica como.

6- Chegamos así a descubrir un dos recursos máis importantes deste himno, o símbolo ou alegoría que parte deses "rumorosos" unha árbore que co seu son anuncia unha revelación na que hai un pasado (coas raíces na terra), un presente (que podemos asociar a seu tronco, á altura das persoas) e un futuro (que debemos relacionar coa parte máis alta, tocando o ceo). Son _____________.

7- A revelación ou o anuncio será escoitado por todos? A ver se acertas que recurso dos seguintes é o que nos permite saber que o presaxio non será desentrañado por todos.

a) antítese ou contraposición (branco/negro).
b) hipérbole ou esaxeración (morro de medo).
c) simil ou comparación (tan grande como un elefante).

Localiza no texto o recurso ao que facemos referencia:


8- Por outra parte, Galicia aparece evocada como termo real dunha fermosa metáfora relacionada coa mitoloxía céltica, sabes cal?



Para o próximo curso seguiremos afondando no autor no tempo e nos por qués que rodean a este himno. Pondal pode esperar.
Comentarios (0) - Categoría: AS RAÍCES DA NOSA IDENTIDADE - Publicado o 27-05-2020 16:51
# Ligazón permanente a este artigo
REMATANDO A LECTURA
Imos rematar a lectura do libro de Núñez Singala e as actividades de sociolingüística deste curso para combater os prexuízos sobre a nosa lingua cun triptico (tres lecturas acompañadas ou complementadas):

Capítulo 7: Porque é unha lingua minoritaria (un vídeo).

Capítulo 8: Porque non o fala ninguén (un xogo).

Capítulo 9: Porque non (unha tremenda historia por resolver).

Actividades a realizar, responder e enviar ao correo da materia tras da lectura:




1- En que lugar da estrada das linguas colocarías ao galego?

2- O coñecemento doutras linguas debe levarnos a abandonar a nosa lingua? Por que ? Argumenta ben a resposta.

3- Falar español e chinés permitiríanos falar con cincocentos millóns de persoas, por que esta posibilidade é realmente imposible? Por que ten tan pouco valor a cantidade á hora de falar dunha lingua?


CAP 8. 4-O xogo dos cen falantes (para poder ver este xogo debes ter a aplicación Adobe Flasch Player, trátase do segundo dos xogos que aparece na páxina onde se abre o enlace, o primeiro dos xogos que aparece tan que ver co cuarto capítulo do libro tamén). En que consiste este xogo? Atreveríaste a comezar a xogalo? Que cres que pasaría ao facer uso deste xogo?


CAP 9- 5- Unha tremenda historia por resolver... sabemos por que e como temos que defender a nosa lingua de centos de anos de discriminación e prexuízos? Razoa a resposta a modo de conclusión tras da lectura.


Epílogo

Rematamos co libro, se non fose polo confinamento teríamos a oportunidade de coñecer e e compartir co autor a lectura do mesmo. Como non podemos estar co autor e como complemento virtual ímolo coñecer escoitando un último consello nesta batalla contra os prexuízos lingüísticos:



Comentarios (0) - Categoría: SOCIOLINGÜÍSTICA - Publicado o 25-05-2020 08:51
# Ligazón permanente a este artigo
SERÁ O GALEGO UNHA IMPOSICIÓN?
Imos ler o CAP 6 de EN GALEGO POR QUE NON? para poder responder con criterio a esta pregunta.
Consulta o seguinte enlace para ler e desenvolver as actividades. Lembra: Despois da lectura do capítulo, envía as tres actividades propostas ao correo da materia.
Comentarios (0) - Categoría: SOCIOLINGÜÍSTICA - Publicado o 19-05-2020 05:09
# Ligazón permanente a este artigo
O noso vídeo poema das Letras GaLegas 2020
Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 17-05-2020 00:14
# Ligazón permanente a este artigo
RICARDO CARVALHO CALERO LETRAS GALEGAS 2020
Antes de entrar a coñecermos a vida e a obra deste autor visualizamos este Vídeo a modo de introdución:




PARA REALIZAR UNHA BIOGRAFÍA DO AUTOR

Imos reparar nunha serie de conceptos que nos axudarán a entender mellor todo o que traballemos:

Ricardo Carvalho Calero un dos grandes polígrafos do século XX. Un polígrafo é unha persoa que escribe sobre diversos temas e/ ou distintos xéneros (poesía, narrativa, teatro, ensaios...

Ricardo Carvalho Calero foi ademais do Partido Galeguista, discípulo de Castelao e da súa xeración de autores que se denominan Xeración Nós porque editaron unha revista coa idea de universalizar Galicia con ese nome. Polas súas ideas será represaliado, é dicir, perseguido e castigado entre outras cousas a non poder exercer de profesor durante o Franquismo.

Ricardo Carvalho Calero é un estudoso da Lingua e como tal é o maior referente do reintegracionismo lingüístico,que defende a aproximación do galego ao seu irmán xemelgo o portugués. Por iso verás que escribía con formas ortográficas coma: lh- Carvalho en lugar de Carballo ou desejo, en vez de desexo.

Por último, Carvalho Calero estableceu o canon de autores literarios, eses escritores e escritoras máis representativos á hora de estudar a Historia da Literatura Galega.



Cuestionario
1. Despois de ver:Imos elaborar unha pequena biografía sobre autor en base aos seguintes criterios:

- Data de nacemento e de morte.

- Lugares e situacións transcendentais nas distintas etapas da súa vida: Ferrol, Fingoi, Compostela, galeguismo, represión, docencia...

- A súa obra que por forma abarca distintos aspectos: como creador, como lingüista, como crítico literario.

- Debemos procurar ir incluíndo tanto os títulos das súas obras máis relevantes como os logros ou trazos máis destacables da figura homenaxeada.
Información para buscar datos:
-EXPOSICIÓN: LETRAS GALEGAS 2020: Ricardo Carvalho Calero

- GUÍA DIDÁCTICA DA EXPOSICIÓN.


2- Xogo:NA CASA DE DON RICARDO

3- Escoita o seguinte poema musicado e indica cal é o tema que trata:



4- PARTICIPA NO VIDEOPOEMA de 2º ESO
(Cando remates as actividades envía un correo no que indiques se te apuntas a participar no vídeo poema, no que só terás que recitar un ou dous versos gravando un audio coa túa voz)
Comentarios (1) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 14-05-2020 06:01
# Ligazón permanente a este artigo
PARA COMEZAR A COMENTAR TEXTOS

Aproveitando a proximidade do Día das Letras Galegas imos escoller un poema do autor homenaxeado, Ricardo Carvalho Calero, para aprender a comentar un texto literario.

QUE É UN COMENTARIO DE TEXTO LITERARIO?

Un comentario dun texto literario é unha interpretación que se fai sobre unha obra en prosa ou en verso dun autor/a. Esa interpretación parte do tema ou idea central que o que comenta debe argumentar tras da lectura do mesmo seguindo unha análise das distintas características ou trazos que presenta ese texto.

ESQUEMA PARA A REALIZACIÓN DUN COMENTARIO

Para facer un comentario de texto debemos ir seguindo os seguintes pasos:

LECTURA E COMPRENSIÓN (consulta do léxico)

LOCALIZACIÓN: No caso de coñecer o nome do autor/a, realizamos o que se denomina unha localización do texto asociándoo a un autor/a e a un libro e/ou etapa creativa do mesmo. Ademais adoitase incorporar unha breve descrición do contexto literarario e histórico no que se sitúa a obra.

INTERPRETACIÓN: É o núcleo do comentario. Para desenvolver con éxito esta parte máis complexa e importante é aconsellable seguir esta orde:

a) Asunto ou resumo, tema central e punto de vista (lírico ou narrativo). A concreción do tema resulta esencial, unha frase de poucas palabras (cinco ou seis como máximo) como síntese do texto a comentar. Non é un título, é a idea central sobre a que teremos que construír o comentario, é dicir, argumentar que esta idea funciona como a columna vertebral do texto.

b) Estrutura: Son as partes, relacións e elementos que conforman o texto. (Na narrativa: personaxes, espazo, tempo e discurso)

c) Linguaxe: Unha análise por niveis: o semántico: para establecer o ton do contido léxico do texto, o morfosintáctico: para determinar o ritmo atendendo á forma e, no caso de ser poesía, o fónico: comentando a musicalidade da composición rima e outros recursos de corte sonoro.

VALORACIÓN: Unha conclusión, reunindo todos os argumentos que confirman o acerto do tema escollido para definir o texto, a idea central do texto ou punto de partida co que elaboramos o comentario.



ACTIVIDADES PARA ENVIAR POR CORREO AO PROFESOR
Imos ir lendo e facendo xuntos un comentario. Ti debes ir respondendo e completando as preguntas 1,2,3,4,5,6,7,8,9, 10, 11 e 12 que logo enviarás por correo. Comezamos:

MODELO de COMENTARIO:Poema do libro Futuro Condicional de Ricardo Carvalho Calero (1910-1990)



Onde está o verso? ¿Onde está a prosa?
¿Onde está o home? ¿Onde a muller?
¿Onde está a arte? ¿Onde a política?
¿Onde está o mal? ¿Onde está o ben ?

¿Onde está o novo? ¿Onde está o vello?
¿Onde está a injúria? ¿Onde está a lei?
¿Onde está o amor? ¿Onde o desejo?
¿Onde está o mal? ¿Onde está o ben?

¿Onde está a direita? ¿Onde a esquerda?
¿Onde o fastío? ¿Onde o pracer ?
¿Onde a verdade? ¿Onde a mentira?
¿Onde está o mal? ¿Onde está o ben?
¿Onde está a paz? ¿Onde está a guerra?
¿Onde está o demo? ¿Onde está o deus ?
¿Onde está o ceibe? ¿Onde está o escravo?
¿Onde está o mal? ¿Onde está o ben?

¿Onde está o negro? ¿Onde está o branco?
¿Onde o traballo? ¿Onde o lecer?
¿Onde está a morte? ¿Onde está a vida?
¿Onde está o mal? ¿Onde está o ben?


A) LECTURA e COMPRENSIÓN (Tras da lectura busca no dicionario as palabras que non coñezas. Neste texto e noutros deste poeta imos atopar palabars con grafía reintegracionista, é dicir, seguindo as regras ortigráficas do idioma irmán do galego, o portugués: Por exemplo:injúria: no galego normativo é inxuria (se non sabes o que clica no Dicionario da ACADEMIA GALEGA)

1-Procura información sobre as tres palabras seguintes antes de proseguir co comentario:
- desejo:
- fastío:
- ceibe:

B)-LOCALIZACIÓN
Ricardo Carvalho Calero (1910-1990). Poema da primeira parte titulada Excalibur do libro Futuro condicional un conxunto de poemas que se publican en 1982, pero reúne poemas anteriores con tres temáticas recorrentes a existencial, a erótica e a culturalista. Un autor que comezou a súa traxectoria como poeta de vangarda antes da guerra do 1936 e vai evolucionando cara ao existencialismo ata atopar un estilo de corte culturalista dando cabida ao erotismo. Neste autor dunha inmensa obra poética atopamos unha boa panorámica da poesía do XX ao cultivar as distintas tendencias da poesía galega actual.

C. INTERPRETACIÓN:O NÚCLEO DO COMENTARIO
2- Completa esta especie de resumo do que se di no poema coas túas palabras:
ASUNTO: Unha voz poética imprecisa interrógase sobre .....



De xeito insistente reitera onde está o ben e onde está o mal do que se pode concluír como resposta certa a dúbida.

TEMA:
3-Cal cres que será o tema deste poema (escolle a opción correcta):
A) As interrogantes constantes da vida.
B) A nostalxia por un amor perdido.
C) A defensa da lingua galega.

PUNTO DE VISTA: Como xa dixemos a voz poética imprecisa (pode ser un eu, pode ser unha terceira persoa ) resulta totalmente coherente coa atmosfera de incerteza do poema.

ESTRUTURA:
4- Indica en cantas partes dividirías o poema explicando as razóns da división que realizas:





ANÁLISE DA LINGUAXE
O CONTIDO : O nivel semántico é o que confire o contido a este texto. Resulta moi cómodo establecer unha especie de cadeas léxicas procurando ver un fío condutor ao longo do poema.

5-Neste poema vemos unha serie de palabras asociadas a elementos positivos que serían:

Do mesmo xeito que outros están situados no terreo negativo:



Pero, coidado, en ambos casos chega un momento en que dubidamos porque cada quen colocaría o seguinte elemento da posible enumeración en apartados diferentes.

Por outro lado, en cada verso se presentan dúas interrogantes retóricas.

6- Que é unha interrogante retórica?



Mais, en gran medida, as respostas resultan un certo paradoxo. Fanse preguntas para saír da incertidume, pero estas interrogantes lonxe da certeza, levan consigo unha resposta dubidosa e incerta. Son ademais claramente contrapostas, abrindo así unha dobre e posible contestación.

7- Como se chama un dos recursos máis importantes deste poema baseado na contraposición de ideas?:
a)metáfora
b)antítese
c)hipérbole

Hai en cada verso unha _____________, escollida pola voz poética que pon a proba liña a liña, verso a verso, a súa obxectividade e complicidade co lector, é dicir, a nosa coincidencia con ela.

Convértese así cada verso nun xogo entre o subxectivo e o obxectivo, ao quedar aberta a posibilidade de coincidir con esa voz poética ou non. Unha constante constante contraposición e unha pregunta sobre a certeza das cousas. Unha interrogante reiterada sobre o auténtico e o falso que hai en cada un de nós ante as diversas circunstancias en que vivimos.

8)No fondo de cada pregunta latexa un tópico moi antigo que, por selo, se enuncia en latín. “Ubi sunt? que significa esta expresión?

Como podemos aplicar este tópico a este poema?




As letras e a arte ou a política e as armas, a paz ou a guerra, o demo ou o deus, a vida ou a morte , a esquerda ou a direita son finalmente a dúbida ou incerteza constante que permanece no transcorrer fugaz da vida, preguntas que esta non é quen de responder, de resolver pero que nós seguimos facendo. Deducimos que o adxectivo que define mellor este texto será logo o seu ton existencial, reflexivo ao xirar sobre as interrogantes e as dúbidas do ser.

b) FORMA: O nivel morfosintáctico cos seus recursos estilísticos expresan un ritmo ou dinamismo do texto que se complementa co seu contido.
9) Como se chama o recurso cuxa reiteración permanente provoca un ritmo lento favorable a recrearse na dúbida que comeza e remata en cada verso para repetirse unha e outra vez?
a) anáfora
b) paralelismo
c) polisindetón

Este recurso formal crea un ritmo machacón que recorda a un rezo, acorde coa tensión non resolta que a dúbida insatisfeita da nosa existencia provoca.

c) MUSICALIDADE: Analizamos neste apartado por ser do xénero poético os efectos sonoros que acompañan ao ton dubitativo e ao ritmo lento do poema. Ante a falta de rima aínda que si certas cadencias asonantadas en determinadas estrofas, a musicalidade imprecisa tamén recae na forma paralelística das interrogantes constantes e nese rematar de cada estrofa coa mesma pregunta a modo de retrouso ou refrán.
10- En que consiste este recurso? Copia o verso ao que nos referimos:

VALORACIÓN:
Neste último apartado debemos sintetizar o que fomos vendo nas partes anteriores do comentario para ratificar a coherencia co tema o idea central que cremos é o soporte do poema.

11. Vai enchendo coas palabras axeitadas o texto coa valoración final: O ton________________ acerca da existencia humana creado tanto polas constantes _________________ como pola __________________ existentes en cada verso, acompañadas por un ritmo___________, intensivo e reiterativo non carente de musicalidade a pesar da __________ de rima, certifica que o poema xira arredor da dúbida permanente do ser que pode ser un resumo da súa vida.

Esta temática________________
é unha das temáticas frecuentes nos poemas do autor, cuase relixiosa, como chegou a catalogala ao comentar precisamente o contido deste libro. Este tipo de preocupacións están presentes nunha boa parte das creacións poéticas desta época que arrinca a mediados do século XX, pero que se estende até os nosos días co que podemos concluír que estamos ante un poema claramente contemporáneo.

12- Na fotografía que encabeza esta entrada quen dos tres é o autor deste texto comentado?


Comentarios (0) - Categoría: PARA COMEZAR A COMENTAR TEXTOS - Publicado o 10-05-2020 14:10
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal