Víchelo, miráchelo!



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

VERBOS IRREGULARES

VERBOS IRREGULARES EN GALEGO
Un verbo irregular é o que cambia de raíz ao conxugarse, pero cando o fai?

RAÍZ DE PRESENTE: Fíxate nos presentes de indicativo que hai que sabelos moi ben: A raíz de presente úsase para o resto dos tempos.

Outras irregularidades dos verbos irregulares:
- Poden presentar outras irregularidades noutros tempos ou persoas;
- Moitos destes verbos estenden a raíz da p1 do presente de indicativo a todo o presente de subxuntivo: caibo, caiba; pairo, paira; veño, veña; vallo, valla …

Actividades: (Para enviar por correo electrónico)
1-Conxuga os presentes de Indicativo dos verbos irregulares:
CABER
DAR
DICIR
ESTAR
FACER
HABER
IR
PARIR
PODER
POÑER
PRACER
QUERER
SABER
SER
TRAER
TER
VALER
VER
VIR

RAÍZ DE PERFECTO: Logo hai 4 tempos que son: 2 en Indicativo e 2 en Subxuntivo que usan a raíz denominada de perfecto que son:Pretérito e Antepretérito de Indicativo e Pretérito e Futuro de Subxuntivo, cos que traballaremos o próximo día.

(continuará)
Comentarios (0) - Categoría: GRAMÁTICA - Publicado o 26-04-2020 16:45
# Ligazón permanente a este artigo
SEGUIMOS LENDO EN GALEGO, POR QUE NON?
Cuestionario sobre o Capítulo 4

Supoñamos que hai catro persoas galegas e das catro persoas hai unha que non fala galego...


1- Por que falar en galego cando hai alguén que non o fala non é de mala educación?

Argumenta con alomenos tres razoamentos ben expostos unha resposta afirmativa, é dicir, non é de mala educación falar galego cando hai alguén que non o fala.

Preguntas sobre a lectura do cap 5 de EN GALEGO, POR QUE NON?

Despois de ler o capítulo titulado: Porque non damos falado ben, responde ao seguinte cuestionario seguindo os criterios que se verteron na lectura:
1- É normal que a unha persoa que aprende o galego de segunda lingua lle resulte difícil? Se a dificultade é natural, cal é o problema de fondo para que realmente a aprendamos ben?
2- Para falar ben unha lingua que hai que é ineludible facer antes?
3- Por que a un polaco lle pode sreultar máis doado aprender galego en catro meses que a un asturiano?
4- Seica a franceses, británicos , españois e estadounidenses lle resulta máis complicado aprender outros idiomas? Como se explica?
5- Unha cousa curiosa, por que cres que os galegos cando se lles pregunta se falan ben o galego din que na súa comarca non, que é noutro punto de Galicia onde se fala ben o noso idioma? Cales son as razóns obxectivas que contribúen a este tipo de crenzas?
6- O autor do libro fai referencia a unha gaivota chorona, que quere dicir con isto? Explícao razoadamente.
7- Que quere dicir Núñez Singala cando di que “ usa un castelán tinguido de galego”?
8- Seguindo o reto que nos plantea o autor imos poñer en castelán correcto o seguinte texto dun home que fala sobre a situación que estamos pasando:
Érache boa! Madia leva, namentras non haxa unha vacina eu espétome na casiña, canda a lareira, con sentidiño, e se hai que deixar a poula as terras, e pasar todo o día esperrechado no sofá en cirolas, faise, e se petan na porta, que peten por máis riquiño ou o máis langrán ou galopin que sexa. Vaites, vaites, presta ver como poalla e ti sen te mollar. Non che sei, que vou dicir, coma o colo dunha nai non che hai, só vou saír botar o cosco.
9- E como se fai no capítulo imos tamén conxugar catro verbos en presente de indicativo con alternancia vocálica, a ver que tal o fas (lembra que para falar unha lingua ben, hai que realizar un esforzo, sobre todo se non é a túa lingua habitual, e en principio vas cometer loxicamente erros):

- Durmir, subir, seguir e divertir.

--------------------------------------------
COMO RECOMENDAR UN LIBRO?
O primeiro que debes facer para recomendar un libro é redactar o texto que logo gravarás procurando seguir unha estrutura como a seguinte:

1- Indicar título, autor ou autora e a editorial.

2- Unha introdución sobre o tema ou temas principais que relata o libro.

3- Argumentos ou razóns polas que se recomenda o libro.

4- Despedida cun texto ou anécdota do mesmo ou simplemente recordando algo do máis relevante do seu contido para invitar a lelo.

Para que che resulte máis doada esta actividade, podes ver esta recomendación que che pode servir de modelo:



Varias propostas no facebook do Colexio:

Manuel Filgueira

Pablo Fariña

Marcos Alfonso

Matías Moldes

Mario García

Antía Docampo

Adrián González

Comentarios (0) - Categoría: SOCIOLINGÜÍSTICA - Publicado o 19-04-2020 22:36
# Ligazón permanente a este artigo
GALIMITO I

Comentarios (2) - Categoría: CREOCOMUNICACIóN - Publicado o 14-04-2020 21:35
# Ligazón permanente a este artigo
APRENDER GALEGO É UNHA PERDA DE TEMPO SE TODOS FALÁSEMOS INGLÉS NON HABERÍA PROBLEMAS PARA ENTENDERSE.

COMBATENDO OS PREXUÍZOS LINGÜÍSTICOS

Un insulto á intelixencia!

Hai razoamentos como o que aparece no título que non deixar de ser o que popularmente se di: Un insulto á intelixencia! Imos seguir co lectura do noso libro EN GALEGO, POR QUE NON? de Manuel Núñez Singala para procurar desmontar este tremendo prexuízo que agocha semellante afirmación.

"Escóitase con frecuencia, ata puidese parecer algo sensato: O desexo de que houbese unha única lingua para que toda a humanidade poida comunicarse sen problemas, sería algo moi práctico, non che parece?

En realidade tratase dunha frase moi velenosa. Para que o comprendas ben vouche contar unha historia coa que pretendo engañarte. Estate moi atento porque cando menos o esperes, zas! Intentarei tomarche o pelo!

Tres amigos deciden un día celebrar algo indo cear xuntos. De xeito que van a un bo restaurante e piden de comer e de beber o que lles apetece. Cando rematan solicitan a conta. O camareiro, moi amable, dilles que en toral son 250 euros. Cada un deles saca da súa carteira un billete de 100 euros. De modo que entre os tres xuntan un total de 300 euros.

Todo correcto ata aquí? Si? Repasa se non o ves claro.

Unha vez que pagan sóbranlles 50 euros. O gasto foi de 250 euros, pero como xuntaron 300 entre os tres, sóbranlles 50 euros. Dado que o camareiro se mostrara moi amable, deciden darlle unha propina de 20 euros. Neste momento sóbranlles aínda 30 euros, e como son tres amigos resolven que cada un deles recuperará 10 euros. De modo que cada un garda na súa carteira un billete de 10 euros. O custo da celebración foi, pois, para cada amigo, de 90 euros: 100 que cada quen puxo, menos 10 que recuperou.

Todo claro ata aquí? Si? Repasa se non o ves claro.

Ben, imos entón facer contas para que vexas que ata as cousas que parecen moi claras e moi correctas ás veces poden engañarnos. Porque, meu amigo, xa che tomei o pelo.

Partimos de 300 euros
Se cada un dos amigos puxo 100 euros e recuperou 10, cada un deles gastou 90 euros.
E como son tres a conta é moi fácil: 3X 90= 270 ou se se quere: 90+90+90= 270
270 euros aos que cómpre sumarlle os 20 euros de propina ao camareiro:
270 + 20= 290 euros.

A cuestión é, se gastaron 290, pero xuntaron 300, onde van os 10 euros que faltan?

Sorprendido?

Podes repasar as contas.

Confeso que cando mo contaron por primeira vez non só conseguiron enganarme, senón que me custou moito traballo comprender onde estaba a trampa.

Quizais a ti non conseguín engañarte e foses quen de descubrir o truco á primeira. Pero a miña experiencia dime que a maioría da xente non sabe moi ben onde van eses dez euros que faltan.

É igual, porque independentemente de se caíches na engano ou non, eu asegúroche que somos moitos os que "picamos", e entón a pregunta neste caso debería ser por que funciona este truco?

Funciona polo mesmo que tendemos a considerar a frase "Aprender galego é unha perda de tempo, se todos falásemos inglés non habería problemas para entenderse". É dicir, funciona porque nos dous casos se segue a mesma estratexia, formular mal o problema. E non só o problema está mal formulado, senón que se xuntan verdades, moi, moi evidentes, cunha mentira de xeito que o conxunto parece correcto..."

CUESTIÓNS
1- Indica onde está o problema dos 300 euros mal enunciado.
2- Agora repara na afirmación do título:"Aprender galego é unha perda de tempo, se todos falásemos inglés non habería problemas para entenderse" Redacta unhas 20 ou 25 liñas para responder por que é un insulto á intelixencia tal afirmación ou cal é mentira que presenta este prexuízo. Razoa a resposta con varios argumentos.

Dámosche dúas pistas ou puntos de apoio para elaborar esa resposta:
- Un refrán: "O saber non ocupa lugar".
- Un dito de Castelao, que seguro lembras, sobre as linguas e o ser humano.

3-A posteriori, ou se non sabes por onde saír, podes seguir lendo e rematar o CAPÍTULO 3, páxina 42-49 do libro En Galego, por que non? de Núñez Singala. Cando remates sinala as semellanzas e diferenzas entre o que ti deches como resposta na pregunta anterior e as que aporta Nuñez Singala. Boa lectura!

Comentarios (0) - Categoría: SOCIOLINGÜÍSTICA - Publicado o 02-04-2020 09:48
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal