Víchelo, miráchelo!



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

POEMAS DE ROSALÍA
DE CANTARES GALLEGOS:
Voz de muller: Rosalía ten sempre presente ás mulleres e o comezo dos Cantares e o poema final (alborada) cede a voz a unha meniña gaiteira:

Has de cantar:
Has de cantar,
meniña gaiteira;
has de cantar,
que me morro de pena.

Canta, meniña,
na veira da fonte;
canta, daréiche
boliños do pote.

Canta, meniña,
con brando compás,
daréiche unha proia
da pedra do lar.

Papiñas con leite
tamén che daréi;
sopiñas con viño,
torrexas con mel.

Patacas asadas
con sal e vinagre,
que saben a noces.
¡Qué ricas que saben!

¡Qué feira, rapaza,
si cantas faremos...!
Festiña por fora,
festiña por dentro.

Canta, si queres,
rapaza do demo;
canta, si queres;
daréiche un mantelo.

Canta, si queres,
na lengua que eu falo.
Daréiche un mantelo.
Daréiche un refaixo.

Co son da gaitiña,
co son da pandeira,
che pido que cantes,
rapaza morena.

Co son da gaitiña,
co son do tambor,
che pido que cantes,
meniña, por Dios.

Asi mo pediron
na beira do mar,
ó pe das ondiñas
que veñen e van.



Cantarte hei, Galicia,
teus dulces cantares,
que así mo pediron
na beira do mare.
Cantarte hei, Galicia,
na lengua gallega,
consolo dos males,
alivio das penas.

Mimosa, soave,
sentida, queixosa,
encanta si ríe,
conmove si chora.

Cal ela ningunha
tan dose que cante
soidades amargas,
sospiros amantes,

misterios da tarde,
murmuxos da noite:
cantarte hei, Galicia,
na beira das fontes.

Que así mo pediron,
que así mo mandaron,
que cante e que cante
na lengua que eu falo.

Que asi mo mandaron,
que así mo dixeron...
Xa canto, meniñas.
Coidá, que comenzo.

Con dulce alegría,
con brando compás,
ó pe das ondiñas
que veñen e van.

Dios santo premita
que aquestes cantares
de alivio vos sirvan
nos vosos pesares;

de amabre consolo,
de soave contento
cal fartan de dichas
compridos deseios.

De noite, de día,
na aurora, na sera,
oirésme cantando
por montes e veigas...




Lugar máis hermoso
non houbo na terra
que aquel que eu miraba,
que aquel que me dera.

Lugar máis hermoso
no mundo n'hachara
que aquél de Galicia.
¡Galicia encantada!

¡Galicia frolida!
Cal ela ningunha,
de froles cuberta,
cuberta de espumas.

De espumas que o mare
con pelras gomita;
de froles que nacen
ó pe das fontiñas.

De valles tan fondos,
tan verdes, tan frescos,
que as penas se calman
nomáis que con velos.

Que os ánxeles neles
dormidos se quedan,
xa en forma de pombas,
xa en forma de niebras.


Alborada:


Vaite, noi-
te,—vai fuxin-
do.—Vente auro-
ra,—vente abrin-
do,—co teu ros-
tro,—que, sorrin-
do,—¡¡¡a sombra espanta!!!

¡Canta,
paxariño, can-
ta—de ponliña en pon-
la,—que o sol se levan-
ta—polo monte ver-
de,—polo verde mon-
te,—alegrando as her-
bas,—alegrando as fon-
tes!...

¡Canta, paxariño alegre,
canta!
¡Canta porque o millo medre,
canta!
Canta porque a luz te escoite,
canta!
Canta que fuxeu a noite.

Noite escura
logo ven
e moito dura
co seu manto
de tristura.
Con meigallos
e temores,
agoreira
de dolores,
agarimo
de pesares,
cubridora
en todo mal.
¡Sal...!

Que a auroriña
o ceu colora
cuns arbores
que namora,
cun sembrante
de ouro e prata
teñidiño
de escalrata.
Cuns vestidos
de diamante
que lle borda
o sol amante
antre as ondas
de cristal.

¡Sal...!
señora en todo mal,
que o sol
xa brila
nas cunchiñas do areal;
que a luz
do día
viste a terra de alegría;
que o sol
derrete con amor a escarcha fría.





II

Branca auro-
ra—ven chegan-
do,—i ás porti-
ñas—vai chaman-
do—dos que dor-
men—esperan-
do—¡o teu folgor...!

Cor...
de alba hermosa
lles estende
nos vidriños
cariñosa,
donde o sol
tamén suspende,
cando aló
no mar se tende,
de fogax
larada viva,
dempois leve,
fuxitiva,
triste, vago
resprandor.


Cantor
dos aires,
paxariño alegre,
canta,
canta porque o millo medre;
cantor
da aurora,
alegre namorado,
ás meniñas dille
que xa sal o sol dourado;


que o gaiteiro,
ben lavado,
ben vestido,
ben peitado,
da gaitiña
acompañado
¡á porta está...!
¡Xa...!

Se espricando
que te esprica,
repinica,
repinica
na alborada
ben amada
das meniñas
cantadeiras,
bailadoras,
rebuldeiras;
das velliñas
alegriñas;
das que saben
ben ruar.

¡Arriba
todas, rapaciñas do lugar,
que o sol
i a aurora xa vos vén a dispertar!
¡Arriba!
¡Arriba, toleirona mocidad,
que atru-
xaremos—cantaremos o ala... lá...!!!



Temática costumista:Un repoludo gaiteiro


Un repoludo gaiteiro
de pano sedán vestido,
como un príncipe cumprido,
cariñoso e falangueiro,
entre os mozos o primeiro
e nas cidades sen par,
tiña costume en cantar
aló pola mañanciña,
con esta miña gaitiña
ás nenas hei de enganar.

Con esta miña gaitiña
ás nenas hei de enganar.

Sempre pola vila entraba
con aquel de señorío,
sempre con puxante brío
co tambor se acompasaba;
e se na gaita sopraba
era tan dóce soprar
que fixera en cantar
aló pola mañanciña,
con esta miña gaitiña
ás nenas hei de enganar.

Con esta miña gaitiña
ás nenas hei de enganar.


Temática social-reivindicativa:Adiós ríos, adiós fontes.



Adios, ríos; adios, fontes;
adios, regatos pequenos;
adios, vista dos meus ollos:
non sei cando nos veremos.

Miña terra, miña terra,
terra donde me eu criei,
hortiña que quero tanto,
figueiriñas que prantei,

prados, ríos, arboredas,
pinares que move o vento,
paxariños piadores,
casiña do meu contento,

muíño dos castañares,
noites craras de luar,
campaniñas trimbadoras
da igrexiña do lugar,

amoriñas das silveiras
que eu lle daba ó meu amor,
camiñiños antre o millo,
¡adios, para sempre adios!

¡Adios groria! ¡Adios contento!
¡Deixo a casa onde nacín,
deixo a aldea que conozo
por un mundo que non vin!

Deixo amigos por estraños,
deixo a veiga polo mar,
deixo, en fin, canto ben quero...
¡Quen pudera non deixar!...

Mais son probe e, ¡mal pecado!,
a miña terra n'é miña,
que hastra lle dan de prestado
a beira por que camiña
ó que naceu desdichado.

Téñovos, pois, que deixar,
hortiña que tanto amei,
fogueiriña do meu lar,
arboriños que prantei,
fontiña do cabañar.

Adios, adios, que me vou,
herbiñas do camposanto,
donde meu pai se enterrou,
herbiñas que biquei tanto,
terriña que nos criou.

Adios Virxe da Asunción,
branca como un serafín;
lévovos no corazón:
Pedídelle a Dios por min,
miña Virxe da Asunción.

Xa se oien lonxe, moi lonxe,
as campanas do Pomar;
para min, ¡ai!, coitadiño,
nunca máis han de tocar.

Xa se oien lonxe, máis lonxe
Cada balada é un dolor;
voume soio, sin arrimo...
Miña terra, ¡adios!, ¡adios!

¡Adios tamén, queridiña!...
¡Adios por sempre quizais!...
Dígoche este adios chorando
desde a beiriña do mar.

Non me olvides, queridiña,
si morro de soidás...
tantas légoas mar adentro...
¡Miña casiña!, ¡meu lar!

Castellanos de Castilla:



Castellanos de Castilla,
tratade ben ós galegos;
cando van, van como rosas;
cando vén, vén como negros.
Cando foi, iba sorrindo,
cando ven, viña morrendo;
a luciña dos meus ollos,
o amantiño do meu peito
Aquel máis que neve branco,
aquel de dozuras cheo,
aquel por quen eu vivía
e sen quen vivir non quero.
Foi a Castilla por pan
e saramagos lle deron;
déronlle fel por bebida.
peniñas por alimento.
Déronlle, en fin, canto amargo
ten a vida no seu seo…
¡Casteláns, casteláns,
tendes corazón de fero!
¡Ai!, no meu corazonciño
xa non pode haber contento,
que está de dolor ferido,
que está de loito cuberto.
Morreu aquel que eu quería
e para min non hai consolo:
so hai para min, Castilla,
a mala lei que che teño.
Permita Deus, casteláns,
casteláns que aborrezo,
que antes os galegos morran
que ir a pedirvos sustento.
Pois tan mal corazón tendes,
secos fillos do deserto,
que se amargo pan vos gañan,
dádesllo envolto en venero.
Aló van, malpocadiños,
todos de esperanzas cheos,
e volven, ¡ai!, sen ventura
cun caudal de desprezos.
Van probes e tornan probes,
van sans e tornan enfermos,
que anque eles son como rosas,
tratádelos como negros.
¡Casteláns de Castela,
tendes corazón de aceiro,
alma coma as penas dura,
e sen entrañas o peito!
En tros de palla sentados,
sen fundamentos, soberbios,
pensas que os nosos filliños
para servirvos naceron.
E nunca tan torpe idea,
tan criminal pensamento
coubo en máis fatuas cabezas
ni en máis fatuos sentimentos.
Que Castela e Casteláns,
todos nun montón, a eito,
non valen o que unha herbiña
destes nosos campos frescos.
Só pezoñosas charcas
detidas no ardente solo
tes, Castela, que humedezan
eses teus labios sedentos.
Que o mar deixoute esquecida
e lonxe de ti correron
as brandas augas que traen
de plantas sen sementeiros.
Nin árbores que dean sombra,
nin sombra que preste alento…
Chaira e sempre chaira,
deserto e sempre deserto…
Esto che tocou, coitada,
por herdanza no universo,
¡miserable fanfurriñeira!,
triste herdanza foi por certo.
En verdade non hai, Castela,
nada coma ti tan feo,
que aínda mellor que Castela
valera dicir inferno.
¿Por que aló fuches, meu ben?
¡Nunca tal houberas feito!
¡Trocar campiños floridos
por tristes campos sen rego!
¡Trocar tan claras fontiñas,
ríos tan murmuradores
por seco polbo que nunca
mollan as bágoas do ceo!
Mais, ¡ai!, de onda min te fuches
sen dó do meu sentimento,
e aló a vida che quitaron ,
aló a mortiña che deron.
Morriches, meu queridiño,
e para min non hai consolo,
que onde antes te vía, agora,
xa solo unta tomba vexo.
Triste como a mesma noite,
farto de dolor o peito,
pídolle a Deus que me mate,
porque xa vivir non quero.
Mais en tanto non me mata,
casteláns que aborrezo,
hei, para vergonza,
heivos de cantar xemendo:
¡Casteláns de Castela,
tratade ben ós galegos:
cando van, van como rosas;
cando vén, vén como negros



Temática intimista:Campanas de Bastabales



Campanas de Bastabales,
cando vos oio tocar,
mórrome de soidades.

Cando vos oio tocar,
campaniñas, campaniñas,
sin querer torno a chorar.

Cando de lonxe vos oio,
penso que por min chamades
e das entrañas me doio.

Dóiome de dór ferida,
que antes tiña vida enteira
e hoxe teño media vida.

Só media me deixaron
os que de aló me trouxeron,
os que de aló me roubaron.

Non me roubaron, traidores,
¡ai!, uns amores toliños,
¡ai!, uns toliños amores.

Que os amores xa fuxiron,
as soidades viñeron...
De pena me consumiron.

Campanas de Bastabales,
cando vos oio tocar,
mórrome de soidades.


DE FOLLAS NOVAS:

A dor persoal: Negra sombra



Cando penso que te fuches,
negra sombra que me asombras,
ó pé dos meus cabezales
tornas facéndome mofa.

Cando maxino que es ida,
no mesmo Sol te me amostras,
i eres a estrela que brila,
i eres o vento que zoa.

Si cantan, es ti que cantas;
si choran, es ti que choras:
i es o marmurio do río,
i es a noite, i es a aurora.

En todo estás e ti es todo,
pra min i en min mesma moras,
nin me abandonarás nunca,
sombra que sempre me asombras.


A dor colectiva:Pra Habana



Vendéronlle os bois,
vendéronlle as vacas,
o pote do caldo
i a manta da cama.
Vendéronlle o carro
i as leiras que tiña;
deixárono sóio
coa roupa vestida.
"María, eu son mozo,
pedir non me é dado;
eu vou polo mundo
pra ver de ganalo.
Galicia está probe,
i á Habana me vou...
¡Adiós, adiós, prendas
do meu corazón!"



IV
"¡Ánimo, compañeiros!
Toda a terra é dos homes.
Aquel que non veu nunca máis que a propia,
a iñorancia o consome.
¡Áńimo! ¡A quen se muda Dio-lo axuda!
¡I anque ora vamos de Galicia lonxe,
verés desque tornemos
o que medrano os robres!
Mañán é o día grande, ¡á mar, amigos!
¡Mañán, Dios nos acoche!"
¡No sembrante a alegría,
no corazón o esforzo,
i a campana armoniosa da esperanza,
lonxe, tocando a morto!

V
Éste vaise i aquél vaise,
e todos, todos se van.
Galicia, sin homes quedas
que te poidan traballar.
Tes, en cambio, orfos e orfas
e campos de soledad,
e nais que non teñen fillos
e fillos que non tén pais.
E tes corazóns que sufren
longas ausencias mortás,
viudas de vivos e mortos
que ninguén consolará.

ACTIVIDADE DE CONCLUSIÓN:



1- Visualiza este vídeo e logo:
2- Localiza o poema orixinal de Rosalía de Castro que usan nesta versión De Vacas.
3- De que libro de Rosalía é este poema? De que trata? Que recursos poéticos atopas neste poema?
4- Nun momento da canción, a modo de retrouso, ademais de Rexurdimente se citan a varios personaxes relacionados con este movemento. Indaga quen son Murguía, Pondal, Curros, Pascual Veiga?
5-Que diferenzas existen entre os dous libros de poemas en galego de Rosalía?

Comentarios (0) - Categoría: POESÍA - Publicado o 25-02-2019 06:09
# Ligazón permanente a este artigo
As poesía en galego de Rosalía de Castro

Autora e nai deixou dito nos Prólogos ás súas obras en galego cales eran as súas intencións ao publicar na lingua da nosa terra:

"Todo o que tuvo un eco, unha voz, un runxido por leve que fose, con tal que chegase a conmoverme, todo esto me atrevín a cantar neste humilde libro pra desir unha vez siquera, ós que sin razón nin conocemento algún nos desprezan, que a nosa terra é dina de alabanzas, e que a nosa lingua non é aquela que bastardean e champurran torpemente nas máis ilustradísimas provincias. Mais he aquí que o máis triste nesta cuestión é a falsedade con que fóra de aquí pintan así ós fillos de Galicia como a Galicia mesma, a quen xeneralmente xuzgan o máis despreciable e feio de España, cando acaso sea o máis hermoso e dino de alabanza.

Prólogo de Cantares Gallegos

Pero en Cantares atoparemos ademais cal foi a súa fonte de inspiración a tradición oral:
"Cantar as bellezas da nosa terra naquel dialecto soavee mimoso que queren facer bárbaro os que non saben que aventaxa ás demais linguas en dozura e armonía. Por esto, inda achándome débil en forzas e non habendo deprendido en máis escola que a dos nosos probes aldeáns, guiada solo por aqueles cantares, aquelas palabras cariñosas e aqueles xiros nunca olvidados que tan docemente resoaron nos meus oídos desde a cuna e que foran recollidos polo meu corazón como herencia propia, atrevínme a escribir estos cantares, esforzándome en dar a conocer como algunhas das nosas poéticas costumes

Lembremos algúns poemas de Cantares seguindo as súas temáticas:
- Amorosa: Quixente tanto meniña,
-Costumista:A Virxe da Barca, Un repoludo gaiteiro
-Social-reivindicativa: Adiós ríos, adiós fontes Castellanos de Castilla
-Intimista: Campanas de Bastabales,

Vaiamos agora co Prólogo de Follas Novas:

" Creerán algús que porque, como digo, tentei falar das cousas que se poden chamar humildes, é por que me explico na nosa lingoa. Non é por eso. As multitudes dos nosos campos tardarán en ler estos versos, escritos a causa deles, pero só en certo modo pra eles. O que quixen foi falar unha vez máis das cousas da nosa terra, na nosa lingoa, e pagar en certo modo o aprecio e cariño que os Cantares Gallegos despertaron en algúns entusiastas. Aceptárono i, o que é máis, aceptárono contentos, e eu comprendín que desde ese momento quedaba obrigada a que non fose o primeiro i o último. Non era cousa de chamar as xentes á guerra e desertar da bandeira que eu mesma había levantado

As temáticas agora son dúas:
-A dor persoal: Negra Sombra.
-A dor colectiva: Pra Habana.

"Libros enteiros poideran escribirse falando do eterno infortunio que afrixe os nosos aldeáns e mariñeiros, soia e verdadeira xente do traballo no noso país. Vin e sentín as súas penas como si fosen miñas.

"Mais o que me conmoveu sempre, e polo tanto non podía deixar de ter un eco na miña poesía, foron as inumerables coitas das nosas mulleres.
A emigrazón i o Rei arrebátanlles de contino o amante, o irmán, o seu home . Soias o máis do tempo, tendo que traballar de sol a sol e sin axuda pra mal manterse, para manter ós seus fillos parecen condenadas a non atoparen nunca reposo se non na tomba.
Heroínas que viven e morren levando a cabo feitos marabillosos por sempre iñorados, pero cheos de milagres de amor e de abismos de perdón. Historias dinas de ser cantadas por mellores poetas do que en son, e cuias santas harmonías deberan ser espresadas cunha soia nota e nunha soia corda, na corda do subrime, e na nota da delor. Anque sin forzas pra tanto, tentei algo deso, sobre todo no libro titulado As viudas dos vivos e as viudas dos mortos.
Prólogo Follas Novas


Comentarios (0) - Categoría: POESÍA - Publicado o 21-02-2019 06:29
# Ligazón permanente a este artigo
Rosalía, libre de pensamento

Rosalía vén ao mundo na Compostela do ano 1837.
O seu nacemento como filla dunha nai solteira, dona Tereixa Castro, unha fidalga padronesa, e o seu pai, Xosé Martínez Viojo, cura da Escravitude, vai marcar dende os seus primeiros días a súa traxectoria como muller nun século especialmente cargado de dificultades para a condición feminina.
Debemos destacar a súa infancia en Ortoño e Padrón, o seu contacto co mundo do rural que lle permite coñecer a fondo a súa lingua materna: o galego.
Súa nai soubo darlle unha educación peculiar e axiña destacará entre a mocidade do Liceo da Xuventude compostelán polas súas calidades como actriz. Tocaba varios instrumentos, sabía francés e era unha gran recitadora.

Consciente das limitacións da muller, con só 20 anos rebélase contra as convencións da súa época:

"Só cantos de independencia e liberdade balbuciron os meus beizos aínda que ao meu redor sentirá dende o berce xa, o ruido das cadeas que debían aprisionarme para sempre, porque o patrimonio da muller son as cadeas da escravitude.
Eu, sen embargo, son libre, libre como os paxaros, como as brisas, como os árabes no deserto e o pirata no mar. Libre é o meu corazón, libre a miña alma, e libre o meu pensamento que se ergue ata o ceo, e descende ata a terra, soberbio como Luzbel, e doce como unha esperanza. Cando os Señores da terra me ameazan cunha mirada, ou queren lixar a miña fronte cunha mancha de oprobio, eu me río como eles rin, e fago, en apariencia, a miña iniquidade máis grande que a súa iniquidade. No fondo, non obstante, o meu corazón é bo, pero non acato os mandatos dos meus iguais e creo que a súa feitura é igual a miña feitura, e que a súa carne é igual a miña carne. Eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos, e eles son a lei que rexe o meu destino”.


Desde moi nova participa con intelectuais como Aurelio Aguirre e Eduardo Pondal(era amiga da familia e, especialmente, de Eduarda que morrerá en 1853) en eventos de carácter progresista como o Banquete de Conxo(1856), pero non será ata máis tarde cando madure de xeito definitivo este contacto co galeguismo emerxente ao que estaban adscritos un bo número de intelectuais liberais da Galicia de mediados do XIX, tras acontecementos como a matanza dos denominados Mártires de Carral e as Guerras Carlistas.

Amiga das letras dende moi nova comeza unha carreira literaria en Madrid, publicando o seu primeiro libro La flor (1857).

Casa con Manuel Murguía en 1858 e un ano despois nace Alejandra, a primeira dos sete fillos que terá o matrimonio, comeza así a partillar as cargas familiares coa súa vocación por seguir escribindo e editando. En 1859 sairá do prelo a novela La hija del mar.

A súa unión con Murguía suporá, tamén, o comezo dunha vida itinerante que a levará a residir en diferentes lugares: Madrid, Valladolid, A Coruña... que marcarán tematicamente parte da súa obra, como pode ser a súa estadía en Castela.

En 1863 publica A mi madre e Cantares gallegos, obra considerada clave no Rexurdimento literario de Galicia .
1864: Edítase o seu único conto en galego, coñecido baixo o título Contos da miña terra.
1865: Las literatas , artigo sobre a condición feminina.
1866: Ruinas, novela publicada por entregas.
1867: Publica a súa novela máis longa e ambiciosa: El caballero de las botas azules.
1868: Murguía é nomeado director do Arquivo de Simancas (Valladolid) cargo que exercerá ata 1870. Rosalía neste tempo escribe grande parte do poemario Follas Novas. A finais de 1870 e inicios de 1871 reside en Madrid, onde coñece a Bécquer.
Nestes anos Murguía é trasladado ao Arquivo do Reino de Galicia e a familia pasa a vivir na cidade da Coruña, onde reside ata 1874.
1880 Publícase Follas Novas, obra que a consagra como poeta galega.
1881: Publicación de El primer loco
1884: Publica o seu último libro de poemas: En las orillas del Sar

1885: Fina en Padrón, aos 48 anos de idade.

Canto sabes de Rosalía de Castro?
Comentarios (0) - Categoría: POESÍA - Publicado o 21-02-2019 05:52
# Ligazón permanente a este artigo
Unha rosa e un negro caravel
Na procura do vigor, da forza que mantén hoxe viva a Rosalía...

A literatura galega ten algo que poucas literaturas do mundo teñen como que a súa gran poeta é unha muller. Imos pois pasar unha semana con Rosalía para falar dela e da poesía.

Coñecéndoa veremos como é unha autora viva, que dende que rompeu a cantar está constantemente na boca dos seus. A modo de introdución só un par de poemas seus versionados nos anos 2004 e 2018.



Nasín cando as prantas nasen,
no mes das froles nasín,
nunha alborada mainiña,
nunha alborada de abril.
Por eso me chaman Rosa,
mais a do triste sorrir,
con espiñas para todos,
sin ningunha para ti.
Desque te quixen, ingrato,
todo acabóu para min,
que eras ti para min todo,
miña groria e meu vivir.
¿De qué, pois, te queixas, Mauro?
¿De qué, pois, te queixas, di,
cando sabes que morrera
por te contemplar felís?
Duro cravo me encravaches
con ese teu maldesir,
con ese teu pedir tolo
que non sei qué quer de min,
pois dinche canto dar puden
avariciosa de ti.
O meu corasón che mando
cunha chave para o abrir.
Nin eu teño mais que darche,
nin ti máis que me pedir
.





«Quíxente tanto, meniña,
tívenche tan grande amor,
que para min eras lúa,
branca aurora e craro sol;
augua limpa en fresca fonte,
rosa do xardín de Dios,
alentiño do meu peito,
vida do meu corazón».
Así che falín un día
camiñiño de San Lois,
todo oprimido de angustia,
todo ardente de pasión,
mentras que ti me escoitabas
depinicando unha frol,
porque eu non vise os teus ollos
que refrexaban traiciós.
Dempois que si me dixeches,
en proba de teu amor
décheme un caraveliño
que gardín no corazón.
¡Negro caravel maldito,
que me fireu de dolor!
Mais a pasar polo río,
¡o caravel afondou!...
Tan bo camiño ti leves
como o caravel levou.


Para quen queira afondar: Un comentario do simbolismo do poema entre rosa e o negro caravel.

Imos con Rosalía: Libre o meu pensamento
Comentarios (2) - Categoría: POESÍA - Publicado o 18-02-2019 06:37
# Ligazón permanente a este artigo
Déixate de contos: O 14 de febreiro a debate!


Repara na cantidade de contos infantís, de filmes e de composicións líricas nas que aparecen a idea da sumisión da entrega, da persoa namorada, do morrer por amor...

1- Este curso, se lembras, estudamos os tópicos dos amor cortés, cres que son unha moda pasada ou seguen funcionando en cancións e películas, en novelas e teleseries?

2-Enuncia e analiza tres exemplos de contos ou cancións ou longametraxes dos máis coñecidos.

3- Logo responde: Non chegaría xa o momento de cambiar as rosas e un Cupido cego, polos toxos e un Amor non discriminatorio en clave de igualdade?

Comentarios (1) - Categoría: CREOCOMUNICACIóN - Publicado o 13-02-2019 20:43
# Ligazón permanente a este artigo
Da toponimia de Marín
Imos traballar sobre a Toponimia de Marín.

Dúas cuestións previas:

Sabías que...
A toponimia en Galicia é a máis rica da Península. En Galicia conservamos a metade dos topónimos do conxunto do Estado?
Sabías que...
A toponimia de Marín foi a primeira en contar cun estudo propio feito por Elixio Rivas dende o Colexio San Narciso ?

Imos logo fachendear de topónimos!

Traballo en grupo ou individual.
A) Preparamos os contidos para realizar unha gravación explicando 10 topónimos de Marín.
Os lugares nos que ti vives, os espazos nos que te moves a diario teñen nome, imos saber por que se chaman así.

Procurar a orixe de 1O topónimos e coñecer a súa orixe:
- Preromana, latina, xermánica, árabe, lingua romance...

Procurar o seu significado:
- Que quere dicir o topónimo se é un orónimo (describe a forma do terreo) ou antropónimo ( deriva do nome dunha persoa), ou un zootopónimo (ten relación con algún animal), ou fitotopónimo ( aluden ás árbores), ou hidrotopónimos(fan referencoa á auga, ríos), haxiotopónimos (levan o nome dun santo ou construcións relixiosas), etc...

Se eles o fixeron por que non o intentamos nós tamén?



Presentación do traballo: Unha vez preparado o texto cos des topónimos escollidos, estudados e documentados, imos rodar
un vídeo cun móbil para podelo proxectar na aula.

Comentarios (3) - Categoría: LÉXICO - Publicado o 13-02-2019 06:25
# Ligazón permanente a este artigo
Será o galego unha imposición?

Imos seguir traballando con prexuízos e aquí temos outro moi repetido: O galego é unha lingua imposta.
Comentarios (0) - Categoría: SOCIOLINGÜÍSTICA - Publicado o 06-02-2019 06:24
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal