Víchelo, miráchelo!



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

HAS DE CANTAR, MENIÑA GAITEIRA...
Has de cantar,
que che hei de dar zonchos;
has de cantar,
que che hei de dar moitos.


I

Has de cantar,
meniña gaiteira;
has de cantar,
que me morro de pena.

Canta, meniña,
na veira da fonte;
canta, daréiche
boliños do pote.

Canta, meniña,
con brando compás,
daréiche unha proia
da pedra do lar.

Papiñas con leite
tamén che daréi;
sopiñas con viño,
torrexas con mel.

Patacas asadas
con sal e vinagre,
que saben a noces.
¡Qué ricas que saben!

¡Qué feira, rapaza,
si cantas faremos...!
Festiña por fora,
festiña por dentro.

Canta, si queres,
rapaza do demo;
canta, si queres;
daréiche un mantelo.

Canta, si queres,
na lengua que eu falo.
Daréiche un mantelo.
Daréiche un refaixo.

Co son da gaitiña,
co son da pandeira,
che pido que cantes,
rapaza morena.

Co son da gaitiña,
co son do tambor,
che pido que cantes,
meniña, por Dios.

Asi mo pediron
na beira do mar,
ó pe das ondiñas
que veñen e van.



II

Así mo pediron
na beira do río
que corre antre as herbas
do campo frorido.

Cantaban os grilos,
os galos cantaban,
o vento antre as follas
runxindo pasaba.

Campaban os prados,
manaban as fontes
antre herbas e viñas,
figueiras e robres.

Tocaban as gaitas.
Ó son das pandeiras
bailaban os mozos
cas mozas modestas.

¡Qué cofias tan brancas!
¡Qué panos con freco!
¡Qué dengues de grana!
¡Qué sintas! ¡Qué adresos!

¡Qué ricos mandiles!
¡Qué verdes refaixos!
¡Qué feitos xustillos
de cor colorado!

Tan vivos colores
a vista trubaban;
de velos tan váreos
o sol se folgaba.

De velos bulindo
por montes e veigas,
coidóu que eran rosas
garridas e frescas.



III

Lugar máis hermoso
non houbo na terra
que aquel que eu miraba,
que aquel que me dera.

Lugar máis hermoso
no mundo n'hachara
que aquél de Galicia.
¡Galicia encantada!

¡Galicia frolida!
Cal ela ningunha,
de froles cuberta,
cuberta de espumas.

De espumas que o mare
con pelras gomita;
de froles que nacen
ó pe das fontiñas.

De valles tan fondos,
tan verdes, tan frescos,
que as penas se calman
nomáis que con velos.

Que os ánxeles neles
dormidos se quedan,
xa en forma de pombas,
xa en forma de niebras.



IV

Cantarte hei, Galicia,
teus dulces cantares,
que así mo pediron
na beira do mare.

Cantarte hei, Galicia,
na lengua gallega,
consolo dos males,
alivio das penas.

Mimosa, soave,
sentida, queixosa,
encanta si ríe,
conmove si chora.

Cal ela ningunha
tan dose que cante
soidades amargas,
sospiros amantes,

misterios da tarde,
murmuxos da noite:
cantarte hei, Galicia,
na beira das fontes.

Que así mo pediron,
que así mo mandaron,
que cante e que cante
na lengua que eu falo.

Que asi mo mandaron,
que así mo dixeron...
Xa canto, meniñas.
Coidá, que comenzo.

Con dulce alegría,
con brando compás,
ó pe das ondiñas
que veñen e van.

Dios santo premita
que aquestes cantares
de alivio vos sirvan
nos vosos pesares;

de amabre consolo,
de soave contento
cal fartan de dichas
compridos deseios.

De noite, de día,
na aurora, na sera,
oirésme cantando
por montes e veigas.

Quen queira me chame,
quen queira me obriga;
cantar, cantaréille
de noite e de día.

Por darlle contento,
por darlle consolo,
trocando en sonrisas
queixiñas e choros.

Buscáime, rapazas,
velliñas, mociños.
Buscáime antre os robres.
Buscáime antre os millos,

nas portas dos ricos,
nas portas dos probes,
que aquestes cantares
a todos responden.

A todos, que á Virxen
axuda pedín,
porque vos console
no voso sufrir;

nos vosos tormentos,
nos vosos pesares.
Coidá, que comenso...
Meniñas, ¡Dios diante!

CUESTIÓNS

1- Que tema cres que trata cada un dos apartados deste poema?
2- Indica que significan as palabras destacads en negriña.
3- Indica varios exemplos tirados do poema:
Antíteses ou contraposiciósn:
Paralelismos:
Anáforas:
Comentarios (0) - Categoría: POESÍA - Publicado o 24-02-2015 18:25
# Ligazón permanente a este artigo
ROSALÍA: MULLER, TERRA e LINGUA


Imos escoitar varias versións deste primeiro poema de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no día do seu nacemento:

Comeza cunha invitación a cantar, a unha moza, meniña gaiteira. Este adxectivo vén sendo sinónimo de festeira, alegre.
A moza acepta a invitación co aqu edignifica a Terra o lugar GALICIA ENCANTADA e a LINGUA NA QUE FALA. Muller, Terra e Lingua.







Este é o primerio poema de Cantares Gallegos, o seu primeiro libro en galego de 1863.





Comentarios (0) - Categoría: POESÍA - Publicado o 24-02-2015 06:48
# Ligazón permanente a este artigo
UN CALENDARIO PREHISTÓRICO: O SOL NOS CHAOS
Comentarios (0) - Categoría: AS RAÍCES DA NOSA IDENTIDADE - Publicado o 19-02-2015 08:07
# Ligazón permanente a este artigo
ENTROIDO TRADICIONAL EN GALICIA
O Entroido é un dos festexos tradicionais que en Galicia teñen unha gran trasncendencia ao se considerar un dos dez máis orixinais do mundo.




Dúas son as claves polas que se considera tal cousa:

- A súa diversidade e especificidade polas súas peculiares máscaras: peliqueiros en Laza, felos de Maceda, cigarróns de Verín, pantallas de Xinzo, boteiros de Vilariño de Conso...



- A duración do seu calendario: en distintos puntos de Ourense comeza xa no San Antón laconeiro (17 de xaneiro) ou nas candelas (2 de febreiro). En Xinzo celébrase o máis longo da península.

Reparemos na súa orixe e significado
A palabra Entroido do latín introitus indícanos que é a celebración dunha entrada, é dicir, da preparación do comezo da primavera, un ciclo agrario e rural moi antigo e diverso que grazas á Igrexa foise comprimindo e conservando no calendario de festexos tradicionais nunha datas previas á Coresma (ciclo de corenta días de xexún previos á celebración da morte e resurrección de Cristo)que denominaron carnaval, ou o que é o mesmo "adeus á carne".

O calendario máis estenso sería:
Domingo fareleiro
Domingo oleiro
Xoves de compadres
Domingo corredoiro
Xoves de comadres
Domingo de entroido
Luns de entroido
Martes de entroido
Mércores de cinza
Domingo de piñata.



Podes consultar o seu léxico aquí.

E para saber máis

Finalmente destacar que ao ter afinidade cultural co Norte de Portugal, como vimos destacando, atopamos as mesmas tradicións ao outro lado da fronteira. Vexamos un exemplo, moi semellante aos boteiros de Vilariño de Conso, os Caretos de Podence:

Comentarios (0) - Categoría: CULTURA TRADICIONAL - Publicado o 12-02-2015 07:04
# Ligazón permanente a este artigo
A LINGUA PORTUGUESA NO MUNDO
Que significa lusofonía? Son as comunidades que comparten como norma sistémica a lingua portuguesa, así como aquelas que se identifican como pertencentes (ou que aspiran a pertencer) a ese conxunto cultural.



A lingua portuguesa é oficial en nove países: Portugal, Brasil, Angola, Mozambique,
Cabo Verde, Guinea - Bissau, Guinea – Ecuatorial, San Tomé e Príncipe e Timor Leste
. Ademais ten o rango de cooficialidade en Macao. (Rexión especial administrativa chinesa).

O portugués comezou a difundirse no Brasil
desde 1500, data da súa conquista por Pedro Alvares Cabral. É a única língua oficial do país desde 1758.

En Angola o portugués é oficial desde a creación do país en 1975. Aínda que esta lingua comezou a espallarse desde 1484, data na que os portugueses chegaron a esta rexión de África liderados por Diogo Cão.

Mozambique recibiu a chegada dos portugueses á súa costa en 1498, nunha expedición de Vasco da Gama. Desde aquela o portugués comezou a ser falado, ata que coa chegada da independencia en 1975, pasou a ser oficial.

Diego Gomes descubriu Cabo Verde en 1456. A pesar de que o crioulo está en proceso de oficialización, a única lingua oficial nas illas ata agora é o portugués, instituído desde a independencia do arquipélago.

En 1446 Álvaro Fernandes chegou ao norte da Guinea – Bissau. Aínda que o portugués penetrou desde cedo no seu territorio, só pasou a ser oficial en 1975, cando o país acadou a independencia, pois anteriormente durante a colonización era unha provincia portuguesa.

Só no recente ano de 2010, o portugués pasou a compartir oficialidade na Guinea – Ecuatorial con outras linguas como o francés e o español. Este país foi descuberto en 1471 por Fernando Poo.

San Tomé recibiu a primeira chegada dos portugueses en 1470, liderada por João de Santarém e Pêro Escobar. O portugués espallouse nesta terra ata acadar a oficialidade coa súa independencia en 1975.

Os portugueses chegaron a Timor Leste en 1520. Neste país de recente creación (1999) o portugués comparte oficialidade con outra lingua, o tetum.

Comentarios (0) - Categoría: LUSOFONÍA - Publicado o 10-02-2015 06:32
# Ligazón permanente a este artigo
GALLAECIA: Galicia e Portugal


Galego e portugués, unha volta polas linguas irmás:



Comentarios (0) - Categoría: AS RAÍCES DA NOSA IDENTIDADE - Publicado o 03-02-2015 06:59
# Ligazón permanente a este artigo
REFRANEIRO DO DOUS DE FEBREIRO
Decidimos dedicarlle ao día 2 de febreiro o Día escolar do refraneiro:

Non hai refrán vello que non sexa verdadeiro

É unha das ferramentas da nosa tradición oral para transmitir consellos a través dunha frase curta, un pareado rimado.

Cando a Candelaria chora,
a mitá do inverno está fora;
se chora ou ri,
a mitá do inverno está por vir,
e se chora ou fai vento,
aínda o inverno está dentro.


O dous de febreiro súbete ó outeiro;
se ves negrexar ponte a cantar;
se ves branquexar bótate a chorar.

"En febreiro, sete capas e un sombreiro".

Din que casan os paxaros na Candelaria o 2 de febreiro

O día de San Brais ten dúas horas máis

Pero hai refráns que están cargados de prexuízos e que debemos saber ler con sentido crítico:


Febreiro e as mulleres,
no día teñen sete pareceres
Comentarios (0) - Categoría: CULTURA TRADICIONAL - Publicado o 02-02-2015 21:16
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal