Víchelo, miráchelo!



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

NO PAÍS DOS MORTOS CELEBRAMOS DEFUNTOS


GALICIA é o país dos mortos... preparando a entrada no mes de Defuntos deixamos uns enlaces a vieiros da escola, a cultura galega .

Na rede hai abertos debates sobre a denominación destes días, por exemplo, en Bretemas onde hai testemuñas moi interesantes como unha que fala do que se facía tradicionalmente na Illa de Arousa, lugar especialmente interesante no relacionado co culto aos mortos, parece ser que os rapaces ese día van pedir polos defuntiños. Noutro blog, ladrándolle á lúa, dáse esta opinión:

A pesar do que moitos pensan, o Samaín é unha festa que sempre se celebrou en Galicia aínda que non en todas partes con esta denominación. Para moitos será máis coñecida como o día das cabazas ou das caveiras. Parece ser que esta tradición foi espallada polos celtas, que celebraban a chegada do inverno e con el, o nacemento dun novo ano. Samaín vén a significar en gaélico "fin do verán".

Desde sempre, nas vilas e aldeas de Galicia, os rapaces deixaban nas encrucilladas as cabazas ou calacús cunha candea acesa no seu interior para asustar os camiñantes.

Hai outros como Méndez Ferrín que non aceptan esta orixe e sosteñen que se trata dunha manifestación do imperialismo estadounidense que impuxo o Halloween en todo o mundo, fronte aos que aceptan que efectivamente esta manifestación do día 1 de novembro veu dos EE.UU., pero nunha viaxe de volta, pois serían os emigrantes irlandeses os que levaran esa tradición a América durante o século XIX e principios do XX. Sexa como for, cada día se recupera en máis lugares a celebración do Samaín.

Desde o San Narciso pensamos que sendo sensibles coas nosas tradicións debemos ser fieis en primeiro lugar ás denominacións propias como a de Tempo de Santos ou Defuntos. Logo cremos que debería estar tan presente ou máis que a palabra cabaza outras denominacións como calacús, sendo esta denominación a referida a unha cabaza de grandes dimensións e máis propia das hortas de Galicia que a laranxa valenciana que compramos no super.

E xa postos a reivindicar produtos da terra botamos de menos a posta en valor da castaña neste tempo de magostos onde a castaña é símbolo do morto. Antigamente botábanse dende os campanarios das igrexas mamucas(castañas cocidas)ou tamén bullós ( asadas) para que os rapaces e maiores, que as apañaban, rezasen un noso pai pola salvación da ánima que representaba aquela castaña. Tamén era habitual realizar un magosto ao pé dos cemiterios onde antes se facía comida(comer cos defuntiños) cando non se deixaba (aínda se deixa) un prato na mesa baleiro e a mesa sen recoller tal día como hoxe para os defuntos da casa, comíase bacallau e de postre, sempre castañas.

Logo, estamos ou non estamos no país dos mortos?

Tras ler os textos e opinións resposta:

1- Que denominación cres que debemos utilizar para as celebracións tradicionais galegas destes días? Razoa a resposta con dous argumentos.

2- Que é un calacú? Que é unha mamuca?

3- O costume de tallar cabazas é tradicional en Galicia ou veu de fóra?

4- Que outros costumes tradicionais son propios do mes de Novembro no noso país?

5- Pregunta ao tesu maiores que costumes arredor do Día de Defuntos se facían non só nos cemiterios, indaga o que se facía tamén nas casas.
Comentarios (0) - Categoría: AS RAÍCES DA NOSA IDENTIDADE - Publicado o 29-10-2019 07:10
# Ligazón permanente a este artigo
Un traballo sobre a música en galego


Escollemos catro estilos diferentes de música en galego que nos gusten e catro grupos que os representen para realizar un pequeno traballo de investigación sobre a música en galego coa finalidade de coñecela mellor e divulgala entre os compañeiros/as. Podes escoller botándolle unha ollada, por exemplo, á páxina dos Premios Martín Códax da Música







Comentarios (0) - Categoría: MÚSICA EN GALEGO - Publicado o 22-10-2019 06:37
# Ligazón permanente a este artigo
Estereotipos e prexuízos


A modo de introdución: Sobre os estereotipos e práctica para identificar prexuízos lingüísticos.

Traballando sobre os prexuízos:
Comentarios (0) - Categoría: SOCIOLINGÜÍSTICA - Publicado o 17-10-2019 09:07
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal