Víchelo, miráchelo!



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Unha panorámica sobre a historia da nosa lingua
AS ORIXES

I- Na prehistoria están as raíces da nosa identidade: Os primeiros habitantes de Galicia eran de orixe pre-indoeuropea e logo cara o século VI antes de Cristo chegarían aquí tribos de celtas, unha das grandes familias indoeuropeas. Ambos deixaron a súa pegada no galego, son o substrato da nosa lingua.

II- Antes do galego, GALLAECIA: Os romanos chegan ao noso territorio cara o 131 a.C.. Esta terra tiña unha cultura prerromana que chamamos castrexa. Os romanos establecen unha división provincial na península dándolle o nome de Gallaecia a un territorio maior da actual Galicia, que chega polo sur ata o río Douro e polo leste ata Cantabria. A nosa lingua nai, o latín substituíu as linguas dos anteriores poboadores e será a base sobre a que nacerá o galego.

III- GALICIA, o 1º reino medieval de Europa: Coa chegada dos Suevos, un pobo xermánico, baixo o seu dominio consolídase un reino independente que levará o mesmo nome dado antes polos romanos e seguirá falando latín con certas aportacións denominadas de superestrato de orixe xermánica.Tamén teremos un superestrato árabe de menor incidencia.

IV- Nace o galego e as peregrinacións a Compostela: Entre o VIII e o IX o idioma que fala este reino de Gallaecia diferénciase claramente do que se fala noutros puntos da península, xa non é latín. Polo sur da península os musulmáns fanse fortes, pero van ter escasa presencia no norte. Descóbrese o sepulcro de Santiago en Compostela. Aínda que se fala o galego o primeiro documento escrito non aparece ata moito máis tarde, o ano 1228.



ESPLENDOR E DECADENCIA

V- O esplendor medieval da nosa literatura: Nos séculos XII-XIII o uso do galego xeneralízase mesmo na escrita e será entón cando aparecen as primeiras expresións literarias en forma de cantigas. O desenvolvemento da arte románica tamén será, en certa medida, unha consecuencia dos intercambios culturais do Camiño de Santiago. A lírica galaico-portuguesa será o referente literario de poetas de toda a península e unha das máis importantes de Europa. Ao longo destes séculos, a pesares da independencia de Portugal no 1128, existía unha mesma lingua ao norte e ao sur do Miño.

VI- Decadencia do XIV-XV e os Séculos Escuros XVI-XVIII : A desaparición dunha nobreza galega que promocione a literatura en galego, ao ser substituída por outra de orixe castelá, provocou un proceso de decadencia que non só fai desaparecer o reino de Galicia, senón tamén a súa literatura culta. Son os séculos nos que a lingua galega tras da caída da nobreza perde todo cultivo escrito, pero permanecerá viva entre as xentes humildes, unha poboación iletrada que manterá a fala e unha rica literatura de tradición oral, verdadeira sustentadora da nosa cultura ata ben entrado o século XIX.

VII- Os ilustrados e precursores dunha nova etapa: Á luz dos ilustrados comezarán a disiparse as mestas néboas sobre o noso feito cultural. Martín Sarmiento, foi dos primeiros en preocuparse pola situación do noso idioma e propoñer camiños de normalización cultural como a introdución do galego no ensino, na administración da xustiza ou na igrexa. Xa no século XIX aparecen obras en galego dos chamados precursores que prepararán o camiño para as grandes figuras que virán axiña.



REXURDIMENTO


VIII- O primeiro galeguismo e o Rexurdimento literario: A mediados do XIX en 1846 nace un movemento de reivindicación política, o Provincialismo, que ao ser reprimido pola forza, fixo refuxiarse nun movemento cultural a toda reclamación de dereitos para Galicia. Coa publicación das obras de Rosalía de Castro, Eduardo Pondal e Curros Enríquez comeza o Rexurdimento da nosa literatura culta. Tamén a finais do século dará comezo a andaina dos movementos galeguistas.



O GALEGO NO SÉCULO XX

IX- Unha nova idea de Galicia: Do Galeguismo ao Nacionalismo: Afondando na identidade de Galicia e nas súas necesidades vaise dar paso á constitución do Partido Galeguista, xorde o movemento nacionalista da man das Irmandades da Fala que se preocupan por recuperar e modernizar a tradición cultural galega e superar o complexo de inferioridade dos galegofalantes. A xeración Nós e Castelao son ademais de destacados puntais da nosa literatura, os ideólogos que elaboraran o primeiro Estatuto de Autonomía para Galicia no ano 1936 que sería aprobado en referendum polo pobo galego e que recoñecía o galego como lingua cooficial e lingua obrigada no ensino e a administración.

X- O Franquismo e a instalación do bilingüismo: Co inicio da Guerra do 1936 o proceso galeguizador paralízase ao resultar vencedor o ditador Franco. A represión xeneralizada tivo unha especial incidencia sobre a nosa lingua. O galego convértese en lingua clandestina ou de uso familiar e coloquial, o seu cultivo literario desprázase fóra de Galicia ao exilio americano. Nun momento de declive do mundo rural, a presión na escola e a proliferación dos medios de comunicación de masas (radio,TV) aséntase o castelán como idioma oficial do réxime e vaise impoñendo o uso do castelán ás xeracións máis novas.

XI- Un difícil proceso de recuperación da identidade: Arredor do 1950 en condicións moi desfavorables comeza un lento e tímido movemento de recuperación editorial ao que se suman iniciativas puntuais como a institucionalización do Día das Letras Galegas a partir do ano 1963. Pequenos pasos que son acompañados da vertebración na ilegalidade dos partidos políticos que van preparando o camiño de volta da democracia e con ela dos dereitos históricos das distintas identidades nacionais do Estado Español tras corenta anos de ditadura.Escritores en galego moi populares como Celso Emilio Ferreiro, son un símbolo da resistencia.

XII- A Galicia da Normalización: A partir dos anos 80 coa implantación da democracia, da Autonomía e da Xunta de Galicia comeza un proceso de dignificación do uso da lingua galega en todos os ámbitos da sociedade coa aprobación en 1983 da primeira Lei de Normalización Lingüística, e un novo camiño de promoción coa aparición da RTVG, coa introducción por vez primeira do galego no mundo de ensino e da administración, e a aparición de numerosas editoriais galegas. Un proceso que coa incorporación das novas xeracións medrará, asentará a nosa cultura e contribuirá a enriquecer co noso aporte o patrimonio universal da Humanidade ao longo do século XXI.

Unha versión da historia da nosa lingua con gráficos animados.
Comentarios (3) - Categoría: HISTORIA DA LINGUA - Publicado o 08-10-2010 08:47
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal