Víchelo, miráchelo!



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Rosa, poema de Rosalía


Escoitemos este texto e tiremos algunhas conclusións sobre a tradición oral e Rosalía.

Comentarios (0) - Categoría: POESÍA - Publicado o 28-02-2012 07:36
# Ligazón permanente a este artigo
Traballar coa poesía para saber quen somos

Imos comezar a traballar máis a fondo co xénero lírico, coa poesía un 24 de febreiro aproveitando esta data na que nacía Rosalía de Castro en Compostela. Teremos como referente certos poemas que son pezas claves consideradas parte da nosa identidade desde o texto co que comezamos: Adiós ríos, adiós fontes... ata co que máis adiante cara o mes de maio remataremos: Que din os rumorosos... Rosalía e Pondal que con dous estilos diferentes representan dalgún xeito o sentir da terra, o sentir de Galicia. Pero non serán os únicos autores dos que falemos, non serán estes os únicos poemas cos que traballemos, mesmo crearemos nós mesmos os nosos poemas para expresar tamén as nosas emocións e sentires a través da escrita e dos versos. Bótalle unha ollada a este vídeo e comprobarás que todo o dito é posible.
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 25-02-2012 08:13
# Ligazón permanente a este artigo
ELENA GALLEGO CON 2º A e B FALANDO DE DRAGAL
Por fin chegou o día en que compartimos a lectura de DRAGAL, A herdanza do dragón coa súa autora. Descubrimos que está afincada en Marín e que o seu fillo ten moito que ver coa motivación para poñerse a escribir sobre dragóns. Soubemos que lonxe de imitar lugares comúns doutras novelas fantásticas e sagas de ficción máxica, Elena quixo facer posible unha novela partindo da mitoloxía e da historia de Galicia. Tamén soubemos que a terceira entrega está a piques de editarse e que iremos descubrindo na segunda e na terceira novos personaxes que xunto con Hadrián e Mónica ou Don Xurxo, irán poñendo ante o lector ávido de aventuras e maxia a Irmandade do Dragal.
Puidemos preguntarlle aspectos relacionados coa novela que nos intrigaban, aíndfa que algúns non foron de todo clarificados porque teñen que ver coa trama da segunda ou da terceira entrega, e claro se nos fixo unha constante invitación a lelas. Falounos ademais de cal era o seu método de traballo de como procuraba información e como dunha lenda ou un documento ela construía a ficción adaptándoa aos personaxes e ao fío condutor da saga que ela creou a priori. Dixo que era como un proceso á inversa de visualizar unha película e escribir o guión. Ela primeiro visualiza o que quere escribir na súa imaxinación e logo vai escribindo para darlle saída aos problemas que con anterioridade tiña en mente. ás veces isto resulta complicado ou complexo. Hai están os detalles como o dos morcegos e a relevancia dos seus excrementos na investigación policial que aparece na recta final da primeira parte de DRAGAL. Rematou asinando libros q a quen quixo nun contacto directo e próximo cos seus lectores a quen preguntaba que era o que máis lle gustara da súa novela.
No blog da Biblioteca de Secundaria podedes ver unha reportaxe fotográfica máis completa. Para coñecer mellor a autora podedes ver no seguinte enlace da editorial xerais varias entrevistas e críticas do seu libro.
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 16-01-2012 21:39
# Ligazón permanente a este artigo
INFORMACIÓN SOBRE DRAGAL

A primeira das lecturas que imos abordar neste curso coa intención de participar dun Encontro co autor e de paso participar na presente edición, na do 2012 do Premios Sarmiento que organizan os Equipos de Dinamización Lingüística das Escolas Católicas de Galicia é o libro de Elena Gallego titulado DRAGAL.

Propoñémonos facer desta lectura ademais unha reflexión práctica sobre os textos narrativos analizando a estrutura da novela e identificando en cadanseu capítulo os elementos da narración que presenta. Tamén seremos creativos e iremos realizando unha ilustración capítulo a capítulo.
Promete ser unha lectura entretida e instrutiva.

Para saber máis aquí tes un enlace co blog creado pola autora sobre o seu libro Dragal, a herdanza do dragónTamén é moi recomendable estoutro enlace onde hai información complementaria de gran interese á hora de ler DRAGAL. A herdanza do Dragón.
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 22-12-2011 11:06
# Ligazón permanente a este artigo
DRAGAL, LECTURA E NADAL
A primeira das lecturas que imos abordar neste curso coa intención de participar dun Encontro coa autora e de paso participar na presente edición, na do 2012 do Premios Sarmiento que organizan os Equipos de Dinamización Lingüística das Escolas Católicas de Galicia é o libro de Elena Gallego titulado DRAGAL.

Propoñémonos facer desta lectura ademais unha reflexión práctica sobre os textos narrativos analizando a estrutura da novela e identificando en cadanseu capítulo os elementos da narración que presenta. Tamén seremos creativos e iremos realizando unha ilustración capítulo a capítulo.
Promete ser unha lectura entretida e instrutiva.

Comezamos polo resumo ou ARGUMENTO desta historia de intriga e aventura, de amizade e fantasía.
Hadrián atópase na clase de matemáticas nos minutos nos que a profesora reparte os exames mentres que sen que ninguén se dea conta na aula, dende a fachada da vella igrexa de San Pedro que se atopa fronte do centro do ensino o Dragal observa a situación. Dona Ermidas, a profesora, entrégalle o exame a Hadrián que curiosamente sacou un 10. O dragón dende a cornixa chíscalle un ollo. E a profesora que estivera preocupada polo rapaz que veu trasladado despois da morte do seu pai dille ao final da clase anímao a que siga así apa atopar o seu camiño. Un camiño misterioso que Hadrián agora sabía que se abrira séculos atrás.

O NARRADOR neste capítulo é unha voz externa ao relato en terceira persoa. É un narrador omnisciente que coñece o pasado o que pensan os personaxes (Hadrián ou Ermidas.

OS PERSONAXES: Parece haber un protagonista claro neste capítulo que é Hadrián e outro personaxe( se cadra o antagonista) misterioso denominado Dragal, aparecen os nomes de varios compañeiros de clase do rapaz: Mónica que parece coñecer a Hadrían porque ao final agarda por el, Miguel, Teresa, Antón? secundarios e tamén nun papel secundario , un tanto máis relevante que os anteriores neste capítulo, o de Dona Ermidas a profesora de matemáticas.

ESPAZO(s): a Aula que se atopa nun centro de ensino fronte a unha vella igrexa cuxa fachada vese dende a fiestra.

TEMPO(s): ( Aquí debemos distinguir entre o tempo relatado ( canto tempo se narra) e cómo se relata ese tempo e que chamamos o tempo do discurso. Este pode ser lineal se coincide co anterior ou descontinuo podendo ser mesmo unha retrospección (indo de adiante cara atrás).
O tempo relatado é o que podería durar aproximadamente unha sesión de clase de matemáticas na que se entregan uns exames.
O tempo do discurso que neste capítulo coincide co relatado porque é lineal comeza no principio e remata ao final da clase, aínda que hai referencias ao pasado de Hadrián e ao comezo do curso, non se chega a dar un salto a un tempo pasado, é unha pequena referencia.

MODOS DE DISCURSO (A autora pode escoller entre narración, descrición ou diálogo á hora de contar esta historia. Trátase de comentar en cada capítulo cal dos tres domina e cando se utiliza , se é que se usa calquera dos outros dous).
No 1º capítulo Dragal domina a narración de acontecementos, non hai descrición (unha liña describe o aspecto do exame de Hadrián) e o diálogo aparece cando dona Ermidas aos alumnos os exames e unha pequena conversa entre ela e o protagonista.
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 20-12-2011 23:26
# Ligazón permanente a este artigo
Lendas Vivas
Podemos ir coñecendo lendas vivas da nosa tradiión oral a través desta serie de TV:
lendas vivas.
Comentarios (0) - Categoría: CULTURA TRADICIONAL - Publicado o 02-12-2011 06:52
# Ligazón permanente a este artigo
Rexeita as copias...pero que imos celebrar Samaín ou Defuntos?
Para resolver este debete debemos primeiramente botar man da información para poder logo opinar en consecuencia. Para dar resposta a esta cuestión debemos mirar para atrás para as nosas tradicións. Imos logo comezar polas máis próximas as que celebramos nestes días.

Despois de informarnos sobre o denominado Samaín veremos qué ten de tradicional ou de importado ou imposto pola cultura global. Sabemos que o interesante é ser orixinais, auténticos e non copias doutras culturas. Analicemos o Samaín, descartando de cheo o que claramente é alleo, o tan mediático e comercial Halloween.

Para chegar a definir a denominación máis axeitada para estas manifestacións culturais que se realizaban e que se están de novo impulsando nestes primeiros días de novembro, para preparar o debate aquí deixamos uns enlaces a vieiros da escola,e estoutro a cultura galega .

Na rede hai abertos debates semellantes, por exemplo, en Bretemas onde hai testemuñas moi interesantes como unha que fala do que se facía tradicionalmente na Illa de Arousa, lugar especialmente interesante no relacionado co culto aos mortos, parece ser que os rapaces ese día van pedir polos defuntiños. Noutro blog, ladrándolle á lúa, dáse esta opinión:

A pesar do que moitos pensan, o Samaín é unha festa que sempre se celebrou en Galicia aínda que non en todas partes con esta denominación. Para moitos será máis coñecida como o día das cabazas ou das caveiras. Parece ser que esta tradición foi espallada polos celtas, que celebraban a chegada do inverno e con el, o nacemento dun novo ano. Samaín vén a significar en gaélico "fin do verán".
Desde sempre, nas vilas e aldeas de Galicia, os rapaces deixaban nas encrucilladas as cabazas ou calacús cunha candea acesa no seu interior para asustar os camiñantes.
Hai outros como Méndez Ferrín que non aceptan esta orixe e sosteñen que se trata dunha manifestación do imperialismo estadounidense que impuxo o Halloween en todo o mundo, fronte aos que aceptan que efectivamente esta manifestación do día 1 de novembro veu dos EE.UU., pero nunha viaxe de volta, pois serían os emigrantes irlandeses os que levaran esa tradición a América durante o século XIX e principios do XX. Sexa como for, cada día se recupera en máis lugares a celebración do Samaín.

Desde o San Narciso pensamos que na procura da verdade debemos ser fieis en primeiro lugar ás denominacións propias como a de Tempo de Santos ou Defuntos. Logo cremos que debería estar tan presente ou máis que a palabra cabaza outra sdenominacións como calacús, sendo esta denominación a referida a unha cabaza de grandes dimensións e máis propia das hortas de Galicia que a laranxa valenciá que compramos no super.

E xa postos a reivindicar produtos da terra botamos de menos a posta en valor da castaña neste tempo de magostos onde a castaña é símbolo do morto. Antigamente botábanse dende os campanarios das igrexas mamucas(castañas cocidas)ou tamén bullós (asadas) para que os rapaces e maiores que as apañaban rezasen un noso pai pola salvación da ánima que representavba aquela castaña. Tamén era habitual realizar un magosto ao pé dos cemiterios onde antes se facía comida( comer cos defuntiños) cando non se deixaba (aínda se deixa) un prato na mesa baleiro e a mesa sen recoller tal día como hoxe para os defuntos da casa, comíase bacallau e de postre, sempre castañas. Logo, estamos ou non estamos no país dos mortos?.
Comentarios (0) - Categoría: CULTURA TRADICIONAL - Publicado o 02-11-2011 23:27
# Ligazón permanente a este artigo
OS BLOQUES DIALECTAIS DO GALEGO

Para escoitar as variantes xeográficas que presenta o galego en diversas zonas que non pertencen á Comunidade Autónoma de Galicia traemos aquí varios vídeos. O galego quie vas a escoitar serían dous exemplos do galego do denominado bloque oriental:
Para a zona de Asturias do Eo-Navia:


Para a zona do Bierzo e as Portelas en León e Zamora:




Pola contra podemos ver outro dos fenómenos dilectais máis característicos: a gheada



Outro dos fenómenos do galego occidental é o seseo:



Comentarios (0) - Categoría: VARIEDADES XEOGRÁFICAS DA LINGUA - Publicado o 20-10-2011 09:11
# Ligazón permanente a este artigo
Panorama da historia da lingua

Comentarios (0) - Categoría: HISTORIA DA LINGUA - Publicado o 16-10-2011 22:48
# Ligazón permanente a este artigo
Comezamos o curso 2011-2012 na procura da verdade.
Esta curso o lema será DESCUBRE A VERDADE...A GALICIA QUE LEVAS DENTRO . O texto que imos usar para a Unidade 0 será de Castelao , do seu libro Cousas.

Xira ao redor da idea da educación da nosa identidade. Se o que nos fai humanos é precisamente a fala, exercer como tales humanos esixe vivir na procura de nós mesmos e manifestarnos como tal, de xeito auténtico ou verdadeiro. ?Coñécete a ti mesmo? é unha fermosa e vella sentencia da antiga Grecia que podemos aplicar á hora de nos dispor a coñecer ese nós colectivo que se chama Galicia e que usa unha lingua que nos dá identidade no mundo, o galego.

Tomamos este texto como primeira lectura do curso e lectura central da Unidade 0. O debuxo que tes a túa dereita acompaña o seguinte texto.



CHEGOU DAS AMÉRICAS
(de ?Cousas? A.D. R. Castelao)

Chegou das Américas un home rico e trouxo consigo un negriño cubano, coma quen trai unha mona, un papagaio, un fonógrafo... O negriño foi medrando na aldea, onde deprendeu a falar con enxebreza, a puntear muiñeiras, a botar aturuxos abrouxadores.

Un día morreu o home rico e Panchito trocou de amo para gana-lo pan. Co tempo fíxose mozo comprido, sen máis chatas que a súa coor... Aínda que era negro como o pote, tiña gracia dabondo para facerse querer de todos. Endomingado, con un caravel enriba da orella e unha ponla de malva na chaqueta, parescía talmente un mozo das festas.

Unha noite de estrelas xurdeu no seu maxín a idea de saír polo mundo á cata de riquezas. Tamén Panchito sinteu, como tódolos mozos da aldea, os anceios de emigrar. E unha mañán de moita tristura gabeou polas escaleiras dun trasatlántico.

Panchito ía camiño da Habana e os seus ollos mollados e brilantes esculcaban no mar as terras deixadas pola popa.

Nunha rúa da Habana o negro Panchito tropezou cun home da súa aldea e confesoulle saloucando:

?Ai, eu non me afago nesta terra de tanto sol; eu non me afago con esta xente. ¡Eu morro!

Panchito retornou á aldea. Chegou probe i endeble; pero trouxo moita fartura no corazón. Tamén trouxo un sombreiro de palla e mais un traxe branco...
Comentarios (1) - Categoría: UNIDADE CERO - Publicado o 19-09-2011 22:13
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0