Víchelo, miráchelo!



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

RESPECTO Á DIFERENZA, DEREITO Á IDENTIDADE (II)

Os textos que xa coñeces e que situamos a continuación serven de referencia para comezar esta unidade 0 do curso.

AS LINGUAS SON AS QUE NOS FAN HUMANOS

“Non esquezamos que se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma.”

Algúns homes -galegos tamén- andan a falaren dun idioma universal, único para toda a nosa especie. Son os mesmos que buscan a perfección baixando pola escada zoolóxica, deica sentiren envexa das formigas e das abellas. Son os mesmos que perderon o anceio de chegaren a ser deuses, e renegan das inquedanzas que produce a sabedoría. Son os mesmos que consideran o mito da Torre de Babel como un castigo, e renegan da vida ascendente. Mais eu dígolles que a variedade de idiomas, coa súa variedade de culturas, é o signo distintivo da nosa especie, o que nos fai superiores aos animais. Velaí vai a demostración: Un can de Turquía ouvea igual que un can de Dinamarca; un cabalo das pampas arxentinas rincha igual que un cabalo de Bretaña. ¿E sabedes por que? Porque os pobres animais aínda están no idioma universal.
CASTELAO, Sempre en Galiza


IGUAIS, PERO DIFERENTES ou COMO SERMOS ORIXINAIS ANTE OS DEMAIS?

A nosa lingua é o camiño de ouro da nosa redención e do noso progreso: sen a lingua morreremos como pobo, e nada significaremos endexamais na cultura universal. Se o galego quere ser máis que habitante dun territorio, se arela ser un factor de universalidade e de cosmopolitismo, soamente co emprego da lingua propia, obra da natureza, poderá selo. Arrenegando da lingua terá que avergoñarse sempre de si mesmo. Creando valores na lingua propia, axiña seremos universais…

O galego culto que hoxe se exprese en galego, por ese só feito demostra levar na alma un nidio sentimento de liberdade; un nobre afán de asolagar a súa intelixencia nas augas vivas do traballo enxebre, co fin de lles dar o tempero preciso para que poidan fecundar mortas terras, cheas de lixos de escravitude, trocándoas en viveiros de vizosa democracia.

Eu penso que as únicas setas que van sempre rectas a furar o branco do futuro son aquelas que se lanzan valéndose do arco da nosa lingua; xa que só entón nos mostramos orixinais. Eses que viven de costas ás orixes dificilmente poderán redimirse da servidume do mimetismo. ¿Qué cousa máis orixinal que a lingua dun pobo, xerada por accións e reaccións seculares entre o home e a Natureza, para facelo diverso no universo? (...)

Se queremos ser nós mesmos temos que cultivarnos en galego, envorcado o noso espírito da infancia e da mocidade no molde redentor do noso idioma. Do noso idioma que nos abre magnánimo e fecundo as portas dos corazóns de moitos millóns de almas que se expresen no portugués irmán… No comezo eramos vinte persoas…hoxe son moitas as Irmandades feitas; no termo destes últimos anos falouse máis galego culto que denantes nun século. Galicia comezou a ser considerada. E aquí tedes como somos uns homes históricos; uns homes a quen o porvir non terá que esixirlles responsabilidade. Porque ofrendaron a Galicia un pensamento propio, unha vontade propia e un sentimento propio.

ANTÓN VILAR PONTE, Pensamento e Sementeira


O RESPECTO QUE MERECEMOS: O DEREITO A SER DIFERENTE.

O problema do idioma en Galiza é un problema de cultura. Estamos fartos desa cultura esterilizada que nos fan mamar por biberón. Nós queremos mamar a cultura na propia teta. Pedimos garantías legais para o desenrolo natural do noso espírito, porque queremos volver a presentarnos dignamente no mundo, levando nas mans o ouro da nosa cultura (sabedoría manifestada) para ofrendarllo ao acervo espiritual da Humanidade.

CASTELAO, Sempre en Galiza



Galicia somos nós:
a xente e maila fala.
¡Se buscas a Galicia,
en ti tes que atopala!

MANUEL MARÍA
Os soños na gaiola

Comentarios (0) - Categoría: UNIDADE CERO - Publicado o 20-09-2010 07:09
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal