Víchelo, miráchelo!



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

RESPECTO Á DIFERENZA, DEREITO Á IDENTIDADE (I)

Comeza o curso 2010/2011. Traballaremos en primeiro lugar, co lema do curso que para nós terá esta formulación: RESPECTO Á DIFERENZA, DEREITO Á IDENTIDADE.

A defensa da lingua propia non converte as alleas en inimigas porque o respecto que demandamos para a nosa convértenos en respectuosos e solidarios con todas as demais; ao cabo, a palabra é a produción máis especificamente humana, e mal se pode ser respectuoso co home sen selo coa lingua que fala.

Velaí, logo, que a tolerancia debe ser emblema dos loitadores pola dignificación da lingua, e nunca deben facer súas as actitudes de desprezo das que outros fan uso. Tolerantes, que non febles, nesa loita esperanzada pola dignificación da nosa lingua, é dicir, pola nosa dignificación. Orgullos@s e conscientes da nosa diferenza, esa que nos fai orixinais ante o mundo.

Imos pois co texto que será o primeiro no que nos centraremos, un poema moi coñecido de Celso Emilio Ferreiro:

DEITADO FRENTE AO MAR

Lingoa proletaria do meu pobo,
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gaña;
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa nen saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.

Eu fáloa porque sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingoa.

Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruis e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os valeiros,
non falo pra os estúpidos,
que falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño...

CELSO EMILIO FERREIRO,
Longa noite de pedra.1963

Agora ímoslle poñer música:

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-09-2010 06:51
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal