Víchelo, miráchelo!



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

APRENDER GALEGO É UNHA PERDA DE TEMPO SE TODOS FALÁSEMOS INGLÉS NON HABERÍA PROBLEMAS PARA ENTENDERSE.

COMBATENDO OS PREXUÍZOS LINGÜÍSTICOS

Un insulto á intelixencia!

Hai razoamentos como o que aparece no título que non deixar de ser o que popularmente se di: Un insulto á intelixencia! Imos seguir co lectura do noso libro EN GALEGO, POR QUE NON? de Manuel Núñez Singala para procurar desmontar este tremendo prexuízo que agocha semellante afirmación.

"Escóitase con frecuencia, ata puidese parecer algo sensato: O desexo de que houbese unha única lingua para que toda a humanidade poida comunicarse sen problemas, sería algo moi práctico, non che parece?

En realidade tratase dunha frase moi velenosa. Para que o comprendas ben vouche contar unha historia coa que pretendo engañarte. Estate moi atento porque cando menos o esperes, zas! Intentarei tomarche o pelo!

Tres amigos deciden un día celebrar algo indo cear xuntos. De xeito que van a un bo restaurante e piden de comer e de beber o que lles apetece. Cando rematan solicitan a conta. O camareiro, moi amable, dilles que en toral son 250 euros. Cada un deles saca da súa carteira un billete de 100 euros. De modo que entre os tres xuntan un total de 300 euros.

Todo correcto ata aquí? Si? Repasa se non o ves claro.

Unha vez que pagan sóbranlles 50 euros. O gasto foi de 250 euros, pero como xuntaron 300 entre os tres, sóbranlles 50 euros. Dado que o camareiro se mostrara moi amable, deciden darlle unha propina de 20 euros. Neste momento sóbranlles aínda 30 euros, e como son tres amigos resolven que cada un deles recuperará 10 euros. De modo que cada un garda na súa carteira un billete de 10 euros. O custo da celebración foi, pois, para cada amigo, de 90 euros: 100 que cada quen puxo, menos 10 que recuperou.

Todo claro ata aquí? Si? Repasa se non o ves claro.

Ben, imos entón facer contas para que vexas que ata as cousas que parecen moi claras e moi correctas ás veces poden engañarnos. Porque, meu amigo, xa che tomei o pelo.

Partimos de 300 euros
Se cada un dos amigos puxo 100 euros e recuperou 10, cada un deles gastou 90 euros.
E como son tres a conta é moi fácil: 3X 90= 270 ou se se quere: 90+90+90= 270
270 euros aos que cómpre sumarlle os 20 euros de propina ao camareiro:
270 + 20= 290 euros.

A cuestión é, se gastaron 290, pero xuntaron 300, onde van os 10 euros que faltan?

Sorprendido?

Podes repasar as contas.

Confeso que cando mo contaron por primeira vez non só conseguiron enganarme, senón que me custou moito traballo comprender onde estaba a trampa.

Quizais a ti non conseguín engañarte e foses quen de descubrir o truco á primeira. Pero a miña experiencia dime que a maioría da xente non sabe moi ben onde van eses dez euros que faltan.

É igual, porque independentemente de se caíches na engano ou non, eu asegúroche que somos moitos os que "picamos", e entón a pregunta neste caso debería ser por que funciona este truco?

Funciona polo mesmo que tendemos a considerar a frase "Aprender galego é unha perda de tempo, se todos falásemos inglés non habería problemas para entenderse". É dicir, funciona porque nos dous casos se segue a mesma estratexia, formular mal o problema. E non só o problema está mal formulado, senón que se xuntan verdades, moi, moi evidentes, cunha mentira de xeito que o conxunto parece correcto..."

CUESTIÓNS
1- Indica onde está o problema dos 300 euros mal enunciado.
2- Agora repara na afirmación do título:"Aprender galego é unha perda de tempo, se todos falásemos inglés non habería problemas para entenderse" Redacta unhas 20 ou 25 liñas para responder por que é un insulto á intelixencia tal afirmación ou cal é mentira que presenta este prexuízo. Razoa a resposta con varios argumentos.

Dámosche dúas pistas ou puntos de apoio para elaborar esa resposta:
- Un refrán: "O saber non ocupa lugar".
- Un dito de Castelao, que seguro lembras, sobre as linguas e o ser humano.

3-A posteriori, ou se non sabes por onde saír, podes seguir lendo e rematar o CAPÍTULO 3, páxina 42-49 do libro En Galego, por que non? de Núñez Singala. Cando remates sinala as semellanzas e diferenzas entre o que ti deches como resposta na pregunta anterior e as que aporta Nuñez Singala. Boa lectura!

Comentarios (0) - Categoría: SOCIOLINGÜÍSTICA - Publicado o 02-04-2020 09:48
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal