 Tradicionalmente cando se fala de Lusofonía enténdese o conxunto de lugares que usan un idioma derivado do portugués no mundo. Estamos falando duns 250 millóns de persoas, unha comunidade de países e rexións entre as que cabe incluír para moitos lingüistas aos galegofalantes.
Pois ben, se é certo que Portugal, como estado con lingua propia, foi quen de poñer en marcha a esta iniciativa da Lusofonía en catro continentes, se cadra o nome non é o máis acertado. Hoxe cando o galego xa leva o seu tempo como lingua oficial (aínda que grandemente minorizada) dende Galicia podemos cavilar acerca do nome que tenta potenciar esa comunidade entre linguas irmás como son a lingua galega e a portuguesa.
Por que non empregar Galegofonía en vez de Lusofonía?
Se o galego-portugués naceu na Gallaecia (territorio ao norte do río Douro), esa antiga Provincia do Imperio que logo vai ser reino independente, o primeiro da Idade Media, no que medrará unha lingua distinta do latín cara ao século IX e se esa lingua será logo usada polos dous reinos nos que se divide a antiga Gallaecia ao norte e ao sur do Miño, un denominado Galicia e o outro Portugal no século XII, tería sentido denominar Galegofonía e non Lusofonía o concepto de comunidade de linguas derivadas do galego-portugués, dado que os Lusos son un pobo que habitaba ao sur do Douro, non na Gallaecia e anterior ao nacemento do galego-portugués.
Como conclusión a lingua que falan países como o Brasil en América, Mozambique, Angola ou Cabo Verde en África ou Macau e Timor en Asia, deriva do antigo galego-portugués polo tanto é lexítimo falar de Galegofonía. |