Víchelo, miráchelo!



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Corazón de futuro, voz de muller.

Un traballo de creación persoal e de grupo sobre a presenza da muller na sociedade a través dos tempos e que parte da Idade Media e procura chegar e incidir nos tempos que vivimos. Unha revisión do xeito de analizar á muller a través dos tempos e unha valoración do aporte das mulleres de todos os tempos.

Comezamos cun tríptico: unha canción de SES, as mulleres no medievo e o contraste que ofrece a lectura desta avaliación.

RACHANDO TÓPICOS




De SES: Non son fada nin princesa. Sobre as princesas de conto

Logo seguiremos o repaso das voces femininas da cultura galega ata os nosos días co contraste do primeiro trimestre:

A muller das cantigas. Investiga: Cales eran os tópicos nas cantigas de amigo e amor? Había mulleres que escribían cantigas na Idade Media? Que mulleres cres poderían escribir naqueles tempos, as raíñas e nobres ou as pastoras e labregas?

O NOSO TRABALLO PARA MARZO SOBRE A MULLER NA IDADE MEDIA:

Falaremos, investigaremos para realizar unha boa biografía de sete mulleres con nome de seu na nosa Idade Media. Unhas son raíñas, outras humildes labregas, mesmo nas cantigas que daquela escribiron conservamos algúns dos cantos que seguro elas tamén cantaban.

DE CANDO NACE O GALEGO: SÉCULO IX
Ilduara ou Aldara

ENTRE OS SÉCULOS XI e XII
Sancha I, raíña de Galicia (1037-1067). Aínda que nacera en León en 1013, será a raíña de galicia dende o 1037. Esposa do Conde de Castela, grazas ao cal este será logo rei, Fernando I.

Urraca, raíña de Galicia (1081-1126) neta de Sancha I e filla de Afonso VI e Constanza de Borgoña, é unha das raíñas máis controvertida da Idade Media polo seu afán de poder que a levou a enfrontarse a súa irmá Tareixa, condesa de Portugal, favorecendo así a independencia deste condado e a súa configuración coma un novo reino, separado da Gallaecia histórica entre o norte e o sur do Miño. As dúas irmás casaran con dóus irmáns nobres de Borgoña, Urraca con Raimundo e Tareixa con Henrique. Pero se cadra o episodio máis coñecido produciuse anos despois co enfrontamento co seu fillo Afonso VII, rei de Galicia, León e Castela, e aspirar ao goberno destes territorios tras casar por segunda vez con Alfonso I de Aragón.

AS MULLERES NAS CANTIGAS DO SÉCULO XIII

Aínda que houbo mulleres nobres que escribían, non se conservan referencias escritas sobre mulleres galegas a non ser polo que os homes escribían acerca delas en documentos literarios como as cantigas de amigo (das máis coñecidas as de Martín Códax xograr de Vigo) ou en cantigas de escarnio e maldicer onde se nomea a unha tal María Balteira.

Na nosa visita ao Museo do Mar de Vigo e a exposición do Pergamiño Vindel: Un tesouro en sete cantigas imos tentar descubrir por que ten tanta importancia este documento.
O Esplendor dunha lingua milenaria posto en boca dunha muller. Cando Rosalía de Castro vivía centos de anos despois(no século XIX)aínda era practicamente descoñecido que existiran na nosa lingua escritos de reis e trobadores que fixeran da nosa literatura unha das máis brillantes da Europa medieval.Esa época dourada foi coñecida grazas aos estudos como os de Sarmiento (editados no XIX) e a descubertas como a do Pergamiño Vindel en 1914. Á volta da visita seredes vós os que narredes o resto da historia de por que este pergamiño é un tesouro en sete cantigas e de como procurar a voz das mulleres da época a través deses textos que son algo máis que palabras milenarias.

E NO SÉCULO XIV
Inés de Castro, raíña de Portugal despois de morta.
Ampliando esta historia de amor despois da morte.
Finalmente María Castaña, unha clara precursora da Revolta Irmandiña da que xa falamos.

A muller na lectura "A cova da Moura". Analicemos agora as dúas mulleres protagonistas desta ficción literaria.

Na nosa viaxe cara ao castelo no que se desenvolve esta novela e a modo de introdución comezaremos este traballo lembrando a María Vinyals. Unha mágoa que este vídeo non teña unha versión en galego, mais paga a pena botarlle unha ollada. Pero serve de limiar ao noso achegamento á figura de María Vinyals, a derradeira dona do castelo de Soutomaior que non quería ser princesa...


Comentarios (0) - Categoría: CREOCOMUNICACIóN - Publicado o 02-02-2018 07:15
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal