Víchelo, miráchelo!



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

E Víchelo,... miráchelo? NA PRAZA DE ABASTOS

Sarmiento dicía que non había mellor cousa para aprender vocabulario que apalpar, tocar, cheirar ou ulir, gustar...e tamén escoitar aos que saben e nos falan, que debíamos usar os sentidos para coñecer mellor o léxico. Con esa filosofía imos ir á praza de abastos e sen pasarse, pois non imos sobar os peixes, imos velos (ou se cadra deberíamos dicir miralos?) coa intención de recoñecelos cos seus nomes e para iso temos que escoirtar e recoller os sons da praza da boca dos que saben.

Trátase de dominar un campo semántico dos alimentos do mar de Marín, achegándonos á vez as palabras propias ou de uso máis local que igual non atopamos nos dicionarios, porque un alcrique tamén é un patagullo, ou o peixe sapo é unha rabada. A lonxa de Marín e a praza manteñen unha riqueza singular no vocabulario de peixes e mariscos á que pretendemos achegarnos para coñecermos a riqueza léxica que temos e que de paso concienciarnos de que non a debemos perder.


VALE MÁIS UNHA IMAXE QUE MIL PALABRAS?

Non! As palabras son necesarias para coñecer realmente as cousas. Se non podemos asociar unha imaxe a unha palabra non estamos realizando o proceso de recoñecemento completo da realidade, da natureza.

Imos facer unha proba: Comproba no seguinte enlace se coñeces cal é o teu coñecemento do vocabulario do mar


FOTOPALABRA

Ollo! Neste traballo vai ser vital identificar cada nome cunha imaxe. Logo pode ser moi útil a fotografía. Se imos facer fotos temos que pedir permiso explicando por que queremos fotagrafar os peixes.Non esquezamos que na praza de abastos están traballando e non podemos interferir nin molestar.

GRAVACIÓNS DOS SONS: Esta cuestión é vital para saber como soan eses nomes, e tamén como van ecoar os sons da praza no propio traballo que AUDIO E VISUAL.


UN CESTO DA COMPRA MOI RICO!

O obxectivo deste traballo é recollermos e recoñecer 100 palabras galegas na nosa Praza de Abastos entre peixes e mariscos seguro que chegamos ás 50 ou 75 palabras entre as que atoparemos ollóns ou o seu sinónimo habitual rapantes vai ser raro que escoitemos a palabra meiga máis propia doutras zonas de Galicia para denominar a este peixe. Podemos oir praiol que vén sendo un escacho grande ou rinchas que tamén poden ter outros nomes como... Discutiremos sobre o termo langostino e se o nome de "cigala" é galego ou non, se cadra pasa igual que coa palabra "pulpo" que en galego é polbo.

Na Praza hai tamén carnes e verduras, non si? A estas podémoslles facer un oco no noso traballo, por aquilo de complementar.

Boa compra, meus!!


Nota: Aqueles alumnos/as que teñen contacto persoal con pescantinas ou peixeiras e/ou outros dos oficios que están presentes na Praza, poderían incluír no traballo de recolleita unha entrevista "in situ" (un vídeo, por exemplo).

Comentarios (0) - Categoría: LÉXICO - Publicado o 03-02-2017 07:21
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal