Víchelo, miráchelo!



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Prexuízos lingüísticos en Galicia

Coa intención de participar deste proceso de coñecemento da nosa identidade, do proceso de Normalización da Galicia do século XXI, seguimos a traballar para poder comezar cunha campaña que, baixo o lema "En GALEGO, PORQUE É DE XUSTIZA", combatamos os prexuízos lingüísticos no noso centro comezando por nós mesmos.

Para poder vertebrar a campaña, deseñar distintas propostas de actuación, na aula e fóra da mesma, imos ter que coñecer moi ben que tipo de prexuízos estamos a combater, para establecer unha estratexia útil e eficaz á hora de erradicalos.

PARTINDO DUNHA SITUACIÓN INXUSTA

O galego é o idioma propio de Galicia, o castelán instalouse a través dun longo proceso de imposición por parte dos poderes públicos, especialmente durante a segunda metade do século XX.

En Galicia falar en galego ou falar castelán está cheo de connotacións e mesmo de prexuízos, é dicir, marcado negativamente. Isto prodúcese porque partimos dun contexto no que non existe unha situación de equilibrio entre ambas linguas como para poder dicir aquilo de "que cada quen fale a lingua que lle pete" porque nin os castelanfalantes poderían escoller ao descoñecer en gran medida o galego, nin os galegofalantes poden desenvolver, aínda que o queiran, a súa vida plenamente en galego.



ALGÚNS PREXUÍZOS LINGÜÍSTICOS QUE QUEREMOS ERRADICAR

-1º PREXUÍZO: É unha descortesía falarlle en galego a alguén que non o fala.

Argumento: Tendo en conta o anteriormente dito sobre a dificultade dun galego falante para desenvolver a súa vida plenamente en galego e , á vez, a situación dos castelanfalantes que, aínda que non falen galego, o entenden. Se consideramos de mala educación falar galego se alguén nos fala en castelán en Galicia, de ser certo, estás pensando que o teu interlocutor castelánfalante está limitado intelectualmente ou que a nosa lingua é inferior a outras linguas. Os de fóra teñen máis dereitos lingüísticos ca nós?

2ºPREXUÍZO: É unha lingua imposta.
Argumento: Lei de Normalización por unanimidade de todos os partidos no Parlamento. Só un 2% di non entender o galego.

3º PREXUÍZO: Lingua de vellos, de pobres e do monte.
En Galicia algunhas persoas teñen un estereotipo negativo sobre os falantes do galego; cres que lles pasa isto mesmo con respecto á súa lingua propia nun lugar como Madrid (por exemplo)?

4º PREXUÍZO: É unha lingua poucos falantes e a súa perda un proceso natural.
Argumento: O galego segue a ser a lingua maioritaria de Galicia, aínda que está minorizada, é dicir, necesitada de protección como consecuencia dunha imposición política (durante o Franquismo) e a ansia de ascender socialmente para saír do atraso económico.

5º PREXUÍZO: Só é útil en Galicia.
Argumento: Ao ter a mesma orixe que o portugués, lingua falada por 200 millóns de persoas facilita as posibilidades de relación e polo tanto económicas dos galegos no mundo en Portugal, Brasil. Son máis de 20 as universidades europeas nas que se estuda o galego.


ELABORAR UNHA PROPOSTA DE TRABALLO

Para combater os prexuízos lingüísticos que podemos facer? Imos realizar unha campaña do tipo "Gústame", pero centrada especificamente nos prexuízos que agora xa coñecemos que existen e que argumentos podemos usar para procurar aminorar os seus efectos na sociedade que nos rodea.
Deseña propostas dos contidos desa campaña:

1- Elabora un decálogo para empregares o galego na aula. Trátase dun "contrato" que se pode asinar para comprometérmonos a cumprilo de aquí a que remate o curso.
2- Analizar os prexuízos lingüísticos máis frecuentes que teñan prezenza no colexio e na contorna. Realizar unha enquisa para detectalo.
Comentarios (0) - Categoría: SOCIOLINGÜÍSTICA - Publicado o 07-11-2016 22:08
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal