Víchelo, miráchelo!



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

E víchelo,... miráchelo? Na praza de abastos de Marín

Sarmiento dicía que non había mellor cousa para aprender vocabulario que apalpar, tocar, oler, gustar... que debíamos usar os sentidos para coñecer mellor o léxico. Con esa filosofía imos ir á praza de abastos e sen pasarse, pois non imos sobar os peixes, imos velos (ou se cadra deberíamos dicir miralos?) coa intención de recoñecelos cos seus nomes.

Trátase de dominar un campo semántico dos alimentos do mar de Marín, achegándonos á vez as palabras propias ou de uso máis local que igual non atopamos nos dicionarios, porque un alcrique tamén é un patagullo, ou o peixe sapo é unha rabada. A lonxa de Marín e a praza manteñen unha riqueza singular no vocabulario de peixes e mariscos á que pretendemos achegarnos para coñecermos a riqueza léxica que temos e que de paso concienciarnos de que non a debemos perder.


VALE MÁIS UNHA IMAXE QUE MIL PALABRAS?

Non! As palabras son necesarias para coñecer realmente as cousas. Se non podemos asociar unha imaxe a unha palabra non estamos realizando o proceso de recoñecemento completo da realidade, da natureza.

Imos facer unha proba: Comproba no seguinte enlace se coñeces cal é o teu coñecemento do vocabulario do mar


FOTOPALABRA

Ollo! Neste traballo vai ser vital identificar cada nome cunha imaxe. Logo pode ser moi útil a fotografía. Se imos facer fotos temos que pedir permiso explicando por que queremos fotagrafar os peixes.Non esquezamos que na praza de abastos están traballando e non podemos interferir nin molestar.


UN CESTO DA COMPRA MOI RICO!

O obxectivo deste traballo é recollermos e recoñecer 100 palabras galegas na nosa Praza de Abastos entre peixes e mariscos seguro que chegamos ás 50 ou 75 palabras entre as que atoparemos ollóns ou o seu sinónimo habitual rapantes vai ser raro que escoitemos a palabra meiga máis propia doutras zonas de Galicia para denominar a este peixe. Podemos oir praiol que vén sendo un escacho grande ou rinchas que tamén poden ter outros nomes como... Discutiremos sobre o termo langostino e se o nome de "cigala" é galego ou non, se cadra pasa igual que coa palabra "pulpo" que en galego é polbo.

Na Praza hai tamén carnes e verduras, non si?

Boa compra, meus!!


Nota: Aqueles alumnos/as que teñen contacto persoal con pescantinas ou peixeiras e/ou outros dos oficios que están presentes na Praza, poderían incluír no traballo de recolleita unha entrevista "in situ" (un vídeo, por exemplo).

Comentarios (0) - Categoría: LÉXICO - Publicado o 08-04-2016 06:48
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal