Víchelo, miráchelo!



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A LINGUA FAINOS HUMANOS

A defensa da lingua propia non converte as alleas en inimigas porque o respecto que demandamos para a nosa convértenos en respectuosos e solidarios con todas as demais; ao cabo, a palabra é a produción máis especificamente humana, e mal se pode ser respectuoso co home sen selo coa lingua que fala.

Velaí, logo, que a tolerancia debe ser emblema dos loitadores pola dignificación da lingua, e nunca deben facer súas as actitudes de desprezo das que outros fan uso. Tolerantes, que non febles, nesa loita esperanzada pola dignificación da nosa lingua, é dicir, pola nosa dignificación.

Orgullos@s e conscientes da nosa diferenza, esa que nos fai orixinais ante o mundo.

1- COMPRENSIÓN LECTORA:
Despois de ler o texto cres existen linguas as que temos que desprezar? Argumenta a resposta.
Cales son as claves para dignificar a nosa lingua?


AS LINGUAS SON AS QUE NOS FAN HUMANOS

“Non esquezamos que se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma.

Algúns homes -galegos tamén- andan a falaren dun idioma universal, único para toda a nosa especie. Son os mesmos que buscan a perfección baixando pola escada zoolóxica, deica sentiren envexa das formigas e das abellas. Son os mesmos que perderon o anceio de chegaren a ser deuses, e renegan das inquedanzas que produce a sabedoría. Son os mesmos que consideran o mito da Torre de Babel como un castigo, e renegan da vida ascendente. Mais eu dígolles que a variedade de idiomas, coa súa variedade de culturas, é o signo distintivo da nosa especie, o que nos fai superiores aos animais. Velaí vai a demostración: Un can de Turquía ouvea igual que un can de Dinamarca; un cabalo das pampas arxentinas rincha igual que un cabalo de Bretaña. ¿E sabedes por que? Porque os pobres animais aínda están no idioma universal.

CASTELAO, Sempre en Galiza

Cuestións sobre o texto:
2- Por que hai homes que teñen envexa das formigas e das abellas?
3- Tendo en conta o que di o autor, cres que sería posible un idioma universal? Argumenta a resposta.
4-Que nos diferenza aos seres humanos do resto das especies animais, segundo a opinión de Castelao?


COMO SERMOS ORIXINAIS ANTE OS DEMAIS?

A nosa lingua é o camiño de ouro da nosa redención e do noso progreso: sen a lingua morreremos como pobo, e nada significaremos endexamais na cultura universal. Se o galego quere ser máis que habitante dun territorio, se arela ser un factor de universalidade e de cosmopolitismo, soamente co emprego da lingua propia, obra da natureza, poderá selo. Arrenegando da lingua terá que avergoñarse sempre de si mesmo. Creando valores na lingua propia, axiña seremos universais…

ANTÓN VILAR PONTE, Pensamento e Sementeira

Cuestións sobre o texto:
5.Que diferenza existe, segundo Vilar Ponte, entre un galego habitante ou residente e un galego falante?
6.Que cres que significa a expresión “redimirse da servidume do mimetismo”. Por que parece tan importante ser orixinais no universo?
7.Este texto escribiuse no ano 1918, no contexto da creación das Irmandades da Fala, tendo en conta o seu nome, cal cres ti que é unha das meirandes aportes deste movemento? Segue tendo vigor o punto de vista de Vilar Ponte? Razoa a resposta.


O DEREITO A SER DIFERENTE.

O problema do idioma en Galiza é un problema de cultura. Estamos fartos desa cultura esterilizada que nos fan mamar por biberón. Nós queremos mamar a cultura na propia teta. Pedimos garantías legais para o desenrolo natural do noso espírito, porque queremos volver a presentarnos dignamente no mundo, levando nas mans o ouro da nosa cultura (sabedoría manifestada) para ofrendarllo ao acervo espiritual da Humanidade.

CASTELAO, Sempre en Galiza

Cuestións sobre o texto:
8. A cultura é un alimento dos seres humanos? Cal son os termos reais das metáforas do “biberón” e da “teta”.
9. Que está pedindo Castelao no último texto?
10. Como podemos ser creativos no mundo?



Galicia somos nós:
a xente e maila fala.
¡Se buscas a Galicia,
en ti tes que atopala!


MANUEL MARÍA. Os soños na gaiola
Categoría: UNIDADE CERO - Publicado o 20-09-2015 21:43
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
© by Abertal