Víchelo, miráchelo!



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

OS Séculos Escuros e o Rexurdimento
VIII

Viñeron xentes de fóra,
xentes de dentro marcharon,
e a lingua da nosa xente
nos escritos olvidaron.
Galicia foi sometida
polo xugo de Castela,
e os que mandan en Galicia
non falan na língua dela.
Pero as xentes desta terra,
columna do noso pobo,
non deixan de ser galegos
nin falan idioma novo.
Artesáns e mariñeiros
e burgueses e labregos
levan no peito Galicia
e nos labios o galego.


Cuestións:
Como se chama esta época na que os escritos en galego se esquecen?

Cales son os motivos que se deixe de escribir en galego? Tamén se deixa de falar?

IX

Inda que os bispos de fóra
mandan rezar noutra língua,
a xente fala na súa
Galicia non sofre míngua.
Así van pasando os anos,
anos a ducias e centos,
e moitos anos máis tarde
fala o bo Martín Sarmiento.
Padre Sarmiento Bieito
non quere de fóra un crego,
nin oficial de xusticia
que non fale en bo galego.
Douscentos anos pasaron
desque escribiu este frade,
e inda todo o que el quería
dista ben de ser verdade.


Cuestións:
Quen era Sarmiento, que reclamaba? Eran todos os curas así nesta época? Razóa a resposta.

X

Ó principio do oitocentos
toda Galicia falaba
na lingua dos devanceiros
e ninguén se avergonzaba.
Pero en seguida empezaron
as xentes acomodadas
a pensar que eran máis finas
as palabras importadas.
Galicia xa tiña fendas,
xa o seu corpo se crebaba
pola mor dos desleigados
que a súa lei non lle gardaban.
Pero había peitos nobres
que pensaban doutro modo,
e anque en Carral os mataron
nunca os mataron de todo.


Cuestións:
Que significan “crebar" e “desleigados”?

A quen mataron en Carral? En que época? Que pedían? Por que se di que non morreron de todo?


XI

O seu espírito altivo
preludiaba o nacemento
das mil flores que serían
o noso Rexurdimento.
Añón, Pintos e Camino
e outra xente que escribía
na vella lingua galega,
preludiaba a Rosalía.
Rosalía a gran poeta
recobrou a dignidade
da língua que todo o pobo
gardara na adversidade.
Don Manuel Curros Enríquez
palabra de aceiro fino,
cantou a luz e o progreso
neste idioma campesino.


Cuestións:

Por que cres que se chama a esta época o Rexurdimento?
Cita cinco poetas desta época:

XII

Língua de ouro nos facía
Pondal o bardo do pobo
cantando os fastos antigos
e un futuro libre e novo.
E entre tódolos poetas
a historia nos descubría
e fundaba o noso orgullo
aquel bo Manuel Murguía.
Entusiastas estudiosos
a gramática estudiaban,
recollían as palabras
e pulían e ordenaban.
Fundaron unha Academia
e as Irmandades da Fala,
que naceron na Coruña
para honrala e enxalzala.


Cuestións:
Era Murguía un poeta? Que escribía?

Cal era o obxectivo das Irmandades da Fala?

En que momento nace este movemento e a Academia?

QUE DEBES SABER DESTA ÉPOCA:
DECADENCIA E SÉCULOS ESCUROS
VI- Decadencia do XIV-XV e os Séculos Escuros XVI-XVIII : A desaparición dunha nobreza galega que promocione a literatura en galego, ao ser substituída por outra de orixe castelá, provocou un proceso de decadencia que non só fai desaparecer o reino de Galicia, senón tamén a súa literatura culta. Son os séculos nos que a lingua galega tras da caída da nobreza perde todo cultivo escrito, pero permanecerá viva entre as xentes humildes, unha poboación iletrada que manterá a fala e unha rica literatura de tradición oral, verdadeira sustentadora da nosa cultura ata ben entrado o século XIX.



VII- Os ilustrados e precursores dunha nova etapa: Á luz dos ilustrados comezarán a disiparse as mestas néboas sobre o noso feito cultural. Martín Sarmiento, foi dos primeiros en preocuparse pola situación do noso idioma e propoñer camiños de normalización cultural como a introdución do galego no ensino, na administración da xustiza ou na igrexa. Xa no século XIX aparecen obras en galego dos chamados precursores que prepararán o camiño para as grandes figuras que virán axiña.

REXURDIMENTO

VIII- O primeiro galeguismo e o Rexurdimento literario: A mediados do XIX en 1846 nace un movemento de reivindicación política, o Provincialismo, que ao ser reprimido pola forza, fixo refuxiarse nun movemento cultural a toda reclamación de dereitos para Galicia. Coa publicación das obras de Rosalía de Castro, Eduardo Pondal e Curros Enríquez comeza o Rexurdimento da nosa literatura culta. Tamén a finais do século dará comezo a andaina dos movementos galeguistas.
Comentarios (0) - Categoría: HISTORIA DA LINGUA - Publicado o 24-09-2014 06:52
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal