Víchelo, miráchelo!



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O NACEMENTO DO GALEGO


IV

Neste extremo de occidente
xa o falar se diferencia
do que falan en Italia
en Romenia e en Provenza.
Xa non podemos chamarlle
lingua latina a esta fala,
e chamámoslle galego
pra poder diferenciala.
Toda a xente desta terra
sen ningunha distinción
fala nesta nova lingua
que é o idioma da nación.
Os clérigos inda escriben
na antiga lingua romana,
pero o pobo non a entende,
pois xa queda ben lonxana.

Cuestións:
Cal era a situación lingüística de Galicia na época medieval? Realiza unha breve redacción.

V

Alá polo mil douscentos
a lingua que hoxe falamos
escomenza a ser escrita
por poetas e notarios.
Falan en lingua galega
reis,labregos e señores,
e os abades dos mosteiros
e os soldados e os doutores.
Unha grande poesía
cántase ó son das violas
polas prazas de Santiago,
por Toledo e por Lisboa.
Agres cántigas de escarño,
doces cántigas de amores
resplendían coma xemas
no cantar dos trobadores.


Cuestións:
Unha lingua antes de escribirse, primeiro só se fala. De cando datan os primeiros documentos escritos en galego?

Cando se considera normalizada unha lingua? Estábao o galego na Idade Media?
Que tipo de composicións literarias había daquela? Só se facían en galego en Galicia?

VI

Rei Afonso de Castela
cantaba a Santa María
coas palabras máis fermosas
que na nosa terra había.
Rei Denís de Portugal,
o amigo da agricultura,
na nosa língua cantaba
con extremos de dozura.
Martín Codax o de Vigo,
Airas Nunes e Mendiño,
dicían os seus cantares
nas terras que baña o Miño.
Pero Meogo trobaba
do cervo que a auga volvía
con tan belidos dicires
que os sentidos suspendía.



Cuestións:
Cal é a temática das cantigas feitas polo rei Afonso e polo rei Denís?
Quen son Martín Codax, Airas Nuñez, Mendiño e Pero Meogo?

VII

A luz máis bela de Europa
resplendía en Compostela
como en terras de Occitania
de onde viña tanta estrela.
Historias de cabaleiros
e miragres de Santiago
en galego se contaban,
e as fazañas dos troianos.
E ordenanzas se escribían
e crónicas e tratados
e os acordos dos concellos
en galego eran labrados.
Mais despois tempos viñeron
que Galicia esmorecía,
porque nobres e señores
cometeron felonía.



Cuestións:
Cales son os temas que narraba a prosa medieval en galego?
Que significa a palabra felonía?

QUE DEBEMOS SABER SOBRE ESTA ETAPA:

NACEMENTO E ESPLENDOR MEDIEVAL

IV- Nace o galego e as peregrinacións a Compostela: Entre o VIII e o IX o idioma que fala este reino de Gallaecia diferénciase claramente do que se fala noutros puntos da península, xa non é latín. Polo sur da península os musulmáns fanse fortes, pero van ter escasa presencia no norte. Descóbrese o sepulcro de Santiago en Compostela. Aínda que se fala o galego o primeiro documento escrito non aparece ata moito máis tarde, o ano 1228.

V- O esplendor medieval da nosa literatura: Nos séculos XII-XIII o uso do galego xeneralízase mesmo na escrita e será entón cando aparecen as primeiras expresións literarias en forma de cantigas. O desenvolvemento da arte románica tamén será, en certa medida, unha consecuencia dos intercambios culturais do Camiño de Santiago. A lírica galaico-portuguesa será o referente literario de poetas de toda a península e unha das máis importantes de Europa. Ao longo destes séculos, a pesares da independencia de Portugal no 1128, existía unha mesma lingua ao norte e ao sur do Miño.
Comentarios (1) - Categoría: HISTORIA DA LINGUA - Publicado o 23-09-2014 02:16
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 que cooo#blgtk08#ooooooio
Comentario por wiiiiiiiiiiii (24-10-2018 15:28)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal