Víchelo, miráchelo!



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

UNHA LECCIÓN SOBRE A BANDA DESEÑADA

Hoxe a clase centrouse na creación dunha banda deseñada. Veu a compartir a súa experiencia un dos máis recoñecidos deseñadores galegos do momento, Xosé Tomás, quen explicounos que hai detras dunha banda deseñada, detívose no seu proceso, paso a paso, e escolleu un exemplo concreto, un dos seus últimos traballos:NÓMADES. Foi unha lección de vida e de intervención a través da creatividade crítica, ese sentido crítico ao que lle levamos todo o curso dando voltas e máis voltas e que pode expresarse con debuxos tirados dun longo proceso de reflexión, entrevistas, achegamentos á realidade dos outros, á comprensión do sufrimento e dos soños dos homes e mulleres que comparten o planeta con nós. A sensibilidade de plasmar en imaxes esas vidas cargadas de heroísmos e miserias provocadas pola incomprensión dos demais con actitudes racistas, belicistas, inxusticias e prohibicións... soubemos que a realidade o mundo está cheo de historias e personaxes aos que observar con ollos críticos e cos que compartir esperanzas e desexos dun mundo mellor.

Graciñas Xosé Tomás por facermos entender que o cómic é outra cousa, que merece chamarse banda deseñada e que tamén pode falar e levarnos á reflexión máis profunda e non tan cómica da nosa propia existencia.

Podedes ver unha pequena reportaxe gráfica do seu paso polo centro no blog da Biblioteca.

Comentarios (0) - Categoría: CREOCOMUNICACIóN - Publicado o 11-05-2015 22:11
# Ligazón permanente a este artigo
AGORA MARÍN CONTA

LEMBRADE: O Ateneo de Marín fai unha convocatoria na que pensamos e te animamos a participar. Trátase dun concurso de creación dun texto narrativo que debe acontecer en Marín. MARÍN CONTA:

Un texto narrativo debe ter unha historia (aventuras, misterio, amor, medo, fastántica, policíaca...)que contar e claro un narrador que o faga. O narrador pode ser mesmo un dos personaxes que intervén nos acontecementos ou non. Os personaxes poden parecerse a nós mesmo ou facer algo que nós desexemos ou soñemos ( ser invisibles, voar, ter un dragón...). Podemos crear tamén un antagonista, un Don Quixote, un Sancho e unha Dulcinea, un Romeo e unha Xulieta ou unha meniña gaiteira... O espazo xa nos vén imposto, nesta ocasión é Marín. Pero o que non está predeterminado é o tempo cronolóxico no que imos desenvolver a nosa historia, poden ser varios, poden ademais narrarse de xeito lineal ou discontinuo, indo cara atrás no tempo ou cara ao futuro. A túa historia pode e debe usar distintos modos de contar, non todo vai a ser acción narrativa, pode haber descrición de paisaxes marinenses e/ou dos personaxes que tamén poder facer uso do diálogo entre eles. Ao final porémoslle un título para facer máis atractivo o noso relato. Non pasarse de 500 palabras!.
Comentarios (0) - Categoría: CREOCOMUNICACIóN - Publicado o 06-05-2015 06:24
# Ligazón permanente a este artigo
NO 2015
Desexos para unha lingua no 2015.
Comentarios (0) - Categoría: CREOCOMUNICACIóN - Publicado o 08-01-2015 10:06
# Ligazón permanente a este artigo
Alborada de Rosalía
Rosalía de Castro naceu un 24 de febreiro de 1837. Hoxe celebramos ese día lendo e traballando o seu poema ALBORADA co que Rosalía incorpora esoutra mirada sobre Galicia.

Este é o poema co que pecha simbólicamente o seu libro Cantares Gallegos:

Vaite, noi-
te,—vai fuxin-
do.—Vente auro-
ra,—vente abrin-
do,—co teu ros-
tro,—que, sorrin-
do,—¡¡¡a sombra espanta!!!

¡Canta,
paxariño, can-
ta—de ponliña en pon-
la,—que o sol se levan-
ta—polo monte ver-
de,—polo verde mon-
te,—alegrando as her-
bas,—alegrando as fon-
tes!...

¡Canta, paxariño alegre,
canta!
¡Canta porque o millo medre,
canta!
Canta porque a luz te escoite,
canta!
Canta que fuxeu a noite.

Noite escura
logo ven
e moito dura
co seu manto
de tristura.
Con meigallos
e temores,
agoreira
de dolores,
agarimo
de pesares,
cubridora
en todo mal.
¡Sal...!

Que a auroriña
o ceu colora
cuns arbores
que namora,
cun sembrante
de ouro e prata
teñidiño
de escalrata.
Cuns vestidos
de diamante
que lle borda
o sol amante
antre as ondas
de cristal.

¡Sal...!
señora en todo mal,
que o sol
xa brila
nas cunchiñas do areal;
que a luz
do día
viste a terra de alegría;
que o sol
derrete con amor a escarcha fría.

II

Branca auro- ra
ven chegan- do
i ás porti- ñas
vai chaman- do
dos que dor- men
esperan- do
¡o teu folgor!...
Cor...
de alba hermosa
lles estende
nos vidriños cariñosa,
donde o sol tamén suspende,
cando aló no mar se tende
de fogax larada viva,
dempois leve, fuxitiva,
triste, vago resprandor.
Noite escura
logo ven,
e moito dura
co seu manto
de tristura,
con meigallos
e temores,
agoreira
de dolores,
agarimo
de pesares,
cubridora
en todo mal,
¡sal!...
¡Sal!
Señora en todo mal,
que o sol
xa brila
nas cunchiñas do areal,
que a luz
do día
viste a terra de alegría,
que o sol
derrete con amor a escarcha fría.
¡Arriba
todas, rapaciñas do lugar!,
que o sol
i a aurora xa vos vén a dispertar.
¡Arriba!
¡Arriba, toleirona mocidad!,
que atru-
xaremos-cantaremos o ¡¡¡ala...lá!!!...









Comentarios (0) - Categoría: CREOCOMUNICACIóN - Publicado o 25-02-2014 06:59
# Ligazón permanente a este artigo
Unha Lingua da Cabeza á Boca, pero con Corazón e con Esqueleto
Lembrades o traballo que fixemos o curso pasado? Propoñemos un novo traballo para presentar aos Intercambios Escolares "Martín Sarmiento" deste curso 2012-13 que como sempre terán lugar o próximo 9 de marzo, coincidindo co nacemento do ilustrado galego-berciano.



Este ano a reflexión da que partimos será a seguinte: Unha lingua é coma un ser humano con cabeza, boca, corazón e esqueleto.

Sarmiento naceu no Bierzo, pero logo viviu en Pontevedra na súa infancia aprendeu a falar galego. Logo xa adulto repararía en que a pesar das diferenzas que existen á hora de falar na costa de Galicia ou no interior e nas montañas máis orientais e estremeiras, fálase un mesmo idioma, distinto do castelán, pero tamén fillo do latín. Que é logo o que nos permite falar dun mesmo idioma para todo este territorio?

Sarmiento viviu nunha cela dun mosteiro madrileño a meirande parte da súa vida, uns 60 anos dos 77 anos que viviu. Pero aínda así nunca esqueceu a lingua que mamara e sobre todo a partir de 1745 e a súa viaxe a Galicia. Eses 9 meses na súa Terra serán coma un proceso de xestación e cando volta á cela dará a luz as súas 1200 coplas, un libriño en galego, que nunca editaría, como a meirande parte dos seus escritos, pero que será o comezo dun estudo en conciencia sobre as orixes, o pasado e o presente, mesmo certas reflexións importantes pensando no futuro da nosa lingua. Estudos que non deixará xa ata que morra no ano 1772 na súa cela madrileña, unha cela de ciencias e letras. Grazas a iso Sarmiento é o pai das Letras, coñecedor da gramática, esa que vénsendo o esqueleto da nosa lingua, porque aínda que o que vemos dela é a fala, o que soltamos por esa boca os aproximadamente 3000000 de falantes, un idioma precisa de varios soportes fundamentais para garantir a súa existencia: a cabeza que liga o coñecemento do mundo real e produce palabras coas que explicamos en cada idioma e cada cultura ( que son a tradución das sensacións coas que percibimos) ese mundo que nos rodea.
Ademais os seres humanos temos sentimentos que nos fan sentir emocións que normamente dicimos son transmitidas ou comunicadas polo corazón.

Que sería da nosa lingua sen un esqueleto que lle dera consistencia a ese corpo tan grande de falantes tan dispersos e diversos que a formamos. Pensade que nos dicimos corazóns, outros din corazós e outros corazois, pero todos nos sabemos parte dun mesmo corpo.
Comentarios (0) - Categoría: CREOCOMUNICACIóN - Publicado o 14-02-2013 23:23
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal