Víchelo, miráchelo!



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Estereotipos e prexuízos


A modo de introdución: Sobre os estereotipos e práctica para identificar prexuízos lingüísticos.

Traballando sobre os prexuízos:
Comentarios (0) - Categoría: SOCIOLINGÜÍSTICA - Publicado o 17-10-2019 09:07
# Ligazón permanente a este artigo
ECOLOXISMO LINGÜÍSTICO
Na actualidade está moi de moda o plurilingüismo,que case todo o mundo entende como a capacidade dunha persoa ou sociedade de dominar varias linguas. Iso, sen lugar a dúbidas, é un dos potenciais do ser humano, ter e poder usar varios idiomas, enriquecer os seus coñecementos e aumentar a súa capacidade de comunicación con outras culturas a través do uso de outra/s lingua/s distintas das maternas ou propias.

Pero hai outra faceta menos divulgada que é a de coidar que o mundo non perda linguas que están en perigo de desaparición. Ese é logo o interese do Ecoloxismo Lingüístico, loitar pola defensa da diversidade lingüística do mundo, por non perder linguas en vías de extinción poñendo en práctica medidas de protección das linguas ameazadas.

Sabías que hai 10 millóns de anos debía haber na terra unhas 20.000 linguas? Hoxe só quedan 6900 formas de descubrir o mundo.
Como comenta o libro de texto, un dos idiomas da illa Andamán quedouse recentemente sen falantes.
Grazas á páxina www.survival.es podemos coñecer este caso e algún máis.

O derradeiro falande de dálmata Tuone Udaina

A derradeira falante da lingua tasmaniana Fanny Cachrane Smith.

A derradeira falante de córnico, un idioma céltico:Dolly Pentreath. O córnico é unha lingua revivida no século XX e hoxe crése que hai máis de 2000 falantes deste idioma recuperado.

O idioma da Illa de Man, o derradeiro falante de manx: Ned Maddrell

O derradeiro falante de ubijé: Tevfik Esenç

O da derradeira falante da lingua eyak: Marie Smith Jones

Así aparecía a noticia da súa morte na Voz de Galicia en 2008:

Morre a derradeira nativa de Alaska que falaba a lingua “eyak”.

Efe VOZ DE GALICIA 24-I- 2008
WASHINGTON. A cacique Marie Smith Jones, a derradeira nativa de Alaska que falaba a lingua “eyak”, morreu esta semana aos 89 anos de idade, segundo informou onte o diario The Anchorage Daily News. En Alaska e as illas Aleutianas viven uns 66.390 nativos, dos que aproximadamente 14.800 falan aínda algún dos idiomas orixinais que pertencen a catro grupos lingüísticos. Segundo Leonard Smith, neto da cacique Marie, a muller foi achada morta na súa cama e a familia cre que faleceu mentres durmía. “ Todos din ‘así xa non sofre máis’ comentou ao diario a neta Sherry Smith, “ porque sufrirá moitas dores durante anos”.

Marie Smith Jones, que nacera no 1918 en Cordoba e viviu os seus últimos anos en Anchorage era a derradeira “eyak” de puro sangue e xefa da súa minguante tribo, á que conducirá nunha batalla legal contra as grandes empresas madereiras que cortaban bosques en terra ancestrais. Michael Krauss, da Universidade de Alaska en Fairbanks, un experto en linguas indíxenas, calculou que dez mil anos atrás, cando había na Terra uns 10 millóns de humanos, falábanse máis de 20.000 linguas, e foron a integración social e económica, o desenvolvemento das comunicación globais e a extinción ou asimilación das culturas autóctonas o que levou á desaparición de milleiros de idiomas.




Cuestións para saber máis:
1-Cantos idiomas hai hoxe no mundo?
A ver se dás coa resposta axeitada. A metade dos idiomas do mundo teñen menos de:

1000 falantes
2000 falantes
10.000 falantes

A cada canto desaparece unha lingua?

Un comunicado da Federación Internacional de Tradutores no Día Internacional da Tradución (30 de setembro)vén moi a conto:
"O noso planeta é rico na diversidade lingüística. As aproximadamente seis a sete mil linguas faladas en todo o mundo son o depósito da nosa memoria colectiva e o patrimonio intanxible. Pero a diversidade lingüística e cultural que ofrecen está baixo a ameaza: o 96% destas linguas son faladas por só o 4% da poboación mundial e centos de elas axiña se perderán para sempre.
A UNESCO e as Nacións Unidas pediron aos seus Estados Membros apoiar e protexer a variedade de linguas que se falan polos pobos do mundo. A Declaración Universal da UNESCO sobre a Diversidade Cultural, adoptada en 2001, establece que "a diversidade é tan necesaria para a humanidade como a biodiversidade para a natureza". O seu exdirector, Federico Mayor Zaragoza, dixo:
"Se perdemos a diversidade cultural, perdemos a maior riqueza que temos".

Por iso o noso traballo durante este curso cremos que debe encamiñarse na procura de preservar o espazo do galego, ese que debe ocupar Galicia no mundo.


2- CALES PODEN SER AS CAUSAS DA DESAPARICIÓN DAS LINGUAS E DA EXPANSIÓN DOUTRAS?

Os romanos chegan ao noso territorio cara o 131 a.C. Esta terra tiña unha cultura prerromana que chamamos castrexa que seguramente facía uso de diversas linguas non escritas. Os romanos someten á poboación tras diversas guerras con galaicos, cántabros e ástures e establecen unha división provincial na Península dentro do gran Imperio creado por eles. Gallaecia será unha provincia romana (maior do territorio actual de Galicia, pois chegaba polo sur ao río Douro e polo leste ata Cantabria. O latín substituíu as linguas dos anteriores poboadores que desapareceron,pero sobre o latín créase a base da que nacerá máis adiante o galego cara o século IX d. C.


3- SE NO MUNDO HAI 200 ESTADOS E SE FALAN MÁIS DE 6.000 LINGUAS, QUE PODEMOS DEDUCIR DESTES DATOS?
Comentarios (0) - Categoría: SOCIOLINGÜÍSTICA - Publicado o 28-05-2019 22:27
# Ligazón permanente a este artigo
LEIS E LINGUA
Tras da lectura das páxinas 154 e 155 do libro imos tentar saber realmente cal é a situación legal (o galego nas administracións e na sociedade a través das leis) do galego respondendo en detalle a estas preguntas:

1-Que é o Estatuto de Autonomía de Galicia? O noso Estatuto é o primeiro que temos?

2-Que é a Lei de Normalización?

3-Para que serve o Plan Xeral de Normalización?

4-Que é a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias? O goberno español asinou esta carta no ano 1992.

5- Cal é a situación legal do galego fóra da Galicia administrativa?

Finalmente imos realizar unha crónica (texto xornalístico a medio camiño entre a notocia, a reportaxe e a opinión) sobre a situación legal do galego no momento presente.

Comentarios (0) - Categoría: SOCIOLINGÜÍSTICA - Publicado o 06-03-2019 20:17
# Ligazón permanente a este artigo
Será o galego unha imposición?

Imos seguir traballando con prexuízos e aquí temos outro moi repetido: O galego é unha lingua imposta.
Comentarios (0) - Categoría: SOCIOLINGÜÍSTICA - Publicado o 06-02-2019 06:24
# Ligazón permanente a este artigo
Imos falar sen prexuízos?


Traballando coa sociolingüística, é dicir, coa relación entre da sociedade coa lingua , imos afondar na cuestión dos prexuízos lingüísticos
Comentarios (1) - Categoría: SOCIOLINGÜÍSTICA - Publicado o 06-11-2017 19:17
# Ligazón permanente a este artigo
Prexuízos lingüísticos en Galicia

Coa intención de participar deste proceso de coñecemento da nosa identidade, do proceso de Normalización da Galicia do século XXI, seguimos a traballar para poder comezar cunha campaña que, baixo o lema "En GALEGO, PORQUE É DE XUSTIZA", combatamos os prexuízos lingüísticos no noso centro comezando por nós mesmos.

Para poder vertebrar a campaña, deseñar distintas propostas de actuación, na aula e fóra da mesma, imos ter que coñecer moi ben que tipo de prexuízos estamos a combater, para establecer unha estratexia útil e eficaz á hora de erradicalos.

PARTINDO DUNHA SITUACIÓN INXUSTA

O galego é o idioma propio de Galicia, o castelán instalouse a través dun longo proceso de imposición por parte dos poderes públicos, especialmente durante a segunda metade do século XX.

En Galicia falar en galego ou falar castelán está cheo de connotacións e mesmo de prexuízos, é dicir, marcado negativamente. Isto prodúcese porque partimos dun contexto no que non existe unha situación de equilibrio entre ambas linguas como para poder dicir aquilo de "que cada quen fale a lingua que lle pete" porque nin os castelanfalantes poderían escoller ao descoñecer en gran medida o galego, nin os galegofalantes poden desenvolver, aínda que o queiran, a súa vida plenamente en galego.



ALGÚNS PREXUÍZOS LINGÜÍSTICOS QUE QUEREMOS ERRADICAR

-1º PREXUÍZO: É unha descortesía falarlle en galego a alguén que non o fala.

Argumento: Tendo en conta o anteriormente dito sobre a dificultade dun galego falante para desenvolver a súa vida plenamente en galego e , á vez, a situación dos castelanfalantes que, aínda que non falen galego, o entenden. Se consideramos de mala educación falar galego se alguén nos fala en castelán en Galicia, de ser certo, estás pensando que o teu interlocutor castelánfalante está limitado intelectualmente ou que a nosa lingua é inferior a outras linguas. Os de fóra teñen máis dereitos lingüísticos ca nós?

2ºPREXUÍZO: É unha lingua imposta.
Argumento: Lei de Normalización por unanimidade de todos os partidos no Parlamento. Só un 2% di non entender o galego.

3º PREXUÍZO: Lingua de vellos, de pobres e do monte.
En Galicia algunhas persoas teñen un estereotipo negativo sobre os falantes do galego; cres que lles pasa isto mesmo con respecto á súa lingua propia nun lugar como Madrid (por exemplo)?

4º PREXUÍZO: É unha lingua poucos falantes e a súa perda un proceso natural.
Argumento: O galego segue a ser a lingua maioritaria de Galicia, aínda que está minorizada, é dicir, necesitada de protección como consecuencia dunha imposición política (durante o Franquismo) e a ansia de ascender socialmente para saír do atraso económico.

5º PREXUÍZO: Só é útil en Galicia.
Argumento: Ao ter a mesma orixe que o portugués, lingua falada por 200 millóns de persoas facilita as posibilidades de relación e polo tanto económicas dos galegos no mundo en Portugal, Brasil. Son máis de 20 as universidades europeas nas que se estuda o galego.


ELABORAR UNHA PROPOSTA DE TRABALLO

Para combater os prexuízos lingüísticos que podemos facer? Imos realizar unha campaña do tipo "Gústame", pero centrada especificamente nos prexuízos que agora xa coñecemos que existen e que argumentos podemos usar para procurar aminorar os seus efectos na sociedade que nos rodea.
Deseña propostas dos contidos desa campaña:

1- Elabora un decálogo para empregares o galego na aula. Trátase dun "contrato" que se pode asinar para comprometérmonos a cumprilo de aquí a que remate o curso.
2- Analizar os prexuízos lingüísticos máis frecuentes que teñan prezenza no colexio e na contorna. Realizar unha enquisa para detectalo.
Comentarios (0) - Categoría: SOCIOLINGÜÍSTICA - Publicado o 07-11-2016 22:08
# Ligazón permanente a este artigo
ESTEREOTIPOS E PREXUÍZOS LINGÜÍSTICOS

Imos entrar neste apartado da Sociolingüística que analiza os prexuízos lingüísticos, un dos elementos que impide avanzar máis axiña no proceso de Normalización da nosa lingua. O obxectivo deste apartado, despois de saber identificalos, será lograr erradicalos. Os prexuízos son causantes de serias discriminacións e de claras inxustizas en contra do galegos e dos galegos.

Lamentablemente existen na sociedade multitude de prexuízos ademais dos lingüísticos. Contra as mulleres, comunidades ou países diferentes ao noso, etc... e, por iso, é de xustiza combatelos.

Un prexuízo é criticar sen argumentos obxectivos, sen ter coñecementos previos de algo. De tal xeito aglutinamos baixo un mesmo criterio varios grupos de persoas, é dicir, creamos unha opinión comunmente negativa sobre ese grupo de persoas ou unha situación sen reparar nas singularidades de cadaquén. O prexuízo lingüístico é un xuízo de valor sobre unha lingua e os seus falantes. Os romanos e os gregos falaban por exemplo de pobos "bárbaros" e polo tanto inferiores para referirse aos que non falaban latín ou grego, linguas do imperio.

Traballaremos logo sobre este tipo de opinións preconcibidas que están asociadas precisamente á socialización, ás regras sociais de convivencia, algunhas moi antigas e que frecuentemente acaban sendo causa de discriminacións de diversa índole.


COMO NACEN OS PREXUÍZOS?

Os prexuízos parten dunha tautoloxía (unha opinión irrefutable) que son os denominados estereotipos.

Primeiro pensamos, logo esas ideas pasan a ser sentimentos e o máis grave é cando se converten en accións negativas.

CUESTIÓNS:
1-IDENTIFICANDO OS PREXUÍZOS MÁIS COMÚNS SOBRE O GALEGO
Despois de definir o concepto debemos dar un paso máis neste proceso de erradicación dos prexuízos.
A primeira das metas que nos marcamos é poder identificar ditos prexuízos. Imos probar sobre un texto, unha situación determinada.
Imos probar a identificar que prexuízos dos que aparecen na listaxe da ilustración están neste texto adaptado dun relato de Suso de Toro:

- ¿Qué quiere?
- Viña cambiar o meu nome do castelán para o galego.
- Pero hombre, no le entiendo. ¿Qué pasa con su nombre? ¿Está mal?... es que no acabo de entender lo que pretende usted exactamente. No sé a dónde quiere llegar.
5- Pois … Mire, o nome co que eu figuro no Rexistro Civil é “José”. Ben, pois onde di “José” eu quero que poña “Xosé”. Non sei se me expliquei ben ou lle queda confusa esta última parte.
- No me sea irónico, que así no se le va a ninguna parte. En resumidas cuentas, usted lo que pretende es traducir su nombre al gallego. Ya veo. Verá yo no me quiero meter en lo que no es de mi incumbencia, pero dígame, ¿no le gusta su nombre? José es un nombre muy bonito. Yo mismo me llamo José. Y mi hijo mayor, que es abogado.
10- Mire, señor José, nin me gusta nin me deixa de gusta o meu nome, pero eu quero que figure en galego.
- Ya, ya veo. Pero, total, a usted qué más le da. Si usted quiere llamarse Xosé, ¿quién se lo impide? Es libre de firmar como quiera.
- Xa, pero eu quero que, ademais de chamarme eu a min mesmo “Xosé”, figure así nos papeis. Que se me recoñeza o meu nome.
15- Ya. Como los travestis, que se operan y luego quieren que se les reconozca el cambio de sexo. Vamos, entre hombres, de tú a tú. Dígame la verdá, ¿a usted le llama realmente alguien “Xosé”? Non lle pasa coma a min que todos me chaman Pepe?
- Si, home. Pero eu quero figurar a todos os efectos legais coma o “ Xosé” que son.
- Ya, como los travestis. O sea que lo suyo es debido a sus ideas.
20- Pois si señor. O meu idioma é o galego, o idioma do meu país é o galego, e eu quero dentro e fóra do meu país chamarme “Xosé”. En galego. Non sei se me explico.
- Se explica usted perfectamente. Es sorprendente cómo las ideas políticas pueden esclavizar a una persona. Y eso que usted parece una persona con estudios…¡Usted es un fanático! Alá usted y las consecuencias que le deparen sus actos. Pero no piense ni por un
25) momento que es usted más gallego que yo. Mire, tamén eu sei falar galego. Sempre que vou ao campo e falo cos paisanos, falo galego. A Marela, o carro , a fonte… Pero galego verdadeiro, eh. O enxebre. Non ese inventado agora polos profesores que non o mamaron. Vostede mamou o galego?, eh?, mamouno?
Comentarios (0) - Categoría: SOCIOLINGÜÍSTICA - Publicado o 03-11-2016 18:48
# Ligazón permanente a este artigo
O NOME DE GALICIA E O GALEGO NO MUNDO
A identidade dunha persoa pode ser definida pola terra na que nace (ou na que medra. Cando dicimos esta é a miña Terra con maiúscula estamos a falar da Nosa Terra, esa que a ti e mais a min e aos nosos (a nosa familia, os nosos amigos) nos fai semellantes ou idénticos, se nos apuramos case iguais.
De aí que identidade teña esta acepción no dicionario: identidade= a igualdade, semellanza. Outra acepción é a de "personalidade" ou a de "comunidade", que nos volve a indicar o que temos como serse que vivimos en sociedade en común cos outros habitantes da Nosa Terra, Galicia.

NA PROCURA DA ETIMOLOXíA DA PALABRA: GALICIA

Etimos + logos son dúas palabras gregas en orixe. Procurar a orixe verdadeira das palabras é buscar a etimoloxía dunha palabra, indagar de onde procede e cal é o seu significado orixinario.

Imos saber hoxe de onde procede a palabra GALICIA, quen nos puxo este nome, e mesmo coñecer un sufixo moi usado na nosa lingua, tanto que aparece na palabra gal-ego. Visualiza este dous vídeos e logo responde as cuestións:






Cuestións:
1- Cal é o obxectivo do micro programa "Ben falado"?
2- O galego vén do latín, o latín vén a ser a nai da nosa lingua, pero quen é a avoa do galego?
3- Quen lle puxo o nome de Gallaecia a Nosa Terra:
4- Dos sufixos latinas aic /eic = -ego naceu un sufixo moi galego. Cita tres palabras que o conteñan.
5- Por que cres que a montaxe que inclúe o primeiro dos vídeos denomínase "palabras milenarias"? Argumenta a resposta.
6- "Chover miudiño" e “ás cuncas" ou "a cachón” Que diferenza hai?
7- Cal é a etimoloxía de "Galicia" de Callaecia?
8- O galego forma parte do privilexiado 5% que significa isto?
9-En que continentes hai máis linguas?
10-Cantas linguas do mundo hai en Europa?
11-De quen depende a continuidade das nosas linguas?
12- Despois de ler o seguinte texto e consultando as dubidas de vocabulario que teñas, intenta expresar coas túas palabras o que nos quere dicir.


Le agora o seguinte texto:
COMO SERMOS VERDADEIROS?

A nosa lingua é o camiño de ouro da nosa redención e do noso progreso: sen a lingua morreremos como pobo, e nada significaremos endexamais na cultura universal. Se o galego quere ser máis que habitante dun territorio, se arela ser un factor de universalidade e de cosmopolitismo, soamente co emprego da lingua propia, obra da natureza, poderá selo. Arrenegando da lingua terá que avergoñarse sempre de si mesmo. Creando valores na lingua propia, axiña seremos universais…

Eses que viven de costas ás orixes dificilmente poderán redimirse da servidume do mimetismo. ¿Qué cousa máis orixinal que a lingua dun pobo, xerada por accións e reaccións seculares entre o home e a Natureza, para facelo diverso no universo? (...)

ANTÓN VILAR PONTE, Pensamento e Sementeira
Comentarios (0) - Categoría: SOCIOLINGÜÍSTICA - Publicado o 26-11-2013 06:47
# Ligazón permanente a este artigo
QUE CAUSOU O DESCENSO DO GALEGO NO SÉCULO XX?
Cal é a razón de que o galego dende a época dos nosos avós a hoxe tivese un descenso considerable no número de falantes?

O IDIOMA GALEGO DURANTE O FRANQUISMO (1936-1975)
Observa este cartel que se repartía en Galicia nos primeiros anos da Ditadura de Franco (1942).

- Debemos saber que o noso idioma foi prohibido nas escolas, nos actos públicos, nos xornais, no cine… sendo habitual o castigo físico dos rapaces ou rapazas que o usasen na escola, os despidos de funcionarios ou as multas a xornais e escritores, mesmo a censura que impedía a publicación ou a tradución de libros ao galego. O castelán era o único idioma que se ensinaba e usaba en público, considerando o galego, catalán ou o éuscaro dialectos. Nesa sociedade represora viviron os vosos avós e nela naceron ou esa situación herdaron, en gran parte, os vosos pais/nais.

Todos vós tivestes, grazas á volta da Democracia, unha mellora considerable á hora de poder coñecer e usar o galego nas aulas, pero aínda así, pasados máis de 30 anos, seguimos sendo herdeiros e sufrimos dalgún xeito a presión dunha sociedade condicionada pola imposición que a ditadura exerceu durante os 40 anos que durou. Esa que, en gran medida, fixo que descendese o número de galego-falantes nos últimos anos.

O feito de que os nosos pais/nais non nos falen a nós en galego é logo unha consecuencia das prohibicións e o desprestixio que durante o Franquismo se fixo da lingua galega.

Despois de analizar as prohibicións do Franquismo como unha das principais causas do descenso de galego-falantes nos últimos anos, imos completar esta análise con outra causa non menos importante.

A PERDA DO GALEGO COMO CONSECUENCIA DA DESRURALIZACIÓN.

A lingua galega sufríu un descenso de falantes a partir de mediados do século XX tamén como consecuencia da desruralización.

A desruralización de Galicia é a perda de poboación das aldeas e pobos, mesmo das vilas, especialmente das provincias do interior (Lugo, Ourense, pero tamén de zonas máis afastadas da costa da Coruña e Pontevedra). Esta xente marcha do campo para ir vivir e traballar ás cidades galegas ou fóra de Galicia. Un proceso de emigración que se agudizou nos tempos de Franco e que xunto coa presión e a represión exercida a través das escolas provocou que se fora impoñendo o uso do idioma castelán entre os máis novos. Neste vídeo podedes ver as condicións nas que se escolarizaban aos nenos/as das aldeas do interior de Galicia nos últimos anos do Franquismo:



CUESTIÓNS SOBRE O VÍDEO: As Escolas no Franquismo e a desruralización.

1- A pesares de seren o galego o idioma de Galicia, sabes cando se introducirá por vez primeira nas escolas?

2-Describe en detalle seguindo o que din as mestras cal era a situación dos escolares do rural nos últimos anos do Franquismo.

3- Unha das protagonistas da reportaxe é unha rapaza, en que condición de especial dificultade vive? Por que prefería comer no colexio co resto dos seus compañeiros das aldeas de Friol?

4- Que queren ser de maiores estes nenos/as? Por que cres que ningún quere permanecer no campo? Razoa a resposta.

5-Que fan os rapaces e que fan as rapazas ao rematar a xornada escolar e volver as súas casas? Teñen moito tempo para facer os deberes?

6- A Avoa que aparece ao final da montaxe, en que idioma canta aos seus netiños?

Ademais da escolarización no único idioma oficial da Ditadura,ao chegar ás cidades, os medios de comunicación como a Radio, a TV e os xornais e outros fenómenos de masas como o Cinema, van exercer tamén unha forte presión sobre a poboación galego-falante para que troque de idioma.

Comeza así a asociarse progresar co uso do castelán, e, aínda que o galego sexa o idioma máis usado en Galicia ou maioritario, será un idioma minorizado por non gozar de prestixio e de valor para os seus propios falantes.

Hoxe para o galego, a pesar da desruralización, as cousas foron cambiando un pouco como podemos comprobar na mesma escola en Friol (Lugo):

Comentarios (0) - Categoría: SOCIOLINGÜÍSTICA - Publicado o 25-10-2012 08:21
# Ligazón permanente a este artigo
A LINGUA DOS NOSOS AVÓS: ENQUISA (II)

Dentro da campaña que ten que ver co lema do curso "Respectamos a nosa identidade" traballamos en Sociolingüística sobre o USO DA LINGUA DOS NOSOS AVÓS.

O primeiro realizamos unha enquisa básica recollendo datos como o idioma, a data e lugar de nacemento e oficio dos nosos bisavós, avós e pais para logo preguntarmos polo idioma que falaban ou falan e pola lingua máis empregada por nós mesmos hoxe e responder cos datos de toda a clase na man ás seguintes respostas:

1- Por que os nosos bisavós falaban galego maioritariamente? (Dá unha resposta razoada con tres argumentos ben expostos).

2-Por que os nosos avós falan máis galego? Debemos fixarnos que moitos naceron antes da guerra (1936), pero que logo viviron o Franquismo.

3- Por que os nosos pais e nais pola contra e en xeral falan máis castelán segundo os resultados das enquisas? cales cres que son os motivos?

4- Cres que os nosos pais/ nais escolleron libremente o idioma que falan? Argumenta convenientemente a resposta.

5- Por que nós non usamos a lingua dos nosos avós e non falamos máis galego? Procura tres ou catro argumentos ben razoados.
Comentarios (0) - Categoría: SOCIOLINGÜÍSTICA - Publicado o 28-03-2011 22:21
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal