Víchelo, miráchelo!



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Traballar coa poesía para saber quen somos

Imos comezar a traballar máis a fondo co xénero lírico, coa poesía un 24 de febreiro aproveitando esta data na que nacía Rosalía de Castro en Compostela. Teremos como referente certos poemas que son pezas claves consideradas parte da nosa identidade desde o texto co que comezamos: Adiós ríos, adiós fontes... ata co que máis adiante cara o mes de maio remataremos: Que din os rumorosos... Rosalía e Pondal que con dous estilos diferentes representan dalgún xeito o sentir da terra, o sentir de Galicia. Pero non serán os únicos autores dos que falemos, non serán estes os únicos poemas cos que traballemos, mesmo crearemos nós mesmos os nosos poemas para expresar tamén as nosas emocións e sentires a través da escrita e dos versos. Bótalle unha ollada a este vídeo e comprobarás que todo o dito é posible.
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 25-02-2012 08:13
# Ligazón permanente a este artigo
ELENA GALLEGO CON 2º A e B FALANDO DE DRAGAL
Por fin chegou o día en que compartimos a lectura de DRAGAL, A herdanza do dragón coa súa autora. Descubrimos que está afincada en Marín e que o seu fillo ten moito que ver coa motivación para poñerse a escribir sobre dragóns. Soubemos que lonxe de imitar lugares comúns doutras novelas fantásticas e sagas de ficción máxica, Elena quixo facer posible unha novela partindo da mitoloxía e da historia de Galicia. Tamén soubemos que a terceira entrega está a piques de editarse e que iremos descubrindo na segunda e na terceira novos personaxes que xunto con Hadrián e Mónica ou Don Xurxo, irán poñendo ante o lector ávido de aventuras e maxia a Irmandade do Dragal.
Puidemos preguntarlle aspectos relacionados coa novela que nos intrigaban, aíndfa que algúns non foron de todo clarificados porque teñen que ver coa trama da segunda ou da terceira entrega, e claro se nos fixo unha constante invitación a lelas. Falounos ademais de cal era o seu método de traballo de como procuraba información e como dunha lenda ou un documento ela construía a ficción adaptándoa aos personaxes e ao fío condutor da saga que ela creou a priori. Dixo que era como un proceso á inversa de visualizar unha película e escribir o guión. Ela primeiro visualiza o que quere escribir na súa imaxinación e logo vai escribindo para darlle saída aos problemas que con anterioridade tiña en mente. ás veces isto resulta complicado ou complexo. Hai están os detalles como o dos morcegos e a relevancia dos seus excrementos na investigación policial que aparece na recta final da primeira parte de DRAGAL. Rematou asinando libros q a quen quixo nun contacto directo e próximo cos seus lectores a quen preguntaba que era o que máis lle gustara da súa novela.
No blog da Biblioteca de Secundaria podedes ver unha reportaxe fotográfica máis completa. Para coñecer mellor a autora podedes ver no seguinte enlace da editorial xerais varias entrevistas e críticas do seu libro.
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 16-01-2012 21:39
# Ligazón permanente a este artigo
INFORMACIÓN SOBRE DRAGAL

A primeira das lecturas que imos abordar neste curso coa intención de participar dun Encontro co autor e de paso participar na presente edición, na do 2012 do Premios Sarmiento que organizan os Equipos de Dinamización Lingüística das Escolas Católicas de Galicia é o libro de Elena Gallego titulado DRAGAL.

Propoñémonos facer desta lectura ademais unha reflexión práctica sobre os textos narrativos analizando a estrutura da novela e identificando en cadanseu capítulo os elementos da narración que presenta. Tamén seremos creativos e iremos realizando unha ilustración capítulo a capítulo.
Promete ser unha lectura entretida e instrutiva.

Para saber máis aquí tes un enlace co blog creado pola autora sobre o seu libro Dragal, a herdanza do dragónTamén é moi recomendable estoutro enlace onde hai información complementaria de gran interese á hora de ler DRAGAL. A herdanza do Dragón.
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 22-12-2011 11:06
# Ligazón permanente a este artigo
DRAGAL, LECTURA E NADAL
A primeira das lecturas que imos abordar neste curso coa intención de participar dun Encontro coa autora e de paso participar na presente edición, na do 2012 do Premios Sarmiento que organizan os Equipos de Dinamización Lingüística das Escolas Católicas de Galicia é o libro de Elena Gallego titulado DRAGAL.

Propoñémonos facer desta lectura ademais unha reflexión práctica sobre os textos narrativos analizando a estrutura da novela e identificando en cadanseu capítulo os elementos da narración que presenta. Tamén seremos creativos e iremos realizando unha ilustración capítulo a capítulo.
Promete ser unha lectura entretida e instrutiva.

Comezamos polo resumo ou ARGUMENTO desta historia de intriga e aventura, de amizade e fantasía.
Hadrián atópase na clase de matemáticas nos minutos nos que a profesora reparte os exames mentres que sen que ninguén se dea conta na aula, dende a fachada da vella igrexa de San Pedro que se atopa fronte do centro do ensino o Dragal observa a situación. Dona Ermidas, a profesora, entrégalle o exame a Hadrián que curiosamente sacou un 10. O dragón dende a cornixa chíscalle un ollo. E a profesora que estivera preocupada polo rapaz que veu trasladado despois da morte do seu pai dille ao final da clase anímao a que siga así apa atopar o seu camiño. Un camiño misterioso que Hadrián agora sabía que se abrira séculos atrás.

O NARRADOR neste capítulo é unha voz externa ao relato en terceira persoa. É un narrador omnisciente que coñece o pasado o que pensan os personaxes (Hadrián ou Ermidas.

OS PERSONAXES: Parece haber un protagonista claro neste capítulo que é Hadrián e outro personaxe( se cadra o antagonista) misterioso denominado Dragal, aparecen os nomes de varios compañeiros de clase do rapaz: Mónica que parece coñecer a Hadrían porque ao final agarda por el, Miguel, Teresa, Antón… secundarios e tamén nun papel secundario , un tanto máis relevante que os anteriores neste capítulo, o de Dona Ermidas a profesora de matemáticas.

ESPAZO(s): a Aula que se atopa nun centro de ensino fronte a unha vella igrexa cuxa fachada vese dende a fiestra.

TEMPO(s): ( Aquí debemos distinguir entre o tempo relatado ( canto tempo se narra) e cómo se relata ese tempo e que chamamos o tempo do discurso. Este pode ser lineal se coincide co anterior ou descontinuo podendo ser mesmo unha retrospección (indo de adiante cara atrás).
O tempo relatado é o que podería durar aproximadamente unha sesión de clase de matemáticas na que se entregan uns exames.
O tempo do discurso que neste capítulo coincide co relatado porque é lineal comeza no principio e remata ao final da clase, aínda que hai referencias ao pasado de Hadrián e ao comezo do curso, non se chega a dar un salto a un tempo pasado, é unha pequena referencia.

MODOS DE DISCURSO (A autora pode escoller entre narración, descrición ou diálogo á hora de contar esta historia. Trátase de comentar en cada capítulo cal dos tres domina e cando se utiliza , se é que se usa calquera dos outros dous).
No 1º capítulo Dragal domina a narración de acontecementos, non hai descrición (unha liña describe o aspecto do exame de Hadrián) e o diálogo aparece cando dona Ermidas aos alumnos os exames e unha pequena conversa entre ela e o protagonista.
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 20-12-2011 23:26
# Ligazón permanente a este artigo
LECTURAS DO 2010-2011
Este ano como comeza a ser tradicional participaremos no Premio Frei Martín Sarmiento convocado polos EDLG da FEREGA que consiste en ler unha serie de libros e logo puntuar o que máis nos gustou.

Os títulos son os que seguen:

4ª categoría:alumnos/as de 2º de ESO

CAMPO, MARICA; E Xoel aprendeu a voar; Ed.
Obradoiro.
Xoel é un neno abúlico, que leva unha vida pasiva e sedentaria. Prefire mil veces estar diante do ordenador ca ir xogar cos amigos. Seus pais prevén a posibilidade de mandalo a un ximnasio, mais a Xoel parécelle innecesaria toda actividade que requira un mínimo esforzo. A súa vida cambiará dunha maneira progresiva na obra.

CASTRO FRANCISCO; Chamádeme Simbad; Ed. Galaxia.
O avó fai cousas raras. Esquécese de todo. Cámbialle o nome a todo o mundo. Incluso ao seu neto. Que se chama Paulo, pero que para o avó é Simbad o Mariñeiro.As cadeiras son barcos e os piratas rodéanos por todas partes. E hai filibusteiros inimigos alí onde mires. Os adultos, coa súa mirada de adultos, non poden entender nada. Pero Paulo sí que comprende o avó. Porque é un neno con mirada de neno. El é o único que o entende. El é o único que, cando as cousas se poñan feas, vai saber como actuar. Paulo, ou Simbad o Mariñeiro, tanto ten, loitará contra a enfermidade do avó, contra dos adultos e, sobre todo, contra do egoísmo.

LEMA, RAFAEL; O tesouro da corsaria; Ed. Tambre
“O tesouro da corsaria” é a parte final dunha triloxía de aventuras mariñas protagonizadas polo corsario de Camariñas da época napoleónica Ambrosio Álvarez Pardiñas, persoeiro real dono do bergantín La Constancia de Galicia con base en Veracruz, tras a publicación de Capitán Araña e Crónicas Corsarias. Nesta ocasión, o capitán Pardiñas xúntase cunha muller pirata apátrida, de orixe galego-catalán, Sofía Rivas alias A Catalana, para iren polo tesouro dunha famosa pirata, Anne Bonney, nas costas de Norteamérica. Nesta xeira sufrirán batallas mariñas, asaltos, naufraxios, ciclóns, a traición, e veranse envoltos en escuras tramas políticas e relixiosas nun mundo envolto nas guerras napoleónicas no ano 1805, o ano de Trafalgar e da batalla de Fisterra, e no agromar dos movementos independentistas americanos.
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 08-11-2010 06:15
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] [3] 4
© by Abertal