Víchelo, miráchelo!



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

UN OLLO DE VIDRO. MEMORIAS DUN ESQUELETE

Imos comezar co PLAN LECTOR deste curso en galego cun texto moi coñecido de A.D. Rodríguez Castelao.

Primeiro temos que facernos co texto (libro, libro dixital...) de UN OLLO DE VIDRO e logo iniciar a lectura con esta advertencia, tras coñecer a biografía de Castelao.

Agora que xa sabemos que Castelao era médico e coñecido caricaturista, imos ver cano e como escribiu esta obra. O noso autor foi invitado a dar unha charla sobre o humor e a arte en 1920 nunha exposición na Coruña e alí comezou a escribir este relato que logo ampliou e rematou coa intención de que a narrativa galega contase con novos textos. Iso de que houbese máis textos en prosa escritos en galego, unha das teimas da xeración de autores da época, ligados ás Irmandades da Fala e a Xeración Nós.

Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete

Estrutura complexa: Atentos aos narradores
Nesta primeira obra Castelao preséntanos as memorias escritas por un esquelete nun cemiterio de cidade e que o enterrador lle entrega a el. Desde o propio prólogo, o autor sitúanos perante unha obra de humor macabro:

Iste enterrador tense por home de ben e cóntame cousas tráxicas que fan rir e cóntame cousas de rir que arrepían.

Mais o humor non é un fin en si mesmo, senón unha forma de analizar criticamente a realidade. O narrador das memorias tivera en vida un ollo de vidro, o cal lle permite ver na súa existencia de ultratumba. Así, vainos presentando pequenos cadros con personaxes que levan consigo á cova a súa ideoloxía, a súa forma de vivir, etc.

Vaiamos da mao de Castelao a saber como é ese mundo de ultratumba!
Comentarios (5) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 10-11-2016 21:06
# Ligazón permanente a este artigo
LENDO E COMPRENDENDO

Para a lectura deste Nadal, Memorias dun neno labrego de X. Neira Vilas ios ir lendo cada capítulo e consultando as palabras ou expresións que non coñezamos e cando rematemos o capítulo realizar un breve resumo procurando manter a estrutura do propio relato (un parágrafo ou dous parágrafos) co argumento do mesmo, indicando o tipo de narrador, os personaxes, os espazos e os tempos que aparezan nese capítulo.

1-Vocabulario do capítulo
2-Resumo co argumento do capítulo
3- Narrador e personaxes.
4- Espazos e tempos.


A continuación poremos un exemplo do que hai que facer co primeiro dos capítulos:

EU SON...

1- Vocabulario: "ser un ninguén":ser unha persoa a que non se considera, marxinada ou despreciada.

non hai quen lle tusa: persoa á que se lle ten respecto.
Alancar: dar pasos grandes
Brocha: chatola
restrebar ou xuntar monllos: volver a labrar unha leira/ monllo é un atado de herba ou semellantes.
moxardos: moscas
muíños apeados: parados (por encherse de auga)
espeteiras: táboa con espetos ou garfos para colgar
Murnas: mancha na pel por efecto de achegarse ao lume.
fridas: (feridas)
Gurrucho: grolo
Broa: pan de millo
os trafegos da terra os labores da terra
Cortizo: colmea

Adoezo: estar falto ou desexoso de algo.
Tripando: pisar
baldeirar o corazón: baleirar os sentimentos e preocupacións.

2- O primeiro dos capítulos é a presentación do personaxe principal, Balbino, que se define como alguén sen importancia e pobre en oposición a outro personaxe, Manolito, ao que se repecta. É un neno de aldea fronte aos da vila. Está desexoso de ver mundo porque a aldea lle queda pequena e vese triste como os seus semellantes, tamén deescribir un libro. Finalmente dinos que escribe as súas reflexións sobre o mundo que adoece por entender e que a ninguén conta pois pensa que igual está algo tolo. Escribe para envorcar os seus sentimentos cada noite e liberarse desa pobreza que o abafa.

3-Narrador protagonista, é o personaxe principal, aínda que retrata tamén aos que son coma el de aldea. Outros personaxes con certos trazos de antagonistas: son Manolito (ao que se lle respecta) e os nenos da vila (distintos dos da aldea). Cítase a un tal Landeiro do que se di que lle deu un libro escrito por Smith.

4-O espazo ao que fai referencia é unha aldea galega, aínda que fala en concreto dende unha casa, a de Landeiro, na que vive e escribe.
Os tempos son imprecisos ao realizar unha reflexión sobre a súa curta vida no verán e no inverno, unha revisión do seu pasado dá a impresión dun tempo interno dunha secuencia reducida de varios anos da súa infancia na aldea na casa onde naceu e criou. O tempo externo: Os anos 40.





Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 17-12-2015 06:46
# Ligazón permanente a este artigo
O LIBRO PARA NADAL: MEMORIAS DUN NENO LABREGO

Imos ler un gran libro da nosa literatura para comezar co plan lector deste curso:
MEMORIAS DUN NENO LABREGO de Xosé Neira Vilas.




Este autor que estivo hai uns anos no colexio, faleceu lamentablemente hai uns días e neste curso temos a oportunidade de achegarmonos ao seu libro máis coñecido e universal.



Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 10-12-2015 19:35
# Ligazón permanente a este artigo
Comezando coas lecturas
Aínda que hai quen xa comezou a ler textos relacionados coa materia a raíz da celebración de Defuntos (falamos da lectura do texto de Castelao: Un ollo de vidro) esta lectura que propoñemos como obrigatoria será MADE IN GALIZA de Séchu Sende.

Trátase dun libro un tanto especial, habitualmente recomendado para outros cursos máis adultos, pero que imos introducir no presente como experiencia para traballar eses aspectos relacionados coa sociolingüística e a creación de textos de diversa índola que aparecen na Programación e que esperemos resulten deste xeito más doados de desenvolver e mellor asimilados por todos. Ademais queremos facer da lectura deste libro unha experiencia singular ao tentar levarla ao terreo da expresión oral, a dramatización e a utilización das TIC en galego a medida que vaiamos traballando os seus textos na aula.

Para a introdución-presentación desta lectura botaremos man dun pequeno vídeo:



Existe unha guía de lectura e exercicios sobre o libro: Lendo made in galiza

Imos seguir unha orde distinta á da aparición dos relatos no libro:

EU FIXEN OUIGHA CO ESPÍRITO DE CASTELAO

FALAR

A LINGUA MÁIS DIFÍCIL

NIN EN SOÑOS VOU PERDER A MIÑA LINGUA

A AGULLA DE MAREAR

INSTRUCCIONES PARA APRENDER A HABLAR GALLEGO


Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 05-11-2015 05:54
# Ligazón permanente a este artigo
Preséntase DRAGAL IV
Hoxe en Marín vaise presentar DRAGAL IV:
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 27-05-2015 06:19
# Ligazón permanente a este artigo
ELENA GALLEGO CON 2º DA ESO DO SAN NARCISO

Tras da lectura veu o Encontro coa autora do Dragal, Elena Gallego Abad. Foi toda unha experiencia de aproximación á raíz da creación dunha obra. Os motivos escollidos para crear a trama, as intencións da autora. Unha oportunidade para comprender mellor o proceso de creación e compartir impresións entre autora e lectores neste Encontro da Biblioteca de Secundaria do San Narciso que tiveron a fortuna de vivir hoxe os alumnos e alumnas de 2º da ESO.

Houbo tamén un momento para asinar libros e agasallar á Elena coas creacións que na procura do dragón galego se realizaron na aula.

Se queredes ver unha reportaxe máis ampla podedes vela no blog da Biblioteca de Secundaria.
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 18-03-2015 19:38
# Ligazón permanente a este artigo
ENCONTRO COA AUTORA ELENA GALLEGO

Despois de ler en Nadal o libro de Dragal I A herdanza do dragón de Elena Gallego Abad. Hoxe 18 de marzo teremos un Encontro coa autora organizado pola Bilioteca de Secundaria San Narciso e o Departamento de Galego coa intención de que os alumnos/as de 2º da ESO teñan unha experiencia lectora completa ao compartir as dúbidas, emocións e sentimentos que a lectura deste libro provocou coa súa escritora, ademais de escoitar da súa propia voz as vicisitudes da creación literaria e o seu complexo proceso.
Ao se tratar dun libro e dunha saga que está gozando dunha calorosa acollida, que conta xa con traducións a diversas linguas, esoutra faceta do mundo editorial tamén enriquecerá o coñecemento dos alumnos/as sobre o mundo do libro e contribuirá a que segan lendo máis e medrando en cultura.
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 18-03-2015 06:19
# Ligazón permanente a este artigo
ESCUDOS, BANDEIRAS E DRAGÓNS

A antiga bandeira do primeiro reino medieval de Europa, que foi Gallaecia, é dicir, un reino que os romanos venderon aos Suevos (que ocupaba ademais da actual Galicia, o Norte de Portugal e unha boa parte de Asturias e León) tiña unha bandeira que como consta nun documento do 1669 tiña un dragón e un león enfrontados. Aínda hoxe no escudo da cidade portuguesa de Coimbra podemos ver aquel vello dragón.

Ademais desta proba evidente da presenza do dragón galego na nosa Terra de vello, hai unha bo achea de escudos da nobreza galega que incorporan un dragón na heráldica particular:

Na fotografía que acompaña esta entrada vemos este da casa Balboa en Vilafranca do Bierzo, e non é o único que podemos apreciar, tamén aparece un dragón de distinta maneira en escudos de diversas familias.
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 16-03-2015 06:16
# Ligazón permanente a este artigo
O DRAGAL, UNHA LECTURA PARA O NADAL.
A LECTURA DE A Herdanza do dragón:DRAGAL (I) de Elena Gallego Abad, editado en Xerais.



Trátase dunha triloxía que imos comezar a ler polo principio. O primeiro dos libros titúlase a herdanza do dragón escribiuno Elena Gallego Abad.



Na aula imos ler xa o primeiro dos capítulos.


Propoñémonos facer desta lectura un pracer e ademais unha reflexión práctica sobre os textos narrativos analizando a estrutura da novela e identificando en cadanseu capítulo os elementos da narración que presenta. Tamén seremos creativos e iremos realizando unha ilustración capítulo a capítulo.
Promete ser unha lectura entretida e instrutiva.

Comezamos polo resumo ou ARGUMENTO desta historia de intriga e aventura, de amizade e fantasía.

Hadrián atópase na clase de matemáticas nos minutos nos que a profesora reparte os exames mentres que, sen que ninguén se dea conta na aula, dende a fachada da vella igrexa de San Pedro que se atopa fronte ao centro do ensino, o Dragal observa a situación. Dona Ermidas, a profesora, entrégalle o exame a Hadrián que curiosamente sacou un 10. O dragón dende a cornixa chíscalle un ollo. E a profesora, que estivera preocupada polo rapaz tras o seu trasladado doutro centro despois da morte do seu pai, ao final da clase, anímao a que siga así ata atopar o seu camiño. Un camiño misterioso que Hadrián agora sabía que se abrira séculos atrás.

O NARRADOR neste capítulo é unha voz externa ao relato en terceira persoa. É un narrador omnisciente que coñece o pasado o que pensan os personaxes (Hadrián ou Ermidas).

OS PERSONAXES: Parece haber un protagonista claro neste capítulo que é Hadrián e outro personaxe (se cadra o antagonista) misterioso denominado Dragal, aparecen os nomes de varios compañeiros de clase do rapaz: Mónica que parece coñecer a Hadrían porque ao final agarda por el, Miguel, Teresa, Antón… secundarios e tamén nun papel secundario , un tanto máis relevante que os anteriores neste capítulo, o de Dona Ermidas, a profesora de Matemáticas.

ESPAZO(s): a Aula que se atopa nun centro de ensino fronte a unha vella igrexa cuxa fachada vese dende a fiestra.

TEMPO(s): (Aquí debemos distinguir entre o tempo relatado (canto tempo se narra) e cómo se relata ese tempo ao que chamamos o tempo do discurso. Este pode ser lineal se coincide co anterior ou descontinuo podendo ser mesmo unha retrospección (indo de adiante cara atrás).
O tempo relatado é o que podería durar aproximadamente unha sesión de clase de Matemáticas na que se entregan uns exames.
O tempo do discurso, que neste capítulo coincide co relatado porque é lineal, comeza no principio e remata ao final da clase, aínda que hai referencias ao pasado de Hadrián e ao comezo do curso, non se chega a dar un salto a un tempo pasado, é unha pequena referencia.

MODOS DE DISCURSO (A autora pode escoller entre narración, descrición ou diálogo á hora de contar esta historia. Trátase de comentar en cada capítulo cal dos tres domina e cando se utiliza, se é que se usa calquera dos outros dous).
No 1º capítulo do libro domina a narración de acontecementos, non hai descrición (unha liña describe o aspecto do exame de Hadrián) e o diálogo aparece cando dona Ermidas entrega aos alumnos os exames e prodúcese unha pequena conversa entre ela e o protagonista.
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 01-12-2014 23:31
# Ligazón permanente a este artigo
DO ELEFANTE BRANCO...
O libro que estamos lendo titulado O elefante branco de Xesús Fraga, ten varios personaxes que foron reais:

O mago Waldemar, por exemplo é un dos máis coñecidos ilusionistas de todos os tempos, un galego de Portomarín o señor Manuel Rodríguez Saa



Se logo de ler o libro queres realizar un test para saber se dominas o seu contido poder facer a túa proba de lectura. Tamén hai un xogo interactivo sobre o léxico da novela en educaplay
Comentarios (0) - Categoría: PLAN LECTOR - Publicado o 15-04-2014 10:22
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3] [4]
© by Abertal