Víchelo, miráchelo!



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O Romance de Don Gaiferos de Mormaltán

Un pobo sen pasado non ten futuro
Castelao

Seguindo a idea de procurar as sementes que deron paso ao futuro a través da lingua, para volver a mirada ao pasado imos reparar nun romance, o máis antigo que se conserva en galego para comezar esa viaxe pola nosa cultura.

Un romance para comezar: O romance de D. Gaiferos de Mormaltán.

Despois de coñecer este romance coñeceremos outro máis moderno sobre a Historia da nosa lingua que imos dividir en partes:

ROMANCE DA LINGUA:
1- As raíces da nosa lingua.
2- O nacemento do galego.
3-Os Séculos Escuros e o Rexurdimento.
4-Século XX e XXI

5- Un esquema para estudar
Comentarios (0) - Categoría: HISTORIA DA LINGUA - Publicado o 25-09-2018 20:40
# Ligazón permanente a este artigo
Un romance para empezar

Estas tres imaxes remóntannos a tempos ben distintos. As tres manteñen unha relación a través do instrumento: a zanfona que tocan. Só coñecemos o nome do último. Faustino Santalices, o home que impediu que este instrumento e as cantigas que se tocaban con ela se perdesen para sempre.

Imos escoitar un romance, o máis vello dos que se coñecen cantado en galego. Trátase dunha historia relacionada co Camiño de Santiago de un peregrino chamado D. Gaiferos de Mormaltán. É unha peza que se chegou aos nosos días grazas a un traballo moi singular de Faustino Santalices, un avó que nos deixou a súa voz. El preocupouse polas cantigas de cego que acompañaban a estes dende tempos remotos á hora de pedir esmola, recuperando tamén un instrumento con que adoitaban acompañarse: a zanfona.



Está é a letra que a tradición oral conservou e que Faustino Santalices gravou en 1945:

Onde vai aquil romeiro,
meu romeiro a onde irá?
camiño de Compostela,
non sei se alí chegará.

Os pés leva cheos de sangue,
xa non pode máis andar.
Malpocado, pobre vello,
non sei se alí chegará.

Ten longas e brancas barbas,
ollos de doce mirar.
Ollos gazos, leonados,
verdes coma a auga do mar.

E a onde ides, meu romeiro?
Onde queredes chegar?
Camiño de Compostela,
onde teño o meu fogar

Compostela é miña terra,
deixeina sete anos hai.
Reluciente en sete soles,
brillante como un altar.

Cóllase a min, meu velliño,
vamos xuntos camiñar.
Eu son trobeiro das trobas
da Virxen de Bonaval.

I eu chámome Don Gaiferos,
Gaiferos de Mormaltán.
Se agora non teño forzas
meu Santiago mas dará.

Chegaron a Compostela
e foron á Catedral.
Ai, desta maneira falou
Gaiferos de Mormaltán.

Gracias, meu señor Santiago,
aos vosos pés me tes xa.
Si queres tirarme a vida
pódesma señor tirar,
porque morrerei contento
nesta santa catedral.

E o vello das brancas barbas
caiu tendido no chan,
pechou os seus ollos verdes,
verdes como a auga do mar.

O obispo que esto viu
alí o mandou enterrar.
E así morreu, meus señores,
Gaiferos de Mormaltán.

Iste é un dos moitos milagres
que Santiago Apostol fai.

Aquí deixamos outra versión máis moderna do tema:



Investigación:
1-O teu avó ou a túa avoa seguro que coñecen algunha vella cantiga que aínda ti non escoitaches, fai unha pequena recolleita entre as persoas maiores que coñezas ata lograr recuperar para a túa memoria unha cantiga galega tradicional.
2- Investiga se foi verdade o caso de Don Gaiferos de Mormaltán.
3-Procura unha definición para este tipo de composición chamada romance.

ROMANCE DA LINGUA
1- As raíces da nosa lingua
2- O nacemento do galego
3- Séculos escuros e Rexurdimento
4- Século XX -XXI
5- Esquema da panorámica
Comentarios (0) - Categoría: HISTORIA DA LINGUA - Publicado o 24-09-2017 06:23
# Ligazón permanente a este artigo
A LÍRICA MEDIEVAL
Botémoslle unha ollada rápida á nosa lírica medieval, foi produto dunha época de esplendor cultural e nun contexto no que o galego era unha lingua normalizada. Este proceso tivo, como é lóxico, un período previo de desenvolvemento grzas á tradición oral autóctona que non madurou ata que chegou a escrita, proceso asociado ao Trobadorismo, é dicir, a unha moda de literatura culta que chegou a nós grazas ao Camiño de Santiago nun proceso de intercambio cultural cos reinos francos.

Tipos de cantigas:

As cantigas de amigo

As cantigas de amor

As cantigas de escarnio e maldicir

As cantigas relixiosas de Sta. María
Comentarios (0) - Categoría: HISTORIA DA LINGUA - Publicado o 29-11-2016 05:44
# Ligazón permanente a este artigo
Achegármonos a Rosalía


Datos e versos:





Procuremos agora as cantiga/poemas que máis nos gustan de Rosalía.
Comentarios (0) - Categoría: HISTORIA DA LINGUA - Publicado o 25-02-2016 06:40
# Ligazón permanente a este artigo
As Cantigas de Sta. María
As Cantigas de Santa María son dentro da lírica galaicoportuguesa a manifestación relixiosa do conxunto desta expresión literaria que conforma o esplendor ou idade de ouro da historia da Literatura galega.

As composicións promovidas por Afonso X o Sabio das que el é autor dun número importante, foron realizadas por distintos especialistas e reproducidas nun marabilloso códice coa súa música e preciosas ilustracións, unha verdadeira xoia.

As cantigas narrativas que son as máis numerosas describen un milagre atribuído á Virxe María.


As cantigas de loor, pola contra son himnos de loanza a Sta. María.

Un exemplo de Cantiga de Sta María narrativa sería:

- 13 -
Esta é como Santa Maria guardou o ladron
que non morresse na forca, porque a saudava.



Assi como Jesu-Cristo, estando na cruz, salvou
un ladron, assi sa Madre outro de morte livrou.

E porend' un gran miragre vos direi desta razón,
que feze Santa Maria, dun mui malfeitor ladron
que Elbo por nom' avia; mas sempr' en ssa oraçon
a ela s' acomendava, e aquello lle prestou.

Assi como Jesu-Cristo, estando na cruz, salvou
un ladron, assi sa Madre outro de morte livrou.

Onde ll' avo un día que foi un furto fazer,
e o meiryo da terra ouve-o log' a prender,
e tan toste sen tardada fez-lo na forca põer;
mas a Virgen, de Deus Madre, log' enton del se nenbrou.

Assi como Jesu-Cristo, estando na cruz, salvou
un ladron, assi sa Madre outro de morte livrou.

E u pendurad' estava no forca por ss' afogar,
a Virgen Santa Maria non vos quis enton tardar,
ante chegou muit' aga e foil-ll' as mãos parar
so os pees e alçó-o |assi que non ss' afogou.

Assi como Jesu-Cristo, estando na cruz, salvou
un ladron, assi sa Madre outro de morte livrou.

Assi esteve tres dias o ladron que non morreu;
mais lo meiro passava per y e mentes meteu
com' era viv', e un ome seu logo lle corregeu
o laço per que morresse, mas a Virgen o guardou.

Assi como Jesu-Cristo, estando na cruz, salvou
un ladron, assi sa Madre outro de morte livrou.

U cuidavan que mort' era, o ladron lles diss' assi:
«Quero-vos dizer, amigos ora por que non morri:
guardou-me Santa Maria, e aque-vo-la aqui
que me nas sas mãos sofre que m' o laço non matou.»

Assi como Jesu-Cristo, estando na cruz, salvou
un ladron, assi sa Madre outro de morte livrou.

Quand' est' oyu o meiro, deu aa Virgen loor
Santa Maria, e logo foi decer por seu amor
Elbo, o ladron, da forca, que depois por servidor
dela foi senpr' en sa vida, ca en orden log' entrou.

Assi como Jesu-Cristo, estando na cruz, salvou
un ladron, assi sa Madre outro de morte livrou.



E un exemplo de cantiga lírica ou de loor:





Comentarios (0) - Categoría: HISTORIA DA LINGUA - Publicado o 23-02-2016 08:52
# Ligazón permanente a este artigo
AS CANTIGAS SATÍRICAS DE ESCARNIO E MALDIZER
As cantigas satíricas dentro da lírica galaico-portuguesa podémolas dividir seguindo os criterios da antiga arte de trobar:

Cantigas d´escarneo son aquelas que os trobadores fan querendo dizer mal dalguén nelas, e dizen-lho per palavras cubertas( que teñen dúas interpretacións)... e estas palabras chaman os clérigos equivocatio. E estas cantigas pódense fazer ben de refrán ou mestría (sen refrán).

Cantigas de maldizer son aquelas que fan os trobadores descubertamente. Nelas entran palabras que queren dizer mal e non aver outro entendimento senon aquel que queren dizer abertamente.


Comezamos cunha de AFONSO X O SABIO

O que da guerra levou cavaleiros
e a sa terra foi guardar dinheiros,
non ven al maio.

O que da guerra se foi con maldade
e a sa terra foi comprar herdade,
non ven al maio.

O que da guerra se foi con nemiga,
pero non veo quand'é preitesía,
non ven al maio.

O que tragía o pano de linho,
pero non veo polo San Martinho,
non ven al maio.

O que tragía o pendón en quiço
e non ten de seu padre o viço,
non ven al maio.

O que tragía o pendón sen oito
e a sa gente non dava pan coito,
non ven al maio.

O que tragía o pendón sen sete
e cinta ancha e mui gran topete,
non ven al maio.

O que tragía o pendón sen tenda,
per quant'agora sei de sa fazenda,
non ven al maio.

O que se foi con medo dos martinhos
e a sa terra foi bever-los vinhos,
non ven al maio.

O que, con medo, fugiu da fronteira,
pero tragía pendón sen caldeira,
non ven al maio.

O que ar roubou os mouros malditos
e a sa terra foi roubar cabritos,
non ven al maio.

O que da guerra se foi con espanto
e a sa terra ar foi armar manto,
non ven al maio.

O que da guerra se foi con gran medo
contra sa terra, espargendo vedo,
non ven al maio.

O que tragía pendón de cadarço,
macar non veo eno mes de março,
non ven al maio.

O que da guerra foi per retraúdo,
macar en Burgos fez pintar escudo,
non ven al maio.




Poñemos a continuación un exemplo de cantiga de escarnio (é dicir con dobre sentido:

PERO DA PONTE [B 1642 / V 1176]

María Pérez, a nossa cruzada,
quando veo da terra d’Ultramar,
assí veo de pardón carregada
que se non podía con el emerger;
mais furtan-lho, cada u vai maer,
e do perdón ja non lhi ficou nada.

E o perdón é cousa mui preçada
e que se devía muit’a guardar;
mais ela non ha maeta ferrada
en que o guarde, nen a pod’haver,
ca, pois o cadead’én foi perder,
sempr’a maeta andou descadeada.

Tal maeta como será guardada,
pois rapazes albergan no logar,
que non haja seer mui trastornada?
Ca, o logar u eles han poder,
non ha pardón que s’i possa asconder,
assí saben trastornar a pousada!

E outra cousa vos quero dizer:
atal pardón ben se dev’a perder,
ca muito foi cousa mal gaanhada.


PERO DA PONTE

María Pérez, a nosa cruzada,
cando regresou de Ultramar,
veu tan cargada de indulxencias
que non podía flotar, pero lle roubaron
en todos os sitios onde estivo
e do perdón non lle quedou nada.

E o perdón é cousa moi apreciada.
que debe gardarse moi ben;
pero ela non ten cofre con pechadura
para gardalo, nin o pode ter,
xa que, como o candado perdeu,
sempre ten o cofre aberto.

Como pode gardarse ese cofre,
habendo mozos no lugar,
sen que o rexistren a todas horas?
Pois no sitio en que eles teñen poder
non hai perdón que se poida esconder,
así o rexistran todo!

E outra cosa quérovos dicir:
ese perdón debía perderse,
posto que foi cousa moi mal gañada.
Comentarios (0) - Categoría: HISTORIA DA LINGUA - Publicado o 22-02-2016 06:56
# Ligazón permanente a este artigo
A LÍRICA GALEGA DO AMOR NA IDADE MEDIA
O esplendor da nosa literatura nace na Idade Media e os seus alicerces son:
- Unha tradición oral primixenia e autóctona.
- Unha influencia trobadoresca e provenzal.

En Galicia, o reino medieval máis vello de Europa, temos moitos indicios da existencia dende vello dunha tradición oral popular que crearía cantigas entre elas un tipo de canción feminina de temática amorosa, interpretada polas mesmas mulleres, tradición que, en boa medida, persistiu ata os nosos días a través das cantadeiras.

Pero a literatura escrita en galego-portugués non comezará ata o século XIII coa chegada da moda do Lirismo Provenzal a nosa terra grazas ao Camiño de Santiago que fixo chegar a Compostela en peregrinación cos nobres occitanos as ideas do amor cortés ou trobadorismo e as súas formas.

Deste encontro entre a canción feminina tradicional e a lírica trobadoresca da Provenza comezan a escribirse as nosas cantigas en galego-portugués por autores galegos que tomando como modelos a lírica tradicional oral autóctona e o trobadorismo crean a lírica galaico-portuguesa dous xéneros de cantigas de temática amorosa:

Cantigas de amigo: de carácter tradicional posta en boca dunha muller.

Cantigas de amor: de carácter trobadoresco postas en boca dun home.

Vexamos dous exemplos destas cantigas e reparemos nas súas características:

CANTIGAS DE AMIGO: Unha cantiga de Martín Códax do que conservamos 7 cantigas con música que atopamos no Pergamiño Vindel

Mia irmana fremosa
Mia irmana fremosa, treides comigo
a la ygreia de Vigo, u e o mar salido.
E miraremos las ondas.

Mia irmana fremosa, treides de grado
a la ygreia de Vigo, u e o mar levado.
E miraremos las ondas.

A la ygreia de Vigo, u e o mar salido,
e verra i mia madre e o meu amigo.
E miraremos las ondas

A la ygreia de Vigo, u e o mar levado,
e verra i mia madre o meu amado
E miraremos las ondas.

MARTÍN CÓDAX



Características:As cantigas de amigo máis fieis á tradición da canción feminina empregan cobra (estrofa) de dous versos pareados máis un refrán e seguen un paralelismo perfecto, mesmo o leixaprén. O espazo é sumamente importante. Escenas da vida rural na fonte, no río, ante o mar, na romaría ou bailando coas amigas. Expresan ou ledicia polo encontro co amigo ou pena pola ausencia deste. A paisaxe está sempre inzada de simbolismo, por exemplo o mar frecuentemente simboliza a paixón amorosa.

CANTIGAS DE AMOR:Unha cantiga de Bernal de Bonaval da que non conservamos a música orixinal, si o texto:

A dona que eu am' e tenho por senhor
amostrádemi-a Deus, se vos en prazer for,
se non, dádemi a morte.

A que tenh'eu por lume destes olhos meus
e porque choran sempr', amostrádemi-a, Deus,
se non, dademi a morte.

Essa que vós fezestes melhor parecer
de quantas sei, ai, Deus!, fazédemi-a veer,
se non dádemi a morte.

Ai Deus!, que mi-a fezestes mais ca min amar,
mostrádemi-a u possa con ela falar,
se non dádemi a morte.

BERNAL DE BONAVAL.




Características:Coa chegada da moda do “amor cortés” desde a Occitania e Provenza (terras que hoxe son Francia) se copia unha concepción platónica do amor cos seguintes trazos:

-Total submisión do namorado á dama (de aí que se lle chame “señor” á namorada).
- A amada sempre está distante e é admirada pola súa perfección física e moral (velida e fremosa)
- A distancia da namorada provoca a coita/ cuita de amor (a queixa, a dor do namorado) cuxo tópico máis interesante é "a morte por amor".
-Os namorados nobres para poderen comunicarse pasan por varias etapas, dada a inaccesibilidade da namorada (frecuentemente é un amor adúltero). A primeira é de suspirante (fenhedor na que non ten contacto coa namorada, pero a desexa ver) unha segunda suplicante (precador) naque o contacto existe, pode falar con ela para expoñer o seu amor.

Outra cantiga de amor do Rei don Dinis:


O que vos nunca cuidei a dizer,
com gram coita, senhor, vo-lo direi,
porque me vejo já por vós morrer;
ca sabedes que nunca vos falei
de como me matava voss'amor;
ca sabe Deus bem que doutra senhor,
que eu nom havia, mi vos chamei.

E tod[o] aquesto mi fez fazer
o mui gram medo que eu de vós hei
e des i por vos dar a entender
que por outra morria — de que hei,
bem sabedes, mui pequeno pavor;
e des oimais, fremosa mia senhor,
se me matardes, bem vo-lo busquei.

E creede que haverei prazer
de me matardes, pois eu certo sei
que esso pouco que hei de viver
que n?um prazer nunca veerei;
e porque sõo desto sabedor,
se mi quiserdes dar morte, senhor,
por gram mercee vo-lo [eu] terrei.
Comentarios (0) - Categoría: HISTORIA DA LINGUA - Publicado o 12-02-2016 06:12
# Ligazón permanente a este artigo
Bótalle unha ollada a este cadro para falar de Substrato e Superestrato
Comentarios (0) - Categoría: HISTORIA DA LINGUA - Publicado o 23-11-2014 10:56
# Ligazón permanente a este artigo
Rematamos co romance da historia da nosa lingua.
O SÉCULO XX

XIII

E tantas altas empresas
e tantos feitos honrosos
que en Galicia procuraban
un abrente esplendoroso.
Castelao e Vilar Ponte
Bóveda, Otero Pedrayo,
¡Que gran xente aquela xente,
que esplendor extraordinario!
No trinteseis o Estatuto
fixo un pouco de xusticia
recoñecendo o galego
como lingua de Galicia.
Pero a guerra fratricida
desfixo toda esperanza
e a vida de moita xente
de imborrable relembranza.

Cuestións:
Ademáis de escritores como Castelao, Vilar Ponte... estes autores fundaron un partido, como se chamaba?


Quen impulsou o primeiro Estatuto de autonomía para Galicia?


Cales eran os principais logros deste Estatuto?

Que impedíu a posta en marcha do Estatuto? Quen provocou esta situación?


XIV

Foron anos de silencio,
de persecución e pranto:
"A longa noite de pedra"
enchía os peitos de espanto.
Por fin foron renacendo
novas luces pequeniñas
e Galicia agurgullaba
nas xuntanzas clandestinas.
Novos poetas cantaron,
contaron os narradores,
e "a longa noite de pedra"
clarexaba cos fulgores.
Galaxia, O Castro, Castrelos
editaban en galego
e a patria nosa xurdía
e empezaba a ve-lo ceo.


Cuestións:

Como se pode chamar doutro xeito a esta “longa noite de pedra”?

Estaban permitidos daquela os partidos políticos? Como realizaban a súa función?

QUE TEÑO QUE SABER SOBRE ESTA ETAPA:
O GALEGO NO SÉCULO XX
IX- Unha nova idea de Galicia: Do Galeguismo ao Nacionalismo: Afondando na identidade de Galicia e nas súas necesidades vaise dar paso á constitución do Partido Galeguista, xorde o movemento nacionalista da man das Irmandades da Fala que se preocupan por recuperar e modernizar a tradición cultural galega e superar o complexo de inferioridade dos galegofalantes. A xeración Nós e Castelao son ademais de destacados puntais da nosa literatura, os ideólogos que elaboraran o primeiro Estatuto de Autonomía para Galicia no ano 1936 que sería aprobado en referendum polo pobo galego e que recoñecía o galego como lingua cooficial e lingua obrigada no ensino e a administración.

X- O Franquismo e a instalación do bilingüísmo: Co inicio da Guerra do 1936 o proceso galeguizador paralízase ao resultar vencedor o ditador Franco. A represión xeneralizada tivo unha especial incidencia sobre a nosa lingua. O galego convértese en lingua clandestina ou de uso familiar e coloquial, o seu cultivo literario desprázase fóra de Galicia ao exilio americano. Nun momento de declive do mundo rural, a presión na escola e a proliferación dos medios de comunicación de masas (radio,TV) aséntase o castelán como idioma oficial do réxime e vaise impoñendo o uso do castelán ás xeracións máis novas.

XI- Un difícil proceso de recuperación da identidade: Arredor do 1950 en condicións moi desfavorables comeza un lento e tímido movemento de recuperación editorial ao que se suman iniciativas puntuais como a institucionalización do Día das Letras Galegas a partir do ano 1963. Pequenos pasos que son acompañados da vertebración na ilegalidade dos partidos políticos que van preparando o camiño de volta da democracia e con ela dos dereitos históricos das distintas identidades nacionais do Estado Español tras corenta anos de ditadura.

XV

En Santiago canta o Galo,
loce o Facho na Coruña
e en Ourense, Vigo e Lugo
dase nova testemuña.
A enseña da democracia
ten o brasón en galego
e na fábrica e nas aulas
soa a língua dos antergos.
Mozos sabios e patriotas
ordenan a lingua nosa;
fana culta e ordenada,
fana lóxica e fermosa.
Entra a lingua nas escolas
e se inda non é señora
ten dereitos proclamados,
anque ten máis a de fóra.


Cuestións:
Que son “ o galo” e “ O facho”?

Que trouxo consigo a recuperación da democracia?

Como podes interpretar estes dous versos?

ten dereitos proclamados,
anque ten máis a de fóra
.


XVI

Xa se fala nos lugares
onde lle era antes vedado,
inda que hai quen a discute
porque hai moito desleigado.
Inda hai pais que son contrarios
a que a aprendan os seus fillos
sexa porque non o pensan
ou que os movan catro pillos.
Este noso antigo idioma
é unha lingua de cultura
e é vergoña pra un galego
non falala con soltura.
"O galego que non fala
na lingua da súa terra,
nin sabe o que ten de seu,
nin é merecente dela".


Cuestións:
Que problemas ten a lingua nesta etapa na que vivimos?

Que cres que diferenza a un galego habitante dun galego falante?




XVII

Así falaba un poeta
noutro tempo deste asunto,
e agora vai sendo hora
de poñerlle á historia punto.
Esta historia é diferente
doutros romances de cegos;
non se sabe inda o remate,
pois depende dos galegos.
Nenos, homes e mulleres
desta terra adormentada,
rematouse xa o romance,
e escomenza a pandeirada:

¡ARRIBA POBO GALEGO,
ARRIBA LINGUA GALEGA,
QUE SE MORRE A NOSA FALA
NON HAI POBO NIN HAI TERRA!

Cuestións:

O final do romance está escrito?. Quen vai escribir o final desta historia?

Cal é a advertencia final deste romance?

XII- A Galicia da Normalización: A partir dos anos 80 coa implantación da democracia, da Autonomía e da Xunta de Galicia comeza un proceso de dignificación do uso da lingua galega en todos os ámbitos da sociedade coa aprobación en 1983 da primeira Lei de Normalización Lingüística, e un novo camiño de promoción coa aparición da RTVG, coa introducción por vez primeira do galego no mundo de ensino e da administración, e a aparición de numerosas editoriais galegas. Un proceso que coa incorporación das novas xeracións medrará, asentará a nosa cultura e contribuirá a enriquecer coa nosa aportación o patrimonio universal da Humanidade ao longo do século XXI.
Comentarios (0) - Categoría: HISTORIA DA LINGUA - Publicado o 28-09-2014 22:09
# Ligazón permanente a este artigo
OS Séculos Escuros e o Rexurdimento
VIII

Viñeron xentes de fóra,
xentes de dentro marcharon,
e a lingua da nosa xente
nos escritos olvidaron.
Galicia foi sometida
polo xugo de Castela,
e os que mandan en Galicia
non falan na língua dela.
Pero as xentes desta terra,
columna do noso pobo,
non deixan de ser galegos
nin falan idioma novo.
Artesáns e mariñeiros
e burgueses e labregos
levan no peito Galicia
e nos labios o galego.


Cuestións:
Como se chama esta época na que os escritos en galego se esquecen?

Cales son os motivos que se deixe de escribir en galego? Tamén se deixa de falar?

IX

Inda que os bispos de fóra
mandan rezar noutra língua,
a xente fala na súa
Galicia non sofre míngua.
Así van pasando os anos,
anos a ducias e centos,
e moitos anos máis tarde
fala o bo Martín Sarmiento.
Padre Sarmiento Bieito
non quere de fóra un crego,
nin oficial de xusticia
que non fale en bo galego.
Douscentos anos pasaron
desque escribiu este frade,
e inda todo o que el quería
dista ben de ser verdade.


Cuestións:
Quen era Sarmiento, que reclamaba? Eran todos os curas así nesta época? Razóa a resposta.

X

Ó principio do oitocentos
toda Galicia falaba
na lingua dos devanceiros
e ninguén se avergonzaba.
Pero en seguida empezaron
as xentes acomodadas
a pensar que eran máis finas
as palabras importadas.
Galicia xa tiña fendas,
xa o seu corpo se crebaba
pola mor dos desleigados
que a súa lei non lle gardaban.
Pero había peitos nobres
que pensaban doutro modo,
e anque en Carral os mataron
nunca os mataron de todo.


Cuestións:
Que significan “crebar" e “desleigados”?

A quen mataron en Carral? En que época? Que pedían? Por que se di que non morreron de todo?


XI

O seu espírito altivo
preludiaba o nacemento
das mil flores que serían
o noso Rexurdimento.
Añón, Pintos e Camino
e outra xente que escribía
na vella lingua galega,
preludiaba a Rosalía.
Rosalía a gran poeta
recobrou a dignidade
da língua que todo o pobo
gardara na adversidade.
Don Manuel Curros Enríquez
palabra de aceiro fino,
cantou a luz e o progreso
neste idioma campesino.


Cuestións:

Por que cres que se chama a esta época o Rexurdimento?
Cita cinco poetas desta época:

XII

Língua de ouro nos facía
Pondal o bardo do pobo
cantando os fastos antigos
e un futuro libre e novo.
E entre tódolos poetas
a historia nos descubría
e fundaba o noso orgullo
aquel bo Manuel Murguía.
Entusiastas estudiosos
a gramática estudiaban,
recollían as palabras
e pulían e ordenaban.
Fundaron unha Academia
e as Irmandades da Fala,
que naceron na Coruña
para honrala e enxalzala.


Cuestións:
Era Murguía un poeta? Que escribía?

Cal era o obxectivo das Irmandades da Fala?

En que momento nace este movemento e a Academia?

QUE DEBES SABER DESTA ÉPOCA:
DECADENCIA E SÉCULOS ESCUROS
VI- Decadencia do XIV-XV e os Séculos Escuros XVI-XVIII : A desaparición dunha nobreza galega que promocione a literatura en galego, ao ser substituída por outra de orixe castelá, provocou un proceso de decadencia que non só fai desaparecer o reino de Galicia, senón tamén a súa literatura culta. Son os séculos nos que a lingua galega tras da caída da nobreza perde todo cultivo escrito, pero permanecerá viva entre as xentes humildes, unha poboación iletrada que manterá a fala e unha rica literatura de tradición oral, verdadeira sustentadora da nosa cultura ata ben entrado o século XIX.



VII- Os ilustrados e precursores dunha nova etapa: Á luz dos ilustrados comezarán a disiparse as mestas néboas sobre o noso feito cultural. Martín Sarmiento, foi dos primeiros en preocuparse pola situación do noso idioma e propoñer camiños de normalización cultural como a introdución do galego no ensino, na administración da xustiza ou na igrexa. Xa no século XIX aparecen obras en galego dos chamados precursores que prepararán o camiño para as grandes figuras que virán axiña.

REXURDIMENTO

VIII- O primeiro galeguismo e o Rexurdimento literario: A mediados do XIX en 1846 nace un movemento de reivindicación política, o Provincialismo, que ao ser reprimido pola forza, fixo refuxiarse nun movemento cultural a toda reclamación de dereitos para Galicia. Coa publicación das obras de Rosalía de Castro, Eduardo Pondal e Curros Enríquez comeza o Rexurdimento da nosa literatura culta. Tamén a finais do século dará comezo a andaina dos movementos galeguistas.
Comentarios (0) - Categoría: HISTORIA DA LINGUA - Publicado o 24-09-2014 06:52
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal