Vicente Montoto, autoblografía


O mesmo mar
(A nevagación principia no capítulo I, ó que desde aquí chegas nun clic)

O meu perfil
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES

XXX
Vicente de Souza e Vicente Montoto en Un home que se parecía a Macbeth
1999: UN HOME QUE SE PARECIA A MACBETH


Tráxico e atípico agosto de 2008. Ducias de mortos no accidente de Spanair, en Madrid, e uns poucos superviventes gracias, parece ser, a caer os seus corpos nun regato. Un mociño, coido que da Costa da Morte, lembrando angustiado pola radio a morte do seu gran colega, de 23 anos, da muller deste, 19, e do bebé de ambos, por fin axudoume a soltar tamén a min as bágoas que se resistían a saír.

Na miña mochila, os días que o sol o permite, que son poucos, levo de acompañante a Baroña “La saga/fuga de J.B.”, de Gonzalo Torrente Ballester, que aínda non lera, posiblemente asustado polas 600 páxinas, e en libro de bolsillo (de mochila). Que grande é D. Gonzalo, que gozo lelo, incluso cando ironiza (¿ou é unha autocrítica?) coa censura franquista.

Prós descansos nos paseos vespertinos polos sendeiros da beira do Tambre, lévome unha novela curta de Henry James, “Daisy Miller”, absolutamente deliciosa. E na casa, veño de dar remate a un libro de contos de Edgar Allan Poe, alucinante pola beleza poética da súa prosa, como grande é o seu poema “O corvo”.

E vaia coincidencia. Poe morre no 1849, ós corenta anos. Henry James nace no 1843 e morre no 1916. Torrente Ballester nace en Ferrol no 1910. H. James nace seis anos antes da morte de Edgar Allan Poe, e Gonzalo Torrente Ballester seis anos antes da morte de Henry James. O que son as casualidades...

E tamén é casualidade a chegada as praias das Rías Baixas de paquetes de cocaína soltados polos narcos no mar. Digo isto, por que eu antes de poñerme a escribir cada un destes capítulos, vouno fabricando mentalmente. Organizando a documentación que preciso. E como todos saben (é un chiste), “Un home que se parecía a Macbeth” é unha historia de narcotraficantes. É o mesmo sistema, o de fabricalo mentalmente, que adoito utilizar cando escribo un texto teatral.

ANTECEDENTES

“O clan dos Vilouta é cousa do pasado, amigo e señor meu.
Sentín como nunca sentira o pracer de matar. (XOGA CON MIMO COA PISTOLA).
Non quedan inimigos. A ría é nosa.
¿Pra qué entón emporcallar de sangue a miña casa?
O teu odio polo inimigo, querido Duncan, e tan grande coma o amor polos teus. Nomeáchesme o teu segundo e non podía traizoar a túa confianza.
Hai negocio pra todos.
Co teu poder e as miñas artes pró tiro infalible temos o éxito asegurado.
É preciso administrar o sangue con intelixencia, sen deixarnos envelenar polo pracer que produce.
A paixón desordenada arrastraríame por un barranco do que non coñezo o fondo.
É-lo meu amigo, o meu protector.
Eu son a túa man dereita e ti fuches o meu confiado hóspede.
Ninguén entendería, nin o peor inimigo, a tola idea que habitou a miña cabeza, non o meu corazón.
Ata as ducias de mortos que deixei no camiño sairían do fondo do mar, dos pozos de cal viva, dos muros de cemento,
pra cuspir fel nos meus ollos e arrinca-la miña alma pra botarlla ós cans,
que a desprezarían.
¿Onde me ía levar esta ambición sen sentido?
Teño máis, moito máis do que nunca puiden imaxinar. E duplicarei, triplicarei en pouco tempo o que hoxe posúo.
E o poder que sempre ambicionei dásmo ti coa túa confianza cega.”


O texto anterior, que está ó comezo de “Un home que se parecía a Macbeth”, escribino nun curso de Guillermo Heras, como exercicio sobre a literatura teatral contemporánea, e especificamente sobre o “Hamletmachine” de Heiner Müller, a mediados dos anos 90.

O narcotráfico en Galicia, que a principio dos anos 70 se organiza a partir das redes seculares de contrabando de tabaco, faise dramaticamente presente. A conivencia de certos servidores públicos, e mesmo a “aceptación” do contrabando a nivel popular, especialmente nas zonas que atopaban nel un modo de vida, facilitou a “reconversión”. Os numerosos mortos, especialmente entre a xente moza, por sobredoses e pola SIDA, e o goteo de crimes entre os clans enfrontados polo control do negocio puxeron a voz de alarma.

E a partir dese exercicio textual, inspirado no personaxe do “Macbeth” de William Shakesperare, púxenme mans á obra.

AS FONTES

As fontes foron varias pra documentar (aínda que sen pretensión de “docu-drama” como diría na súa crítica Camilo Franco) a miña historia. As primeiras e fundamentais estaban nos medios de comunicación. A hemeroteca da biblioteca da Deputación da Coruña, a carón do Teatro Rosalía de Castro, tívome de cliente durante varios meses. O persoal, con gran amabilidade e profesionalidade, íame traendo os enormes mangados de xornais de moitos anos atrás. Daquelas, e non hai tanto tempo, internet non era o que é hoxe.

Eu tiña na memoria as informacións lidas, escoitadas na radio ou vistas na televisión, sobre as detencións; os xuízos; a visita de Fraga a Portugal pra “presuntamente” encontrarse cos narcos; os movementos en varias alcaldías; a loita de “Érguete”; a denuncia dun sindicato policial de cambios de competencias da Garda Civil e de outros corpos de vixiancia aduaneira; os policías e gardas cómplices, antes no contrabando do tabaco, logo no narcotráfico, descubertos e procesados...

Tamén lin o que atopei, como “A guerra do tabaco” de Carlos Reigosa, e os estudios publicados polo periodista de Vilagarcía Felipe Suárez. E por suposto, múltiples versións do “Macbeth” de Shakespeare, que serve de fío conductor do texto. E xa avanzada a escrita, relín “O mociño persa”, de Marguerite Yourcenar, que me axudou a afondar nalgunha teima miña relativa a esa “comprensión” que a historia adoita ter cara a xenocidas como Alexandre Magno, e a sociedade cara os narcotraficantes, que tamén sustentan o seu poder no asasinato directo e na morte indirecta.. E tamén “A laranxa mecánica”, de Kubrick axudoume a situar ese mundo de violencia que está instalado máis alá e mais arriba dos mafiosos.


O ESPECTÁCULO

Vicente de Souza, o Mac, fixo un traballo impresionante. Eu mesmo tiña unhas aparicións mínimas, xa que o peso interpretativo o levaba o outro Vicente. Tres grandes actrices e grandes amigas, a serea Susana Dans, as bruxas Laura Ponte, Mónica Camaño (que tamén foi axudante de dirección), e Mabel Rivera, puxeron as súas marabillosas voces, así como o meu veciño e alumno do Obradoiro de Teatro de Portomouro, Anxo Tarrío, cando aínda era un neno. Unha cabeza de Mac esculpiuna pró espectáculo o prestixioso artista plástico Ramón Conde, e o espacio escénico, impactante, foi de Carlos Alonso.

Hai que dicir, prá posteridade, que os concellos das zonas mais afectadas pola temática de “Un home que se parecía a Macbeth” foron os menos interesados en programar o espectáculo.




Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-08-2008 15:18
# Ligazón permanente a este artigo
XXIX
Francisco Lestón, Fernando Pérez, Vicente Montoto e Mónica Camaño, en Zocos


CON MANUEL LOURENZO


Do 1994 ó 1998, Manolo, Manuel Lourenzo, mantivo unha fructífera colaboración coa miña compañía, Uvegá Teatro. Dirixiu seis espectáculos e tivemos a honra de celebrar no 1997 o Premio Nacional de Literatura Dramática que lle foi concedido aquel ano. A miña amizada con Manolo viña de anos atrás, e o traballo conxunto foi máis que doado.

Hai uns días lin no xornal que anda a escribir o libreto pra unha ópera. E hoxe souben que os mestres de certa escola en USA van ir armados pra poñer orde na clase.
Manolo (mestre en toda a amplitude do termo, autor, poeta, actor, director, debuxante, traductor, editor, emprendedor, libreiro, ciclista, nadador....) semella un home do renacemento. De aí a asociación de ideas, entre as letras e as armas. Tamén podería dicir que é un home enciclopédico, pola súa sabedoría. Pero contrariamente ós acumuladores de información, que se ven na obriga de facer un discurso veña ou non a conto (en xeral non vindo a conto), Manolo emprega os seus fondos coñecementos como ferramenta pró seu traballo creativo, sen ostentacións. Son as súas armas.

ELECTRA (1994)

A “Electra” de Manuel Lourenzo, inspirada en Eurípides, foi unha empresa conxunta de Uvegá e a EDG, coa que principiamos estes anos de colaboración. El levaba a dirección artística, e eu a producción. Unha experiencia certamente gratificante, a pesares da aventura que representou. Construímos un teatro nunha enorme nave do Porto da Coruña. Un teatro case grego, semicircular. Richar, o xefe técnico do Rosalía de Castro, á fronte dunha brigada de traballadores do concello, foron facendo realidade as ideas que como director de producción lles expuxen, montando ferro a ferro unha grada frontal e dúas laterais. O escenario, construído por Rodrigo Roel, coa súa recoñecida mestría, era ó mesmo tempo a escenografía.

O reparto era potente: Luísa Merelas, Patricia Vázquez, Pilar Pereira, Alfredo Rodríguez e eu mesmo. E unha axudante de dirección de luxo, Cristina Domínguez; un gran cartelista, Isaac Díaz Pardo, e unha exquisita composición musical de Bernardo Martínez.

Estivemos un mes seguido na Coruña, con cinco funcións semanais, e quince días no Teatro Galán de Santiago. A xestión de público tivo moi boa acollida nos Institutos de Ensino de toda Galicia, e centos de mozos e mozas asistiron ás representacións, pagando a súa entrada.

COPENHAGUE (1995), VENENOS (1995), PA (1996), MAGNETISMO (1997) e ZOCOS (1998)

Un texto de Xosé Cid Cabido e Andrés A. Vila, “Copenhague”, dous de Xesús Pisón, “Venenos” e “Magnetismo”, un meu, “Pa”, e outro a medias entre Manolo e mais eu, “Zocos”, foron as montaxes que nos ocuparon eses anos.

Co texto de Cid Cabido e Andrés Vila adentrámonos nas fonduras do “evidencialismo”, unha nova corrente aínda sen desenvolver na súa potencialidade, que o inesquecible Ibán Toxeiro, e mais Xesús Balboa interpretaron con enorme entrega.

Os textos de Pisón, “Venenos” e “Magnetismo”, e o meu de “Pa”, coincidían en tocar, de xeito directo ou máis tanxencial o tema da homosexualidade. Por iso, e por outros traballos posteriores, no 2004 daríanme o premio “Legais” de Vigo, do que xa teño falado e que moito agradecín.

Compre lembrar, pró anecdotario, que “Venenos” foi ensaiado en Vigo, paralelamente á longa tempada que fixemos no Auditorio do Concello con “Copenhague”, xa que no reparto estaban xunto a Ibán e Xesús, Mara Sánchez e Pepe Soto, e coa axudantía de dirección de Pablo Rodríguez, actual Director-xerente do Auditorio de Galicia de Santiago. Alugámoslle un amplo piso á Señora Elisa en Vigo, que foi comuna e local de ensaio. A señora Elisa tiña unha filla casadeira, e parece que lle gustaba Xesús Balboa pra xenro, polo que deixaba ver nas súas visitas ó piso. Ó remate dunha das funcións de “Copenhague”, á que asistiu coa súa filla, deixou un ramallete de flores no escenario e foise. Diríanos logo que lle dera vergoña entrar nos camerinos. Inesquecible señora Elisa.

“Zocos”, co que pechamos eses catro fructíferos anos de colaboración, escribímolo a catro mans Manolo e mais eu, a partir dunha idea miña. Non lembro ben como empezou a cousa, pero comezou. Manolo veuse pechar á miña casa de Cortegada, en Ames. Eu deixáballe cada mañá o esquema da escena (o da peza, as ideas, situacións, xa llo dera antes), e Manolo poñíalle os diálogos. Eran xornadas de traballo case industrial. Antes do amencer, erguerse. Eu ía pasear o meu Rocco polo campo, que aínda non me fixeran o peche prometido do patio e tiña que telo atado, e Manolo preparaba o almorzo. Eu saía facer os traballos de producción, as xestións burocráticas, e Manolo, como disciplinado amanuense, escribía. E eu aproveiteime dos seus grandes coñecementos culinarios, deixándolle a responsabilidade de facer o xantar. Polas tardes ou había ensaio, ou algunha función, e se non, seguiamos dándolle forma a “Zocos”.

Por certo, e todo hai que dicilo, non foi fácil dar cun zoqueiro que fixese uns zocos de tacón alto, como os que esixía o guión. Logo de arduas pescudas en zapaterías, feiras e mercados, dei con un que asumiu o traballo da parte da madeira. Foron precisas varias visitas previas, e por fin el atopou un toro de madeira que dixo era o indicado, forte e livián de peso, e conseguímolo. O seguinte foi dar co que fixese a parte de coiro dos zocos. Por fin dei con un que aceptou implicarse, e non só fixo o seu, senón que incluso lle incluíu uns adornos brillantes, moi acordes co espírito da historia.

Mónica Camaño (Xulieta), Francisco Lestón (Mode-Romeo), Fernando Pérez (Romeo-Mode) e eu (Tradi), moi ben o pasamos, e coido que tamén os espectadores, con aquel traballo.

Unha situacións, das moitas que deu de si esa convivencia, daríame pé pra un traballo posterior, “Pallasos”, pero diso xa falaremos máis adiante.







Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-08-2008 22:37
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Hoteles Sierra Nevada