Vicente Montoto, autoblografía


O mesmo mar
(A nevagación principia no capítulo I, ó que desde aquí chegas nun clic)

O meu perfil
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES

XXVII
Provas fotográficas de Cea para dous


CEA PARA DOUS

1990


¡O que son as casualidades! Eu levaba anos cunha teima: converter unha peza teatral típica de tresillo, ou teléfono branco, nun texto retranqueiro sobre a realidade máis inmediata. Pillei nas feiras do libro “viejo y de ocasión” e nas librerías de publicacións usadas canto texto atopei que puidera valer pra levar a cabo a miña teimosía. “Cena para dos”, do italiano Aldo de Benedetti traducida ó castelán por Luciano Borroy apareceu pronto como a máis axeitada pra esta aventura.

Por aqueles días, Daniel Barata viña de suceder a Alfredo Conde na Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. E da fusión do que deixaba o despacho e do que o ocupaba, apareceu a imaxe do personaxe central de CEA PARA DOUS, e púxenme a facer a traducción e adaptación co permiso de Luciano Borroy.

Posiblemente había un ano que xa falara desta teima con Roberto Vidal Bolaño pra que dirixira o espectáculo e coa actriz Cruz Comesaña, coa que coincidín nos elencos do CDG de “A noite vai coma un río” (1986) e de “A pousadeira” (1987). Pero a morte accidental de Cruz na súa estancia en Madrid, que tanto nos conmocionou a todos, e de xeito especialmente doloroso a Roberto, modificou as previsións. Superado ese momento tan difícil, eu continuei traballando na idea, e tomei a decisión de dirixir eu mesmo a peza.

O reparto, mentres facía a adaptación, xa o tiña visualizado. Laura, a escritora, sería María Riveiro, unha muller moi atractiva que coñecín nun curso de dobraxe, con estupendas dotas interpretativas. Lois, o autor novo, era sen dúbida pra Quico Lago, ó que fixera unha proba pró espectáculo anterior, que tiña unhas dotes extraordinarias prá comedia. E Alberte, o Conselleiro, era eu.

ESPACIO, ATREZO E VESTIARIO

O espacio era moi importante na dramaturxia prevista, e traballei con J. Méndez no seu deseño. O tresillo e o teléfono branco eran imprescindibles, así como as portas, ou a fiestra con cortinaxes prós xogos de agachadas. E por suposto, a mesa da cea. Méndez, coa súa demostrada creatividade, conseguiu cos mínimos recursos (non había pra máis), un espacio elegante e o mesmo tempo adaptable ás ínfimas condicións da maioría de escenarios posibles existentes. Os novos auditorios aínda tardarían en chegar a Galicia.

O mobiliario, o vestiario, o atrezo, todo tiña que ser potente, e logralo representou un exemplar (así foi recoñecido) traballo de producción. E dicir, ou era gratis, ou non era posible. E foino. Logrei que varias boutiques de roupa pra mulleres e homes “esponsorizaran” o espectáculo, regalándonos o elegante vestiario. Outro tanto pasou coa zapatería máis cara de Santiago. E Moncho Vilas, o gran cociñeiro galego, agasallounos cunha espléndida vaixela, e cunha deliciosa comida prá presentación en rolda de prensa da estrea do espectáculo, no Anexo Vilas, que deu que falar.

Os mobles e as teas non foi posible conseguilas gratis, pero si a prezo de custo. E o deseño do programa e cartel, estupendo, foi unha desinteresada colaboración do noivo de María Riveiro.

No programa, así e todo, como xa teño contado noutro sitio, figura, a petición súa, como director, Roberto Salgueiro, que fora o meu eficaz axudante.

¡QUE MEDO!

“Cea para dous” foi o espectáculo que inaugurou a Feira de Teatro daquel ano. E percorreu un bo número de cidades, vilas e aldeas. Algúns altos dirixentes fixeron corre-la voz de que este era o teatro que se precisaba en Galicia. E tiven un ataque de pánico. Ou non entenderon (os altos persoeiros, que o resto pensei que si) nada, ou coidaron que o Conselleiro de marras, nunha reviravolta sartriana, “eran os demais”. Ou tamén puido ser que xogar co lume do tresillo e do teléfono branco pode chamuscar as mellores intencións.

UNHA ANÉCDOTA

Contratounos o alcalde de Oímbra, na comarca de Verín, dentro dos “Circuítos culturais”. Chegamos coa furgoneta de aluguer á vila próxima a raia de Portugal. Había neve. No colexio, onde estaba prevista a función non había ninguén. Preguntando polas tabernas, logramos falar co alcalde. Nin se lembraba da función, e aínda por riba había un enterro. Dixo que era mellor deixalo pra outro día. Aproveitamos pra ver o sitio, e decididamente si, había que deixar o teatro pra máis adiante. Non había escenario, pois pensou que o levabamos nós. E da toma de corrente trifásica esquecéranse. Eu indiqueille como resolver o tema, cunhas caixas de cervexa e uns tablóns de aglomerado pra improvisar un escenario. E quedamos pra outra data. Volvemos alí xa con mellor tempo, e por fin estaba preparada a toma prá corrente trifásica. Só que en lugar dos 40 m2 de aglomerado había dous tableiros, 12 m2, e catro caixas de cervexa. E optamos por face-la representación no chan. A experiencia, cos espectadores case metidos na casa do Conselleiro, foi moi especial. Os vellos e vellas falaban a berros cos personaxes. A min non paraban de acosarme: “déixalle a muller ó mozo, que ti xa non dás”.







Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-05-2008 23:14
# Ligazón permanente a este artigo
XXVI
Susana Dans e Mariajo Mosteiro en Fedra Gómez
FEDRA GÓMEZ

1989


"Outra vez Fedra. Agora Fedra Gómez. ¿Por que? Posiblemente por razóns semellantes – a pesar do paso do tempo – ás que levaron a moitos outros autores a falar, a través de Fedra, da súa realidade.
A crise relixiosa da Gracia antiga, a perda de confianza na organización política, a conciencia desencantada, a necesidade de recuperación do cotián son motivacións que podemos atopar no Hipólito de Eurípides.
A visión dunha sociedade asentada sobre tabús inflexibles é tema que a través de Fedra aparece con toda nitidez.
Para Séneca, nunha Roma na que a violencia impera, Fedra é un dos argumentos escollidos para falar desa violencia, para insistir na necesidade dunha sociedade máis xusta.
Pasarán máis de 1.600 anos denantes de que Jean Racine, ó servicio da clase reinante, na Francia de Luís XIV, interprete, tamén en Fedra, as vicisitudes interiores da clase á que serve e a interrelación entre responsabilidades do poder e fogaxe das paixóns.
E máis próximo no tempo, Jules Dassin, perseguido na época da “caza de bruxas” americana, tamén atopa no mítico personaxe motivacións para a súa expresión artística e cívica, a través do cine.
Esta é a herdanza que Fedra Gómez tenta recoller. E todo isto, para falar do aquí e agora. Tabús sociais, desencanto, prepotencia, grandezas e miserias dos novos mitos. 2.500 anos, no fondo, non cambian tantas cousas.”

(do programa de man de Fedra Gómez)




Nicolás Sarkozi declaraba onte mesmo, no día mundial contra a homofobia, a necesidade de mundializar os obxectivos desa xornada. Non debe haber máis alá de quince días que se soubo que o goberno francés viña de retirarlle a nacionalidade a un dos seus cidadáns por casar en Holanda cunha persoa do seu mesmo sexo.

Na recente visita do Papa ós EE.UU., púxose de manifesto a decisión do Vaticano de enterrar en palabras, como xa antes o fixera en millóns de dólares, as prácticas pederastas de centos dos seus “pastores”.

O PP, na súa furibunda batalla contra a Educación para a Cidadanía, recorre alí onde pode a ignorar os valores constitucionais e legais, en conivencia co episcopado español e a ultra dereita.

Por moitos séculos e milenios que pasen, hai cousas que non cambian.

Na Galicia dos 80 as mafias do tabaco e do narcotráfico organizaban, coa solidariedade de certos poderes políticos e económicos, o branqueo de cartos. E a esquerda gobernante, rapidamente reconvertida como as mafias do tabaco, xeraba un galopante desencanto, pola súa deriva dereitista.

Nunha empresa da Ría de Vigo un empresario, ó parecer despois de rematado o “lavado” para o que a creara, abandonaba a unhas ducias de traballadores co peche da fábrica. E os traballadores, deixados á súa sorte, deciden constituírse en cooperativa pra dar continuidade a súa actividade.

Nese contexto, e con eses pretextos, nace o texto de Fedra Gómez, que estrearíamos con Uvegá Teatro no 1989.

A OBRA

Fedra Gómez (Susana Dans), logo de servir nas familias ricas da cidade, casa con Tomás (Xosé Manuel Olveira “Pico”), un sindicalista, viúvo, no que os compañeiros e veciños depositan a súa confianza pra impedir a perda dos postos de traballo na fábrica abandonada polo propietario. Fedra non entendía aquela euforia “revolucionaria” que a rodeaba. Poro (Luís Zahera), fillo do anterior matrimonio de Tomás, segue os pasos do pai no activismo político e sindical. Os seus amigos son O Rizos (Xavier Estévez), que non quere saber nada máis que de festa, e Pepe (Xavier Picallo), estudiante universitario e marxista de libro. Rosa (Mariajo Mosteiro), antes prostituta e agora costureira, é a amiga e confesora de Fedra.

Traballamos moito a definición de cada personaxe, así como o ritmo, os silencios, as tensións creadas entre a atracción e a repulsa; entre a expresión das esperanzas colectivas e a indiferencia individualista. Foi un traballo intenso e gratificante pra min como director.

Como a historia repítese, Fedra namórase do seu fillastro, e a traxedia volve estoupar. Os tabús inflexibles agroman unha e outra vez, dando conta de que a evolución do ser humano, a pesar dos disfraces que vaia adoptando, é dunha lentitude esmagadora.

Nunha posterior versión que fixen do texto, engadín un personaxe, a noiva de Poro e irmá de Rosa, que desde o dobre compromiso social e feminista engade unha vía de esperanza que ningún dos outros personaxes estaba en condicións de protagonizar.

Algún crítico teatral afirmaría que era o primeiro texto de autor galego que se adentraba nunha temática urbana e actual.

O ESPACIO

Alomenos a intención era a de subliñar o paso dunha sociedade rural a unha industrial, e o espacio quería expresar plasticamente ese feito. A cociña comedor aínda conservaba as pedras da antiga lareira, ocupada agora por unha cociña de butano. A mesa, tamén de pedra, simbolizaba dalgún xeito, cando quedaba espida do mantel de hule de cadros, a ara dos sacrificios. Xunto á ventá da galería estaba a máquina de coser.
Ó fondo, un gran cortinón de apaixonado vermello, daba entrada o espacio da intimidade da casa.
Un pano do ancho do escenario, de subir e baixar, era ás veces o muro da fábrica, e noutros momentos permitía ver por transparencia o interior da vivenda, tratando as transicións como fundidos cinematográficos.

A escenografía deseñada por J. Méndez e realizada por Rodrigo Roel era moi expresiva.

TRAXEDIA MUSICAL

Deume por poñerlle ese subtítulo de traxedia musical, pra anunciar que tamén había cancións. Susana e Pico cantan moi ben, e Marco Antonio Alcázar, que foi o axudante de dirección, e que era membro de varias corais de prestixio, tamén participaba nos coros. Laura Quintillán compuxo a espléndida música.

Unha segunda intención, que non pasaría desapercibida, era homenaxear, claro está, a Bertold Brech.

UNHA ANÉCDOTA

Un espectáculo está sempre cheo de anécdotas, pero vou escoller só unha. A ausencia de persoal técnico do teatro Principal de Pontevedra era coñecida. Tivemos que facer nós de tramoias, xa que había algunha necesidade de subir en baixar varas e o pano. Iamos comezar a función, escuro na sala, e Quique estaba encargado de subir o pano. Pero turrou da corda equivocada, e o pano, que xa estaba baixo, seguiu baixando a parte superior do mesmo. Os do coro estaban agardando detrás prá primeira canción, e foron engruñándose ata o chan pra non quedar á vista. Despois dun enorme esforzo, logramos subir o pesado pano, e a función puido principiar.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-05-2008 00:07
# Ligazón permanente a este artigo
XXV
Figurino prá Tia Segunda, que interpretaba Susana
TRÍNGUILIN TRÁNGALA

1988


"Me dijeron que en el Reino del Revés
un señor llamado Andrés
tiene 1530 chimpancés,
que si miras no los ves."
María Elena Walsh


O teatro pra nenos e nenas era e segue a ser un reto. Non hai público máis agradecido nin máis esixente que o infantil. “Trínguilin trángala” era unha peza dirixida a este público, que estreamos con Uvegá Teatro no 1988.

Na miña experiencia bonaerense como actor participei en tres espectáculos de actor, e varios de títeres, dirixidos a estes difíciles espectadores. E foi asistindo a unha representación da poetisa e cantante María Elena Walsh, “Canciones para mirar”, no San Martín, que se me acenderon as alarmas. Había alí unha linguaxe poético-dramática que bebía no teatro do absurdo e que os nenos e nenas disfrutaban e agradecían. Deime conta que posiblemente o público daqueles espectáculos infantís nos que intervín, ou outros que puiden ver como espectador, debeu moitas veces pensar: “estes parecen tontos”.

A consecuencia daquel impacto, escribín un texto que titulei “Pregunta que te pregunta”, que xa dixen noutro lugar desta autoblografía gañou o premio compartido do concurso do San Martín de teatro pra nenos, e foi a partir de este texto que anos máis tarde escribiría o “Trínguilin trángala”.

No reparto estaban Susana Dans, Pitusa Paz, Mariajo Mosteiro, e dous mozos que farían o seu primeiro traballo como actores, Quique Orosa e Xavier Estévez. Os dous viñan da súa experiencia como técnicos de escena. Quique na actualidade ten un bo emprego como inspector de non me lembro que, e Xavier Estévez é hoxe un actor prestixioso e prestixiado no noso teatro e no audiovisual. E o reparto completábase con dous músicos en directo, Roberto Sala e Txus Bello.

O vestiario e o atrezo de J.Méndez, realizados pola marabillosa artista plástica Isabel Vázquez e pola modista Lola Area eran impactantes e moi imaxinativos.

E como todo hai que dicilo, se hoxe é difícil, daquelas a distribución dun espectáculo pra nenos con oito persoas no escenario era case un imposible. Cando a resposta dos programadores era que polo prezo do “Trínguilin” traía cinco de Madrid caíase a alma ó chan. Así e todo, fixemos un número importante de funcións, gracias ó boca a orella, que segue a ser pró teatro o “marketing” promocional que máis decide.

De que o antes dito é certo, unha proba foi unha contratación na escola dun pequeno concello. Chegamos ó sitio, e as condicións técnicas que dicían ter prá representación brillaban por unha ausencia total. A resposta do director do colexio foi: “e que se vos digo a verdade non viriades”. E el quería que os seus alumnos visen aquel espectáculo. Cambiamos algunhas cousas, pasando escenas ó chan do salón de actos, e valeu a pena o esforzo.

VOLVE O CABARÉ (1992)

En 1992 volvería intentar facer algo pró público infantil, pero resultou un fracaso. A intención era boa con “Volve o cabaré”, xa que quería procurar a complicidade dos nenos e nenas na reivindicación do teatro, en non deixalo morrer. Pero como é ben sabido, as boas intencións son moitas veces a moqueta do inferno. Fixemos catro funcións.

Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-05-2008 01:13
# Ligazón permanente a este artigo
XXIV
Cartel de
COCHOS

1987

“Cochos”, de Roberto Vidal Bolaño, foi o primeiro espectáculo estreado coa miña compañía, Uvegá Teatro, no 1987.

O texto chegoume a través de Xan Cejudo, co que coincidín no reparto de “A noite vai coma un río” de Cunqueiro, do CDG (1986), e ó ano seguinte en “A pousadeira”, de Goldoni, que dirixía Xan, tamén para o CDG. O texto de “Cochos” estaba mecanografado, xa que a súa edición sería posterior á estrea.

A primeira lectura produciume sensacións contradictorias. Era un monólogo, experiencia a que eu lle tiña ganas como reto. A linguaxe era dunha beleza teatral impresionante, brillantísima. O tema, un emigrante en Europa no ano 1968, érame próximo. Pero o texto, abondoso, case imposible, metíame moito medo. E se isto fose pouco, precisábase a presencia dun cocho en escena, e unha ambientación sonora complexísima.

Nas lecturas seguintes, moitas, e cada vez máis seducido polas palabras de Roberto Vidal Bolaño, intentei imaxinar como superar os imposibles. Daquelas eu tiña un programa na Radio Galega, e indaguei fórmulas técnicas pra resolver, con escasísimos medios, o espacio sonoro indispensable. Visitei feiras de gando pra imaxinar como soluciona-lo tema do porco, que ó meu entender non soportaría unha solución de cartón-pedra. Andei atento á xente que coñecía, pra dar autenticidade ás voces que necesariamente tiñan que estar no espectáculo, voces galegas, andaluzas, italianas, alemanas... “Cochos” xa era unha obsesión no meu maxín.

Dous feitos foron determinantes pra decidirme levar adiante o proxecto: o compromiso do meu compañeiro Marco Antonio Alcázar, que sería o axudante de dirección, e a xenerosidade de Vidal Bolaño dándome total liberdade pra adaptar ou cortar o que vise comenente.

A HISTORIA

“Cochos” conta a peripecia dun campesiño metido a albanel, emigrante a Frankfurt, Alemania, que descubre a imposibilidade de integrarse nunha sociedade que o emprega temporalmente, obrigándoo a volver á súa aldea ata o seguinte verán, pero que tampouco lle permite levar algo do seu, un porquiño de cría. A presión policial, consular, eclesiástica, mediática e familiar sobre o cortello no que é aloxado pola empresa constructora non ten máis saída que a tráxica cerimonia da matanza.

Mentres, en París os estudiantes e os traballadores poñen en xaque uns xeitos de facer política e de entender a vida caducos; en Praga o imperio soviético esmaga o movemento por un socialismo de rostro humano; a guerra de Vietnam que remataría anos máis tarde coa derrota dos EE.UU. xa leva dez anos, ou os Beatles provocan as iras da sociedade ben pensante polas súas greñas e as súas cancións, Sebas, o emigrante galego en Frankfurt e o seu cocho resultan un desafío insoportable prá renacente Alemania bendicida cos dólares do imperio USA.

“Cochos”, na España e na Europa de hoxe, receptora de milleiros de inmigrantes que foxen da miseria, como nós o fixemos, antes a América, logo a Francia, Alemania, Suíza, Holanda, Bélxica, mantén toda a súa vixencia.

AS VOCES

Quico Cadaval, Susana Dans, Xavier Lourido, Xosé Manuel Olveira “Pico”, Cándido Pazó, Rodrigo Roel, Diego Varela e Marisa Soto, todos compañeiros do oficio este de facer teatro, prestáronme as súas voces pra construír o mundo sonoro de “Cochos”. Cando volvo escoita-la cinta coa voz de Marisa, a muller do Sebas, que falaba polos altofalantes da policía alemana, volvo sentir o mesmo estremecemento que o personaxe sentía pechado no seu cortello.

E que bo traballo fixeron un grupo de estudiantes alemáns que andaban por Santiago daquelas: Christian Angermann, Xulia Bluhme e Hartmut Martsch. Eran a voz da policía, da autoridade, da radio que escoitaba Sebas anunciando as mellores salchichas do mundo.

A radio que tiña o inmigrante na súa mesiña de noite, as veces, na procura de emisoras no dial, facía chegar a emisión da Pirenaica, na que Ana Cermeño, productora de TV e o xornalista Pemón Bouzas, debullaban o guión daqueles días que me cedeu o arquivo do PCE, a ritmo de pasodobre.

Antonio Mesa, un andaluz de visita por Santiago, parente de Manuela Domínguez, traballadora do CDG que mo presentou, e Xesús Redondo Abuín, histórico militante do PCG salvaxemente represaliado pola dictadura franquista, eran os compañeiros do Sebas. Ó compañeiro italiano prestoulle a súa voz o músico Joam Trillo, que vivira moitos anos en Italia.

Roberto Vidal Bolaño escribiu tamén uns textos, nos que falaban un economista e un sociólogo, sen nomealos, pero que eran perfectamente recoñecibles na Galicia daquelas e tamén na de hoxe. Eran Xosé Manuel Beiras e Miguel Cancio. Eu tiven a ousadía de pedirlles que fixesen deles mesmos, e foi certamente divertido. Beiras aceptou de inmediato, e xunto ó piano da súa casa da Cidade Vella de Santiago, no que eu pousei a gravadora, fixo de el mesmo (do Beiras público, que en pouco se parece ó outro), con moitísima gracia.
Miguel puxo algunha pega, “eu isto non o diría así”, pero sen máis fixo un Cancio que lle saíu bordado.

A PROTAGONISTA

Pra moita xente da moita que viu “Cochos”, aquel espectáculo quedou como unha referencia, como unha obra de culto. Aínda hai coñecidos ou descoñecidos que insisten en que teño que volve-la montar. Boa parte dese sentimento debese a protagonista, a cochiña que eu chamei sempre “Rosiña”.

O anecdotario arredor de “Rosiña” daría pra unha enciclopedia. Había que convivir con ela, xogar, rañala, sacala de paseo pola beira do Sarela moitas veces ó día, antes de que chegara o momento da estrea, que foi en Verín, despois dun ensaio xeral con público na daquelas Escola de Maxisterio de Santiago. Fixemos a viaxe a Verín os dous sós, no meu R5. A maior parte do traxecto ela, que estaba na parte de atrás cos asentos abatidos, foi coas patas dianteiras pousadas nos meus ombreiros, ollando cara adiante, coa súa cabeza pegada á miña. Rematada a estrea, eu fun durmir a un hotel, e ela quedou no coche. Pola mañá comérase os ramos de flores que nos trouxeran Susana Dans, Laura Ponte e Roberto Vidal Bolaño, que viñeran a Verín, e por se fose pouco, tiña acendida a radio e o limpa-parabrisas funcionando.

A primeira “Rosiña” alugueilla a un porqueiro da Poza Real de Santiago. O trato foi que por 5000 pesetas deixaríame unha porquiña prás funcións, e como estas eran espaciadas no tempo debería ir renovándoa pra que fose sempre pequena, da que el seguiría a se-lo dono. Cando a fun buscar prá terceira función, dixo que non había máis porca nin me devolvía os cartos, xa que os veciños lle dixeran que a “endrogaba” pra que traballase no circo.

Correndo fun comprar unha á feira de “Salgueiriños”, que daquela aínda non mudara de emprazamento.

Eu digo sempre que unha “Rosiña” é un precioso animal de compañía. A xente ri, pois non saben o cariñosos e intelixentes que son estes bichos. E os sentimentos que poden facer agromar vistos no escenario. Nunha función na Aula de Cultura da Caixa en Santiago, unha moza subiu ó escenario e quedou alí, ata que os técnicos a chamaron dende os laterais. Días máis tarde nun encontro casual coa moza pola rúa, díxome que o sentía moito, pero que naquel momento tivo a necesidade de compartir aquel espacio coa cochiña.

Pra non abondar máis no extenso anecdotario, dicir que algunha lla tiven que vender ós veciños, xa que medran moi rápido, e que a última lla regalei ós meus parentes de Untes. Contáronme que o primeiro que fixo foi saír do cortello e subi-las escaleiras ata o comedor. Eu aquel ano non probei nin o xamón nin os chourizos, que tanto me gustan.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-05-2008 01:19
# Ligazón permanente a este artigo
XUNTANZA DE BLOGUEIROS NA GOLADA
Xuntanza de blogueros 31-05-08
O próximo 31 de maio celebrarase unha xuntanza de blogueiros na Golada (Pontevedra). Se queres informarte, entra na seguinte páxina:

http://blog-xuntanza.blogspot.com/2008/05/lista-provisional-de-blogs-inscritos.html

Coido que pode ser unha experiencia moi interesante.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-05-2008 11:21
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Hoteles Sierra Nevada