Vicente Montoto, autoblografía


O mesmo mar
(A nevagación principia no capítulo I, ó que desde aquí chegas nun clic)

O meu perfil
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES

XXIII
Roberto Vidal Bolaño
VINTE ANOS DESPOIS


O 6 de xullo de 1987 deime de alta na Licencia Fiscal, e criei a compañía teatral Uvegá Teatro. 18 espectáculos estreados e distribuídos. Un mundo de xente colaborando: actores, actrices, directores, técnicos, escenógrafos, iluminadores, figurinistas, atrezistas, músicos, deseñadores, autores, traductores, fotógrafos, ferreiros... Cantos fantásticos profesionais, canta boa xente, cantos amigos e amigas.

A miña intención é a partir do seguinte capítulo facer un repaso polo traballo destes vinte anos, non tanto como información, senón verbalizando e afondando no aprendido, no descuberto, no investigado e posto en práctica, por se a alguén lle pode ser de utilidade.

E tamén contextualizar as escollas feitas, referidas esencialmente ó meu traballo como director e autor ou adaptador e traductor.

En definitiva, dar resposta, na medida do posible, ós múltiples ¿por qué? que aparecen no proceso creativo.

E por suposto, traer aquí as moreas de anécdotas que se produciron arredor de cada espectáculo, dentro ou fóra da representación.

Como aínda segue en internet a páxina de Uvegá Teatro, www.uvegateatro.com, remitirei a ela a quen queira coñecer polo miúdo tanto datos coma información gráfica (fotos, programas de man) e mesmo algún texto da biblioteca virtual que ten esta web.

O espectáculo inaugural de Uvegá Teatro foi Cochos, de Roberto Vidal Bolaño, estreado o 29 de novembro do 1987, en Verín. Falando de Cochos principiarei a segunda parte desta xa longa autoblografia.

Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-04-2008 21:51
# Ligazón permanente a este artigo
XXII
se coñece-lo autor desta foto, indícamo, gracias
CRONOLOXÍA NECROLÓXICA


(Se entras por primeira vez, vai ó capítulo I, que de momento está na páxina tres. Os textos suliñados son enlaces, ligazóns, a fotos ou páxinas que coido de interese. Tamén podes ver a FotoBlogoteca. Tanto nas fotos coma nos distintos capítulos podes deixar o teu comentario, e mesmo aportar datos complementarios, que é todo elo moi de agradecer. Que teñas boa navegación)



Foi naquel verán do ano 2005. Despois duns longos 16 anos de goberno de D.Manuel, Galicia estreaba goberno de novo signo, presidido por Emilio Pérez Touriño. Na Consellería de Cultura, a Pérez Varela sucedíalle Ánxela Bugallo. No relevo da Xerencia do IGAEM as cousas foron máis a modo, e Xosé Soto Virulegio estivo aínda varios meses no cargo, antes da chegada de Miguel Martín, o actual Xerente.

Alomenos dúas compañías teatrais, Uvegá Teatro, a miña, e Teatro do Aquí, fundada polo noso inesquecible Roberto Vidal Bolaño, pasamos ás páxinas necrolóxicas. Ou mellor nin iso. Morremos de morte “morrida”, como dixo o outro. Sen misa cantada nin da outra.

A min ninguén me preguntou nada, desde os programadores dos auditorios e teatros ós altos representantes da cultura; desde os estudiosos do “teatro galego” ós que escriben de teatro (cando lles cadra) nos medios de comunicación. Soamente os compañeiros e compañeiras do oficio se interesaron polo tema. E algúns descoñecidos, que lembraban os espectáculos ós que asistiran como espectadores.

Despois de tanto esforzo, tanta paixón, tantas dificultades, como pesa ese silencio, esa indiferencia… Pero mira, a min que me quiten o bailado. E como dicía o Don Juan de Zorrilla:

“Conque no paséis afán
de aquí adelante por mí,
que como vivió hasta aquí,
vivirá siempre don Juan.”


A seguir, vai unha cronoloxía de documentos varios, que salvo a algún investigador, non vos aconsello ler na súa integridade. Pero se queredes, por curiosidade, ir a algún deles, facedes un clic e lévavos alí. As fotos que atopei en internet, unha por enlace, si que valen a pena.

4 de agosto de 2005: Recurso diante do IGAEM

8 de agosto de 2005: Carta á Conselleira de Cultura.

17 de agosto de 2005: Carta informativa remitida ós profesionais das
Artes Escénicas de Galicia.


23 de setembro de 2005: Nota para a rolda de prensa celebrada o 23
de setembro de 2005.


29 de setembro de 2005: Texto de Damián Villalaín publicado nesa data
nunha Tribuna Libre do Correo Gallego.

1 de oututro 2005: Tribuna Libre enviada ó Correo Gallego en resposta á
de Damián Villalaín de 29/09/05, e publicada algún
tempo máis tarde, despois de recorrer ó Defensor do Lector.


12 novembro 2005: Nota na que sei fai público o papel xogado polo
IGAEM, os argumentos da Comisión de valoración, e a súa asunción
pola nova Conselleira.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-04-2008 19:21
# Ligazón permanente a este artigo
XXI
Foto Vicente, ós 5 ou 6 anos, coa miña irmá Magdalena
CINCO MESES DESPOIS



Cinco meses despois, entramos no XXI. O último capítulo desta autoblografía publiqueino o 11-11-07. Estamos a 10-04-08. ¡Como pasa o tempo! E cantas cousas poden acontecer en tan poucos meses. Ah, e sinto ter creada unha certa tensión dramática no capítulo XX co tema do testamento. Agardo que ninguén sufrira desacougo por elo.

Comezando polo final, direi que dentro de menos días que dedos ten unha man terei idade pra, ¡por fin!, apuntarme ás viaxes do INSERSO. A boa vida principia agora, cunha pensión mínima de 500 euros ó mes e unha hipoteca a pagar de 345 euros, segundo me informou o meu banqueiro, por culpa da subida do euribor. E o terrible é que, moitos dos meus compañeiros e compañeiras van chegar ós 65 anos sen dereito a ese mínimo. Ser feliz, facendo o que a un lle gusta, a interpretación nos nosos casos, ten custos elevados.

Os meus compromisos como Presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia foron intensos. A negociación do primeiro convenio colectivo de teatro a nivel galego, que nestes últimos días complicouse perigosamente, ou a dirección da XII edición da Gala dos Premios de Teatro María Casares, que celebramos o 27 de marzo, xunto a centos de xestións, non me deixaron tempo pra dar continuidade ó compromiso adquirido comigo mesmo de debullar vivencias, historias e anécdotas nesta autoblografía, sen destinatario concreto.

O nadal, como tódolos anos, en Untes, na casa dos meus, con Virxinia, Demetrio, o Cesar e a Loli, e o Cesarito e Lorena e o seu compañeiro. ¡Que ledicia compartir a súa amizade e amor!

Tamén tiven que pasar polo quirófano do CHUS pra unha extracción da próstata, con resultados de “sen novidade”. Que luxo vivir nun país no que os que estamos por debaixo do "humbral" da pobreza podemos ter unha sanidade de ricos. A min, non sei se xa o teño dito, non me gustaria, como a Felipe González, morrer acoitelado no metro de Nova Iorque.

En decembro do 2007 Uvegá Teatro, a miña compañía, cumpríu os 20 anos, que como di o tango non son nada, aínda que na historia do teatro profesional de Galicia poderían selo. Deses anos, e da morte do proxecto, falarei polo miudo en próximos capítulos desta autoblografía.

E a morte volveu marcar o calendario de España nese decembro. ETA asasinou a dous traballadores na T4 do aeroporto de Barajas, matanto ó mesmo tempo as esperanzas de paz, tanto da práctica totalidade dos vascos coma do resto de cidadans. E o tiro de gracia (a modo de garrote vil) dérono durante a campaña electoral, outra vez contra outro traballador, en Mondragón. Lin estes dias unha información de Europa Press na que se fala da colocación dun artefacto explosivo da "organización separatista ETA". ¿Separatista?
Coido que non se enteran. O separatismo hoxe é tan defendible democraticamente como calquera outra opción. Lendo tamén na prensa unha noticia na que se fala da intervención da mafia siciliana, recabando a punta de pistola votos emigrantes pra Berlusconi, pensei automaticamente en ETA.

Tivemos eleccións xerais, e o meu voto foi prós meus, para EU-IU. Houbo mala sorte, e algunha culpa temos todos, eu tamén. Eu polo meu compromiso soamente moral e ideolóxico, pero non militante a nivel partidario. Outros por regresar a un comunismo primario, superado na nosa cultura xa antes da morte de Franco, no que atoparon refuxio algúns burócratas. A victoria de Gaspar Llamazares nas primarias de IU foi un estímulo, pero non freou o canibalismo interno, cancro que aínda non atopou vacina entre nós. Xa moito antes, Santiago Carrillo e Julio Anguita, que tiveron grandes méritos en algúns momentos, colaboraran no retroceso. Marcelino Camacho, utilizado irresponsablemente polos burócratas, dilapidou o seu prestixio, cun enfrontamento fraticida con CC.OO., o sindicato que axudou a fundar. ¡Canto nos queda aínda por aprender de Pasionaria!

Cambiando de tema, este capítulo será ilustrado cunha foto miña e da miña irmá Magdalena, que acabo de recibir pero non me funciona o escáner e non podo subila de momento. Con esta decisión rompo o costume de encabezar con fotos non persoais estas historias. (Salvo no capítulo I, no que tiña que da-la cara) A foto estaba en casa da miña tía Carme, de Buenos Aires, da que xa teño falado, a que servía sendo mociña no pazo de Otero Pedrayo en Trasalva, e sufriu o acoso do gran patriarca montado a cabalo. Eu ando polos seis anos, e miña irmá aínda non tería un. Levo tempo agardando que me conseguisen esa foto, a única que coido existe da miña nenez, e recibina xusto nestes días. Chegoume nunha carta enviada pola miña sobriña Silvana e pola súa filla Lucía, que ten os anos que eu teño na foto, e que cun debuxo precioso coma ela me di: “Tío Vicente: me llamo Lucía, tengo 6 años. A mi hermano Pato le gusta el teatro como a vos. Te mando besos. Te-amo.”

(ir ó capítulo seguinte)





Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-04-2008 20:14
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Hoteles Sierra Nevada