Vicente Montoto, autoblografía


O mesmo mar
(A nevagación principia no capítulo I, ó que desde aquí chegas nun clic)

O meu perfil
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES

2004: PALLASOS, de Vicente Montoto
Carlo Colombaioni
UNHA ENDOSCOPIA E CARLO COLOMBAIONI

O que son as casualidades. Tiveron que facerme unha endoscopia por cousas da próstata, e conversando coa técnica sanitaria que me preparaba pró trance, preguntei que posibilidades había de confundir os papeis cos dalgunha paciente e o resultado fose embarazo. Ela riu estrañada pola pregunta, e que aínda que sería a primeira vez que ela soubese dun caso semellante, podía darse.

Por aqueles tempos, ano 2002, fixen un curso en Pontevedra co gran pallaso italiano Carlo Colombaioni, no que descubrín algúns elementos das técnicas de clawn cheas de sabedoría pra incorporar á posta en escena. No 2008 chegaría a triste nova do seu falecemento.

A finais dos 90, como xa anticipei nun capítulo anterior, durante a escrita a catro mans con Manuel Lourenzo do texto de “Zocos”, convivimos un tempo na miña casa da aldea. Unha noite de trono, Manolo confesoume que tiña terror ós lóstregos, e que se non me importaba, viría a miña cama para sentirse protexido. A tormenta foise e puido durmir sen sobresaltos na súa habitación.

Con estes vimbios, e unha exhaustiva procura en internet sobre o embarazo masculino, que por certo ten abundante literatura científica, construín o cesto de “Pallasos”.

E tamén como resposta ó compromiso que asumín diante de moitos espectadores de “Mulleres”, de que na próxima tiña que falar dos homes.

As casualidades é o que teñen...

O vodevil

A estructura do texto, e do espectáculo, era a dun vodevil fragmentado. Unha acumulación de circunstancias que ían collendo un ritmo crecente que pra min era a clave da proposta.

Pepe Penabade ía asumindo a súa maternidade, o seu embarazo, dun xeito natural e verdadeiro, e ó mesmo tempo Xosé Luís López “Sacha”, nun proceso nada fácil pró actor e pró personaxe, a paternidade. Eles tiñan o oficio de pallasos.

Matilde Blanco era a moza dun dos pallasos, e a primeira defensora daquel sorprendente embarazo. Mara Sánchez era a enfermeira que daba credibilidade ós resultados das probas, e logo, nun segundo papel, a presidenta das nais solteiras que chegaba pra dar o seu apoio social ó futuro nai. Xosé Manuel Esperante, o mensaxeiro, representaba unha opinión externa de solidariedade cos pallasos. Eu era o director do circo.

Hai pouco, vendo de novo o vídeo da representación, volvéronme conmover os seus traballos.

Dúas opinións dos espectadores

Varios espectadores masculinos fixéronme saber a súa mágoa de que o embarazo non chegara a súa fin.

Un asistente a unha das representacións expresoume a súa admiración polo ben que falaba o galego a psicóloga arxentina. A Mara Sánchez alegroulle o comentario.

O equipo

Ficha artística e técnica.

Intérpretes: Xosé Luís López “Sacha”, Mara Sánchez, Pepe Penabade, Matilde Blanco, Xosé Manuel Esperante e Vicente Montoto. Voz en s.f. Luís Iglesias.

Escenografía e deseño gráfico: Carlos Alonso. Música: César Martínez. Iluminación: Octavio Más. Clown asesor: Jouse García. Fotografía: Margen. Gravación: Cuarto Oscuro. Imprenta: Litonor. Costureira: Mª Dulces Negreira. Traxes pallasos: Menkes. Axud. Producción: Ramón Abelenda. Técnico de luces: Octavio Más. Técnico de son: Pepe López Quintela. Técnico de escena: Rubén Rodríguez. Axudante de dirección: Mara Sánchez.

Dirección: Vicente Montoto



Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-12-2010 20:05
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 Excelle#blgtk08#nt post
Comentario por doudou ours couché musical (27-08-2013 17:29)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Hoteles Sierra Nevada