Vicente Montoto, autoblografía


O mesmo mar
(A nevagación principia no capítulo I, ó que desde aquí chegas nun clic)

O meu perfil
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES

2002: MULLERES, de Franca Rame e Dario Fo
Dario Fo e Franca Rame
“Si insulta l’onore del popolo siciliano sostenendo l’esistenza di un’organizzazione criminale chiamata mafia!”, dicia na comision de vixiancia da television do Parlemento italiano o senador Malagodi pra xustificar a retirada da televisión italiana do programa de enorme éxito de Franca Rame e Darío Fo. (No ano 1985, Malagodi é nomeado, polo presidente do Consiglio Giulio Andreotti, senador de por vida “per i servigi resi alla politica”

FRANCA E DARIO

Do mesmo xeito que un non debera morrer sen visitar a Alhambra de Granada, o que fixen recentemente por segunda vez, coido que hai autores que un precisa visitar pra vivir toda a intensidade deste oficio. Franca Rame e Dario Fo son pra min alguns deses autores necesarios.
A experiencia vivida en Uvegá Teatro con MULLERES foi das mais gratificantes pra min. E coido que pra todo o equipo.

Non foi doado atopar os textos orixinais. Pedinlle orientación a un sindicalista italiano nunha reunión no parlamento europeo. E nunha librería italiana de Bruxelas atopei varios textos. Decidinme por “Tutta casa, letto e chiesa”, que Franca Rame estreara no 1977, pero que seguían a ter unha enorme carga de profundidade. Escollimos do libro “Una donna sola”, “Il risveglio” e “Abbiamo tutte la stessa storia”, xunto cun prólogo que Franca Rame engadira nas súas representacións.

Eu adoitaba dicir que no éxito de MULLERES, que foi grande, a parte que a min me tocaba era ter acertado co casting: as actrices Laura Ponte, Susana Dans e Mara Sánchez. Da dimensión do traballo feito por cada unha delas é expresivo que as tres foran nominadas nos Premios de Teatro María Casares á mellor actriz protagonista. E a que se levou a xerra finalmete foi Laura Ponte.
Eu vin tóda-las funcións de MULLERES, que foron moitas, e sempre sentin un pracer que se renovaba en cada representación. E que continuaba logo, ó remate, na charla sobre as incidencias desa noite, ó que chamavamos “as notas”. E eso valíanos ás catro (Laura, Susana, Mara e eu) pra axustar, descubrir algún matiz novo, mimar en definitiva o traballo.

“Una donna sola”

Laura Ponte foi a muller sola. O texto é, o mesmo que os outros dous, dunha riqueza eu diría que infinita. E tamén tiña os seus perigos, xa que podía tentarnos a entrar en claves de comedia fácil, que soubemos evitar.

Laura, consciente da riqueza e tamén das trampas, pedíame constantemente: “dáme caña”. Foi un traballo minucioso de encaixe de Camariñas. A truculencia da situación aparentemente asumida por esa muller pechada na casa polo seu marido ía revelando a traxedia da secuestrada, sen perder o humor da situación límite, e das ferramentas de defensa desenvolvidas por ela pra escapar da loucura. Todo un mundo de sutilezas rotas por exabruptos cómicos que afondaban a traxedia da “donna sola”. A Laura estaba xenial.

“Il risveglio”

E de seguido, Susana Dans. Que actriz señoras e señores, que actriz. Esa muller que esperta, disponse a saír prá fábrica, é moi tarde, vai perder o bus, e non atopa a chave da casa. E ten que chegar antes de que as monxiñas lle pechen a gardería onde deixa ó seu bebé.

A desigualdade home-muller, a explotación compartida polo matrimonio obreiro e a dobre explotación dela, van debullándose mentres procura a chave que non aparece. Unha media hora de ritmo sostido, matizado, intenso, que logra unha execución perfecta de Susana, ata o desenlace final: “tódolos días da semana deberan ser domingo”.

“Abbiamo tutte la stessa storia”

E aparece entón Mara Sánchez pra dicirnos que “todas temos a mesma historia”. Neste texto de sexo, amor, embarazo non desexado, maternidade e preparación da filla pra enfrontarse a un mundo de gatazos vermellos, enxeñeiros informáticos e ananos mexóns, Mara é un milagre como actriz completísima, dunha creatividade insuperable.
Antes de que eu rematara unha suxestión pra resolver unha actitude física, unha voz prós personaxes do conto co que instruía á súa filla, ela xa a estaba executando cunha brillantez, cunha eficacia, e cunha entrega dificilmente repetible.

A partitura

As miñas experiencias como director fixéronme chegar a unha conclusión: un espectáculo precisa, sempre, unha partitura, un ritmo interno, unha orquestación, sen a cal quédase sempre a medio camiño. Cando os directores esquecemos esta necesidade, por moito aparato que poñamos no escenario, o espectáculo volvese insostible.

Atopado en internet

Xa comentei antes as voltas que tiven que dar pra chegar ós textos de Franca Rame e Dario Fo en italiano. Atopei en internet unha páxina que é unha xoia prós que queirades ler eses textos. É a seguinte:

http://www.archivio.francarame.it/indexpubblicazioni.asp

Discriminacion positiva

Cando puidemos facer algunha pequena temporada, como en Santiago, inventamos un sistema de discriminación positiva prós homes: a muller pagaba a entrada e el entraba de balde.

En máis dunha ocasión, algún dos homes asistentes, á saída do teatro, veume recriminar que aquelo fora unha “encerrona”. E eu encantado de que así fose.

O equipo de “Mulleres”

Dirección, versión e traducción: Vicente Montoto.
Intérpretes: Susana Dans, Laura Ponte e Mara Sanchez. (Laura Ponte é substituída por Mercedes Castro a partir do 1º de xaneiro do 2003)
Escenografía: Carlos Alonso. Música: César Martinez. Deseñador e técnico de inluminación: Octavio Más. Técnico de escena: Pepe López Quintela. Técnico de son: Alfonso Gutierrez. Fotografía: Margen. Imprenta: Litonor. Axudante de Producción: Ramón Abelenda.


Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-12-2010 21:27
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 Grac#blgtk08#ias
Comentario por doudous plats (27-08-2013 17:30)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Hoteles Sierra Nevada