|
|
|
|
XXVII |
|

CEA PARA DOUS
1990
¡O que son as casualidades! Eu levaba anos cunha teima: converter unha peza teatral típica de tresillo, ou teléfono branco, nun texto retranqueiro sobre a realidade máis inmediata. Pillei nas feiras do libro ?viejo y de ocasión? e nas librerías de publicacións usadas canto texto atopei que puidera valer pra levar a cabo a miña teimosía. ?Cena para dos?, do italiano Aldo de Benedetti traducida ó castelán por Luciano Borroy apareceu pronto como a máis axeitada pra esta aventura.
Por aqueles días, Daniel Barata viña de suceder a Alfredo Conde na Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. E da fusión do que deixaba o despacho e do que o ocupaba, apareceu a imaxe do personaxe central de CEA PARA DOUS, e púxenme a facer a traducción e adaptación co permiso de Luciano Borroy.
Posiblemente había un ano que xa falara desta teima con Roberto Vidal Bolaño pra que dirixira o espectáculo e coa actriz Cruz Comesaña, coa que coincidín nos elencos do CDG de ?A noite vai coma un río? (1986) e de ?A pousadeira? (1987). Pero a morte accidental de Cruz na súa estancia en Madrid, que tanto nos conmocionou a todos, e de xeito especialmente doloroso a Roberto, modificou as previsións. Superado ese momento tan difícil, eu continuei traballando na idea, e tomei a decisión de dirixir eu mesmo a peza.
O reparto, mentres facía a adaptación, xa o tiña visualizado. Laura, a escritora, sería María Riveiro, unha muller moi atractiva que coñecín nun curso de dobraxe, con estupendas dotas interpretativas. Lois, o autor novo, era sen dúbida pra Quico Lago, ó que fixera unha proba pró espectáculo anterior, que tiña unhas dotes extraordinarias prá comedia. E Alberte, o Conselleiro, era eu.
ESPACIO, ATREZO E VESTIARIO
O espacio era moi importante na dramaturxia prevista, e traballei con J. Méndez no seu deseño. O tresillo e o teléfono branco eran imprescindibles, así como as portas, ou a fiestra con cortinaxes prós xogos de agachadas. E por suposto, a mesa da cea. Méndez, coa súa demostrada creatividade, conseguiu cos mínimos recursos (non había pra máis), un espacio elegante e o mesmo tempo adaptable ás ínfimas condicións da maioría de escenarios posibles existentes. Os novos auditorios aínda tardarían en chegar a Galicia.
O mobiliario, o vestiario, o atrezo, todo tiña que ser potente, e logralo representou un exemplar (así foi recoñecido) traballo de producción. E dicir, ou era gratis, ou non era posible. E foino. Logrei que varias boutiques de roupa pra mulleres e homes ?esponsorizaran? o espectáculo, regalándonos o elegante vestiario. Outro tanto pasou coa zapatería máis cara de Santiago. E Moncho Vilas, o gran cociñeiro galego, agasallounos cunha espléndida vaixela, e cunha deliciosa comida prá presentación en rolda de prensa da estrea do espectáculo, no Anexo Vilas, que deu que falar.
Os mobles e as teas non foi posible conseguilas gratis, pero si a prezo de custo. E o deseño do programa e cartel, estupendo, foi unha desinteresada colaboración do noivo de María Riveiro.
No programa, así e todo, como xa teño contado noutro sitio, figura, a petición súa, como director, Roberto Salgueiro, que fora o meu eficaz axudante.
¡QUE MEDO!
?Cea para dous? foi o espectáculo que inaugurou a Feira de Teatro daquel ano. E percorreu un bo número de cidades, vilas e aldeas. Algúns altos dirixentes fixeron corre-la voz de que este era o teatro que se precisaba en Galicia. E tiven un ataque de pánico. Ou non entenderon (os altos persoeiros, que o resto pensei que si) nada, ou coidaron que o Conselleiro de marras, nunha reviravolta sartriana, ?eran os demais?. Ou tamén puido ser que xogar co lume do tresillo e do teléfono branco pode chamuscar as mellores intencións.
UNHA ANÉCDOTA
Contratounos o alcalde de Oímbra, na comarca de Verín, dentro dos ?Circuítos culturais?. Chegamos coa furgoneta de aluguer á vila próxima a raia de Portugal. Había neve. No colexio, onde estaba prevista a función non había ninguén. Preguntando polas tabernas, logramos falar co alcalde. Nin se lembraba da función, e aínda por riba había un enterro. Dixo que era mellor deixalo pra outro día. Aproveitamos pra ver o sitio, e decididamente si, había que deixar o teatro pra máis adiante. Non había escenario, pois pensou que o levabamos nós. E da toma de corrente trifásica esquecéranse. Eu indiqueille como resolver o tema, cunhas caixas de cervexa e uns tablóns de aglomerado pra improvisar un escenario. E quedamos pra outra data. Volvemos alí xa con mellor tempo, e por fin estaba preparada a toma prá corrente trifásica. Só que en lugar dos 40 m2 de aglomerado había dous tableiros, 12 m2, e catro caixas de cervexa. E optamos por face-la representación no chan. A experiencia, cos espectadores case metidos na casa do Conselleiro, foi moi especial. Os vellos e vellas falaban a berros cos personaxes. A min non paraban de acosarme: ?déixalle a muller ó mozo, que ti xa non dás?.
|
|
|
|
1 Comentario(s) |
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|