Vicente Montoto, autoblografía


O mesmo mar
(A nevagación principia no capítulo I, ó que desde aquí chegas nun clic)

O meu perfil
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES

XXVI
Susana Dans e Mariajo Mosteiro en Fedra Gómez
FEDRA GÓMEZ

1989


"Outra vez Fedra. Agora Fedra Gómez. ¿Por que? Posiblemente por razóns semellantes ? a pesar do paso do tempo ? ás que levaron a moitos outros autores a falar, a través de Fedra, da súa realidade.
A crise relixiosa da Gracia antiga, a perda de confianza na organización política, a conciencia desencantada, a necesidade de recuperación do cotián son motivacións que podemos atopar no Hipólito de Eurípides.
A visión dunha sociedade asentada sobre tabús inflexibles é tema que a través de Fedra aparece con toda nitidez.
Para Séneca, nunha Roma na que a violencia impera, Fedra é un dos argumentos escollidos para falar desa violencia, para insistir na necesidade dunha sociedade máis xusta.
Pasarán máis de 1.600 anos denantes de que Jean Racine, ó servicio da clase reinante, na Francia de Luís XIV, interprete, tamén en Fedra, as vicisitudes interiores da clase á que serve e a interrelación entre responsabilidades do poder e fogaxe das paixóns.
E máis próximo no tempo, Jules Dassin, perseguido na época da ?caza de bruxas? americana, tamén atopa no mítico personaxe motivacións para a súa expresión artística e cívica, a través do cine.
Esta é a herdanza que Fedra Gómez tenta recoller. E todo isto, para falar do aquí e agora. Tabús sociais, desencanto, prepotencia, grandezas e miserias dos novos mitos. 2.500 anos, no fondo, non cambian tantas cousas.?

(do programa de man de Fedra Gómez)




Nicolás Sarkozi declaraba onte mesmo, no día mundial contra a homofobia, a necesidade de mundializar os obxectivos desa xornada. Non debe haber máis alá de quince días que se soubo que o goberno francés viña de retirarlle a nacionalidade a un dos seus cidadáns por casar en Holanda cunha persoa do seu mesmo sexo.

Na recente visita do Papa ós EE.UU., púxose de manifesto a decisión do Vaticano de enterrar en palabras, como xa antes o fixera en millóns de dólares, as prácticas pederastas de centos dos seus ?pastores?.

O PP, na súa furibunda batalla contra a Educación para a Cidadanía, recorre alí onde pode a ignorar os valores constitucionais e legais, en conivencia co episcopado español e a ultra dereita.

Por moitos séculos e milenios que pasen, hai cousas que non cambian.

Na Galicia dos 80 as mafias do tabaco e do narcotráfico organizaban, coa solidariedade de certos poderes políticos e económicos, o branqueo de cartos. E a esquerda gobernante, rapidamente reconvertida como as mafias do tabaco, xeraba un galopante desencanto, pola súa deriva dereitista.

Nunha empresa da Ría de Vigo un empresario, ó parecer despois de rematado o ?lavado? para o que a creara, abandonaba a unhas ducias de traballadores co peche da fábrica. E os traballadores, deixados á súa sorte, deciden constituírse en cooperativa pra dar continuidade a súa actividade.

Nese contexto, e con eses pretextos, nace o texto de Fedra Gómez, que estrearíamos con Uvegá Teatro no 1989.

A OBRA

Fedra Gómez (Susana Dans), logo de servir nas familias ricas da cidade, casa con Tomás (Xosé Manuel Olveira ?Pico?), un sindicalista, viúvo, no que os compañeiros e veciños depositan a súa confianza pra impedir a perda dos postos de traballo na fábrica abandonada polo propietario. Fedra non entendía aquela euforia ?revolucionaria? que a rodeaba. Poro (Luís Zahera), fillo do anterior matrimonio de Tomás, segue os pasos do pai no activismo político e sindical. Os seus amigos son O Rizos (Xavier Estévez), que non quere saber nada máis que de festa, e Pepe (Xavier Picallo), estudiante universitario e marxista de libro. Rosa (Mariajo Mosteiro), antes prostituta e agora costureira, é a amiga e confesora de Fedra.

Traballamos moito a definición de cada personaxe, así como o ritmo, os silencios, as tensións creadas entre a atracción e a repulsa; entre a expresión das esperanzas colectivas e a indiferencia individualista. Foi un traballo intenso e gratificante pra min como director.

Como a historia repítese, Fedra namórase do seu fillastro, e a traxedia volve estoupar. Os tabús inflexibles agroman unha e outra vez, dando conta de que a evolución do ser humano, a pesar dos disfraces que vaia adoptando, é dunha lentitude esmagadora.

Nunha posterior versión que fixen do texto, engadín un personaxe, a noiva de Poro e irmá de Rosa, que desde o dobre compromiso social e feminista engade unha vía de esperanza que ningún dos outros personaxes estaba en condicións de protagonizar.

Algún crítico teatral afirmaría que era o primeiro texto de autor galego que se adentraba nunha temática urbana e actual.

O ESPACIO

Alomenos a intención era a de subliñar o paso dunha sociedade rural a unha industrial, e o espacio quería expresar plasticamente ese feito. A cociña comedor aínda conservaba as pedras da antiga lareira, ocupada agora por unha cociña de butano. A mesa, tamén de pedra, simbolizaba dalgún xeito, cando quedaba espida do mantel de hule de cadros, a ara dos sacrificios. Xunto á ventá da galería estaba a máquina de coser.
Ó fondo, un gran cortinón de apaixonado vermello, daba entrada o espacio da intimidade da casa.
Un pano do ancho do escenario, de subir e baixar, era ás veces o muro da fábrica, e noutros momentos permitía ver por transparencia o interior da vivenda, tratando as transicións como fundidos cinematográficos.

A escenografía deseñada por J. Méndez e realizada por Rodrigo Roel era moi expresiva.

TRAXEDIA MUSICAL

Deume por poñerlle ese subtítulo de traxedia musical, pra anunciar que tamén había cancións. Susana e Pico cantan moi ben, e Marco Antonio Alcázar, que foi o axudante de dirección, e que era membro de varias corais de prestixio, tamén participaba nos coros. Laura Quintillán compuxo a espléndida música.

Unha segunda intención, que non pasaría desapercibida, era homenaxear, claro está, a Bertold Brech.

UNHA ANÉCDOTA

Un espectáculo está sempre cheo de anécdotas, pero vou escoller só unha. A ausencia de persoal técnico do teatro Principal de Pontevedra era coñecida. Tivemos que facer nós de tramoias, xa que había algunha necesidade de subir en baixar varas e o pano. Iamos comezar a función, escuro na sala, e Quique estaba encargado de subir o pano. Pero turrou da corda equivocada, e o pano, que xa estaba baixo, seguiu baixando a parte superior do mesmo. Os do coro estaban agardando detrás prá primeira canción, e foron engruñándose ata o chan pra non quedar á vista. Despois dun enorme esforzo, logramos subir o pesado pano, e a función puido principiar.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-05-2008 00:07
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Hoteles Sierra Nevada

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0