|
|
|
|
XXV |
|
 TRÍNGUILIN TRÁNGALA
1988
"Me dijeron que en el Reino del Revés
un señor llamado Andrés
tiene 1530 chimpancés,
que si miras no los ves."
María Elena Walsh
O teatro pra nenos e nenas era e segue a ser un reto. Non hai público máis agradecido nin máis esixente que o infantil. ?Trínguilin trángala? era unha peza dirixida a este público, que estreamos con Uvegá Teatro no 1988.
Na miña experiencia bonaerense como actor participei en tres espectáculos de actor, e varios de títeres, dirixidos a estes difíciles espectadores. E foi asistindo a unha representación da poetisa e cantante María Elena Walsh, ?Canciones para mirar?, no San Martín, que se me acenderon as alarmas. Había alí unha linguaxe poético-dramática que bebía no teatro do absurdo e que os nenos e nenas disfrutaban e agradecían. Deime conta que posiblemente o público daqueles espectáculos infantís nos que intervín, ou outros que puiden ver como espectador, debeu moitas veces pensar: ?estes parecen tontos?.
A consecuencia daquel impacto, escribín un texto que titulei ?Pregunta que te pregunta?, que xa dixen noutro lugar desta autoblografía gañou o premio compartido do concurso do San Martín de teatro pra nenos, e foi a partir de este texto que anos máis tarde escribiría o ?Trínguilin trángala?.
No reparto estaban Susana Dans, Pitusa Paz, Mariajo Mosteiro, e dous mozos que farían o seu primeiro traballo como actores, Quique Orosa e Xavier Estévez. Os dous viñan da súa experiencia como técnicos de escena. Quique na actualidade ten un bo emprego como inspector de non me lembro que, e Xavier Estévez é hoxe un actor prestixioso e prestixiado no noso teatro e no audiovisual. E o reparto completábase con dous músicos en directo, Roberto Sala e Txus Bello.
O vestiario e o atrezo de J.Méndez, realizados pola marabillosa artista plástica Isabel Vázquez e pola modista Lola Area eran impactantes e moi imaxinativos.
E como todo hai que dicilo, se hoxe é difícil, daquelas a distribución dun espectáculo pra nenos con oito persoas no escenario era case un imposible. Cando a resposta dos programadores era que polo prezo do ?Trínguilin? traía cinco de Madrid caíase a alma ó chan. Así e todo, fixemos un número importante de funcións, gracias ó boca a orella, que segue a ser pró teatro o ?marketing? promocional que máis decide.
De que o antes dito é certo, unha proba foi unha contratación na escola dun pequeno concello. Chegamos ó sitio, e as condicións técnicas que dicían ter prá representación brillaban por unha ausencia total. A resposta do director do colexio foi: ?e que se vos digo a verdade non viriades?. E el quería que os seus alumnos visen aquel espectáculo. Cambiamos algunhas cousas, pasando escenas ó chan do salón de actos, e valeu a pena o esforzo.
VOLVE O CABARÉ (1992)
En 1992 volvería intentar facer algo pró público infantil, pero resultou un fracaso. A intención era boa con ?Volve o cabaré?, xa que quería procurar a complicidade dos nenos e nenas na reivindicación do teatro, en non deixalo morrer. Pero como é ben sabido, as boas intencións son moitas veces a moqueta do inferno. Fixemos catro funcións.
|
|
|
|
1 Comentario(s) |
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|