Vicente Montoto, autoblografía


O mesmo mar
(A nevagación principia no capítulo I, ó que desde aquí chegas nun clic)

O meu perfil
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 ANTERIORES

XXIV
Cartel de
COCHOS

1987

?Cochos?, de Roberto Vidal Bolaño, foi o primeiro espectáculo estreado coa miña compañía, Uvegá Teatro, no 1987.

O texto chegoume a través de Xan Cejudo, co que coincidín no reparto de ?A noite vai coma un río? de Cunqueiro, do CDG (1986), e ó ano seguinte en ?A pousadeira?, de Goldoni, que dirixía Xan, tamén para o CDG. O texto de ?Cochos? estaba mecanografado, xa que a súa edición sería posterior á estrea.

A primeira lectura produciume sensacións contradictorias. Era un monólogo, experiencia a que eu lle tiña ganas como reto. A linguaxe era dunha beleza teatral impresionante, brillantísima. O tema, un emigrante en Europa no ano 1968, érame próximo. Pero o texto, abondoso, case imposible, metíame moito medo. E se isto fose pouco, precisábase a presencia dun cocho en escena, e unha ambientación sonora complexísima.

Nas lecturas seguintes, moitas, e cada vez máis seducido polas palabras de Roberto Vidal Bolaño, intentei imaxinar como superar os imposibles. Daquelas eu tiña un programa na Radio Galega, e indaguei fórmulas técnicas pra resolver, con escasísimos medios, o espacio sonoro indispensable. Visitei feiras de gando pra imaxinar como soluciona-lo tema do porco, que ó meu entender non soportaría unha solución de cartón-pedra. Andei atento á xente que coñecía, pra dar autenticidade ás voces que necesariamente tiñan que estar no espectáculo, voces galegas, andaluzas, italianas, alemanas... ?Cochos? xa era unha obsesión no meu maxín.

Dous feitos foron determinantes pra decidirme levar adiante o proxecto: o compromiso do meu compañeiro Marco Antonio Alcázar, que sería o axudante de dirección, e a xenerosidade de Vidal Bolaño dándome total liberdade pra adaptar ou cortar o que vise comenente.

A HISTORIA

?Cochos? conta a peripecia dun campesiño metido a albanel, emigrante a Frankfurt, Alemania, que descubre a imposibilidade de integrarse nunha sociedade que o emprega temporalmente, obrigándoo a volver á súa aldea ata o seguinte verán, pero que tampouco lle permite levar algo do seu, un porquiño de cría. A presión policial, consular, eclesiástica, mediática e familiar sobre o cortello no que é aloxado pola empresa constructora non ten máis saída que a tráxica cerimonia da matanza.

Mentres, en París os estudiantes e os traballadores poñen en xaque uns xeitos de facer política e de entender a vida caducos; en Praga o imperio soviético esmaga o movemento por un socialismo de rostro humano; a guerra de Vietnam que remataría anos máis tarde coa derrota dos EE.UU. xa leva dez anos, ou os Beatles provocan as iras da sociedade ben pensante polas súas greñas e as súas cancións, Sebas, o emigrante galego en Frankfurt e o seu cocho resultan un desafío insoportable prá renacente Alemania bendicida cos dólares do imperio USA.

?Cochos?, na España e na Europa de hoxe, receptora de milleiros de inmigrantes que foxen da miseria, como nós o fixemos, antes a América, logo a Francia, Alemania, Suíza, Holanda, Bélxica, mantén toda a súa vixencia.

AS VOCES

Quico Cadaval, Susana Dans, Xavier Lourido, Xosé Manuel Olveira ?Pico?, Cándido Pazó, Rodrigo Roel, Diego Varela e Marisa Soto, todos compañeiros do oficio este de facer teatro, prestáronme as súas voces pra construír o mundo sonoro de ?Cochos?. Cando volvo escoita-la cinta coa voz de Marisa, a muller do Sebas, que falaba polos altofalantes da policía alemana, volvo sentir o mesmo estremecemento que o personaxe sentía pechado no seu cortello.

E que bo traballo fixeron un grupo de estudiantes alemáns que andaban por Santiago daquelas: Christian Angermann, Xulia Bluhme e Hartmut Martsch. Eran a voz da policía, da autoridade, da radio que escoitaba Sebas anunciando as mellores salchichas do mundo.

A radio que tiña o inmigrante na súa mesiña de noite, as veces, na procura de emisoras no dial, facía chegar a emisión da Pirenaica, na que Ana Cermeño, productora de TV e o xornalista Pemón Bouzas, debullaban o guión daqueles días que me cedeu o arquivo do PCE, a ritmo de pasodobre.

Antonio Mesa, un andaluz de visita por Santiago, parente de Manuela Domínguez, traballadora do CDG que mo presentou, e Xesús Redondo Abuín, histórico militante do PCG salvaxemente represaliado pola dictadura franquista, eran os compañeiros do Sebas. Ó compañeiro italiano prestoulle a súa voz o músico Joam Trillo, que vivira moitos anos en Italia.

Roberto Vidal Bolaño escribiu tamén uns textos, nos que falaban un economista e un sociólogo, sen nomealos, pero que eran perfectamente recoñecibles na Galicia daquelas e tamén na de hoxe. Eran Xosé Manuel Beiras e Miguel Cancio. Eu tiven a ousadía de pedirlles que fixesen deles mesmos, e foi certamente divertido. Beiras aceptou de inmediato, e xunto ó piano da súa casa da Cidade Vella de Santiago, no que eu pousei a gravadora, fixo de el mesmo (do Beiras público, que en pouco se parece ó outro), con moitísima gracia.
Miguel puxo algunha pega, ?eu isto non o diría así?, pero sen máis fixo un Cancio que lle saíu bordado.

A PROTAGONISTA

Pra moita xente da moita que viu ?Cochos?, aquel espectáculo quedou como unha referencia, como unha obra de culto. Aínda hai coñecidos ou descoñecidos que insisten en que teño que volve-la montar. Boa parte dese sentimento debese a protagonista, a cochiña que eu chamei sempre ?Rosiña?.

O anecdotario arredor de ?Rosiña? daría pra unha enciclopedia. Había que convivir con ela, xogar, rañala, sacala de paseo pola beira do Sarela moitas veces ó día, antes de que chegara o momento da estrea, que foi en Verín, despois dun ensaio xeral con público na daquelas Escola de Maxisterio de Santiago. Fixemos a viaxe a Verín os dous sós, no meu R5. A maior parte do traxecto ela, que estaba na parte de atrás cos asentos abatidos, foi coas patas dianteiras pousadas nos meus ombreiros, ollando cara adiante, coa súa cabeza pegada á miña. Rematada a estrea, eu fun durmir a un hotel, e ela quedou no coche. Pola mañá comérase os ramos de flores que nos trouxeran Susana Dans, Laura Ponte e Roberto Vidal Bolaño, que viñeran a Verín, e por se fose pouco, tiña acendida a radio e o limpa-parabrisas funcionando.

A primeira ?Rosiña? alugueilla a un porqueiro da Poza Real de Santiago. O trato foi que por 5000 pesetas deixaríame unha porquiña prás funcións, e como estas eran espaciadas no tempo debería ir renovándoa pra que fose sempre pequena, da que el seguiría a se-lo dono. Cando a fun buscar prá terceira función, dixo que non había máis porca nin me devolvía os cartos, xa que os veciños lle dixeran que a ?endrogaba? pra que traballase no circo.

Correndo fun comprar unha á feira de ?Salgueiriños?, que daquela aínda non mudara de emprazamento.

Eu digo sempre que unha ?Rosiña? é un precioso animal de compañía. A xente ri, pois non saben o cariñosos e intelixentes que son estes bichos. E os sentimentos que poden facer agromar vistos no escenario. Nunha función na Aula de Cultura da Caixa en Santiago, unha moza subiu ó escenario e quedou alí, ata que os técnicos a chamaron dende os laterais. Días máis tarde nun encontro casual coa moza pola rúa, díxome que o sentía moito, pero que naquel momento tivo a necesidade de compartir aquel espacio coa cochiña.

Pra non abondar máis no extenso anecdotario, dicir que algunha lla tiven que vender ós veciños, xa que medran moi rápido, e que a última lla regalei ós meus parentes de Untes. Contáronme que o primeiro que fixo foi saír do cortello e subi-las escaleiras ata o comedor. Eu aquel ano non probei nin o xamón nin os chourizos, que tanto me gustan.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-05-2008 01:19
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Hoteles Sierra Nevada

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0