Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Festival Mar de Mares 2019

Un ano máis, a fantástica empresa de xestión cultural Crearte organizou na Coruña o Festival Mar de Mares, que congregou nesta última semana unha serie de interesantísimas actividades en torno ao mar.

Eu só puiden ir a tres, aínda que intentei ir a algunha máis, pero non foi posible:

- Charla de Karmenka, unha asturiana que é profesora de Matemáticas na Universidade de Salamanca, pero que leva moitos anos investigando nos glaciares e a súa velocidade de destrución. Presentounos unhas fotografías, vídeos e testemuñas moi interesantes. O vídeo que vedes é dela e de Adolfo Eraso, un químico e xeólogo español que foi quen a meteu nese mundo hai moitos anos.

- Charla de Cristóbal Serrano, un dos máis destacados fotógrafos da natureza do mundo, que sobre todo nos últimos anos, conseguiu algúns dos galardóns máis importantes no mundo da fotografía. Na dársena da Coruña estará visible durante varias semanas máis unha exposición con algunhas das súas mellores fotografías. Pero xa aviso que non está a que ilustra este artigo. Impresionante, con milleiros de flamencos rosas na desembocadura dun río (creo que dixo en África). Pero tamén digo que, sendo impresionantes as súas fotografías, o seu discurso cansoume un pouco, pareceume demasiado comercial, adornábao demasiado.

- Mesa redonda con escritores galegos falando sobre o mar e a influencia na súa vida e obra. Moderada por Xurxo Souto, contou con María Canosa, Marta Dacosta e Xosé Iglesias.

Tamén intentei ir a unha sesión de "Big Van Ciencia", os monologuistas científicos. Pero había unha cola moi longa de xente, e non puideron entrar todos, porque o evento era na Fundación Paideia, e alí non cabe moita xente, haberá unhas 60 butacas, como moito. En calquera caso, eu xa os vin algunha vez, e nun acto do ano pasado neste mesmo festival, tamén actuaron algúns deles, así que tampouco foi tanta pérdida.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-09-2019 23:07
# Ligazón permanente a este artigo
Libertador
Hai unhas semanas botaron na 2 unha película sobre un tema que me parece moi interesante, a vida e obra de Simón Bolívar.

A película titúlase "Libertador", é de 2013, parece unha coprodución entre Venezuela e España, foi dirixida por Alberto Arvelo e protagonizada por Edgar Ramírez. A cuota española máis visible é a actuación de Imanos Arias facendo o papel do virrei español, ou algo similar.

Pois nada, serviume para achegarme un pouco a esta interesante figura, que tamén debeu ser moi controvertida porque había moita división nas súas tropas e moitos egos que alimentar. Non resulta moi doado entender como puido saír adiante o proceso descolonizador e de independencia de América do Sur. Incluso é controvertida a súa morte, porque a versión oficial di que morreu de tuberculose, pero hai outras versións que di que foi envelenado por algúns dos seus rivais.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-09-2019 11:31
# Ligazón permanente a este artigo
6ª Feira da Cervexa Artesá
Hai un par de semanas tivo lugar unha edición máis da Feira da Cervexa Artesá da Coruña, que sempre se celebra na Praza da Fariña, agás un ano que foi en Méndez Núñez.

Nun entorno tan acolledor e fermoso como ese, non é difícil pasalo ben cos amigos, tomando algunhas das cervexas que se ofrecen nos diferentes postos.

O grupo no que me atopaba tomou 3 ou 4. Lembro que a primeira foi a Brugse Zot (que non me soa que sexa artesá en absoluto), que aviveceu a nosa pequena nostalxia pola cidade belga de Bruxas, que visitamos un par de meses antes e nos namorou.

As outras tres que probamos foron galegas:
- Ale Alé, de Uxes (Culleredo)
- A Cova da Serpe (Outeiro de Rei)
- One Beer (Sanxenxo)

Volveremos o vindeiro ano, se nada o impide.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-09-2019 11:11
# Ligazón permanente a este artigo
Tres segundos (Going Vertical)
Estes días comezou o Mundial de Baloncesto 2019 en China, e na cadea de televisión española que bota os partidos, decidiron proxectar unha película rusa sobre baloncesto que foi un bombazo nese país o ano pasado, cando se estreou.

En español titulárona "Tres segundos" ¿¿¿???, e en inglés parece que é "Going vertical". Busquei en Youtube e non atopei demasiadas referencias que non sexan en ruso, así que case prefiro pasar do título.

Conta a xesta do baloncesto ruso, que gañou contra pronóstico a final da Olimpiada de Munich en 1972 contra Estados Unidos, que obviamente estaba imbatida dende que comezaran ese tipo de competicións. Nun dos vídeos que vos poño vense as imaxes reais dos últimos tres segundos de partido, que foron especialmente polémicos.

Polo que estiven lendo nalgures, a película emocionou moito en Rusia (aínda que debería emocionar a nostálxicos do imperio soviético, máis ben) pero ten algunhas trampas dramáticas para darlle máis peso á historia.

En primeiro lugar, o adestrador elixido tiña un fillo en cadeira de rodas, e estaba xuntando cartos para operalo no estranxeiro, e algúns "do partido" lle botaban en cara por que quería levalo ao estranxeiro se a URSS tiña os "mellores médicos do mundo". Iso parece que era certo, xa non sei se o que sucede na película con respecto a isto tamén o é. O adestrador anterior, o mítico Alexander Gomelski, foi destituído porque perdera os últimos campionatos contra os estadounidenses (ou sexa, o mesmo que lle pasaba a todos os demais) e os soviéticos non podían permitir as derrotas. Así que o seu reto era moi ambicioso.

Por outra banda, ao facer a selección de xogadores, quitou a algúns que eran considerados intocables, e incluíu a outros cos que non se contaba demasiado. Ao final a selección soviética estaba formada por rusos, lituanos, georgianos, bielorrusos, ucranianos, etc. Así que os rusos actuais ao mellor non deberían sentirse tan identificados.

Comezou a adestrar utilizando métodos americanos e a xogar utilizando algúns dos seus esquemas, como os cambios continuos, que tiñan algo desconcertados aos seus xogadores, sobre todo os que se consideraban estrelas.

Outro dos puntos fortes da película xira en torno a Alexander Belov, o mellor dos seus pívots. El sabía que tiña unha doenza, que lle producía mareos e desmaios. Estando de xira por Estados Unidos (na película) tivo outra crise e estiveron a punto de perdelo. Na película, o adestrador usa os cartos que estaba aforrando para curar ao seu fillo para que o atendan en América e se salve. Algúns dos mellores xogadores acaban enterándose neses días desa fermosa acción. Polo visto, unha das polémicas da película di que Belov estaba enfermo, pero que aínda non se detectara nese momento, así que iso inventouse para darlle maior peso emotivo. O caso é que morreu en 1978, só 6 anos máis tarde, desa doenza (na realidade).

A estrela do equipo era Sergei Belov, case imparable, incluso para os americanos. Nun partido contra equipos de universitarios americanos, sufre unha leve lesión de xeonllo, e ve como o equipo contrario resolve eses problemas cunhas inxeccións que se poñen no momento (supoño que será o que se di "infiltrar"). Pídelles ese material e cédenllo sen problema (na película, claro, na realidade non o sei).

E todo o rollo é para chegar á final e ganala de forma épica. Sinto o "spoiler", pero a polémica foi nos últimos 3 segundos. Cando faltaba ese tempo, un americano puxo o 49-50 no marcador cuns tiros libres. Os rusos sacaron e fallaron, pero reclamaron, porque o adestrador pedira tempo morto para preparar a última xogada, e na mesa non lle fixeron caso. Volveron sacar e volveron a fallar, pero houbo que repetir o saque porque o reloxo non se puxera en marcha. E á terceira foi a vencida, houbo un pase que cruzou toda a cancha, chegou a Alexander Belov, e meteu a canasta.

Os americanos protestaron, pero non se aceptaron. Negáronse a coller as medallas, que siguen en Suíza, no Comité Olímpico Internacional.

Saúdos.





Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-09-2019 23:08
# Ligazón permanente a este artigo
Os nomes do terror
A última lectura do verán foi "Os nomes do terror". Un interesante libro que editou hai varios anos Sermos Galiza e que, por primeira vez, sobre a represión do réxime franquista en Galicia, fala dos vitimarios, é dicir, dos agresores e asasinos, máis que das vítimas.

Pareceume algo moi novidoso e interesante, e un paso máis na presión que hai que exercer sobre ese réxime fascista que aínda segue tendo moi poder e capacidade de influencia no país, como pode verse na actualidade.

Coordinado e escrito por unha longa serie de historiadores galegos, na primeira parte fálase da represión en zonas concretas, como a zona de Pontevedra, o sur e leste de Lugo, Ferrol, A Coruña, a Mariña Luguesa, Ordes e a Terra de Montes (esperemos que estes primeiros traballos animen a historiadores de todo o país a seguir nas investigacións e publicacións locais). Na segunda parte do libro, fálase de temas máis concretos e transversais, como a Sección Feminina, o papel da Igrexa na represión, a administración de xustiza (por chamarlle dalgún xeito) e a represión económica.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-09-2019 22:41
# Ligazón permanente a este artigo
Hécuba
No verán déixome liar aínda máis que nas outras épocas do ano, e aí me vin eu, no Castelo de San Antón da Coruña, nunha magnífica noite de sábado de finais de agosto, vendo unha representación de "Hécuba", unha traxedia de Eurípides posta en escea por Noite Bohemia, o magnífico grupo de teatro clásico do Instituto Zalaeta da Coruña.

Pois nada, o labor do grupo moi ben, aínda que sempre teñen algúns problemiñas nas súas representación ao aire libre do verán. Esta vez a megafonía funcionou bastante ben. Pero aínda se escoitaban ecos dos concertos que estaba habendo xusto nese momento na Fundación Luís Seoane

Por se non a vistes, esta é unha traxedia baseada nunha das múltiples historias do Ciclo de Troia, onde moitas das persoas mortas son da mesma familia, e case todas as que morren o seu nome comeza por "Poli", non sei se será casualidade.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-09-2019 22:29
# Ligazón permanente a este artigo
Viaxes O Lóstregho nas Terras de Trives

Na nosa xeira anual facendo sendeirismo cada verán polas terras galaicas, Viaxes O Lóstregho decidiu esta vez comezar a conquista do Macizo Central Ourensán. E digo "comezar" porque parece que estaremos un par de anos máis por esas terras, que dan para moito. Pero esta vez cubrimos a comarca coñecida polo nome de Terras de Trives.

Esa comarca está formada polos seguintes catro concellos: Pobra de Trives, Manzaneda, Chandrexa de Queixa e San Xoán de Río. Fixemos base na Pobra de Trives, que semella a vila máis grande e dotada de servizos, por exemplo de hostelería, pero fixemos rutas por todos os concellos.

A continuación vou detallar as rutas e percorridos que fixemos en cada un dos cinco días que pasamos por alí:

- Día 1: Chegamos dende o norte de Galicia, instalámonos, e pola tarde fomos facer dúas pequenas rutas. A primeira delas era a única que coñecíamos e tiñamos documentada no concello de San Xoán de Río. É coñecida como a "Ruta da Fraga", falan marabillas dela, para nós está ben pero tampouco é para tanto. Carballeiras e corredoiras moi interesantes, pero un dos puntos principais, que é o mirador, xa case non permite ver nada porque a vexetación circundante creceu desaforadamente. Xa no concello da Pobra de Trives, pero moi cerca da ruta anterior, fixemos a ruta de Pena Folenche, un curioso petouto no medio dunha aldea no que fixeron un curioso mirador, cunhas vistas moi xeitosas sobre a zona, que inclúen as maiores alturas de Galicia (Cabeza de Manzaneda está alí preto, vese Pena Trevinca, e intúense Courel e Ancares). Ademais diso dase un paseo pola zona cercana no que se ven antigos sequeiros de castañas.

- Día 2: Neste día basicamente andivemos polo concello de Pobra de Trives. Tiñamos un problema. A ruta máis interesante era a Vía Nova, a vía romana XVIII de Antonino, pero cruzaba o concello de forma lineal e nós durmíamos xusto na vila que estaba no medio. Así que saímos andando do hotel cara a un dos dous extremos, o que contiña as cousas máis interesantes desa ruta, e tamén do concello, pero que non estaban nesa ruta, porque unimos varias diferentes. Así que pasamos pola medieval Ponte Cabalar, pola impresionante ponte romana de Ponte Bibei, e xa fóra da Vía Nova, pola área recreativa do Caneiro (onde xantamos) e pola aldea de Sobrado de Trives, que ten varios pazos e unha igrexa moi destacada. Ao chegar, collemos o coche e fomos ao outro extremos da Vía Nova no concello, onde se atopa a Ponte Navea.

- Día 3: Este día dedicámolo basicamente ao concello de Manzaneda. Fomos facer a ruta de sendeirismo que máis nos chamou a atención, que é a do val glaciar de Prada. Prada é unha aldea onde hai unhas cabanas (parece que aínda se utilizan algunhas, outras están xa en ruínas) onde se resgardan os pastores que levan o gando en verán, por alí andaban as vacas pacendo placidamente. O val glaciar formouse nos últimos 15 ou 20 mil anos. Despois visitamos a vila de Manzaneda, que conserva parte do trazado medieval e a impresionante Porta da Vila. Despois visitamos o tamén impresionante Castiñeiro de Pumbariños, de case 14 metros de circunferencia e máis de 1.000 anos de idade. E por último, subimos á Cabeza de Manzaneda por un dos dous accesos que ten.

- Día 4: Este día dedicámolo a Chandrexa de Queixa. Había varias rutas que nos chamaban a atención, circulares ambas, e que non parecían moi esixentes. Pero finalmente só puidemos facer a circular de Celeiros. Celeiros é a pequena aldea que é capital do concello (non me consta que ningún lugar se chame Chandrexa, pero pode ser). É moi pequeno, creo que só hai 2 bares ou restaurantes, así que facédevos unha idea, é un concello moi pouco poboado, aínda que non tan pequeno. Despois diso, demos a volta completa en coche ao encoro de Chandrexa de Queixa. E como aínda sobrou algún tempo, achegámonos a última hora da tarde a Castro Caldelas, a capital da comarca que seguramente visitaremos o vindeiro ano.

- Día 5: A segunda parte do día tiñamos que dedicala a voltar cara ao norte de Galicia, así que non podíamos facer nada moi esixente. Volvemos subir á Cabeza de Manzaneda, e fixemos algunha das pequenas rutas que hai por alí, que son algo confusas porque a sinalización non é moi rigorosa. Subimos ao Penedo do Lobo, onde parece que atoparon hai pouco restos dun antigo campamento romano, e voltamos para a estación de montaña. O nome do lugar dá lugar a confusións, porque seguramente todo o mundo cre que pertence ao concello de Manzaneda, pero non é así. Os cumios (Cabeza Pequena, onde están as antenas, a 1.778 metros de altura; e Cabeza Grande, onde está o vértice xeodésico xa case fundido, a 1.882 metros) e a estación de montaña están en terreos do concello de Pobra de Trives, pero xa case tocando ao de Manzaneda. Non descarto que na ruta que fixemos nalgún momento entráramos en Manzaneda. Como curiosidade, diremos que a volta ao norte fixémola por unha estrada vertixinosa, que une Pobra de Trives con Montefurado, no concello de Quiroga, impresionante traxecto.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-09-2019 22:22
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal