Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O guateque
Fun hoxe ao Fórum Metropolitano para ver a proxeción de "O guateque" dirixida por Blake Edwards en 1968, hai xusto agora 50 anos.

Obviamente, a película ten moita fama, e eu tiña constancia de ter visto fragmentos, pero non me soaba ter visto a película completa, nin saber de que trataba. Despois de vela, constatei que non a vira completa, algunha cousa soábame bastante pero outras esceas foron totalmente sorprendentes para min.

A película gustoume, como non, pero vaia, tampouco me pareceu tan fantástica. Está claro que no seu momento debeu ser un bombazo pero eu tardei medio século en vela, e iso sempre se acusa. Había varias señoras que xa viñan conquistadas de casa, rían xa cos créditos do principio.

Pero semella que no Fórum Metropolitano seguen en mala racha tecnolóxica. No mes de xuño xa vin como rompía o celuloide de varias películas antigas dos anos 40, e esta, que é bastante máis nova, tamén rachou hoxe. Van ter que buscar unha solución.

E como anécdota curiosa, había un actor que me soaba, e non sabía dicir de que. Estiven dándolle voltas, e na última escena, lembreino. Era Gavin Macleod (non sei se algunha vez souben que este actor se chamaba así). Foi famoso posteriormente por facer de capitán no cruceiro "Princesa do Pacífico" na famosísima serie "Vacaciones en el mar", que alegrou as nosas infancias.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-09-2018 23:32
# Ligazón permanente a este artigo
Pacto de cabaleiros
Hai xa uns cantos anos, na colección que editaba Biblos Clube de Lectores, saíu un volume co número 42. Titulábase "Pacto de cabaleiros" e era un guión cinematográfico de Raúl Veiga, que fixera varias películas nos 90 como "A metade da vida" e "Arde amor". Sen contar que fora o guionista de "Continental".

Acabo de lelo e resultou unha amena experiencia. Basicamente é unha trama que une a catro homes que se están facendo maiores: Terio, Nisio, Rodolfo e Mario. Cada un deles ten un problema diferente:

- A Terio mórrenlle nun prazo moi cercano un tío e unha tía cos que estaba moi unidos. E ademais, descubre que está máis namorado ca nunca da súa muller Amanda, da que está separado pero nunca se divorciaron.

- Nisio vive na casa co seu fillo, a súa nora e o seu neto. E xa o teñen confinado nunha habitación que é coma un zulo, e a convivencia non é doada.

- Mario ten unha empresa que vai bastante mal, pero agora gobernan os seus dous fillos, que descubren que a cousa está moito peor do que pensaban, e están intentando librarse del e xubilalo.

- Rodolfo é un xogador empedernido que acude con frecuencia a un garito, e que vive cunha sobriña que vai marchar vivir co seu mozo, e flirtea algo cunha veciña casada.

Ou sexa, que cada un ten o seu, pero por algunha razón, deciden que teñen que ir xuntos de putas, como fixeron cando eran novos. Pero claro, agora xa son maiores, e non todo funciona igual de ben. Nisio consegue que lle receten Viagra pero descúbrenllas na casa, e ten un lío por iso. E todo a trama xira en torno ás negociacións para intentar levar a cabo este plan e todos os atrancos que lles saen no camiño.

Ou sexa, que non é unha marabilla pero tampouco está mal, non aburre. Non lera antes ningún (creo) pero un guión cinematográfico é como unha obra de teatro, así que a súa lectura resulta moi asequible.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-09-2018 00:26
# Ligazón permanente a este artigo
Filosofía da saudade
Nestes últimos tempos retomei a lectura (secuencial, que eu son moi cartesiano) da colección Biblioteca Galega 120, que A Voz de Galicia publicou ao comezo deste milenio, cando cumpría 120 anos de idade.

Neste caso era o volume número 64, co título "Filosofía da saudade", a cargo de Ramón Piñeiro. Polo tanto había que enfrontarse á filosofía (bastante dura para unha persoa de formación científica coma min) en mans dunha persoa bastante controvertida da cultura galega.

Por dicir algo, sinalarei que o libro ten cinco partes, que foron artigos para congresos e publicacións variadas. Son:
1. A filosofía e o home
2. Significado metafísico da saudade
3. Para unha filosofía da saudade
4. Saudade e Sociedade, dimensións do home
5. A saudade en Rosalía

Debo dicir que os tres primeiros capítulos foron bastante "duros", e dun nivel filosófico bastante impenetrable para min. Había parágrafos dos que comprendía o comezo, e tiñan boa pinta, pero pouco despois, aparecía a complexa terminoloxía filosófica, ou conceptos complexos como "o Ser", e quedaba eu chafado no medio da narración.

Os dous últimos resultaron moito máis lexibles e asequibles para calquera. Falábase alí da historia e da cultura galega e portuguesa, por que se separaron, que similitudes e diferenzas hai, etc. E despois hai unha breve análise dese concepto na obra de Rosalía, así que se vai levando sen moitas dificultades.

O que non teño tan claro é se estou de acordo con algunhas das definicións que se daban no libro, ou cos matices diferenciais entre conceptos similares. Porque se falaba de saudade, soidade, melancolía, añoranza, morriña, etc. Dicíase que nalgún caso era botar de menos a terra, noutro caso o pasado, noutro caso era un estado depresivo xeral. Pero de "morriña" non dicía que era botar de menos a terra (eu pensaba que si e penso que non son o único) senón un estado depresivo por calquera razón...

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-09-2018 00:14
# Ligazón permanente a este artigo
A febre do wolfram
O outro día fun ao Fórum Metropolitano para ver a proxeción dun documental organizada pola Asociación de Veciños Oza-Gaiteira-Os Castros.

Titulábase "A febre do wolfram", era galega, e de mediados dos 90. A calidade técnica non era moito, pero o tema é tan interesante, que aínda así veíase ben a gusto.

Basicamente o tema consiste en que o wolfram (tamén chamado tungsteno, co que estaba feito, por exemplo, o filamento das antigas bombillas incandescentes) foi un mineral moi importante nun breve período histórico, que coincidiu coa II Guerra Mundial, máis ou menos de 1940 a 1945.

Isto debeuse a que, por algunha razón, os alemáns (o resto de potencias non, non sei por que) o precisaban para facer proxectís que tiveran máis capacidade de penetración e destrución.

En España había bastantes minas de wolfram, pero as máis importantes estaban na Galiza, en lugares como Casaio (Valdeorras), Coristanco, Silleda, Carballo, etc. E durante eses anos moitas persoas desas zonas lanzáronse ao monte e perforaron minas para facerse ricos con ese mineral.

Pero rematou a II Guerra Mundial coa derrota de Alemaña (que tería pasado se ganan eles?), e todo ese negocio veuse abaixo. Agora poden localizarse as bocas das minas nalgúns lugares, e nalgúns sitios quedan restos dos barracóns e das instalacións mineiras. Hai anos fun a unha ruta de sendeirismo en Coristanco que pasaba por unha das minas máis grandes.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-09-2018 21:41
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal