Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Trainspotting
Tamén en TCM vin unha película que non vin no seu momento (20 anos xa, é de 1997), a famosa "Trainspotting". Ademais, co gallo desa celebración, xa están estreando a segunda parte.

Oíra falar algo da película, e semellan estar algunhas escenas e efectos e músicas da mesma bastante mitificados, e tiña certo interese en saber a posible razón.

Pois vina. E o pequeno globo que podía ter sobre o tema desinchouse por completo. Aburrinme bastante. A verdade é que a épica dos drogadictos dame bastante igual e non me chama nada a atención. Seguro que lle gustou a moita xente que está metida no tema (ou lle gustaría), pero como eu non estou en ningún dos dous casos e ademais non me interesa demasiado, paso.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-09-2017 18:08
# Ligazón permanente a este artigo
A onda
Durante este mes, o canal en aberto da plataforma de televisión de R é TCM (polo visto esas siglas significan "Turner Classic Movies"), que ofrece cine bastante interesante, sen publicidade e incluso poñen os créditos completos (a min non me interesa pero é un indicio de respecto pola obra).

A primeira película que vin nese canal foi "A onda", unha película alemá do ano 2008 que amosa como funcionan os reximes totalitarios.

O caso é que en Alemaña debe celebrarse todos os anos no ensino un evento chamado a "semana de proxectos" (pola naturalidade coa que todos falan do tema, como se fora o máis normal do mundo). Nesa semana todos os profesores tratan monograficamente un tema, despois dun sorteo.

Ao profesor que protagoniza a película, que semella bastante alternativo, e que ten certa tensión con algúns dos outros, máis clásicos, tócalle o tema da "Autocracia" (sinómino da dictadura ou todo o poder en mans dunha persoa), cando el prefería tratar a "Anarquía". Fala co profesor ao que lle tocou este tema, pero é un dos clásicos cos que se leva mal, e négase a intercambiar o tema con el.

Así que comeza esa semana e un bo feixe de alumnos apúntanse a ese "seminario" sobre Autocracia. Comezan a debatir sobre o tema, e o profesor observa con estupor que a opinión predominante no alumnado (alemá, lembremos) é que unha dictadura do estilo da nazi xa non pode volver a repetirse alí, porque xa teñen a lección ben aprendida e asimilada.

Así que pensa nunha serie de pautas para poñer en marcha un experimento e demostrarlles o equivocados que están. Nos días seguintes chegan ao acordo de vestir dun xeito similar (camisa branca e vaqueiros, nada complicado), escollen un nome, un lema, un logotipo, e cousas similares. Aos poucos, o grupo de alumnos implicados e motivados co tema comeza a ter actitudes sectarias dentro e fóra do instituto, e a cousa váiselles das mans.

Tampouco vou desvelar moito máis, pero a dinámica da historia é esa, e resulta moi interesante. Algún dos alumnos se implica de tal forma que acaba facendo algunha barbaridade, e crendo realmente que ese tipo de inquedanzas e gregarismo é a correcta actitude social.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-09-2017 18:03
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal