Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Festival Mar de Mares: Jorge Candán e o documental O legado das Rías Galegas
A seguinte conferencia interesante do Festival Mar de Mares foi a proxeción do documental "O legado das rías galegas", realizado polo fotógrafo submarino Jorge Candán grazas ao apoio da empresa Frinsa (unha conserveira de Ribeira).

O documental dura arredor de 1 hora, leva acadados moitos premios en festivais de documentais de todo o mundo, e algúns biólogos que estaban na sala da Domus na que se proxectou (e que deben ver moitos documentais deste tipo) dixeron que alucinaron bastante porque viron cousas que aínda nunca foran filmadas e que nin sequera sabían que sucedían.

A verdade é que o documental está moi ben, o guión está moi ben feito, a música acompaña moi ben, e como dixeron alí, levoulles ano e medio conseguir todas as imaxes e montalo, que foi un gran esforzo.

Podería mencionar unhas cantas historias alucinantes que vimos alí, pero a min, unha das que máis me sorprendeu (pola miña ignorancia, obviamente) foi descubrir á holoturia ou pepino de mar. O nome soábame algo, pero nunca vira imaxes en movemento de ningunha. E o máis flipante é o seu sistema de defensa. Cando se sinte atacada, expulsa as súas vísceras, que son como uns filamentos fosforescentes, e son tremendamente pegañentas, non é nada doado desfacerse delas. Polo visto, tarda arredor de 1 semana en restauralas de novo.

Póñovos un par de vídeos:
- Un deles é o trailer do documental
- O outro é un breve video no que uns biólogos están recollendo uns exemplares recollidos, e unha holoturia comeza a expulsar as súas vísceras. Neste caso, as vísceras parécense máis á imaxe que nos podíamos facer delas, pero se vedes imaxes disto baixo o mar (que algunhas hai, non moitas, pero algunhas hai), parecen moito máis filamentosas, e non imaxinas que iso poidan ser as vísceras dunha especie de verme.

Saúdos.





Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-09-2016 11:56
# Ligazón permanente a este artigo
Festival Mar de Mares: Lucy Gilliam e a eXXpedition
Esta semana comezou o fantástico Festival Mar de Mares na nosa cidade, a III edición xa. Xa hai visibles varias exposicións, houbo varias conferencias, haberá Mercado do Mar, bautismos de mar en regatas de vela, etc.

Esta semana foron as conferencias máis interesantes, que comezaban cunha charla a cargo de Lucy Gilliam, científica británica que leva varios anos co proxecto eXXpedition.

Consiste en expedicións por mar de varias semanas ou meses nunha pequena embarcación, nas que a tripulación está formanda unicamente por mulleres, de diferentes idades, países e profesións (incluso artistas, non todo o traballo é científico).

Ultimamente están bastante centradas na recollida e análise dos restos de plástico que hai no mar (incluso os microplásticos, de tamaño microscópico). Proxectou vídeos e presentacións explicando o que se sabe sobre ese tema.

Sobrecolleu especialmente o gráfico no que indicaba que, nos océanos do mundo, xa se detectaron CINCO grandes illas de plástico, que fan un percorrido circular seguindo as correntes de Coriolis: Índico, Pacífico Norte, Pacífico Sur, Atlántico Norte, Atlántico Sur.

Tamén chamou a atención o feito de que atoparon menos plásticos "grandes" dos que esperaban, pero que o mar (en xeral) está inzado de microplásticos que son os restos do plástico que se foi desfacendo, e que xa están por todas partes, é practicamente imposible atopar masas de auga que estean libres dese mal.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-09-2016 11:45
# Ligazón permanente a este artigo
Lúas de outono
Un ano máis, e creo que xa van oito ou algo así, a mediados de setembro, no Teatro Rosalía ou no Teatro Colón da Coruña, celébrase un acto cultural en homenaxe a Manuel María, que morreu nesta cidade nestas datas do ano 2004.

En cada edición son diferentes as manifestacións artísticas que se amosan. Nesta ocasión a mestura era bastante peculiar: música de cámara con rock bravú. Ningún dos dous estilos aparecera previamente nestas homenaxes, chamada "Lúas de outono", e debutaban mesturándose no mesmo espectáculo.

Primeiro actuou un grupo de cámara formado pola Esperanza Filgueira, o pianista Miguel Vizoso e a clarinetista Marina Abuín, que musicaron poemas de Manuel con obras compostas por José Carlos Seráns. Os poemas estaban proxectados nunha pantalla, o cal permitiunos seguir as evolucións do canto.

A continuación proxectouse un pequeno video, sen palabras e só con música, que simulaba as típicas visitas virtuais a edificios, neste caso á Casa-Museo Manuel María de Outeiro de Rei, mentres os técnicos remataban a montaxe do seguinte concerto.

E a continuación tocaron os Diplomáticos de Monte Alto, co sempre acertado na palabra e na presentación Xurxo Souto ao frente. Fixeron un concerto moi bo, e para o meu agrado, tocaron moitas das pezas que máis me gustan deles, como "Nordés", "Gaiteiro", "Como o vento" (tamén tocaron o "Terra Chá" de Radio Océano) e outras.

A ver con que nos sorprenden o vindeiro ano, que xa non quedan moitas artes por aparecer neste acto.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-09-2016 11:37
# Ligazón permanente a este artigo
2 na fronteira
O outro día asistín no Teatro Colón da Coruña a un dos concertos que máis ganas tiña de ver dende hai moitos meses.

Por fin, puiden ver actuando na miña cidade a "2 na fronteira", o dúo formado pola magnífica cantante Carmen Penim e o pianista italiano Maurizio Polsinelli. Nesta ocasión estaban acompañados polo batería Miguel Paz, a violinista Carmen Gallego e, ocasionalmente, polo guitarrista clásico Pablo Rodríguez, que é coruñés.

Tiña ganas porque o ano pasado no Culturgal merquei o seu disco "Sons de Nós", dedicado principalmente á Xeración Nós, e tamén algo ás Irmandades da Fala. E levo todo o ano flipando con este disco, que foi o que presentaron o outro día no Colón.

Neste disco musican poemas galegos das primeiras décadas do século XX, principalmente que saíron publicados na revista Nós. Hai poemas de Blanco Amor, Bouza Brey, Pepe Velo, Carballo Calero (o que vedes no vídeo), Otero Pedrayo, Francisca Herrera Garrido e o arxentino Francisco Luís Bernárdez.

Obviamente, o concerto estivo moi ben, pero incluso teño que recoñecer que me decepcionou lixeiramente, porque o son do disco é tan limpo e fantástico, que me fastidiou un pouco que no directo non foron capaces de "cravalo", pero é absolutamente lóxico, a música é dun grande virtuosismo e os estudios de gravación permiten compoñer obras que despois son totalmente irreproducibles. Pero repetiría unha vez tras outra, claro.

Á saída merquei os dous discos anteriores que tiñan á venta, e levo uns días escoitándoos sen parar. Un deles titúlase "Zapatiños para Díaz Castro", no que musican poemas do homenaxeado nas Letras Galegas do 2014. E o outro titúlase "Alma", e nel musican poemas de Paz Andrade, Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Pessoa, García Lorca, Celso Emilio, Manuel Rivas, etc.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-09-2016 12:11
# Ligazón permanente a este artigo
Manu Clavijo
Onte fun a un novo concerto do ciclo Música Contada, que CUAC FM organiza este ano no Baba Bar da Coruña co gallo do seu XX Aniversario.

Onte tocaba Manu Clavijo, cantautor (el defínese como "cantautorpe") e violinista arxentino que viviu durante uns anos na Coruña, e que deixou aquí a un bo grupo de siareiros que seguen a súa traxectoria en Madrid, onde vive dende hai uns anos.

Foi case hora e media de concerto moi amena, porque el é moi bo guitarrista, ten moi boa voz e as súas letras son moi inxeniosas. Pero é certo que só eses tres elementos durante tanto tempo acaban resultando lixeiramente monótonos.

Basicamente tocou cancións do seu último disco, que estaba presentando aquí. Tamén tocou algunha canción do seu primeiro disco, e incluso algunha do que sacou en 2011 con letras de Lois Pereiro, ao que aquel ano se lle dedicaban as Letras Galegas.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 09-09-2016 19:18
# Ligazón permanente a este artigo
A good american
O outro día fun ao primeiro "Documental do mes" da tempada no Ágora da Coruña. Como no resto do ano me coincide co programa de radio, é o único que podo ver cada ano.

Titúlase "A good american" e basicamente trata dun grupo de 4-5 persoas, lideradas por Bill Binney (polo visto, un destacado criptógrafo), que estiveron traballando durante moitos anos para a NSA americana, pero que a comezos do século XXI foron "invitados a marchar", máis ou menos coincidindo co atentado do 11-S.

Levaban anos investigando en métodos de análise de conxuntos masivos de datos (Big Data) e, segundo eles, estaban atopando algoritmos que lles permitían procesar e distinguir cales eran as comunicacións perigosas que había que investigar. Segundo a súa versión, era imposible almacenar e analizar todos os contidos de todas as mensaxes, pero bastaba con captar patróns de comunicacións entre persoas para detectar organizacións, movementos sospeitosos... vaia, iso dicían eles.

A min non me deixou nada convencido. Ao mellor estes tipos son listísimos (non o dubido), pero xa estou un pouco cheo de documentais conspiranoicos (case todos americanos, claro), que insinúan que hai un complot dos propios dirixentes para provocar todo este tipo de atentados (tampouco debería desbotarse esa hipotese, claro) e con xente que, unha vez que sucedeu a cousa, sempre di "xa volo dicía eu, se me deixaran a min, eu evitaría que pasase".

Aparte doutros comentarios que dixeron que a min non me gustaron nada. Por exemplo, estes tipos tan cívicos, nalgún momento, decatáronse de que estaban almacenando moitos datos sobre todo o mundo, cousa que obviamente non lles servía para case nada, porque case toda a poboación do planeta non fai nada perigoso. Por unha banda, pensaron en encriptar a información, para que non fose tan doada de acceder (por esa parte, ben). E por outra parte, pensaron en que en xeral, a cidadanía americana non debería ser espiada así, a non ser que foran claros obxectivos sospeitosos. Ou sexa, que segundo eles, os americanos non se deberían considerar sospeitosos, en principio. Os dos outros países si, suponse. Pois a min paréceme que a xente dese violentísimo país si é moi perigosa, e debían estar todos baixo vixianza, están armados a maioría.

En definitiva, que seguirán facendo o que lles pete no mundo, espiando a todo Dios, e aínda haberá que aturar tonterías como esta, insinuando que algúns políticos estaban interesados en provocar eses atentados, en forrarse co negocio das armas e a seguridade (e ao mellor ata é certo, porque o capitalismo produce moitos derrames nos cerebros da xente que quere facerse rica e ten poder). E ademais sempre haberá algún "americano listo" que sabía o que había que facer para evitalo, pero non lle deixaron.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 09-09-2016 19:10
# Ligazón permanente a este artigo
300
O outro día tiven a oportunidade de ver a película "300", o cromo-cómic que fixeron hai uns anos baseándose na historia de Leónidas e os seus trescentos guerreiros espartanos, que loitaron no Paso das Termópilas contra o exército persa de Jerjes.

Non sei moito de historia de Grecia, pero si oín falar da "xesta" do rei espartano Leónidas e a bravura dos seus guerreiros nese desfiladeiro. E parece que alguén aproveitou os efectos dixitais actuais para convertelo nunha película case de ciencia-ficción.

Pois nada, todo moi artificial, unha trama moi simple para caer no maniqueísmo, e todo de color retocado por ordenador. Pásase un bo rato, pero "cheira a chamusquina" por todas partes.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 09-09-2016 18:53
# Ligazón permanente a este artigo
A alma está no cerebro
A ver se consigo manter, unha vez pasado o verán, o hábito lector que parece que collín de novo este ano.

Debía haber cerca de 10 anos que xa mercara o libro de Eduardo Punset titulado "A alma está no cerebro". Hai algún tempo eu era gran seguidor do seu programa de televisión "Redes". Agora creo que xa non o emiten, pero deben seguir colgados na web. Pero sobre todo, deixoume un grandísimo interese pola divulgación científica e polo que din as persoas que investigan sobre estes temas nas mellores universidades do mundo.

Pois nas últimas semanas estiven lendo este agradable libro, e reconcilioume con ese pasado cercano que estaba esquecendo. Non resulta doado destacar nada do libro, vai contando anécdotas salientables do que dixeron algúns dos seus invitados (españois e estranxeiros) no seu programa. Iso si, centrado sempre na capacidade e no que se sabe sobre o cerebro, que cada vez é máis.

O libro lese con facilidade, hai moitos capítulos curtos que tratan cousas como: a alma, o consciente e o inconsciente, a construción da realidade, como se lava un cerebro, a educación emocional, a mente dos psicópatas, a mente dos violentos, a imaxinación, a creatividade, a linguaxe, a depresión ou a felicidade.

En definitiva, unha delicia. Se tedes a oportunidade de enfrontarvos a este tipo de obras, animaríavos a probar, dan moito máis do que parece.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-09-2016 20:02
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal