Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A guerra de Deus
Onte vin na televisión unha película bastante curiosa. É unha película española, como dos anos 50, que trata sobre un cura novo e bastante orixinal que é destinado a unha comunidade mineira con moi mala relación entre os patróns e os traballadores. Titúlase "A guerra de Deus" e foi dirixida por Rafael Gil. O papelón principal lévao un actor chamado Claude Laydu.

Segundo lin nalgún sitio, hai que entender tamén a película como o intento do franquismo de dar unha imaxe de modernidade da igrexa, cousa que lles debeu custar bastante.

Ademais, ese cura representa o papel rompedor que intenta reconciliar aos mineiros (liderados por Paco Rabal) cos xefes (onde está o patrón, o seu xerente, o médico, o alcalde...). Obviamente, cando chega o cura, todo o mundo o pón desta última banda, pero vaise facendo un sitio.

O curioso da película é que para conseguir "deixar en bo lugar" os aires renovadores desta igrexa, deixan claramente en evidencia aos patróns capitalistas e todos os seus acólitos.

Saúdos.




Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-09-2015 13:48
# Ligazón permanente a este artigo
Argo
Onte pola noite vin unha película que polo visto levou algún Óscar recentemente e que conta unha historia bastante sorprendente. Titúlase "Argo" e é un proxecto persoal de Ben Affleck.

Polo que parece, está baseada nun feito real que sucedeu en Irán no ano 1980, e que non foi coñecido ata moito tempo despois.

Alí acababa de producirse a Revolución Islámica, a marcha do Sha de Persia e a chegada do Ayatollah Jomeini. E como os americanos non caían demasiado ben (que raro!!), os iraníes (a xente da rúa) decidiu invadir a embaixada americana (ao final da película din que estivo ocupada máis de 1 ano).

O caso é que seis funcionarios da embaixada conseguen escapar da mesma, sen que os iraníes se decaten, e escóndense na embaixada canadiense.

Úrdese entón un plan para sacalos de alí, pero todas as opcións son malas. Contactan entón cun dos especialistas en rescates da CIA, e pergeña un surrealista plan para simular que un equipo de cineastas está buscando localizacións en Irán para rodar alí unha película de ciencia-ficción (que ten pinta de ser bastante perralleira).

O problema é que este axente da CIA vai entrar só no país, e ten que saír un par de días despois acompañado de seis persoas máis, pero teñen que lograr convencer ás autoridades iraníes de que entraron os sete xuntos.

Así que a historia resulta bastante trepidante, sen mencionar o feito de que tratan aos iraníes como de fanáticos, sectarios e algo estúpidos por momentos, cousa que se cadra era certa, pero que tampouco é moi fiable sendo de orixe estadounidense.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-09-2015 17:50
# Ligazón permanente a este artigo
Lúas de Outono 2015 (Homenaxe a Manuel María)
Un mes de setembro máis, esta vez no Teatro Rosalía, a Fundación Manuel María organizou na Coruña un evento (multitudinario de novo) que esta vez consistíu en música e poesía.

O cerne do acto foi a actuación do Pepe Vaamonde Grupo, que aproveitou para presentar o seu novo disco, titulado "Nas pedras do lar".

Nun pequeno descanso que fixeron, recitaron un poema de Manuel María e despois un seu, os poetas Marta Dacosta, Miguel Anxo Fernán-Vello e Xulio López Valcárcel.

Como curiosidades varias, escoitei cantar por primeira vez a Pepe Vaamonde e vimos tocar a gaita (moi ben) ao seu fillo Uxío, de 14 anos.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-09-2015 17:40
# Ligazón permanente a este artigo
O anxo exterminador
Unha vez máis, xa non sei cantas van, tres ou catro supoño, vin "O anxo exterminador", de Luis Buñuel.

Dende a primeira vez que oín falar dela, resúltame unha película tremendamente inquedante. Xa sabemos que Buñuel era bastante surrealista, e hai escenas e detalles absolutamente incomprensibles.

Pero hai que recoñecer que o punto de partida da historia é flipante: un grupo de xente da alta sociedade mexicana, despois de ir xuntos ao teatro, quedan na mansión dun deles para cear. Despois de cear, alguén toca unha peza de música clásica. Ou sexa, que en xeral hai un ambiente de festa de alto copete, todo moi elegante e formal. E cando toca irse para casa, por algunha extraña razón, ninguén se atreve a saír do salón no que se xuntaron despois de cear. Nesa absurda situación sae o peor e o mellor de toda esa xente. O retiro involuntario dura varias semanas, e no exterior ningún quere entrar na mansión, por ese extraño maleficio que ninguén entende nin pode evitar.

Ao final, dun xeito bastante casual, todos os asistentes á festa conseguen saír xuntos, para sorpresa dos que están fóra agardando.

Xa digo, tremendamente inquedante. Non hai ningunha explicación lóxica, simplemente sucede, e vemos como reacciona o grupo ante esa "limitación" incomprensible.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-09-2015 17:34
# Ligazón permanente a este artigo
A Torre dos Sete Xorobados
O outro día vin unha película española do ano 1944 (ollo, só cinco anos despois do final da guerra civil) que me chamou bastante a atención. É de Edgar Neville, de quen tamén vin hai pouco "O crime da rúa Bordadores", supoño que no mesmo ciclo televisivo.

Titúlase "A Torre dos Sete Xorobados" e resulta tremendamente fantasiosa e case de ciencia-ficción (sobre todo tendo en conta a data de realización). A ver se consigo contar de que trata, que non é moi doado.

Un tipo, nunhas estrañas circunstancias, coñece a un extraño señor do que, pouco despois, descubre que morreu hai un ano. Esta alma en pena está intentando rematar algo que lle quedou pendente, por iso se lle aparece a este tipo, e por medio de todo isto, sábese que o mellor amigo do falecido, que desapareceu tamén no mesmo momento, está pechado nun lugar coñecido como a "Torre dos Sete Xorobados".

O tipo consegue atopar o lugar, que está no mesmo centro do vello Madrid. Pero en troques de referirse a unha torre elevada, éntrase nela a través dun edificio aparentemente ruinoso, e resulta que a torre "crece" cara abaixo. Resulta ser unha vella cidade subterránea, con laberintos e mazmorras, que crearon os xudeos hai varios séculos, para escapar da súa persecución. E agora goberna nela un sinistro personaxe do que é mellor afastarse.

Xa sei que a sinopse que presento é algo ambigua, pero non negaredes que para ser o ano 1944 neste país resulta moi sorprendente.

Saúdos.




Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-09-2015 17:25
# Ligazón permanente a este artigo
Coñece e Camiña por Boiro (con Ártabros)

Pois si, estou decidido a volver facer sendeirismo, se cadra non tanto coma antes, pero dende logo bastante máis que nos últimos tempos, que o tiña bastante abandonado.

Para iso, púxenme en contacto con varios dos clubes de sendeirismo da comarca, para facer algunha ruta con eles, e ver cal é a que me convence máis, ou se cadra seguir indo con eses grupos de cando en vez, sen decidirme por ningún.

Nesta ocasión debutei con unha das entidades máis veteranas da comarca, Ártabros. Tiñan fama, dende hai tempo, de que eran bastante esixentes, e que marcaban un ritmo de marcha bastante alto. Pero non podo dicir que esa sexa a impresión que me levo desta primeira ruta con eles, en absoluto.

Nesta ocasión fixemos unha ruta case-circular duns 20 quilómetros polo concello de Boiro. Inicialmente, ía ser duns 26, pero finalmente decidiron suprimir o último tramo, porque era bastante pouco atractivo e o tempo estaba bastante inestable.

Comezou a ruta na aldea de Runs, fomos bordeando a serra na que se atopa o monte Iroite, e despois xiramos cara ao leste, subindo e baixando outro cordal, para achegarnos ao brazo da ría de Arousa no que se atopa Rianxo e desemboca o río Beluso. Pouco despois diso chegamos aos castros de Neixón, e no seu centro de interpretación recolleunos o autobus.

Polo camiño, pasamos por algunha interesante fervenza, como a do Regacho das Fervensas, que podedes ver na foto.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-09-2015 17:14
# Ligazón permanente a este artigo
A praza é nosa
Hai xa catro anos produciuse o fenómeno social do 15-M. Xa dende o primeiro día comezou a producir literatura en torno a el, tamén en Galicia.

A finais de 2011, Marcos Pérez Pena (xornalista que traballou e colaborou con diferentes medios de comunicación galegos e que pouco despois puxo en marcha, con outra xente, o xornal dixital Praza Pública, de bastante prestixi) coordinou un volume con artigos sobre o movemento titulado "A praza é nosa. Quen constrúe a democracia?", e que foi editado por 2.0 editora.

Acabo de lelo estes días. Merqueino daquela pero non tiven a oportunidade de lelo antes, aínda que lle tiña moitas ganas.

Como era previsible, o libro envelleceu regular, porque falaba dalgo novísimo que acababa de nacer, e catro anos máis tarde, xa pasaron tantas cousas que a perspectiva cambiou bastante, pero non se lle pode negar o seu valor.

Ademais, resulta que agora coñezo (máis ou menos en persoa) aos autores dalgúns deses artigos, e podo contrastar se a súa obra coincide coa súa teoría.

Pero non é mala cousa reflexionar sobre a tremenda convulsión social que provocou o movemento neste país, e que esperemos que dure bastante.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-09-2015 00:08
# Ligazón permanente a este artigo
Violeta foise aos ceos
Onte fun ao Fórum Metropolitano da Coruña a ver unha película chilena titulada "Violeta foise aos ceos", dirixida por Andrés Wood, protagonizada por Francisca Gavilán, e que conta a vida da cantautora e folklorista chilena Violeta Parra.

A verdade é que moi pouco (ou nada) sabía eu dela, nada máis que coñecía o seu grande éxito (aínda que tivo moitos outros) "Gracias a la vida". Pero curiosidade si que tiña, e por esa razón pareceume unha boa idea coñecela máis.

A película non é unha biografía cronolóxica ao uso, e coido que está baseada nun obra literaria ou un guión feito polo seu fillo, así que será moi fiel, pero non é unha narración lineal en absoluto, así que nalgún caso non é moi doado seguir o fío, pero vaia, serve moi ben para facer un primeiro achegamento á súa rica vida.

Acabo de mirar na Wikipedia unha biografía algo máis convencional, e vexo que a película foi bastante fiel, así que xa me sinto algo lexitimado para falar da súa moi interesante figura.

Aínda que o estilo cinematográfico da película non me convence por completo, é moi interesante para coñecer a este importante personaxe da cultura sudamericana.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-09-2015 12:25
# Ligazón permanente a este artigo
O visionario
Dende hai uns anos, todos os primeiros martes de mes (agás en xullo e agosto), no Ágora da Coruña proxectan o que lle chaman o "Documental do mes".
Teñen fama de estar moi ben, pero como eu fago radio todos os martes durante todos eses meses (agás en setembro), resúltame imposible asistir case nunca.

Pero hoxe foi posible, porque se dá esa extraña circunstancia, e non quixen desaproveitala. O documental que botaron está dirixido polo alemán Marcus Vetter, e titúlase "O visionario: o home que predicía a economía mundial", baseado na vida do analista financieiro Martin Armstrong.

Este experto en finanzas, apaixoado da numismática e da informática, leva anos estudando a historia das finanzas e dos ciclos bursátiles. E detectou que se produce unha crise deste tipo cada 8,6 anos, que se se pasan a días, dá lugar a un número moi relacionado con "pi".

Predeciu con éxito varias crises bursátiles dende os anos 80. E estivo moitos anos no cárcere, segundo din na cinta, por non colaborar co goberno americano e cederlle o seu modelo informático de predición, aínda que segundo eles, participou nun intento de provocar unha crise bursátil en Rusia. Ou sexa, que tamén ten un tono moi conspiranoico todo.

Segundo el, e algúns outros analistas que secundan os seus traballo, na primeira semana de outubro deste mes se producirá un moi grande crack bursátil. Se cadra a pequena crise china de hai uns días é un adianto. Só falta un mes, veremos o que sucede.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-09-2015 23:36
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal