Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Novo micro-teatro na Tuerka 27
Fomos unha vez máis ver as obras de micro-teatro que ofrecían na Tuerka 27. Nesta ocasión foron:

- 15 viaxes en ascensor: En galego, por Xoán Carlos Mejuto e Paco Alvarellos, catro textos breves e moi humorísticos de Alfonso Zurro que suceden nun ascensor. Por algunha estraña razón, acabamos os actores e todos os espectadores bailando a "conga" na pequena sala de micro-teatro.
- O manual da boa nai: En castelán, por Alex Carro e Isabel de Toro. Un home que escribe libros vai ir a un programa de televisión para presentalo, pero é posible que o éxito da entrevista veña dado porque é fillo adoptado e nesa emisión vaise saber quen foi a súa verdadeira nai. Unha tensa reunión coa súa nai antes da emisión nos porá en situación.
- Ad hominem: En castelán, monólogo do actor Gari. Críptico e deprimente texto dun home que semella pechado nunha celda e que intenta lembrar tempos e historias que o levaron a onde está agora.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-09-2014 18:03
# Ligazón permanente a este artigo
Demolición
Onte fomos ao Teatro Rosalía da Coruña, para ver "Demolición", obra escrita e dirixida por Cándido Pazó (que estaba entre o público), e representada pola magnífica compañía Talía Teatro.

Só conta con dous actores, Artur Trillo e Toño Casais, que representan a unha especie de ecoloxista e un minusválido que coinciden nunha curva dunha estrada abandonada, dende a que se ve unha paisaxe de costa na que hai un edificio de apartamentos, construído sen licenza no seu momento, e que teoricamente vai ser demolido ese día.

Son dúas persoas moi diferentes que, durante a hora e media de función (o tempo é en directo e en ningún momento abandonan o escenario nin hai cambio de decorado, o que vedes na foto), van coñecéndose e contando as súas respectivas historias.

A compañía Talía é fantástica, os seus actores e actrices tamén, obviamente, e Cándido é un autor e director teatral con moita experiencia e solvencia. Pero, en xeral, a obra deixoume bastante frío, a historia pareceume interesante pero non moito máis, así que creo que a obra non pasará demasiado á historia nin destacará moito nas súas biografías, nin de Cándido, nin de Talía.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-09-2014 14:44
# Ligazón permanente a este artigo
Café con Mr. Goodfish
Dentro da programación do Festival Marea Alta, que se está celebrando estes días na Coruña, e que ten unha pinta fantástica, tivo lugar un café-teatro científico, singular tipo de espectáculo que por aquí se ve moito menos do que nos gustaría, pero por sorte, aínda o vemos algo, grazas principalmente ao científico Xurxo Mariño (que onte estaba entre o público) e ao actor Vicente de Souza (que onte se presentou como Vicente Mohedano, o que me fixo lembrar que xa o vira actuando hai máis de vinte anos na mítica obra "Río Bravo", do grupo Chévere).

Pois iso, Vicente, facía de simpático presentador e fío condutor da amena charla, que deron tres mulleres que se dedicar á oceanografía e bioloxía mariña: Luísa Martínez, do Centro Superior de Investigacións Científicas, e Dolores Garabana e Paz Sampedro, do Instituto Español de Oceanografía.

Resultou moi amena e aprendemos moitas cousas, como por exemplo que son os otolitos, e vimos en directo como llos extraían a unha pescada. Os otolitos son dúas pequenas pezas óseas que os peixes levan debaixo do cerebro, que van crecendo ao longo da súa vida, e que permite estimar a idade dun peixe. Aparte de que unha vez extraídas, se utilicen para facer pendentes ou cousas similares.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-09-2014 12:59
# Ligazón permanente a este artigo
Lúas de outono 2014

Acabo de ver no Teatro Colón, un ano máis, o espectáculo "Lúas de Outono", que en cada mes de setembro rende homenaxe ao poeta nacional Manuel María, que morreu nestas datas, concretamente hai agora 10 anos.

E neste caso, a diferencia doutros anos, en que había varias actuacións, esta vez só actuou Nova Galega de Danza, que creo que basicamente escenificou pezas do seu último espectáculo "Dez".

Non son eu moito de danza, pero hai que recoñecer que este grupo é espectacular. Por se non chegara co seu traballo coreográfico, o grupo musical de acompañamento é autenticamente sensacional.

Nesta ocasión eran seis músicos: un batería, un cantante que tocaba algo de percusión, un acordeonista, un guitarrista, un clarinetista e un xilófono. Recoñecín a Miguel Queixas na batería, Suso Iglesias no acordeón e Pedro Lamas no clarinete. E como sempre, a un nivel estratosférico.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-09-2014 23:47
# Ligazón permanente a este artigo
Crash
O outro día tiven a sorte de poder ver unha magnífica película da que xa me falaran moi ben: "Crash". É do ano 2004 e foi dirixida por Paul Haggis.

Ten un reparto coral, con moitos actores e actrices (uns coñecidos e outros non)que fan pequenos papeis que se van entrelazando dun xeito alucinante. A min lembroume algo a "La colmena" de Camilo José Cela, no senso de que ao principio parecen moitas historias inconexas que ao final acaban confluíndo de moitas formas diferentes.

Película con moita sensibilidade, que fala dos problemas da xente, da súa vida, da difícil convivencia nunha megalópole cosmopolita como Los Ángeles.

Se non a vistes, facédeo axiña, non vos arrepentiredes.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-09-2014 19:22
# Ligazón permanente a este artigo
Contos na lareira
Onte fomos ver a estrea dun espectáculo que prometía moito: Contos na lareira, cos contacontos galegos Cándido Pazó, Celso Sanmartín e Carlos Blanco.

Co Teatro Rosalía de Castro da Coruña ateigado ata arriba e unha segunda sesión que deberon abrir nos últimos días ante a avalancha de público, estaba claro que o espectáculo ía ser un éxito.

O escenario era sinxelo, unha lareira "eléctrica" que daba algo de luz e da que saía algo de fume, un banco con respaldo dos típicos das lareiras e pouco máis.

Primeiro actuou Cándido Pazó, que como sempre estivo ben, pero xuraría que non chegou a estar nin media hora no escenario.

Despois estivo a principal novidade, Celso Fernández Sanmartín, que tamén estivo moi ben, como é habitual nel, pero como moito estivo media hora.

Carlos Blanco subiu case ata a última planta, a 3 metros de onde estaba eu sentado, e contou unha pequena historia dende alí arriba, na pequena pausa entre Cándido e Celso. E a parte final do espectáculo foi para el, coido que máis longa que a dos outros dous. Estivo na súa línea habitual.

Como conclusión, diría que estivo ben, pero que podía ter estado mellor. Este formato, para os monologuistas do estilo do "club da comedia", que contan unhas cantas anécdotas insulsas, pode funcionar. Pero estes tres contacontos (sobre todos os dous primeiros, Carlos Blanco xa ten demasiada tendencia monologuista) precisan moito máis tempo para desenvolver e fiar as súas historias.

Non sei se o espectáculo se fixo algo máis curto porque había unha sesión posterior (que non estaba prevista inicialmente), pero creo que, sobre todo, as dúas primeiras actuacións foron demasiado breves. E na miña opinión, Carlos Blanco, que agora mesmo é o máis frouxo deles e que leva certo tempo repetíndose e anquilosándose, aprovéitase máis do espectáculo e non deixa que disfrutemos máis de Cándido e Celso.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-09-2014 00:37
# Ligazón permanente a este artigo
Ultraqans e Nao nas Festas de Monte Alto 2014
O outro día achegueime ás Festas de Monte Alto, que ofrecían un par de concertos interesantes no Campo de Marte.

O primeiro era a cargo dos Ultraqans, grupo de punk e ska, que son algo así como a continuación dos míticos Papaqueixos. Teñen un estilo que non me desagrada, pero tampouco me di demasiado, case instrumental, e cando cantan, é para dicir barbaridades que resultan moi divertidas. Póñovos un vídeo da segunda versión da mítica canción Teknotrafikante, antes dedicada a "Sito Miñanco, preso político", pero que agora fala de Feijoo e Marcial Dorado.

O segundo grupo era o que máis me atraía: Nao. O seu estilo gústame moito máis e escoitei todos os discos, e paréceme un grupo magnífico. Polo que teño entendido, antes tiñan outro cantante e un estilo algo máis "suave", agora endurecéronse algo pero a min segue parecéndome un bo grupo. Aproveitei para mercar o novo EP que sacaron hai pouco, titulado "Cartas no caderno".

Saúdos.





Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-09-2014 00:25
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal