Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Killer Joe
Onte comezaba a tempada no CGAI, e decidín descansar un pouco do asfixiante traballo para ver unha das películas do festival Freakemacine, que durante esta semana aledará as tardes e noites coruñesas.

Fun ver unha curiosa película, moi recomendable, titulada "Killer Joe", do ano 2011, dirixida polo xa veterano William Friedkin (que dirixiu nos 70 "O exorcista" e anda xa case nos 80 anos) e protagonizada polo "guaperas" Matthew McConaughey, que polo que din asina un dos mellores papeis da súa carreira (tampouco era difícil, porque ata agora facía moita pastelada comercial....).

Trata dunha estraña familia onde todos se levan bastante mal entre eles e cunhas relacións bastante pouco sanas, e un dos membros pensa que outro deles é prescindible, e que incluso matándoo poden beneficiarse cobrando o seguro de vida. E para iso intentan contratar a un asasino a soldo chamado Killer Joe, que fai eses traballos no seu tempo libre, porque na vida normal é detective (parece que en Dallas ou algunha outra cidade de Texas). Pero todo se lía moitísimo porque hai moitos intereses cruzados de todo tipo.

Como anécdotas, comentar o que me dixeron algúns colegas cinéfilos cos que me atopei fóra e dentro da sala. Por unha banda, o do actor principal, que polo visto nos últimos anos xa non está tanto nas carteleiras porque está facendo uns magníficos papeis en películas como esta, moito menos convencionais (alguén dixo que a película é inclasificable, e seguramente é así). E por outra banda, dicir que o director está casado cunha produtora cinematográfica, o que lle permite tamén facer películas pouco convencionais cando lle peta.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-09-2013 16:39
# Ligazón permanente a este artigo
Arraianos
Fun onte aos cines Filmax, no porto da Coruña, ver a película "Arraianos", do novo director galego Eloy Enciso, encadrado no chamado Novo Cinema Galego.

Levou uns cantos premios en festivais internacionais, pero non son de cine convencional, senón documental e novas perspectivas. É dicir, quen vaia ao cine esperando ver cine comercial, vai flipar bastante.

Está ambientada no Couto Mixto, unha pequena comarca entre Galicia e Portugal que no século pasado tiña un estatus xurídico moi particular. Aparte de amosar o estilo de vida actual e as impresionantes paisaxes (ou sexa, que a película é terriblemente lenta), hai varias escenas moi curiosas que conteñen os únicos diálogos: varios habitantes da zona recitando fragmentos da obra de teatro "O bosque" de Jenaro Marinhas del Valle, unha obra tremendamente simbólica e abstracta.

Vela na pantalla xigantesca do cine serve para disfrutar das magníficas imaxes da natureza, e dalgún momento máxico como unha aldea de noite, só alumeada por unha farola, na que se escoitan uns ruídos, e vemos pasar unhas pequenas sombras correndo (non se percibe ben, parecen ovellas ou cabras cos seus cencerros soando).

Como curiosidade, diremos que o prezo da entrada foi máis baixo do habitual. Cobráronos 5 euros, cando o prezo debe andar polos 7 ou 8 (como case non vou, non o lembro). Pensabamos que sería pola temprana hora de proxeción (moi poucas sesións, a horas raras e supoño que só durará unha semana) ou se cadra por promoción do cine galego (jajajajaja.....). Pois non, segundo me explicou a taquilleira, debíase a que se proxectaba en formato Blu-ray....... cousas que se aprenden.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-09-2013 17:09
# Ligazón permanente a este artigo
Natureza morta nunha cuneta
Comezou o ciclo de teatro no Rosalía de Castro da Coruña. Esta vez fomos ver "Natureza morta nunha cuneta", producida por varias compañías vascas coa colaboración do Goberno Vasco.

A obra trata da morte dunha rapaza universitaria, aparentemente de vida ordeada, en estrañas circunstancias, e que insinúa que a súa vida non era tan ordeada nin sana como pensaba a súa familia.

A obra non está mal pero tampouco é a cousa máis marabillosa que se ten visto. O final é bastante sorprendente, aínda que segundo avanzaba, todo facía pensar que o culpable tiña que ser algún dos personaxes coñecidos, pero o xiro que dá desconcerta bastante.

Hai seis actores, que desenvolven un número de personaxes bastante maior (nalgures lin que cerca de 30), e parece que a figura estelar é Adolfo Fernández, que me soa bastante, pero debeu triunfar nalgunha serie de televisión desas que non vexo.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-09-2013 12:02
# Ligazón permanente a este artigo
Novo micro-teatro en La Tuerka 27
Fomos unha vez máis ver o micro-teatro na Tuerka 27, pero esta vez só tres obras, porque a cuarta xa a víramos anteriormente con outra actriz. Segundo a orde na que as vimos, foron:

- Odio o leite: En castelán, con Chus Álvarez e Simón Iglesias. Unha curiosa relación entre unha parella de amigos, ela está embarazada, pero el non é o pai nin o coñece, pero ofrécese para selo, mais ela non semella aceptalo demasiado ben.

- O Crack: En galego, por Alberto da Sinda e Xosé Leis. Unha curiosa charla entre un barbeiro e un actor que é cliente seu, mentres o está barbeando. Está ambientada no crack do 29 en Estados Unidos. As aspiracións do actor e o seu estraño final resultan moi simpáticas.

- Intercom Baby: En galego, por José Luís López "Sacha" e Marián Rei. Unha parella está comezando a utilizar un intercomunicador para ver na televisión o son e a imaxe da súa filla recén nada, que está noutra habitación. Pero pola pantalla comezan a verse e escoitarse cousas moi estrañas......

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-09-2013 11:55
# Ligazón permanente a este artigo
Le Thé ou l'Electricité
O outro día atopei un oco para ver unha película do Ciclo de Cine Euroárabe Amal, que se fai dende hai moitos anos en Compostela, e coido que dende hai poucos tamén se proxectan algunhas das fitas na Coruña, pero meses despois da edición orixinal.

Eu tiven a sorte de ver un curioso documental belga-marroquí, titulado "Le thé ou l'Electricité". Trata dunha aldea chamada Ifri, a 2600 metros de altitude no Alto Atlas marroquí, onde parece que vai chegar a luz eléctrica.

Aínda que non queda moi claro, parece que está a uns 20 kms. da aldea habitada máis cercana, e nin sequera hai estrada para chegar a ela, hai que ir andando. Hai un fondo debate na aldea, porque prefiren antes que chegue a estrada que a electricidade, aínda que intúen que se chegara unha, axiña viría a outra.

Pero non, chega a electricidade pero non a estrada. Teñen que facer inversións que non todos poden asumir, pero cambia a vida da aldea, sobre todo pola irrupción da televisión, que embelesa a todos, especialmente aos nenos.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-09-2013 11:45
# Ligazón permanente a este artigo
Fotografías de Larry Fink
O outro día estiven vendo as exposicións do MAC, o Museo de Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa, no polígono da Grela da Coruña.

Había catro: unha con fondos da propia colección, outra con obras de becados da Fundación, outra do pintor alemán Anselm Kiefer, e a que me corría máis presa, porque se clausuraba, do fotógrafo americando Larry Fink.

Unha exposición de fotografía ben interesante, toda ou case toda en branco e negro. Con diferentes temáticas, como sociais, de estrelas de Hollywood, paisaxes, etc.

Déixovos cunha das súas fotos máis coñecidas.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-09-2013 11:22
# Ligazón permanente a este artigo
Feira da Cervexa Artesá
Hai unhas semanas celebrouse na Praza da Fariña da Coruña unha Feira da Cervexa Artesá Galega.

Interesante escaparate para descubrir que van nacendo, aos poucos, pequenas empresas por todo o país comezan a lanzarse á aventura de facer cervexa artesá.

Coido que a pioneira é Menduíña, de Cangas, e por Pontevedra e Ourense xa están nacendo bastantes, como Napar, Trisquel, Áncora, etc.

Incluso na comarca da Coruña están comezando varias pola zona de Sada e Betanzos, como Bandua, Zetas ou a Eira da Pereira. Haberá que seguirlles a pista.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-09-2013 11:08
# Ligazón permanente a este artigo
aPorto 2013

Pois xa voltamos da edición de 2013 do fantástico curso de portugués para galegos aPorto, que se celebrou na fermosa metrópole do norte de Portugal.

De novo pasámolo moi ben e aprendemos moito, aínda que está claro que este ano xa non contabamos co efecto sorpresa. O grupo de 21 persoas que asistimos foi fantástico, e hai que salientar, que aí non é tan habitual, que a metade eran menores de 25 anos, aínda están estudando na universidade ou están comezando cos seus primeiros traballos.

Vou comentar principalmente o programa de actividades das tardes. Os temas das aulas das mañás foron parecidos aos do ano pasado (aínda que eu este ano xa estaba en nivel intermedio, non no básico), pero puxeron algunha cousa nova, como relacións entre Galiza e Norte de Portugal, festas tradicionais do Porto como o Sao Joao, etc. En canto ás tardes pasou o seguinte:

- Segunda feira (luns): Visita guiada pola cidade do Porto e despois cea na Casa da Mara, en fronte á Alfándega.

- Terça feita (martes): Visita guiada ao Museo de Serralves, baixada ao río, viaxe en eléctrico (tranvía clásico) pola beira do río, e cea vexetariana con actuación poético-musical na Casa da Horta, a carón da Igrexa de Sao Francisco.

- Quarta feira (mércores): Concerto a cargo dun pequeno coro con pezas do Zeca Afonso na UNICEPE (cooperativa libreira dos estudantes de Porto, que ten unha interesante librería e centro cultural no centro da cidade) e despois cea africana na casa da Filomenta, cos tradicionais pratos de Cachopa (Cabo Verde) e Muamba de galinha (Angola).

- Quinta feira (xoves): Visita a Vila do Conde, interesantísima vila histórica que está a uns 30 kms. ao norte do Porto, e á que se pode viaxar en metro. Visita á Igrexa Matriz, Museo das Rendas de Bilros (encaixe de bolillos) e ao Museo das Naves dos descubrimentos, e á Nau Quinhentista (réplica dunha nao do século XVI). Despois visita a unha feira gastronómica, paseo e cea no Forte de Sao Joao (pode verse na foto o solpor dende o interior da fortaleza).

- Sexta feira (venres): picnic nos xardíns do Palacio de Cristal, cunhas fantásticas vistas sobre o río. Pola noite quedamos para cear en dous grupos diferentes, os novos por unha banda e os máis vellos pola outra.

Fantástica experiencia que se recomenda a todo o mundo que teña un mínimo de sensibilidade coa cultura galega e co achegamento á cultura portuguesa. Pero vin con claridade que o meu ciclo en aPorto rematou, con dous anos é máis que suficiente (apesar do ben que o pasei este ano de novo), e xa non voltarei nos vindeiros anos.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-09-2013 13:53
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal