Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O home tranquilo
Por fin puiden ver o outro día en La 2 esta mítica película de John Ford, ambientado na aldea de Innisfree, e protagonizada por John Wayne e Maureen O'Hara.

Considerada unha das mellores películas dese gran director, John Wayne fai un papel moi diferente ao habitual, Maureen O'Hara está espléndida, como sempre, e en xeral pásase un bo rato.

En calquera caso, decepcionoume un pouco, sospeito que porque tiña unhas expectativas demasiado altas, quen sabe.

Supoño que aparte de todo, non estou contextualizando ben a época e o lugar, e polo tanto o trato bastante degradante á muller non me gusta demasiado (aínda que entendo o contexto no que se dá), nin tampouco a presentación do "americano" Sean Thornton (o papel que fai John Wayne) en contraposición ao tradicionalismo irlandés nos costumes de Innisfree.

Como é obvio, as paisaxes son moi chulas e aprovéitanse delas, a trama está moi ben e os secundarios magníficos. Pero, non sei por que, esperaba máis, deixoume un pouco frío.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-09-2011 19:47
# Ligazón permanente a este artigo
Orixes: cinco fitos da evolución humana
Esta semana inaugurouse nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña, nunha carpa, unha magnífica exposición organizada pola Obra Social de La Caixa (esta xente si que sabe montar estas cousas) co título que vedes neste artigo.

É magnífica. Os cinco fitos aos que se refire e que cambiaron a historia do xénero humano e das especies antecendentes foron:

- O bipedismo. Sorprendeume algunha cousa que din aquí, como que unha das vantaxes do bipedismo é que os órganos vitais se afastan do chan e do seu calor (non sabía que iso era un defecto, está ben sabelo) e que, obviamente, vese mellor o territorio circundante, importante cando a supervivencia está en perigo.

- As ferramentas: ata un determinado momento, a dieta era principalmente vexetal, pero ao crear algunhas armas cortantes, iso permítelles matar animais e romper os seus ósos, o que trae un aporte de proteínas, e con iso o maior desenvolvemente cerebral, que dirixe a evolución posterior.

- O lume: permitiu mellorar aínda máis a dieta (comézase a cociñar, esencial na mellora cerebral), e proporcionou luz, calor e seguridade. Chamoume a atención o fincapé que facían en que grazas ao lume ampliáronse as horas "do día" e comezou a incrementarse a vida social, que antes desaparecía en canto se facía de noite. E xa sabemos que a vida social é indispensable para a felicidade e desenvolvemento.

- A autoconciencia: Comezan a ter conciencia de si mesmos e a temer a morte. Comezan os enterramentos e o preocuparse por levar a mellor vida posible.

- Os símbolos: O cerebro comeza a manexar conceptos simbólicos e comeza a arte, en forma de pequenas pezas talladas e pinturas en covas.

Aparte de haber recreacións interesantes, algúns restos, os textos da exposición son moi claros e dan unhas claves moi interesantes para entender por que eses cinco fitos supuxeron evolución da especie, como di o título da exposición.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Extremadura - Semana Santa 2002 - Publicado o 30-09-2011 19:38
# Ligazón permanente a este artigo
O sal deste mar
O outro día estiven vendo unha nova película en La 2, aproveitando que xa non botan publicidade.

Era unha película palestina, titulada "O sal deste mar", do ano 2008. Dende que a rodou, a súa directora, Annemarie Jacir, ten prohibida a entrada en Ramala.

Trata dunha rapaza de 28 anos, chamada Soraya, nacida en Brooklyn pero con todos os antepasados palestinos, que decide volver á que ela considera a súa terra.

Alí coñece a algunha xente, que ten uns sentimentos contrarios, é dicir, que teñen ganas de irse pero non poden, e que non entenden a súa postura.

De paso intenta recuperar cartos e propiedades da súa familia ocupados por israelíes, con pouco éxito, como pode intuirse.

A película non se centra demasiado na inaceptable situación do país, pero polo pouco que se ve xa queda suficientemente reflexada. A trama vai máis dos seus sentimentos e das súas relacións con outros personaxes, pero xa permite ver o irrespirable aire de represión e violencia no que vive esa terra.

Para min, a película estivo ben pero tampouco me chamou moito a atención. Aínda que esteamos sensibilizados coa situación, hai un abismo cultural entre eles e nós, e os diálogos resultan estraños, porque abordan os temas dende unha perspectiva para nós algo rara, páranse en temas que nós consideraríamos "secundarios" e outros máis importantes déixanos pasar, hai frases que parecen non ter sentido (pero o terán, o que pasa é que non coñecemos as claves dese tipo de interactuación entre individuos).

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-09-2011 19:26
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación na Coruña de Sermos Galiza
Onte houbo un abarrote histórico (outro máis) no local da A.C. Alexandre Bóveda para a presentación na Coruña de "Sermos Galiza".

As dúas caras máis visibles do proxecto na nosa cidade, Xurxo Souto e Xosé Ramón Freixeiro Mato, presentaron ante un concurrido público (podería haber unhas 70 persoas) a iniciativa.

Para quen non ouvira falar do tema, "Sermos Galiza" é unha sociedade anónima que está creándose para poñer en marcha un xornal galego e en galego. Polo que comentaron, a idea era comezar cun diario dixital, para despois pasar tamén a un semanario en papel, e se a cousa fora moi ben, rematar cun diario en papel.

Nos últimos meses desapareceron moitas das cabeceiras en papel e tamén dixitais que facían ese labor, e non pode ser. Será un proxecto se cadra algo romántico, pero ten que ir adiante.

Pódense mercar accións, que son a 100 euros, e expresar a intención de facerse subscritor do semanario en papel, que sairía por un prezo duns 156 euros anuais. Como o ano ten 52 semanas, serán 3 euros cada exemplar, digo eu.

Póñovos un debuxo alusivo de Xose Lois "O Carrabouxo" e tamén vos poño o enlace do blog onde podedes atopar a información.
Sermos Galiza
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 23-09-2011 20:55
# Ligazón permanente a este artigo
A Ópera dos Tres Reás
Onte pola noite fomos ao Teatro Colón da Coruña ver "A Ópera dos Tres Reás", a cargo do Centro Dramático Galego. A obra orixinal é con libreto de Bertolt Bretch e música de Kurt Weill, e esta era unha versión de Quico Cadaval.

Como boa ópera que se precie, entre descansos e outras cousas durou case tres horas, ten moitas pezas musicais, e incluso había unha pequena orquestra nun curruncho do escenario.

A min non me desagradou, aínda que nalgún intre fíxose algo pesada, e algunha parte da trama non me pareceu moi sólido, daba uns xiros algo estraños, non moi doados de entender. E como non coñezo a obra orixinal, non sei de quen puido ser demérito neste caso. Falando disto, parece que nalgúns "mentideiros" do teatro galego dise que non gustou demasiado porque a versión é demasiado libre e pouco cercana ao orixinal. Descoñézoo, así que non podo opinar, pero tampouco me parece un argumento necesariamente positivo nin negativo, depende do gusto de cada un, e das cousas que cambiara Quico Cadaval.

Saúdos.




Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-09-2011 23:45
# Ligazón permanente a este artigo
Dezasete letras na brétema
O outro día o escritor Alberte Suras veu á A.C. Alexandre Bóveda veu dar unha charla sobre a vida e obra de Manuel María, un dos nosos socios de honra.

Estivo cerca de dúas horas debullando moitos aspectos da poética de Manuel e das súas circunstancias, e tamén das de Saleta, a súa compañeira.

O título de "Dezasete letras na brétema" vén de contar o número de letras dos nomes de Manuel María e Saleta, e de unilas á brétema, unha das figuras e das palabras máis presentes na poesía do autor.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (1) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 19-09-2011 23:37
# Ligazón permanente a este artigo
Pa negre
O outro día, para inaugurar a nova tempada no CGAI da Coruña, proxectaron "Pa negre", a película catalá que arrasou nos últimos Premios Goya.

Recoñezo que tiña certa curiosidade por vela, para intentar entender por que colleitara un resultado tan espectacular. Non sei contra que películas loitou, pero estrañábame unha diferenza tan grande, agora case sempre hai moita igualdade nese tipo de premios.

Gustoume bastante que fora cine catalán en versión orixinal (subtitulada en castelán), así algúns aprenden que nas nacionalidades históricas tamén sabemos facer as cousas ben.

A película está bastante ben, pero tampouco me pareceu unha cousa tan fantástica, repito que non sei cales eran as outras películas nominadas, pero estráñame a gran diferenza en Goyas que conseguiu.

Un neno chamado Andreu é o único testigo da morte dun amigo seu e o seu pai que morren despeñados coa dilixencia na que ían polos vales da Catalunya rural na posguerra. Escoita as últimas palabras que lle transmite o seu amigo antes de morrer, que son "Pitorliua". Resulta que Pitorliua é o protagonista dunha lenda local que fala sobre un fantasma que mora nunhas covas cercanas.

Cando lle comunican a noticia ás autoridades, o pai de Andreu non se sente tranquilo, ante a presión e insinuación daquelas, e decide fuxir a Francia, facendo unha parada previa na casa duns familiares máis cerca da fronteira. Alí coñece a novas xentes, vai a outra escola, e vai aprendendo novas cousas da vida, levado sempre pola súa grande curiosidade.

A trama é moi complexa, dá moitas reviravoltas, así que con isto pode chegar para comezar. Os actores e actrices están moi ben, tanto adultos como rapaces. Semella unha película moi traballada. Está ambientada na posguerra, e hai algo do trasfondo da guerra civil, pero non pode dicirse que trate sobre esta, é un feito bastante secundario.

Saúdos.


Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-09-2011 23:32
# Ligazón permanente a este artigo
O ultimatum de Bourne
Onte pola noite vin na televisión pública (é dicir, sen anuncios) unha nova película: "O ultimatum de Bourne".

Do ano 2007, dirixida por Paul Greengrass, e como estrela absoluta con Matt Damon, facendo do super-axente da CIA Jason Bourne.

Este tipo de cine non me pega nada, as súas historias non é que me apaixoen, o meu organismo non reclama en absoluto o seu ritmo adrenalínico, pero de cando en vez, para descansar, non está mal ver algunha para variar.

A trama vén sendo como segue: o super-axente da CIA Jason Bourne (que xa estivo en dúas entregas anteriores) está investigando en que consiste o programa no que está participando, xa que algunhas cousas non encaixan na súa vida, e ten fuxidías lembranzas do seu pasado antes de poñerse a traballar nese proxecto.

Entón comeza a entrevistarse con xente que parece saber algo, e a propia CIA (que leva tempo buscándoo para eliminalo, pois o consideran unha grande amenaza) capta esas conversacións, e comeza unha persecución para collelo a el e aos que filtraron a información. O final tampouco interesa demasiado contalo aquí.

Como dicíamos, as caralladas da CIA, os seus programas secretos de espionaxe e asasinato, os seus métodos e o absurdo de que a súa maior amenaza sexa un ex-axente deles (típicas paranoias do militarismo americano), basicamente me importan un carallo.

Por outra banda, o ritmo absolutamente frenético, as escenas de persecución e loita onde as imaxes se suceden tan rápido que practicamente non ves nada, senón que o intúes, tampouco me agradan. Tamén se ve en funcionamento a Rede Echelon, de espionaxe internacional das comunicacións, e practicamente calquera conversa que aparece na película, aínda que sexa coa escobilla do water, pode ser interceptada. Flipante.

Pero hai algunhas cousas que me gustan. Por exemplo, que se ven moitas paisaxes internacionais, a trama sucede en moitos sitios diferentes, como New York, Londres, Madrid, Tánger, Turín, e algún máis que non lembro agora. Por momentos, parecía James Bond.

E tamén me gustaron os destellos de intelixencia que lle puxeron a Jason Bourne, que brillaron moito nalgunha escena. Por exemplo, cando cita a un xornalista na estación de tren de Waterloo, e para falar con el sen que lle intercepten a comunicación, merca un teléfono de tarxeta, pasa ao seu lado e déixallo caer no peto (nese momento só Bourne coñecía ao xornalista, pero non ao contrario) e despois chámao a ese teléfono, ante a desesperación da CIA, que ve aparecer un aparello que eles non tiñan intervido.

En definitiva, pura pirotecnia estadounidense, de moita acción, especialmente dirixida a esa xente á que lle gusta facer "puenting".

Saúdos.


Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-09-2011 16:38
# Ligazón permanente a este artigo
Lembranza de Manuel María
Onte conmemourouse de novo a data do 8 de setembro, día no que morreu Manuel María hai varios anos. Foi de novo no Teatro Rosalía de Castro.

Primeiro houbo a presentación dun documental dirixido por Mikel Fuentes e con guión de Anxa González Refoxo, e despois unha actuación de Xabier Díaz e Guillerme Fernández.

Eles dous tocaron varias pezas propias e ao final varias baseadas en poemas de Manuel María. Unha bastante famosa é a que musicou María Manuela hai anos, e que se titula "Manual para señoritos". Tantos anos pasaron e non perde actualidade.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-09-2011 16:45
# Ligazón permanente a este artigo
Tasio
Estoume aficionando a ver películas na 2 ás 10 da noite. Aparte de que a selección de filmes é boa, outro punto importante para min é que non teñan publicidade.

Onte tocoulle a "Tasio", película de Montxo Armendáriz de 1984. Hai pouco celebráronse os 25 anos en Navarra, xa que é unha película integramente rodada alí, con actores de actrices de alí. Podería dicirse que é "cine navarro".

Conta a historia de Tasio, un carboneiro dunha zona rural de Navarra. Non sabería ubicala con exactitude, pero por algunhas cousas que se ven debe estar ambientada a mediados do século XX.

A verdade é que a película destila unha poética excepcional, retrata moi ben o mundo rural vasco daquela época. Creo que os actores que saíron na película, como Patxi Bisquert ou Amaia Lasa, xa non se prodigaron moito máis, por desgraza.

Déixovos uns fragmentos da película. Absterse fans das palomitas e explosións.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-09-2011 18:03
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal