Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Darío Xohán Cabana e a tradución
Onte fun, unha vez máis, a Villa Florentina, para escoitar unha conferencia de Darío Xohán Cabana sobre a tradución, xa que dentro duns días celébrase o Día Internacional desa disciplina.

Tiña moitas ganas de escoitar falar, xa que nunca tivera a oportunidade, a este eminente sabio galego, que sabe tanto sobre a Idade Media europea. Ilustrounos, sobre todo, acerca da poesía de Petrarca, Dante e os poetas occitanos, de grande altura lírica, segundo o conferenciante.

Algún colega díxome hai pouco, e sorprendeume, que lle chamaba a atención o que eu comentaba de Villa Florentina, en canto a que nos invitaban a tomar café, té e pastas ao rematar cada acto que se celebraba na casa.

Pois o de onte xa foi espectacular. Castañas e figos saboreáronse ao rematar o acto. E cando xa estaba pensando en marchar, a "dona" da casa (compuxeron en honor a ela hai pouco unha peza chamada "A dona de Cecebre") díxome que quedase a cear, que ía haber unha tertulia moi interesante.

Xa podedes imaxinar a escea. O xerente da Fundación Wenceslao Fernández Flórez, a guardesa da casa, a directora do seu grupo de teatro e organizadora de moitos dos seus actos, Darío Xohán Cabana e a súa dona, e máis quen vos escribe, disfrutaron dunha cea que eu seguramente lembrarei como unha das máis agradables da miña vida.

Non, se finalmente moverse no campo da cultura vai ter as súas avantaxes e todo.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-09-2008 12:30
# Ligazón permanente a este artigo
A pintura de Rob Gonsalves

Onte fun a un curso de matemáticas en galego organizado pola Comisión de Normalización Lingüística de FEREGA-CECA, da que formo parte.

Estivo interesante, aprendéronse algunhas cousas útiles, pero unha das cousas que máis me chamou a atención foi a referencia a un pintor canadiense que pinta ilusións ópticas chamado Rob Gonsalves. Compárano, en parte, con Escher.

Pero as súas pinturas son moi sorprendentes e descolocan moito, nada é o que parece. Recoméndovos que poñades o seu nome nalgún buscador e vos mergulledes na súa obra.

Déixovos unha das obras que máis me gusta.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 26-09-2008 18:16
# Ligazón permanente a este artigo
Látego de algas
O outro día fun na FNAC da Coruña á presentación do último poemario de Antón Reixa, titulado "Látego de algas".

A verdade é que acabei alí un pouco de rebote, levado por uns amigos a quen tiña boas ganas de ver, pero a experiencia non estivo mal.

Eu son pouco amante da poesía, pero teño que recoñecer que Reixa me sorprendeu no seu recitado e dixo cousas que facían pensar bastante. E de forma inquietante.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-09-2008 18:12
# Ligazón permanente a este artigo
Acompañamento para fuga
Onte lin un libro de relatos titulado "Acompañamento para fuga". O autor é Carlos Freire Cordeiro, que xa ganara o Premio da Novela por entregas da Voz de Galicia no 2005, con "Acio sanguento". O libro que eu lin foi editado por Biblos, na súa colección Mandaio.

A verdade é que pasei un moi bo rato. Son oito relatos, o primeiro e o último moi breves e que o deixan a un algo descolocado.

Dos outros, lembro especialmente tres:
- O que dá título ao libro, sobre dous irmáns e o seu tío que pretenden coller un barco a América dende Vigo, supostamente nos tempos do franquismo, e as aventuras que lles suceden.
- Un sobre uns asasinatos nos que os cadáveres aparecen nun estado moi particular, que despista á policía ata que entra en xogo unha ornitóloga.
- E outro desacougante sobre a investigación arredor dun pazo que aparecía nunhas fotos moi antigas dunha praia, pero que xa ninguén lembraba que existira.

Que agradable tarde de domingo cun bo libro!!!

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-09-2008 17:57
# Ligazón permanente a este artigo
Paisaxes da China

Hai uns días proxectáronse na sede da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, que teño a honra de presidir, unhas fotografías duns socios que viaxaron a China hai algún tempo.

O mes anterior vira algo parecido en Portas Ártabras, na sede da Asociación de Amigos dos Museos.

Impresionantes paisaxes as que ofrece un país tan grandioso como ese.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 21-09-2008 13:06
# Ligazón permanente a este artigo
A obra dramática completa de Francisco Taxes
O outro día foi presentada na Coruña a obra dramática completa de Francisco Taxes.

No acto estaban o seu fillo Xurxo, Ramón Nicolás, Manolo Rivas, Manuel Bragado e a Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo.

Foi un acto ameno, cheo de anécdotas do peculiar Paco, e gran día para o teatro galego.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-09-2008 13:03
# Ligazón permanente a este artigo
Aurora Rodríguez e a súa filla Hildegart
O outro día fun ver a obra de teatro titulada como este artigo, e que era representada por Encena Produccións Artísticas. Forman parte desta compañía Marga do Val (autora desta obra), Roberto Cordovani e Eisenhower Moreno, fundadores do TAL (Teatro Arte Livre do Brasil), que ten unha sala de teatro en Vigo.

A obra conta a curiosa historia das dúas protagonistas, que existiron realmente. Aurora Rodríguez Carballeira naceu a finais do século XIX en Ferrol. Quixo ser nai solteira e buscou un pai (crego) para poder modelar á súa filla ao seu gusto e convertila na muller perfecta que salvara ao mundo. A súa filla Hildegart naceu en 1914 e foi unha nena prodixio que apuntaba unha cualidades inmellorables. Pero algún tempo despois quixo voar libre e comezou a separarse do control e esixencias da súa nai Aurora. Cando esta se decatou, matouna, en 1933. A nai morreu nun hospital psiquiátrico en Madrid en 1955.

Historia sorprendente e moi bos actores. Boa combinación.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-09-2008 13:00
# Ligazón permanente a este artigo
Ángel del Castillo
Hoxe fun a Villa Florentina, a sede da Fundación Wenceslao Fernández Flórez, en Cecebre.

Hoxe tocaba, como cada primeiro domingo de mes, tertulia en torno a algún persoeiro da cultura galega, e foi o turno de Ángel del Castillo.

Destacou como estudioso do arte galego e dedicou boa parte da súa vida á docencia, parece que toda ou case toda na Coruña. En todo caso, é bastante descoñecida, e na Internet non parece haber ningunha foto del.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-09-2008 22:55
# Ligazón permanente a este artigo
Marina Mayoral e Pardo Bazán
O outro día a escritora e profesora de Literatura da Universidade Complutense Marina Mayoral foi ao Museo Emilia Pardo Bazán a falar sobre esa escritora.

Foi tanto público que finalmente houbo que facer a charla no salón da Real Academia Galega (ocupan o mesmo edificio) que, por certo, estaba de estrea. Coido que era a primeira vez que podía verse despois das reformas.

Eu non puiden asistir a todo o acto pero o pouco que puiden ver e ouvir estivo moi ben. Tamén resaltaría a marabillosa voz de Marina. Resultaba unha delicia ouvila falar, non só polo que dicía senón por como o dicía.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-09-2008 20:14
# Ligazón permanente a este artigo
Monumento a Alexandre Bóveda

Por fin, despois de máis de cinco anos de xestións e negociacións, hai monumento a Alexandre Bóveda na cidade da Coruña.

Inaugurámolo o sábado 30 de agosto. Pensamos que é moi bonito e que aportará algo de color ao Parque de Catro Camiños.

Saúdos e grazas a todos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 05-09-2008 20:10
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal