Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Vaia racha que leva o Fórum Metropolitano

Contábavos hai uns días o sorpresón que levei cando me dixeron que non podían proxectar "O sétimo selo" de Ingmar Bergman porque os da mensaxería perderan a película.

Pois o de onte foi aínda "mellor". Achegueime ao Fórum Metropolitano da Coruña para ver un concerto, para que o imos negar, bastante alternativo. Un grupo do Chaco arxentino chamado TONOLEC que fan unha estraña mestura entre música electrónica e tradicional da súa zona cantando e recitando poemas en español e en lingua toba, autóctona da zona. Podedes saber máis cousas deles na páxina web que aparece abaixo.

Chego á taquilla, que está fóra, e pechada. Que raro!!! Se só faltan 10 minutos!! Baixo as escaleiras, encaro o corredor que leva ao auditorio, e pechado. Que raro!!! Vou á recepción e pregúntolle á rapaza que está alí e dime que se suspendeu o concerto porque absolutamente ninguén reservou ningunha entrada con antelación, e iso é indicio claro de que o público vai ser case inexistente. Non o preguntei pero probablemente eu fun a única persoa que aparecín alí con intención de asistir ao concerto.

Reflexión: non me gusta a música electrónica, en xeral. O folklore toba non o coñezo pero podería interesarme, como todos os do mundo. Pero recoñezo que a mestura desas dúas cousas podía chamarme a atención, e fun á páxina web para enterarme algo máis de que ía. Pero paréceme incrible que nunha "área metropolitana" onde viven unhas 300.000 persoas fora EU o único que amosou certo interese por este concerto. Faime pensar moito este tema.

Iso si, á mesma hora e cidade, o Coliseo estaría case abarrotado vendo aos monologuistas do Club da Comedia que son famosos por saír en teleseries. Para iso si hai público.

Saúdos.
Tonolec
Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-09-2007 11:33
# Ligazón permanente a este artigo
A actividade científica na Coruña na segunda metade do s. XIX
Hai pouco -vaia semaniña máis animada- o insigne e sabio Xosé Antonio Fraga deu unha conferencia na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda que versou sobre o título deste artigo.

Xosé Antonio é unha das persoas que máis sabe sobre a historia da ciencia en Galicia (ou directamente O QUE MÁIS SABE). Colabora moito connosco neste eido. E nós encantados.

Hai varias semanas, podedes velo por aí, fomos entrevistar á súa casa de Oleiros a dous enxeñeiros agrónomos que traballaron na Granxa Experimental de Elviña, na Coruña, a partir do ano 52 ata a súa xubilación, toda ou case toda a súa vida laboral.

Aquela entrevista e esta conferencia foron gravadas en video e serán publicadas nun DVD que sacaremos dentro de pouco. Tamén estamos deseñando unha exposición sobre o título deste artigo, que cederemos gustosamente cando estea rematada.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 28-09-2007 19:57
# Ligazón permanente a este artigo
Xa tres anos sen Manuel María
O outro día, un grupo bastante de amigos e coñecidos rendémoslle homenaxe -unha vez máis- ao poeta Manuel María, que morreu hai tres anos.

Alí estaba Saleta. Falaron, recitaron, cantaron ou tocaron Xoán Abeleira, Miguel Mato, Lino Braxe, Miguel Anxo Fernán Vello, Rómulo Sanjurjo, César Morán e máis que non puiden ver, xa que por razóns laborais só cheguei para ver o final.

Foi na taberna-mesón "A Saimia" (topónimo de Ponteceso) que rexenta Miguel Mato e que cada vez congrega máis xente debido ao seu bo labor nos fogóns e cos amigos. Está moi cerca da Praza de Vigo.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 28-09-2007 19:51
# Ligazón permanente a este artigo
O medieval Reino de Galiza
O outro día fun a unha conferencia organizada pola Asociación Cultural "O Facho" da Coruña (creo que a segunda máis antiga do país, despois de "O Galo" de Santiago).

No novo edificio da Fundación Caixa Galicia falaba o historiador Anselmo López Carreira sobre a historia do Reino de Galiza.

Impresionante. Como todos ou case todos os historiadores que coñezo, un orador excepcional destes que é capaz de terte horas coa boca aberta sen moverte do asento. E sen ler nada. Todo na cabeza. Que portento!!

E as cousas que dixo, como é habitual nel. Desas que raramente escoitas pero dan moita sensación de verosimilitude. Lembro especialmente o que dixo de que en ningún cronista da época falou nunca dunha provincia romana chamada Hispania, iso foi un invento posterior.

O que botei de menos foi a ambulancia medicalizada na porta por se asistía a charla algún españolista. Ían sufrir un infarto cada cinco minutos.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-09-2007 19:45
# Ligazón permanente a este artigo
A xove da perla
Onte vin unha película gravada da televisión uns días antes. Era "A xove da perla", película baseada nunha novela de Tracy Chevalier e que fala dunha breve parte da vida do pintor holandés Jan Vermeer.

Eu supoño que o que me atraía para ver a película era o binomio Jan Vermeer-Scarlett Johansson.

Saber algo da vida dese pintor, tan esquecido durante moito tempo e que foi "descuberto" hai poucos anos. A súa cidade de Delft, co encanto dos seus canais. Obviamente non estiven alí pero sempre lle dá un colorido especial.

E, por suposto, Scarlett Johansson. Pero non creades. A súa incrible beleza apenas se ve na película. Os tocados e vestidos da época ocúltana case por completo. Só se ve a súa cara, e ademais coas cellas case inexistentes.

En todo caso, a película é bastante interesante, aínda que algo "paradiña" de máis por momentos.

Saúdos.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-09-2007 12:04
# Ligazón permanente a este artigo
O meu gozo cinéfilo nun pozo
Hai unhas semanas escribín un artigo sobre "Amorodos salvaxes", unha película de Ingmar Bergman que acababa de ver na TVG.

E remataba dicindo que seguramente pouco despois vería "Blow-up" de Antonioni e "O sétimo selo" de Bergman no Fórum Metropolitano da Coruña.

Pois foi imposible. A semana que botaron "Blow-up" estiven tan ocupado que non puiden pasarme por alí. Botan cinco sesións en tres días, tampouco é unha oferta moi abondosa.

"O sétimo selo" si chegaba a tempo para ver a última das cinco sesións. Pero casualmente pasei por alí un par de horas antes e dixeron que non se puidera proxectar porque a máis famosa das empresas de mensaxería perdera o paquete coas cintas da película.

Non sei de onde a traían, se da Filmoteca Nacional, ou así, pero se cadra a esa xentiña cáeselle o pelo por perder un paquete tan valioso.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-09-2007 11:57
# Ligazón permanente a este artigo
Divulgación científica: A Caixa de Maxwell
Onte estiven cunha das persoas fundadoras dunha entidade case pioneira: a Asociación Cultural para a divulgación científica "A Caixa de Maxwell". Dedícanse principalmente a demostracións de experimentos e coñecementos científicos en colexios, asociacións e colectivos de todo tipo.

Non hai case ninguén en Galicia que faga nada parecido. E digo o "case" pola típica precaución que temos que ter se ignoramos algo.

Teñen uns cantos obradoiros diferentes pero hai dous que me chaman a atención: un para rapaces no que se fan xeados de nitróxeno e outro xa para algo máis maiores onde se intenta achegar a todos os entendementos a complexísima física cuántica.

Intentaremos ofertar as actividades desta interesante asociación aos colexios relixiosos de Galicia porque pensamos que é unha oferta de primeiro nivel.

Saúdos.
A Caixa de Maxwell
Comentarios (0) - Categoría: Os Devotos de Santa Clara - Publicado o 23-09-2007 11:51
# Ligazón permanente a este artigo
Seavia é nome de parroquia
O xoves 20 de setembro de 2007 foi un día grande na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.

O meu amigo José Antonio Andrade Figueiras presentou o seu primeiro libro, autoeditado por el mesmo, que se titula "Seavia é nome de parroquia".

Estivo un bo rato contándonos cousas sobre a creación do libro e as súas vivencias. Vén falando da súa infancia en Seavia, parroquia de Coristanco, de onde é orixinario.

Polo que se dicía alí o día da presentación, moita xente recoñeceuse no protagonista. Estamos no Bergantiños moi moi pobre dos anos 50 e 60.

Sacou unha tirada inicial de 500 exemplares e está a piques de esgotala. Xa está preparando a segunda. Na zona de Bergantiños está tendo moito éxito. Chamoume a atención cando me dixo que hai unha cadea de librarías con establecementos en vilas como Santa Comba, Pobra do Caramiñal, etc. que está vendendo moito. Son as Librerías Ler.

Alédome moito por José Antonio e agardo que máis xente con iniciativa siga o seu ronsel.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Comentarios (1) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 21-09-2007 13:44
# Ligazón permanente a este artigo
Urbano Lugrís
Acabo de pedir en Biblos un libro de Luis Rei Núñez titulado "O señor Lugrís e a negra sombra" que debe ser unha biografía novelada do artista Urbano Lugrís.

Aproveito entón para poñer algún cadro deste pintor surrealista que, na miña opinión, é un dos mellores pintores da historia.

Sempre se poden ver algúns cadros del en locais como o Café Vecchio ou o restaurante La Bottega da rúa dos Olmos (antes restaurante Fornos) na Coruña, ou na Cofradía de Pescadores de Malpica.

Saúdos.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-09-2007 00:19
# Ligazón permanente a este artigo
A Granxa Experimental de Elviña
O xoves 13 de setembro participei nunha actividade que me fará feliz durante moito tempo.

Organizamos unhas actividades de divulgación científica na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, que teño a honra de presidir actualmente. E unha delas consiste en que un científico entreviste a outro/s sobre un tema determinado. Esa entrevista é gravada en video para ser incluída nun DVD.

Neste caso (porque espero que sexa a primeira de moitas) o entrevistador foi Xosé Antonio Fraga (un dos máis expertos coñecedores da historia da ciencia en Galicia) e os entrevistados foron dúas persoas que traballaron na Granxa Experimental de Elviña a partir dos anos 50: Valeriano Yepes Hernández de Madrid e Gregorio Santaolalla Azpilicueta.

Foi unha auténtica delicia. Dúas persoas de xa certa idade pero que se manteñen moi ben mental e físicamente contaron moitas anécdotas e circunstancias do seu traballo na Granxa, motivacións e traxectoria. Todo un exemplo. E deixaron claro que era un dos centros punteiros no Estado. O señor Yepes dedicábase á praticultura (investigación da herba para alimento do gando) e foi o introductor das praderías artificiais en Galicia e o señor Santaolalla dedicábase á fitopatoloxía, atopar curación para as doenzas e andazos das prantas e árbores.

A Granxa Experimental de Elviña abriu a finais do século XIX, estivo por alí ata o ano 1964 (seguro que moitos da zona da Coruña oiríades falar da Granxa ou do campo da Granxa en Elviña), despois foi para Guísamo e dende os anos 80 está en Mabegondo.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 16-09-2007 22:09
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
© by Abertal