Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Centauros do deserto
Onte pola noite botaban na cadea de televisión fascistoide Trece “Centauros do deserto”, co seu ídolo machirulo John Wayne, ao que lle teñen moita querencia nesa cadea. Como é unha boa película que tiña ganas de ver de novo, animeime. Hai que salientar que a botaron completa sen un só corte publicitario, iso sempre se agradece.

Pois vina. E agora estaba lendo algunha web onde analizan ou desmenuzan unha infinidade de detalles que son moi difíciles de intuír no visionado normal. Primeiro vou lembrar cal é a trama principal da historia, e despois comento o que atopei nesas outras webs, que me pareceu bastante interesante.

Ethan Edwards (John Wayne) é un antigo soldado confederado que chega á casa do seu irmán en Texas tres anos despois de que acabara a Guerra Civil estadounidense. Nesa casa viven o seu irmán, con quen parece ter unha relación algo fría, a súa cuñada, os fillos dese matrimonio e un rapaz ao que acolleron, que é moi querido pola familia, pero que ten unha certa fracción de sangue indio, e por esa razón Ethan semella tratalo con certa frialdade tamén.

Ao pouco de chegar, uns veciños avisan de que lle roubaron as vacas. Saen todos a buscalas, e atópanas mortas, do cal se deduce que non era exactamente un roubo, senón unha distración. E foi unha tribo india quen o fixo. Cando volven á casa, está totalmente destruída. Cren que morreron todos e que só levaron viva á filla máis pequena, Debbie.

Dende ese momento, fórmase unha partida de homes que saen a buscala. Despois de diferentes aventuras, acaban quedando só dous, Ethan Edwards e Martin Pawley (ademais de sobrenome dun famoso astrónomo e crítico de cine galego, na película protagonizado por Jeffrey Hunter). A búsqueda dura cinco longos anos, incluso pasan por casa duns veciños nalgunha ocasión e manteñen certa correspondencia epistolar con eles nese tempo, o que permite incluso que Martin estea medio comprometido para casar coa filla deses veciños.

Despois de idas e voltas, acaban atopando a Debbie, que xa está moi integrada no pobo e costumes comanches, e non ten claro se quere volver ao mundo dos brancos ou quedar cos indios. Martin non ten dúbidas nese aspecto e intenta convencelo, pero Ethan, que non quere demasiado aos indios, ten dúbidas sobre se debe levar de volta a Debbie, ou se debe matala, como quere facer co resto dos comanches.

Como comentario adicional, salientar a escena inicial e final da película, moi similares. Nos dous casos, vese a paisaxe do deserto texano no centro da imaxe a través da porta da casa, enmarcada na escuridade do interior, que é de onde se toma a imaxe. Ao comezo, a cuñada de Ethan sae da casa porque lle parece ver un xinete que chega nun cabalo. Ao final, ao traer a Debbie de novo ata a casa dos veciños, vese dende o interior da casa como van chegando, e a porta péchase (e fai a escuridade total) cando Ethan está marchando de novo.

Despois sempre está ben falar do lío dos títulos. O título orixinal é “The searchers”, que poderíamos traducir como “Os buscadores” ou “Os exploradores”, título moi acaído á temática da película. En español inventáronse “Centauros do deserto”, que non ten moito sentido, porque a metáfora dos homes a cabalo como centauros non está mal, pero o problema é que todas as películas do Oeste están cheas de “centauros do deserto”, non serve para distinguir nada. En parte de Hispanomérica a titularon “Máis corazón que odio” (totalmente absurdo). E en Europa fixáronse moito na figura da nena secuestada. En Portugal titulárona “A desaparecida” e en Francia algo así como “A refén do deserto”.

Pois ben, mirando nunha web desvelan moitas cousas moi interesantes que poderían explicar detalles da película que non se captan demasiado se non tes un par de doctorados:
- Era soldado confederado, do que se deduce que era racista (máis ou menos, pero algo), e iso pode explicar a inquina que lle ten aos indios.
- A relación co seu irmán era fría, seguramente por iso, pero tamén porque Ethan parece estar namorado da súa cuñada, e todos parecen sabelo.
- Foise á guerra para evitar o escándalo amoroso, perdeu a guerra, e estivo tres anos máis loitando contra os indios en México, porque unha medalla que lle dá a Debbie é dalí. Seguramente por esa razón coñece ben a lingua e costumes indias, e os odia bastante.
- Unhas moedas novas recén acuñadas que exhibe en varios momentos parecen indicar que neses tres anos “perdidos” foi un foraxido que asaltaba bancos.
- É un heroe perdedor que non ten ningún lugar ao que ir. A casa da súa familia máis cercana xa non existe, e tampouco podía estar alí moito tempo, porque a relación era moi tirante. E a película acaba con el marchando sen entrar na casa á que trae a Debbie.

Outra cousa que me chama a atención é a carreira cinematográfica de Jeffrey Hunter, un dos actores destacados da película. Nos últimos tempos atopeino facendo grandes papeis en varias películas, e non me explicaba por que non foi máis famoso posteriormente, realmente tivo mala sorte. Nun intervalo de só 5 anos protagonizou “Centauros do deserto”, “O sarxento negro” e “Rei de Reis”. Tiña 30 e poucos anos cando sucedeu isto, e apuntaba moi boas maneiras. Pero na década dos 60 non soubo escoller ben os seus papeis. E a finais dos 60 unha sucesión de accidentes nas rodaxes e outros contratempos parecidos levouno á tumba. Éche o que hai.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 31-08-2020 12:51
# Ligazón permanente a este artigo
O Dez
Creo que foi na penúltima edición do Culturgal (a de decembro de 2018, entón) cando me atopei cun “stand” que me agradou moito. Estaba compartido por Carlos Meixide, escritor, actor, cantante, etc, ao que pouco antes acababa de entrevistar na radio. Estaba alí vendendo principalmente os seus libros, e merqueille un, “Ons”, similar ás aventuras dos Cinco, que me fixo rir un bo pedazo. E con el tamén estaba o amigo Óscar Losada, presentando a súa revista de fútbol en galego “O Dez”, da que non teño claro se xa oíra falar.

Óscar Losada é un xornalista coruñés de longa traxectoria e perfil bastante peculiar. Parece que os seus principais campos de interese son o deporte e a cultura. En deportes, xa lle coñezo esta revista sobre fútbol e tamén sacou durante algún tempo outra sobre baloncesto, chamada “Zona Press”.

En cultura sei que controla moito de música (cónstame que é un experto en música folk ou celta, co difícil que é delimitar iso) e tamén de cine, porque creo que tivo na Radio Galega un programa sobre ese tema que se chamaba “A lanterna máxica”. Tamén na Radio Galega tivo hai pouco tempo un modesto programa pero moi interesante chamado “O discóbolo”, no que mesturaba estes dous temas, deporte e cultura. Eran pílulas de media hora moi xeitosas.

Da súa revista de fútbol “O Dez” merquei dous números, o 4 e o 5. O número 4 titulábase “O meu ídolo futbolístico”, porque a primeira parte do número trataba de escritores (principalmente) que non lles gusta moito o fútbol falando do seu principal ídolo neste deporte. O número 5 titulábase “O legado de Escocia” e xa non hai moito máis que explicar claro. Non sei con que periodicidade pretendía saír inicialmente, pero semella que agora atopou o punto de equilibrio sacando un número cada ano, no verán. O subtítulo da revista é “Fútbol con cerebro”.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 31-08-2020 12:50
# Ligazón permanente a este artigo
A viñeta de Schrödinger
Hai varios anos saíu unha revista máis de cómic en galego. Todos sabedes que houbo xa unhas cantas iniciativas desas nas últimas décadas, pero ningunha durou demasiado. A vida desta nova proposta semella tamén incerta, a periodicidade é lenta e cambiante. Creo que inicialmente pretendía ser trimestral ou algo así, e de momento, sacou un número anual, ou algo parecido, pero semella ter certa estabilidade.

Detrás dela están A Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, e a dirección técnica corresponde a Kiko da Silva e o seu Garaxe Hermético de Pontevedra, polo tanto a solvencia está máis que garantida.

Na última e recente edición de Viñetas dende o Atlántico merquei os números 2 e 3 (porque o 1 xa o tiña case dende que saíra no ano 2018). Estívenos lendo estes días e resultan moi simpáticos. Levo anos intentando dar o salto ao cómic e esta pode ser boa forma de comezar.

Seguramente desa situación de incerteza e inseguridade na que está sempre o cómic en galego sae o nome da revista, xogando co famoso experimento do gato que estaba vivo e morto ao mesmo tempo.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 31-08-2020 12:49
# Ligazón permanente a este artigo
Pequena Inglaterra
A última novela do verán titúlase “Pequena Inglaterra”, e foi escrita pola escritora grega Ioanna Karistiani. Está ambientada na illa grega de Andros na primeira metade do século XX, sobre todos nos anos 30 e 40. A illa de Andros é a máis grande das Cícladas, e a que está máis ao norte, bastante cerca de Atenas. Gustoume coñecer esa realidade, porque descoñecía ese entorno e a súa vida. O título da novela é esa porque ese é o nome que lle daban a esa illa na época. Hai que ter en conta que lin a novela en galego pola tradución de Alfonso Blanco para a editorial Hugin e Munin.

A historia non me pareceu demasiado interesante. Chamoume máis a atención o feito de coñecer a vida desa zona do planeta nesa época. E lembrar que Grecia ten unha parte continental, pero en boa parte non poboada, xa que a maior parte do país vive nas dúas grandes cidades costeiras, Atenas e Tesalónica. E o resto do país son miles de illas que están espalladas principalmente polo Mar Exeo. E iso fai que en boa parte de Grecia as profesións relacionadas co mar teñen moita importancia.

A historia fala da vida na illa, centrándoa na familia Saltaferos. O pai, mariño veterano, non ama á súa muller, pasa case toda a vida embarcado, e ten outra parella e un fillo en Arxentina, e iso case ninguén o sabe, ata que ao final da súa vida, cando xa está retirado e vive na illa, recibe a noticia da súa morte nun accidente de tráfico. A nai, non amada polo seu marido nin por ninguén, é un toxo antipático que lle cae mal a todo o mundo, e ela está encantada de que sexa así.

A trama xira máis en torno ás súas dúas fillas, Orsa e Moscha. A maior namórase dun dos mariños máis admirados da illa (e alí iso é moito dicir). Pero a nai négase a aceptar ese matrimonio, pero si acepta o matrimonio cun mariño moito máis gris e anodino. Acaban tendo tres fillos, pero non semella haber moita química entre eles. A pequena namórase do mesmo mariño idolatrado que a súa irmá maior, pero neste caso si aceptan ese compromiso. Acaban tendo tres fillos tamén, pero viven na mesma casa que a irmá maior e a familia (en diferentes andares), e está claro que a tensión intrafamiliar é moi alta, e toda a illa é consciente diso. Durante boa parte da novela, crese que a maior seguiu liada co seu amor de xuventude, agora cuñado, pero ao final desvélase que non foi así, só tiveron algún pequeno desliz.

Mentres sucede todo iso, ten lugar a Segunda Guerra Mundial, con moitas baixas entre os barcos e os mariñeiros gregos, incluído o marido da pequena, que era considerado case invulnerable e un heroe en toda Europa. E xusto despois da Segunda Guerra Mundial, cousa que eu non sabía, entre 1946 e 1949, houbo unha guerra civil en Grecia, que aínda tambaleou máis a súa vida e economía.

Por certo, acabo de ver que no 2016 se fixo en Grecia unha película baseada nesta novela.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-08-2020 14:39
# Ligazón permanente a este artigo
Platoon
Esta era outra película que tiña certas ganas de ver dende hai tempo. Pero tampouco tantas, porque a min o cine bélico non me atrae nadiña. Pero tiña fama de ser unha película contestataria e que critica o militarismo, a guerra e a violencia tan típico dos Estados Unidos, neste caso na guerra do Vietnam.

Por certo, “Platoon” en inglés significa “Pelotón”, e con ese nome a coñeceron en Hispanoamérica. Neste caso, todos os títulos teñen sentido, porque a película céntrase nas peripecias dun pelotón concreto. A película foi dirixida en 1986 por Oliver Stone, o seu primeiro grande éxito nese rol, e por certo, pareceume velo nun breve papel no tramo final da película.

En canto ao elenco de actores (todos masculinos, obviamente, aínda que non sei se había mulleres no exército estadounidense en Vietnam, na película non aparece nin a primeira), semella que serviu de trampolín para un montón de actores novos (algún xa non tanto). Suponse que o trío máis protagonista son Charlie Sheen (moi novo), Willem Dafoe (creo que foi o seu primeiro gran papel) e Tom Berenger (debe ser o máis maior). E despois, un feixe de secundarios que fan de tropa, e que tiveron máis ou menos éxito na súa carreira posterior, como Forest Whitaker, Francesco Quinn, Kevin Dillon, Corey Glover ou Johnny Depp (nun papel moi moi secundario).

Pois nada, que este pelotón vai facendo as típicas barbaridades da situación na fronteira entre Camboia e Vietnam, e o grupo vaise dividindo en dúas faccións: a máis ética capitaneada polo sarxento Elías (Dafoe) e a máis salvaxe capitaneada polo sarxento Barnes (Berenger). E os soldados van dubidando a cal dos dous carros subirse, pero cada vez hai máis tensión entre eles. Non digo ningún spoiler se desvelo que ao final non sobrevive case ninguén.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-08-2020 14:38
# Ligazón permanente a este artigo
Unha mente marabillosa
Esta película había moitos anos que tiña ganas de vela, pero resistíase. Ao final puiden conseguilo. Foi dirixida en 2001 por Ron Howard, e os papeis principais están protagonizados por Russell Crowe (que fai do matemático John Forbes Nash) e por Jennifer Connelly (a súa muller Alicia, na realidade era de orixe salvadoreña).

A película narra a vida do matemática John Forbes Nash, o típico “xenio tolo”, que acabou levando o Premio Nobel de Economía en 1994 (cando xa tiña 70 anos) polas súas revolucionarias teorías na Teoría de Xogos, que se fixeron esenciais nas técnicas de negociación.

Comeza a súa carreira en Princeton nos anos 40, onde había unha grande competencia por conquerir becas, e semella que aínda andaban por alí Einstein e Von Neumann. El vai presentando escritos, e vanlle encargando traballos, pero el considérase infravalorado. Nese momento aparecen na súa vida varios personaxes (ou máis ben na película, non teño claro se na vida eran así) que lle marcarán. Un compañeiro de habitación, estudante de Literatura, e a súa sobriña, a quen tivo que adoptar ao morrer o pai da nena, e un intrigante membro do Departamento de Estado, que o convence de que os rusos están preparando unha bomba atómica para facela estalar nos Estados Unidos, e que os espías transmiten a información nos xornais, e que hai que atopar patróns nas noticias, e parece que el é moi bo niso, obsesiónalle ese tema. Cando detecta cousas, ten que levar a información de xeito moi reservado a un sitio bastante oculto.

Algún tempo despois, dando unha conferencia, ten unha crise e é internado para curarse da súa doenza. Parece que ten unha esquizofrenia paranoide. Leva tempo falando deses tres personaxes (o compañeiro de habitación, a súa sobriña e o tipo do Departamento de Estado), pero ninguén os coñece, e parece haber probas de que non existen na realidade, son só alucinacións que existen na súa cabeza. Mentres pasa todo isto, é moi apoiado pola súa muller, que vive con el e co fillo que tiveron, e vaille axudando a superar todos os traumas.

Durante algún tempo, por iniciativa propia, deixa de tomar a medicación que lle puxeron para superar a esquizofrenia, e recae. Máis adiante, deixa de tomar a medicación, pero consegue superar a súa doenza. Segue vendo a imaxe deses tres personaxes creados pola súa mente, pero os ignora completamente.

Na parte final da súa vida, volve á universidade e volve dar clases, xa que na institución tiñan bastante recelo con isto, pero semella que xa está bastante recuperado. Ao fina gaña o Premio Nobel de Economía, como dixemos antes.

Na película non sae, porque sucedeu despois e na realidade, pero a morte de John e da súa muller Alicia foi bastante triste. Volvían de Noruega de recibir o Premio Abel (algo así como o Premio Nobel de Matemáticas), e unha imprudencia do taxista que os levaba a casa dende o aeroporto provocou a súa morte.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-08-2020 14:37
# Ligazón permanente a este artigo
A carta esférica
O outro día vin na televisión a película española baseada na novela “A carta esférica” de Arturo Pérez Reverte. Este tipo cáeme fatal e non me parece un escritor excelso (aínda que el cre que si), pero si me interesa algo máis o tipo de novelas que escribe, xeralmente de intriga e aventuras, en certa medida.

A película foi dirixida por Imanol Uribe en 2007, e os cinco protagonistas principais son Carmelo Gómez (ex-mariñeiro), Aitana Sánchez-Gijón (ao final, buscadora de tesouros), Enrico Lo Verso (buscador de tesouros), Darío Grandinetti (algo así como un mafioso) e Gonzalo Cunill (dono do barco co que se busca o tesouro).

Todo xurde nunha subasta. Un dos obxectos é un antigo catálogo de mapas que se creía desaparecido, e que parece ter moito valor. Carmelo está alí de casualidade, Enrico e Darío puxan moi alto e finalmente o acaba levando Aitana, que representa ao Museo Naval de Madrid. Á saída, todos estes personaxes están discutindo entre eles, e iso propicia que Carmelo e Aitana se coñezan, que é un dos eixes principais da historia.

Cando están repasando xuntos os mapas, Carmelo dille que coñece moi ben a zona do Cabo de Palos, porque é desa zona, e navegou moitas veces por alí. A Aitana éntralle o interese, porque leva anos investigando o naufraxio dun barco dos xesuitas naquela zona a finais do século XVIII. Hai moito misterio en canto a que traía ese barco, porque o caso é que Carlos III ordeou a expulsión dos xesuítas pouco despois. Pero ao final descúbrese que hai un cargamento de esmeraldas moi valioso, Aitana sabíao.

Gonzalo, amigo de Carmelo, pon o seu barco á disposición da parella, para facer a busca do pecio afundido, pero non atopan nada inicialmente. Aitana vai visitar a un antigo profesor seu de cartografía, que lle di que todos os cálculos que fixeran estaban mal, porque os xesuítas eran moi secretistas e utilizaban o seu propio método de coordenadas. Grazas a iso, agora si, dan co pecio e conseguen as esmeraldas.

Mentres sucede todo isto, Enrico e Darío están intentando pactar cos outros ou boicotear a expedición. E xa non conto o final, porque é moi frenético, e en cada escena descúbrese algo que desdi o que se vira na anterior.

En definitiva, déixase ver, pero creo que á película lle falta algo de chispa para ser de acción e intriga (é triste dicir que os estadounidenses teñen o truco mellor collido).

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-08-2020 14:35
# Ligazón permanente a este artigo
Por un puñado de dólares
Outra casualidade televisiva deste estraño verán fixo que vira a película “Por un puñado de dólares”, do ano 1964. Unha coprodución europea (o único americano debía ser Clint Eastwood, que non é pouco) que deu comezo á famosa “triloxía do dólar” (completada con “A morte tiña un prezo” e “O bo, o feo e o malo”). Con Sergio Leone na dirección, Ennio Morricone na música e Clint Eastwood facendo de o “home sen nome”.

A trama é relativamente simple, como sucede acotío co western. A un pequeno pobo que fai fronteira entre México e Estados Unidos, chega un pistoleiro moi misterioso, pouco falador, moi rápido e moi intelixente, e que ademais quere gañar cartos. Nada máis chegar, entérase de o pobo está case morto, debido á brutal rivalidade entre uns irmáns mexicanos, os Rojo, liderados por Ramón (Gian María Volonté), e os Baxter, liderador por John, o sheriff.

Sabido iso, o pistoleiro mata a catro dos homes dos Baxter, e inmediatamente ofrece os seus servizos aos Rojo. Está toda a película facendo iso, nese pequeno pobo onde todo se sabe, anda sempre pergeñando cousas para enfrontar a uns cos outros, e ir gañando cartos como mercenario ou similar. Está de máis dicir que ao rematar a película, el e os seus poucos amigos son os case únicos supervivintes das diferentes masacres que se suceden.

Como curiosidade, podemos dicir que se rodou en Hoyo del Manzanares (eu sempre dixen que Madrid era un deserto) e algunhas escenas no Parque Natural do Cabo de Gata. Parece que a historia é un plaxio de “Yojimbo”, película de Akira Kurosawa do ano 1961. Os xaponeses denunciaron aos europeos, gañaron o pleito, houbo que darlles o 15% das ganancias, e sempre recoñeceron que gañaran máis con eses cartos que coas ganancias do film orixinal.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-08-2020 15:22
# Ligazón permanente a este artigo
Maverick
Unha vez máis este verán, analizando máis en detalle a programación dos 40 canais de televisión que recibo (a inmensa maioría é morralla), conseguín localizar películas que había tempo que quería ver, pero que nunca coincidían ben.

Unha delas é “Maverick”, dirixida en 1994 por Richard Donner, protagonizada por Mel Gibson e Jodie Foster, pero con papeis tamén reseñables para Alfred Molina, James Garner e James Coburn. Polo visto, está baseada nunha serie dos anos 50 e 60 da que nunca oíra falar, deberon botala nos EE.UU., porque o tema seguro que alí gusta moito.

E cal é o tema? Pois basicamente os xogadores tramposos de poker no oeste. Aínda que este xa é un Oeste máis moderno, a finais do século XIX. A vila que máis aparece está á beira dun lago, a partida de poker en torno á cal xira a trama ten lugar nun barco de vapor que vai polo río, os únicos indios que aparecen son de pega e van disfrazados....

O protagonista principal é Brett Maverick (Mel Gibson), que está intentando conseguir os poucos cartos que lle faltan para poder inscribirse na gran partida anunciada no barco. A muller protagonizada por Jodie Foster está máis ou menos no mesmo punto, e os dous están participando en timbas para intentar conseguir eses cartos, facendo todas as trampas que lles veñen á cabeza, que son moitas. E ademais gústanse, ámanse e ódianse.

Despois dunhas cantas peripecias, entre as cales está o pacto cuns indios falsos que son colegas, e unha nova estafa a un arquiduque ruso que está no medio do deserto, forrado de pasta, e que quere ver cousas típicas do Oeste americano, ao prezo que sexa, conseguen os cartos para participar na gran partida.

A gran partida está organizada no salón principal dun barco que vai polo río por un tal Comodoro (James Coburn) e o premio é medio millón de dólares. Os tramposos que son descubertos son tirados ao río polo encargado da seguridade (James Garner). Vanse sucedendo as fases e finalmente, de forma bastante sorpresiva, gaña Brett Maverick. Pero o sheriff protagonizado por James Garner escapa cos cartos, porque el tamén é outro tramposo máis.

Os últimos minutos son bastante delirantes, porque se descubren cousas que eu non vou desvelar, e que confirma que todos son moito máis tramposos do que se creía. En definitiva, unha comedia agradable de ver pero que visibiliza cal é a verdadeira natureza dese país que se di tan civilizado.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-08-2020 15:20
# Ligazón permanente a este artigo
O ouro do mar
A miña última lectura foi a novela “O ouro do mar”, do autor alemán Daniel Wolf. Podemos resumilo dicindo que é a típica intriga medieval de cincocentas páxinas, que se le con axilidade e que resulta bastante interesante. Transcorre a mediados do século XIII.

A min, como a bastante outra xente, por algunha estraña razón, nos atrae moito a Idade Media. Pero hai que recoñecer que non querería vivir nesa época baixo ningún concepto. O salvaxismo, a inxustiza, o peso da relixión... non me imaxino vivir nunha sociedade así. Pero as súas historias, estética e épica me resultan moi atractivas.

Esta novela trata sobre unha expedición de mercaderes da Lorena (agora no norte de Francia) ao norte de Europa (a zona do Báltico) para intentar facer bos negocios e enriquecerse, que é ao que se dedicaron os mercaderes toda a súa vida.

Case todo xira en torno á familia Fleury, formada por tres irmáns, que viven nunha vila (ficticia) da Lorena (rexión entre Francia e Alemaña) chamada Varennes Saint Jacques. O irmán maior é Michel, e os dous xemelgos son Balian e Blanche. Nunha expedición de comercio a Londres, Michel e Clément (o marido de Blanche) son asasinados por un cabaleiro da Orde Teutónica e outro home máis. Balian os ve cando escapan, e alberga o desexo de venganza a partir dese momento, a pesar de ser consciente de que será moi difícil volver atopalos.

Balian encárgase a partir daquel momento dos negocios familiares, pero como é bastante inmaduro e pouco serio, a cousa vai de mal en pero, e adquire moitas débedas polas súas imprudencias.

Na súa vila, algúns dos mercaderes deciden montar unha expedición ao norte de Europa, porque din que os mercados que hai por alí son fantásticos, e que iso os fará inmensamente ricos. O seu obxectivo principal é Lubeck (cidade cercana a Hamburgo), e sobre todo Gotland (gran illa sueca no medio do Báltico). En principio, non son nada favorables a que Balian vaia na expedición, porque o consideran un patán, pero consegue convencelos porque se lle dan moi ben os idiomas, e el xa coñecía os da zona a onde ían, porque estivera algunha vez por alí. E coa oposición dos outros, tamén consegue que acepten a Blanche no grupo.

A expedición sae e, como sucedía na Idade Media, a inseguridade nos camiños, o caos das sociedades, dos reis e dos gobernos, fai que teñan incidentes do máis variado en moitos lugares (spoiler: a pesar do seu obxectivo, en Lubeck apenas pararon e non chegaron a pisar Gotland nunca). Teñen un lío bastante gordo en Colonia, polo que boa parte da expedición está alí arrestada durante uns días. Antes diso, en Tréveris, recolleron a un cabaleiro e a súa irmá, que ía casarse a moitos quilómetros dalí. Despois son asaltados nun bosque e están a piques de morrer todos. Dese xeito, conseguen chegar a Lubeck.

Dende alí, pretenden coller un barco que os leve á illa de Gotland. Pero ninguén os quere levar porque unha familia bastante mafiosa de mercaderes da vila, que se enterou que viña xente do sur, lles veta esa posibilidade, e teñen moito poder na zona. Pero unha mariña danesa bastante destemida acepta levalos. Pero se lanza contra eles, contratado pola familia de Lubeck, precisamente o seu irmán, un chalado que é nostálxico das glorias vikingas, xa desaparecidas nas brumas do pasado. Aínda segue navegando nos drakkars vikingos, cando os novos barcos son moito máis seguros. Conseguen esquivalo, pero naufragan nunha praia debido a unha terrible treboada.

Alí son apresados e requisadas todas as súas riquezas polos cabaleiros da Orde Teutónica que teñen a súa encomenda xusto alí ao carón. Entón entran en xogo os samoxitios, unha das tribus lituanas que anda por alí cerca, que está intentando botar á Orde Teutónica daqueles territorios. Balian e outro dos mercaderes son prisioneiros dos lituanos durante varios meses. Pero lles axudan a vencer aos teutónicos. Mentres iso sucede, os poucos que quedaban vivos da expedición comercial conseguen escapar, no fragor das batallas, e acaban chegando a Riga (capital da actual Letonia).

Balian e o seu compañeiro son liberados. Na última batalla, Balian recoñeceu e conseguiu matar ao cabaleiro teutónico que matara ao seu irmán e cuñado. E alí entérase que o outro asasino, irmán do cabaleiro, é un dos irmáns da familia mafiosa de Lubeck, e está agora en Nóvgorod (agora cidade do noroeste de Rusia, moi cerca de San Petesburgo). Diríxense cara alí, sen saber moi ben como chegar, pero un incidente failles atoparse cuns xinetes da cidade que os levan cara alí.

Xa no inverno, están en Nóvgorod, intentando afacerse á cidade, e todo iso coincide coa chegada dos recadadores de impostos tártaros (mongoles), que están comezando a dominar a zona, para disgusto dos autóctonos. Tamén van coñecendo o lugar, e vendo o mercado onde negocian os alemáns, que é unha auténtica fortaleza, xa que eles non caen tampouco nada ben. E cando todo está ben dominado, trazan un plan para tenderlle unha emboscada ao outro irmán e matalo, e conségueno.

Con moitas riquezas, deciden volver a casa en barco, polo Báltico e o Mar do Norte, ata os Países Baixos, para evitar cruzar Alemaña, que xa lles deu bastantes problemas na ida. Fan unha parada técnica en Riga, e alí, de forma totalmente casual, atopan ao resto das persoas que aínda estaban vivas da expedición, que eran Blanche, un criado e outro dos mercaderes de Varennes. E os cinco volven á súa vila con ben.

Por que se titula así? Pois tamén me gustaría sabelo a min. A trama transcorre en terra principalmente, os tramos no mar son poucos e breves. Nalgún momento no medio da novela, moi de pasada, fálase duns mercaderes estranxeiros que venden ámbar, considerado o ouro do mar, que é moi valioso. Pero non se volve falar do tema na novela, así que non teño moi clara a elección do título.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-08-2020 11:19
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
© by Abertal