Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Viñetas dende o Atlántico 2019

Un ano máis, fun ver as exposicións da edición deste ano do festival de cómic "Viñetas dende o Atlántico", que se celebra na Coruña dende agosto de 1998.

Este ano non me chamaron demasiado a atención (xa hai varios anos que sucede iso, aínda non conseguín superar o shock de "Moderna de pueblo").

Pero atopei un que me pareceu bastante divertido. Chámase Albert Monteys, parece que debuxa en "El Jueves", e das súas varias obras, ten moi boa pinta "El show de Albert Monteys", no que el mesmo protagoniza divertidas historias coa súa familia.

Tamén chamou algo a atención "O puño e a letra", a obra con 40 poemas de Yolanda Castaño ilustrados por outros tantos autores e autoras galegas de cómic. Non me sorprendeu tanto porque xa oíra falar bastante del este ano (é un libro moi premiado), pero hai que recoñecer que algunhas das obras son moi imaxinativas.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-08-2019 16:39
# Ligazón permanente a este artigo
Os homes do norte
Este título, se cadra algo desafortunado por sexista (aínda que hai que recoñecer que nas invasión viquinga apenas había mulleres) é o do libro que acabo de ler, interesantísimo, sobre a historia desa civilización que sacudiu principalmente Europa entre os séculos IX e XII, principalmente. Foi escrito polo historiador británico John Haywood.

Aprendín moitísimas cousas lendo este interesante e denso libro, xa que en cada páxina había un aluvión de datos, feitos, nomes, etc, non podía un descoidarse o máis mínimo.

Por empezar por algures, vin que os viquingos eran basicamente os escandinavos (seguro que iso non vos sorprende), pero que os escandinavos son os noruegos, suecos e daneses, pero non os finlandeses, que apenas son mencionados no libro.

Aparte das típicas loitas entre eles e cos pobos e "civilizacións" máis cercanas, cada un deses pobos, que agora son considerados Estados modernos, e que comezaron a establecerse máis ou menos en torno aos séculos XII e XIII, repartíronse as zonas de saqueo ao longo da historia.

Por exemplo, os daneses saquearon o que agora coñecemos como Inglaterra (non o Reino Unido, só Inglaterra, pero nas illas británicas hai moito máis). Tamén saquearon o Sacro Imperio Xermánico, que abranguía boa parte do que agora é Europa, basicamente Francia, Alemania, Italia, e todo o que caía entre eses territorios. Tamén chegaron á península ibérica, pero coa invasión árabe, toda esta zona estaba en estado de guerra continua, e todos os contendientes estaban moi ben preparados, así que aquí apenas fixeron nada. Pasaron tamén ao mediterráneo e saquearon algo en Italia e norte de África, pero marcharon axiña.

Pola contra, os noruegos comezaron por Escocia, as illas ao norte de Escocia (Hébricas, Orcadas e Shetland), Irlanda, esporadicamente Gales, a Illa de Man, e despois deron o salto ás illas Feroe, Islandia, dende alí a Groenlandia e incluso chegaron a poñer o pé no norte de América (crese que pola zona de Terranova), pero non tiñan nin idea de que o estaban facendo.

E por outra banda, os suecos tiraron cara ao leste. Fundaron o que agora coñecemos como Rusia, andiveron por Bulgaria, polos Urales, polo Mar Caspio, incluso chegaron ata Bagdag, que era a cidade máis poderosa do mundo naquela época, e tamén intentaron tomar Constantinopla, que era a segunda cidade máis poderosa do mundo

Na parte final desta famosa época viquinga, cando xa estaban cristianizados (a súa epoca máis salvaxe era cando aínda eran paganos), incluso participaron en cruzadas que intentaron chegar aos Santos Lugares por rutas variadas. Incluso se decretaron algunhas "cruzadas locais" para loitar contra os pagáns que ocupaban as zonas onde agora está Polonia e os países bálticos.

En definitiva, un libro interesantísimo e co cal o pasei moi ben. Nesta mesma época moita xente está sentido algo parecido vendo unha serie de televisión sobre os viquingos, pero eu sigo preferindo a lectura á vía audiovisual.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-08-2019 16:20
# Ligazón permanente a este artigo
Contos de Tokio
O outro día botaban na 2 unha película da que dicían que estaba considerada unha das mellores da historia do cine. Como sabedes, todas esas listas (que sacan unha nova cada mes) son do máis arbitrario e non hai que facerlles demasiado caso, pero vaia, xeralmente son películas interesantes de ver. Nesta ocasión tratábase de "Contos de Tokio", película xaponesa dirixida por Yasujiro Ozu en 1953.

Basicamente, a historia trata dunha parella de anciáns que vive no Xapón rural, e que teñen aos seus fillos traballando en Osaka (un deles) e os demais en Tokio, só a filla pequena vive con eles na vila. E deciden ir visitalos para ver que tal lles vai, porque a distancia fai que se vexan moi pouco. Pero están tan ocupados (os fillos) que apenas poden atendelos.

A min o tema paréceme interesante, e soábame bastante. Alguén me dixo que se fixera un "remake", tamén xaponés, en 2011. E seguramente foi que naquel momento escoitei falar desa estrea, e por eso a trama me resultaba coñecida. Ademais, na presentación da película na televisión, comentaron que tamén era unha versión xaponesa dunha película americana anterior, de 1937, pero non lembro nin título nin director. Xa é raro que non sexan os americanos os que copian aos demais, que é o máis habitual.

Pois si, os dous vellos tiñan cinco fillos. A máis pequena aínda vive con eles. O seguinte traballa en Osaka, parece que en algo relacionado cos ferrocarrís. E os tres maiores viven en Tokio, un deles é médico, outra é peluqueira, e o terceiro morreu na II Guerra Mundial, pero si vive a súa viúda, que é unha muller tremendamente cariñosa e amable.

Van visitalos á moi grande e ruidosa cidade, abafante de calor (están todo o tempo abanicándose, non só eles, todos os demais tamén), pero tanto o médico como a peluqueira apenas lles atenden, porque teñen moito traballo e outras prioridades.

A nora, viuda do fillo morto, si que lles presta atención e pasan algún día moi bonito coñecendo a capital, grazas a que pide o día no traballo (e llo descontan do salario, por suposto).

Como suposto agasallo, os dous fillos maiores regálanlles unha estancia no caro balneario dunha cidade costeira cercana. Pero só están alí unha noite, porque coinciden cos xóvenes invitados dunha voda, que están de xolda toda a noite, e non poden durmir. E deciden voltar para a súa vila, porque ven que ninguén pode atendelos.

Antes diso, pasan por Tokio de novo, pero xa nin sequera teñen sitio para durmir xuntos, porque os seus fillos non pensaron neles e teñen outras prioridades, de novo. A nai vai durmir coa súa amabilísima nora, e o pai vai buscar a uns coñecidos da súa vila que agora viven en Tokio (coa intención de durmir en casa dalgún deles), pero cóllense unha borracheira lembrando os vellos tempos.

Finalmente acaban volvendo para a súa terra, pero ao pouco tempo reciben un telegrama do pai avisando de que a nai está moi mal. Neste momento si, todos atopan un oco para achegarse á súa vila natal para despedirse da súa nai, que morre uns días máis tarde. Vaia, todos non, porque incluso o fillo que vive en Osaka chega tarde, e xa a súa nai morreu.

Pero iso si, ao pouco de morrer, marchan todos ás presas de novo para os seus traballos. Incluso algúns deles, como a filla peluqueira, reclaman para eles algunhas cousas, como prendas da súa nai que lle gustaban, amosando un egoísmo sen límites. E casualmente, a única persoa que queda uns días máis é a nora viuda, amosando que a pesar de ser a única que non era da familia, era a única persoa que lles tiña afecto e cariño.

A película é lenta e moi sensible, pero a historia está moi ben, non se pode negar.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-08-2019 15:56
# Ligazón permanente a este artigo
A arte de trobar
Acabo de ler a novela "A arte de trobar" de Santiago Lopo. Editouse e levou premios importantes hai varios anos, oíra falar moi ben dela, pero non foi a súa quenda ata agora. Pero valeu a pena a espera, paseino moi ben léndoa.

A historia é ben simple. Un grupo de artistas que canta, toca e representa obras de teatro no século XIII, atópase de xira pola zona do Camiño de Santiago entre Xaca e Burgos. Alí coñecen a algún personaxe interesante, e todo isto cando Fernando III casa en segundas nupcias en Burgos cunha princesa do norte de Francia.

Simultáneamente, na Occitania está tendo lugar unha grande represión contra os cátaros, que son máis humildes e ascetas que a Igrexa romana, e a Inqusición está intentando acabar con eles. E para iso, nobres e militares do norte de Francia tomaron o poder na zona, e iso causa moitas tensións.

Estas dúas historias mestúranse porque un dos personaxes que se incorpora ao grupo de artistas é a filla duns nobres occitanos, que está fuxindo daquela represión, pero que está sendo perseguida porque supostamente levouse un exemplar dun importante códex con coñecementos alquímicos ou esotéricos, que alguén quere recuperar.

A novela é moi áxil, con capítulos ben curtos, que mesturan as dúas historias, así que se le con moito agrado e en poucas horas.

Unha das características máis salientables é que algúns dos protagonistas máis importantes son mulleres, incluso algúns bastante imprevisibles. Por exemplo, o mercenario que é contratado para localizar á nobre fuxida que se atopa polo Camiño de Santiago é unha muller, pero non se descubre ata o final (para min foi unha sorpresa). Supoño que todas as veces que se mencionou na novela antes diso se utiliza un xénero neutro, pero obviamente, todos tiñamos na cabeza que era un home.

Outra curiosidade é que a maioría dos artistas son galegos, e exprésanse en galego (algo relativamente normal na época), e a nobre fuxida fala en occitano, que tamén era unha lingua de prestixio na época, pero que comezou a ser perseguida, igual que a relixión cátara que abundaba na Occitania. Hai algunha referencia curiosa a que o futuro do galego e do occitano están amenazados porque chegan novos imperios que van intentar acabar con eles, e os xograres galegos non dan crédito.

Saúdos.


Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-08-2019 20:50
# Ligazón permanente a este artigo
O ladrón de brétema
Nos últimos días lin unha das novelas máis estrañas e fantasiosas que lembro. Pero non é doada, hai que perseverar, para conseguir chegar ao final e entender finalmente a trama, porque polo medio custa bastante imaxinalo. A autora é Lavinia Petti e titúlase "O ladrón de brétema".

A miña primeira dúbida vén sendo "por que a merquei?". Collina no Círculo de Lectores e, aparte de que as sinopses non son demasiado longas, loxicamente (e para esta novela si faría moita falla, aínda que perdería boa parte da súa maxia), non lembraba eu que tratara de algo similar ao que finalmente foi. Soábame que era sobre un escritor que vivía en Nápoles e pouco máis. Pero podo asegurarvos que a trama desta novela é moitísimo máis ca iso.

E de que trata? Pois intentarei contar algo para que pilledes a idea, pero non vai ser nada doado, porque xa digo, a fantasía é desbordante, o abano de personaxes e escenarios é flipante e tamén moi desconcertante, e como din no vídeo que veredes ao final, resulta moi difícil seguir o fío, sobre todo na parte central da novela. Nalgún comentario que lin en Internet sobre a novela, fan algunha referencia á fantasía de Michael Ende (e de feito, faise algunha pequena mención na parte final da novela). Pero eu lin "A Historia Interminable" e creo lembrar que era máis amena que esta e enganchaba máis e mellor. Pero vaia, non está mal poñerse metas ambiciosas.

Un escritor de moito éxito que vive en Nápoles, pero que é moi pouco sociable e ten unha vida tremendamente desordenada, descubre un día por casualidade entre as súas cousas unha foto dunha muller á que non lembra e á que parece que coñeceu hai quince anos, e que lle parece moi atractiva. Pero non lembra absolutamente nada dese feito, e parécelle estraño.

Un día, no seu edificio, sucede algo (non vos direi que) e el entra aparentemente nun mundo "de fantasía" onde aparece esa muller e moitos outros personaxes e escenarios aparentemente disparatados. Ese mundo no que entra ten que ver co mundo dos recordos esquecidos, os soños e as ilusións das persoas (xa vedes que o tema pode dar moito de sí dende o punto de vista fantástico).

Non me faltou moito para interromper a lectura polo medio, porque a zona central da novela é moi imprevisible e non tes nin idea de cara onde vai. Pero como pasa sempre, resistín, e a partir de aí, comezan a encaixar as pezas, e a historia é moi chula. Pero hai que ter resistencia.

Déixovos cun vídeo pouco habitual neste blog. É dun youtuber (especímenes que non me agradan o máis mínimo) que explica as súas impresións do libro cando vai polo medio da lectura. Pero debo recoñecer que coincido bastante coa súa opinión.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-08-2019 20:29
# Ligazón permanente a este artigo
Darwinismo e Galicia
O libro "A orixe das especies" de Charles Darwin foi publicado en 1859. Varias décadas despois de rematar a famosa expedición do Beagle, Darwin animouse a pubicar as controvertidas conclusións que levaba tempo rumiando. Non se atrevera antes porque sabían que ían resultar moi escandalosas, sobre todo nas xerarquías eclesiásticas e os seus feligreses, que tiñan daquela aínda moito poder.

No ano 2009 cumpríanse 150 anos daquela efeméride, e cónstame que houbo moitos actos e eventos relacionados con el, sen ir máis lonxe, aquí mesmo en Galicia. Por exemplo, promovidos pola USC, que editou unha tradución ao galego da obra (que eu lin, aínda que me custou, porque é moi densa e intensa). E tamén editou este libro que lin estes días, un compendio de traballos e artigos sobre o impacto do darwinismo en Galicia, tanto na época, como agora. Como editor da obra actuou o eminente Francisco Díaz-Fierros.

O libro está ben, pero resulta algo repetitivo. Supoño que o editor xa faría o máximo posible para que os temas e autores non se solaparan demasiado, pero nalgúns casos resultou moi difícil.

O que está claro é que non pasou tanto tempo e o peso da opinión do dogma da igrexa católica (xa non me falo das outras) en todas as actividades, incluso as intelectuais e científicas, debía ser insoportable. Menos mal que agora respiramos algo máis libremente.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-08-2019 21:02
# Ligazón permanente a este artigo
Her
O outro día vin na televisión unha curiosa película da que oíra falar ben e que me chamaba a atención por varias cousas. É a película "Her", dirixida por Spike Jonze no ano 2013, e coa que obtivo o Óscar ao mellor guión.

A historía é interesante, e está ambientada nun futuro, aparentemente non moi lonxano. Un tipo algo amargado e triste, entre outras cousas por un divorcio que non leva demasiado ben, descarga un novo sistema operativo para o seu móbil, baseado en intelixencia artificial. Este SO, chámase Samantha, e resulta moi atractivo (na versión orixinal, a voz era a de Scarlett Johansson).

Este tipo apoucado acaba namorándose dela, pero non é un caso illado, pásalle a máis xente que está descargando eses sistemas operativos. No seu entorno, no que tamén hai algunhas relacións de parella que están pasando por momentos complicados, vaise aceptando esa estraña situación.

Non vou desvelar moito máis, pero tampouco ten moita máis chicha que isa, que xa bastante é. Pero recoñezo que parte do atractivo da película provén do feito de que o director é Spike Jonze, que é un tipo do máis interesante.

Xa simplemente lembrar que a primeira película que dirixiu (porque só dirixiu catro ata agora) foi a fantástica "Como ser John Malkovich" (que comeza marabillosa pero vaise desinflando cara ao final. Esa era moita referencia. Tamén me falaron moi ben dalgúns videoclips musicais que dirixiu, como algún de Fatboy Slim, que imos deixar en curiosos.

Está claro que non é un tipo nada convencional, e iso sempre debe terse en conta, sobre todo no mundo estadounidense, que son moita xente, pero no medio hai algunhas perlas ocultas.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-08-2019 20:38
# Ligazón permanente a este artigo
O Gran Deseño
Pois resulta que, recapitulando, tiña xa dous libros da autoría de Stephen Hawking e xa vén o terceiro en camiño. Pero aínda non lera ningún deles, así que había que arranxalo.

O máis antigo de todos eles era "O Gran Deseño", escrito xunto con Leonard Mlodinow. Resultou algo ameno de ler, a maquetación e papel satinado seguramente tamén axudaba.

Pero como sempre nestes temas, a cousa complícase en canto profundizas un mínimo, así que seguro que moitas cousas quedaron no tinteiro, porque o libro é breve e bastante superficial, e porque resulta moi complicado chegar ao nivel de abstracción preciso para entender algunhas cousas.

O que me pareceu quedar claro é que os autores teñen clarísimo que non fixo falta Deus para crear o universo. O expoñen con bastante concisión na parte final do libro. Repasei esas frases unha e outra vez, e non entendín o argumento. Iso non quere dicir que estea en contra del, porque tampouco vexo nada claros os argumentos contrarios. Simplemente me chama a atención como son capaces de expoñer con tanta concisión un argumento tan controvertido que explica a súa postura, e eu, por máis que o miro, non capto a súa esencia. Será cousa miña.

Outra cousa clara é que levan tempo buscando unha "teoría do todo" á que parecen chamarlle Teoría M (pero non din por que lle chaman así) que englobe todas as teorías físicas que expliquen o funcionamento da natureza e o universo, pero seguen sen dar con ela.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-08-2019 20:12
# Ligazón permanente a este artigo
Viaxes O Lóstregho en Bélxica (máis ben, en Flandes)

Hai uns días, unha das alineacións titulares de Viaxes O Lóstregho desprazouse a Bélxica, para ver as cousas máis interesantes daquel país, que casualmente parecen estar en Flandes, unha das súas rexións.

Se cadra habería que comezar falando diso, da división do país, que é grande e importante. A división é grande porque as diferenzas entre varias das rexións, sobre todo polo tema idiomático, é moi conflitiva, e non é doado comprender por que razón seguen xuntos.

Máis ou menos a metade norte, máis rica e dinámica, é Flandes (o Flandes do que falaban os casteláns do século XVI). Fálase flamenco, que é moi parecido ao neerlandés dos Países Baixos, e moitas cousas lembran a esa zona que visitamos hai varios anos. Pero hai unha diferenza palpable: o Flandes belga é católico mentres que o holandés é protestante. Nesta zona destacan cidades como Amberes, Gante, Lovaina, Malinas e Bruxas.

A metade sur do país, algo máis pobre, pero rica comparada con moitas outras de Europa, é Valonia. Fálase francés (nalgunhas zonas alemán, por facer fronteira). Dende o punto de vista turístico, non semella ter demasiado atractivo, pero ten cidades importantes e puxantes como Liexa e Charleroi.

E a pequena rexión que está no medio, e teoricamente as une (se non fora por ela, eu penso que hai tempo que se terían separado) é a Rexión de Bruselas, a cidade máis grande (aínda que xa é a unión de 19 concellos veciños), capital europea, sede da OTAN, que tamén é capital de Flandes, pero onde casualmente se fala moito máis en francés que en flamenco, porque só alí os dous idiomas son oficiais. Vaia cristo.

Pois ben, fixemos unha visita do máis convencional nos percorridos e paradigmas turísticos, así que nos limitamos a ver as cidades máis destacadas de Flandes e fixemos base en Bruselas.

A viaxe abrangueu sete días, pero temos que descontar dous, porque o primeiro día o pasamos viaxando (chegamos alá a media tarde), e o último día marchamos moi cedo (chegamos aquí ao mediodía). Polo tanto, a excursión quedou así:

- Día 1: Bruxas. Chulísima. Con bastantes turistas, pero en canto te saías dúas rúas do circuito normal, estabas totalmente só. Moi doado sentirse desprazado á Idade Media, todo moi armónico para conseguilo.

- Día 2: Gante. Moi ben, pero non tan ben como Bruxas. É unha cidade máis grande, ten zonas que están moi ben, pero outras que cortan máis o punto. Ademais coincidiu nas festas, e había carpas e escenarios por todas partes, pero tampouco molestou demasiado.

- Día 3: Amberes e Malinas. Cidades ou máis pequenas (Malinas) ou máis grandes pero con menos atractivo turístico (Amberes). Amberes é o segundo porto de Europa e o principal centro de comercio de diamantes do mundo, pero ten algúns currunchos interesantes como a praza maior e a da catedral, e o seu entorno, ou a peonil rúa Meir, con algunhas cousas ben curiosas. Malinas ten unha zona central con algúns edificios ben xeitosos, como a catedral, o concello, algúns palacios, ou a fábrica de cervexa Het Anker, do século XIV.

- Día 4: Había folga de trens, polo que decidimos quedar en Bruselas, e ademais asistimos a unha interesantísima ruta guiada por un colega noso, que é fantástico. Pero cando estaba rematando, púxose a chover a cántaros e case non parou en todo o día, foi un día bastante perdido. Visitamos sobre todo a zona central de Bruselas e o Museo Magritte.

- Día 5: Lovaina e Bruselas. Pola mañá fomos á cercana e pequena Lovaina. Aínda baixo algo de orballo, Lovaina depende moito da súa Universidade, a primeira católica de Europa. Ten un concello moi abraiante e algunhas cousiñas máis, como a fábrica de cervexa máis grande do mundo, AB Inbev. Despois volvimos a Bruselas, para rematar o que non puidéramos facer antes. Visitamos a zona de Laeken, onde está o Atomium, e despois volvimos á zona máis central para visitar a cidade alta, cos palacios e xardíns reais ou o barrio europeo.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-08-2019 19:59
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal