Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Viaxes O Lóstregho na Emilia Romagna

Pois si, este verán decidimos viaxar a unha das rexións de Italia que non está entre os destinos turísticos preferentes dese marabilloso país.

Había varias razóns, como que había voo directo dende Galicia, que tiñamos boas referencias, e que ao documentarnos, efectivamente confirmamos que a zona tiña moito máis potencial do que parecía. Se cadra non tanto como outros lugares, como Venecia, que é a principal perla que nos falta nesa zona, pero tiña suficiente de por sí.

Fixemos base en Bolonia, que é a capital (ou polo menos a cidade máis importante e poboada) da rexión, pero tamén visitamos Ravenna, Ferrara, Parma e Módena, que cada unha delas tiña o seu. E xa non nos deu tempo a visitar outras vilas máis pequenas ou lonxanas que tamén parecían ter interese, como Piacenza ou Reggio Emilia. Non se puido facer máis.

Pasamos na zona cinco días e medio. Voamos unha tarde dende Vigo a Bolonia (chegamos alí case de madrugada) e fixemos a volta outra tarde, dende Bolonia a Coruña, facendo escala en Barcelona. Toda a viaxe viuse ameazada por folgas en Ryanair (que conseguimos esquivar), folgas en El Prat (que foron desconvocadas antes de que nós chegáramos), retrasos en todos os voos en Barcelona (grazas a iso non perdimos o enlace dos dous voos, menos mal) e folga de taxis en boa parte de España (chegamos tan tarde ao aeroporto da Coruña que non quedou máis remedio que baixar á cidade en taxi, unhas horas máis tarde poñíanse en folga). Ou sexa, que saíu todo de marabilla pero ameazas non faltaron.

O programa da excursión foi o seguinte:
- O primeiro día pateamos toda a cidade de Bolonia, pero sen entrar en case ningún monumento, igrexa ou torre (estaba previsto facer todo iso un pouco máis tarde)
- O segundo día fomos a Ravenna, cunhas marabillosas igrexas cheas de pinturas e mosaicos bizantinos, xa que foi a capital do Imperio Romano Occidental despois de que Roma deixara ese posto, por ser demasiado insegura. Foino durante pouco tempo, pero quedaron mostras moi valiosas desa gloriosa época.
- O terceiro día fomos a Ferrara, interesante cidade que foi o centro de mando da familia Este, unha especie de Médicis da zona. A zona central, co Castello Estense, a Piazza Municipale e o Duomo, é bastante impresionante. Conserva case toda a muralla medieval, pero en non moi bo estado, pero aproveitaron para facer xardíns e paseo interior e exterior, está moi ben.
- O cuarto día fomos a Parma e a Módena. A min Parma gustoume moito. O Duomo é unha marabilla e o Teatro Farnese (un teatro do século XVII totalmente de madeira que só se utilizou dúas veces) é algo doutro planeta. Módena ten unha catedral bastante interesante (aínda que tiñan obras no interior). O resto da cidade non me chamou tanto a atención, aínda que a praza do Palazzo Ducale tamén estaba moi ben.
- O quinto día revisitamos Bolonia, pero agora si, entrando no interior de todos os monumentos que tiñan algo interesante que visitar e/ou fotografiar. Subimos á Torre Asinelli (case 100 metros de altura e case 500 escalóns), que é a imaxe da cidade. Entramos no Complexo de Santo Stefano (catro igrexas unidas, antes eran sete) moi impresionantes). Entramos en San Domenico para ver a arca onde está o corpo de Santo Domingo de Guzmán, fundador dos Dominicos. Entramos no Archiginnasio, onde unha vez estivo reunida toda a Universidade de Bolonia (parece que a máis antiga de Europa, do ano 1088), onde aínda se conserva unha magnífica biblioteca e un Teatro Anatómico, onde se ensinaba aos novos médicos a operar. Entramos na magnífica Basílica de San Petronio, a quinta igrexa máis grande da cristiandade (e que puido ser aínda máis grande). Pola tarde, fixemos a peregrinación ao Santuario de San Luca, nun outeiro cercano. O percorrido dende unha das portas da antiga muralla é duns 3,5 quilómetros, e está totalmente cuberto con soportais. De feito, á volta colleunos unha tormenta, e grazas a iso, puidemos ir en tenis e camiseta tranquilamente sen preocuparnos.
- O sexto e último día, do que xa só puidemos disfrutar a mañá, visitamos un pequeno museo de pintura e démoslle un último paseo de despedida á cidade que tan ben nos acolleu durante case unha semana.

Como resumo, dicir que Bolonia é unha agradable e, seguramente, bastante descoñecida cidade. Ten case 400.000 habitantes, pero ten o segundo casco histórico máis grande de Europa, só por detrás de Venecia. Practicamente todo ese centro é peatonal ou semi-peatonal, case non hai asfalto. A maioría das rúas son de adoquíns. Así que o tráfico non é nada caótico e os peóns podemos andar con moita tranquilidade por alí. E o máis impresionante é o dos soportais. Hai 37 quilómetros de soportais dentro da cidade, case podes facer calquera traxecto sen mollarte (se chove) ou á sombra (se fai sol, que en verán é moi habitual, e fai bastante calor).

Se non estivestes nunca por alí, é un lugar moi recomendable, e non é demasiado caro, que outros lugares da turística Italia si que o son.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-08-2018 12:36
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal