Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

The Italian Job (2003)
Hai pouco Viaxes O Lóstregho estivo en Dublín e, cando visitabamos a prisión de Kilmainham, o guía comentou que unha das películas alí rodadas foi "The Italian Job".

A min soábame o título de algo, pero nunca a vira, e non tiña nin a máis mínima idea da trama. Agora sei que houbo dúas versións da película, unha de 1969 (debe ser esa a que se rodou en Dublín), e esta de 2003, que botaron o outro día na televisión.

Pois de novo temos a americanos obsesionados cos cartos, e son capaces de armar o cristo que sexa con tal de conseguilos. Pero claro, sempre hai alguén que os quere máis ca ti, e que incluso está disposto a traizoar por esa razón.

Polo visto, a película orixinal do 69 tiña lugar en Italia (de aí o título, supoño) e unha parte importante da mesma era unha persecución con "minis". Pois nada, como no 2003 se sacou unha nova versión dese coche, alguén considerou que xa era razón suficiente para facer unha nova versión desa película. Así de "sembraos" están en Hollywood.

O caso é que unha super-banda de atracadores americanos planean un golpe a unha caixa forte que está "moi ben" custodiada nun edificio de Venecia. Un dos elementos principais é un vello atracador especialista en abrir caixas fortes. Dun xeito bastante estrambótico (e incrible que os gardas deixaran facer todo o que fixeron), conseguen o valiosísimo botín.

Cando están rematando o traballo, marchando para casa e pensando que facer cos cartos, un deles resulta un traidor, e no forcexeo asasina ao vello abre-caixas.

Obviamente, os outros quedan moi doídos, e contactan coa filla do abre-caixas, que tamén está especializada nesa arte, pero na vía "legal". E convéncena para atracar ao traidor, porque localizaron a súa mansión en Hollywood, e todos queren vengarse del, por diferentes razóns.

O equipo está formado pola nova abre-caixas, o cerebro, o especialista informático, o especialista en explosivos e o condutor. Obviamente, nesta parte aparecen tres "minis" nos que se vai trasladar a carga cando se roube, e unhas divertidas e incribles persecución pola cidade de Los Ángeles.

E o mesmo poderíamos dicir desta película que de Misión Imposible 3. Resulta abraiante o nivel tecnolóxico desta xente para conseguir o que se propoñen, e xunto con iso algunhas cousas que lles suceden son do máis prosaico. Alucinante, que tanta xente non veña a tremenda incoherencia dos argumentos.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-08-2016 23:56
# Ligazón permanente a este artigo
Misión imposible 3
Neste final de verán estame dando por ver algo de cine na televisión. Están botando películas "pasables" en cadeas que non teñen publicidade na franxa de 10 a 12 da noite, que é a que máis me gusta para este menester.

O outro día vin "Misión imposible 3". Claro, para lucimento de Tom Cruise, que é un actor moi atacado. A min non me parece gran cousa, pero tampouco me parece tan malo como di moita xente.

Nesta ocasión o axente Ethan Hunt acaba de casar, e a súa muller non sabe a que se dedica, obviamente. Un temible traficante de todo tipo de materiais é rastreado e crese que vai estar nunha recepción no Vaticano. Alí é capturado pero parece que ten moi bos contactos incluso na intelixencia americana (¿¿??) así que a vida dos axentes e da muller do propio Hunt están en moi serio perigo.

O caso destas películas non é a historia que contan, senón o nivel de irrealidade na que se moven. Todo tipo de artiluxios tecnolóxicos que teñen eles e tamén os seus inimigos malísimos, que fan que a vida e a morte se movan nunha estreita liña e o perigo é constante. Alí non fan máis que matar xente, traficar, ameazar a todo o mundo a cambio de cartos, e ninguén ten o poder para paralo. Terrible.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-08-2016 23:39
# Ligazón permanente a este artigo
Xosé Lois Romero &Aliboria
O outro día, na célebre e tradicional Romería de Santa Margarita que pon o colofón ás festas veraniegas na Coruña, puidemos gozar nesta cidade da presentación do disco (supoño que do mesmo nome) interpretado por Xosé Lois Romero e o grupo Aliboria.

O proxecto consiste en coller pezas tradicionais cantadas por unhas voces espectaculares, engadirlles percusións tamén tradicionais, pero golpeando éstas dun xeito que nunca se vira, e no vídeo podedes comprobar que o resultado é espectacular.

Non hai moito tempo, algo semellante (non igual, pero parecido) fixo Xabier Díaz coas Adufeiras de Salitre, que está gostando moito en toda Europa.

Así que estamos asistindo a un rexurdir da percusión tradicional galega vista dende novos e modernos prismas, noraboa para todos.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-08-2016 23:24
# Ligazón permanente a este artigo
As voces baixas
Estes días lin unha "novela" breve de Manuel Rivas. Titúlase "As voces baixas" e publicouse en 2012.

Non sei moi ben que palabra/s utilizar para intentar definir esta moi interesante obra. É algo así como unhas memorias do autor, principalmente da infancia e xuventude, e semella que en parte dedicada á súa irmá María, á que se sentía moi unido.

Teño que recoñecer que as últimas obras que lera del non me chamaran moito a atención, pero esta obra, que non é unha novela, senón divertidos e moi ben artellados recordos dos seus antepasados e dos seus primeiros anos de vida, resultan moi evocadores.

Como naceu e se criou na Coruña, supoño que ás persoas que somos desta cidade e recoñecemos os lugares dos que fala (máis ou menos), nos resultará aínda máis cercana, pero penso que podería gustarlle a máis xente.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-08-2016 12:31
# Ligazón permanente a este artigo
Inferno branco
Hai uns días vin unha interesante película na televisión. Titúlase "Inferno branco" (creo que o título orixinal era "The Grey"), é de 2011, e o protagonista case absoluto é Liam Neeson.

Uns homes que traballan nunha explotación petrolífera en Alaska, collen un avión, que sufre un accidente e estrélase nas nevadas montañas.

Sobreviven só sete homes, e asume o liderazgo do grupo John Ottway, un cazador que se gana a vida protexendo aos traballadores da explotación de animais coma os lobos.

A partires dese momento, unha manada de lobos comeza a perseguilos e teñen que ir escapando desa terrible ameaza, que vai mermando as súas forzas e efectivos pouco a pouco.

Non vou contar o final, que é bastante épico e teoricamente aberto. O que sucede é que vin comentarios en Youtube que din que despois dos créditos hai unha última escena que "pecha" a historia. E claro, como eu vin esta película na televisión, e agora as cadeas teñen tanta presa, xa cortan sempre os créditos, así que non puidemos ver esa escea.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-08-2016 12:25
# Ligazón permanente a este artigo
Serra do Xurés e Parque Nacional de Peneda-Gerês

Viaxes O Lóstregho realizou unha nova expedición sendeirista na segunda quincena de agosto, como xa se está convertendo en costume.

Nesta ocasión fomos á raia entre Galiza e Portugal. Concretamente á comarca da Baixa Limia, onde se atopa a galega Serra do Xurés, e do outro lado da raia está o Parque Nacional de Peneda-Gerês. É a mesma serra separada pola liña de cumes, pero o nivel de proteción é diferentes nos dous países.

Fixemos base en Lobios, vila que ten unha certa vida nesta época do ano. Dedicamos un día a ir e visitar ben a zona para orientarnos ben, e dedicamos outra a voltar tranquilamente. Casualmente, neses dous días o tempo foi malo. Nos catro días que dedicamos a facer sendeirismo, o tempo foi fantástico, incluso demasiado bo, pasamos bastante calor. As expedicións dos catro días foron:

- Día 1: Fixemos unha das rutas máis duras da parte galega. Chámase a Ruta da Mina das Sombras. Pasa pola Ermida do Xurés e sube polo val do río Vilameá ata cerca dos cumes que fan fronteira. Alí atópanse as ruínas dunha antiga mina de wolframio. Estivemos algún tempo parados porque nun lugar onde só se podía pasar polo camiño, había unha vaca "cachena" que nolo impedía e non parecía de moi bo humor. Uns portugueses conseguiron sorteala e despois non deron volta, saíron pola liña de cumes. Intentamos seguilos, pero non conseguimos atopar o seu rastro. Á volta tamén fixemos a pequena ruta do río Vilameá, con moitos muíños e pozas onde se refrescan os lugareños (como vedes na foto).

- Día 2: Fixemos a ruta que vai da aldea de A Cela ata a Portela de Pitoes, un dos moitos puntos fronteirizos da zona. A Cela é unha curiosa aldea na que hai uns bolos de granito inmensos, e algúns deles están "empotrados" nas casas. A ruta pasa pola aldea de Salgueiro, que foi abandonada a mediados do século XX debido ao difícil acceso, e que agora está sendo restaurada pola Xunta. Hai que pedir permiso para pasar pola aldea. Pásase tamén pola fraga da Barxa, a grande altura e moi rica. A ruta é moi dura, en total 30 quilómetros, con continuas subidas e baixadas. Quen esto escribe rematou moi canso, o cansancio durou varios días, e tamén os síntomas leves de deshidratación, a pesar de levar 3 litros de auga.

- Día 3: Pasámonos a Portugal. Deixamos o coche aparcado na fronteira de Portela de Homem, como tanto outra xente. E baixamos andando pola estrada, cruzando a Mata da Albergaria. É un riquísimo bosque que é cruzado por unha estrada en moi regular estado, e nese tramo de 6-7 quilómetros está prohibido parar e aparcar. Esta estrada cruza o río Homem. Comezamos a camiñar cara ao nacemento do río e atopamos unhas impresionantes pozas para bañarse neste río de montaña. Despois imos na dirección contraria e chegamos ao encoro de Vilarinho das Furnas, onde vemos a dous hidroavións recargando auga para apagar un incendio cercano. Voltamos andando a Portela de Homem por un tramo da Calzada Romana (eles chámana Geira).

- Día 4: Entramos un pouco máis en Portugal e chegamos á vila de Campo de Gerês. Facemos unha ruta duns 8-9 quilómetros chamada "Trilho da Águia do Sarilhao", que bordea parte do Encoro antes mencionado, e tamén fai outro tramo da Geira.

Unha das cousas que máis nos chamou a atención é a cantidade de pozas para o baño que se forman nestes ríos de montaña, e o moito que son usadas polo poboación para ese menester. Son a principal opción de ocio no caluroso verán deste ano. Nalgún momento parece a costa mediterránea pola cantidade de xente e agobio que provoca.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-08-2016 23:29
# Ligazón permanente a este artigo
Os agostos de Casares

Un famoso periódico galego que non merece que o mencionemos (aínda que todo o mundo intuirá a cal me refiro) publicou estes días un pequeno e modesto libro no que veñen todos os artigos que Carlos Casares publicou nel no mes de agosto dende 1997 ata 2001, os dous anos incluídos.

Como son 5 anos, e o mes de agosto ten 31 días, pois a conta dá un total de 155 pildoriñas agradables que deixaban unha boa proba da súa humanidade e da facilidade coa que escribía. Morreu en marzo de 2002, así que son os cinco últimos veráns da súa vida. Como saberedes, será homenaxeado co Día das Letras Galegas do ano 2017.

Pois iso, que pasei unha tarde divertida lendo algunhas agradables anécdotas que el era capaz de incluír nos poucos caracteres que tiña dispoñibles para a súa columna diaria, titulada "Á marxe".

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-08-2016 09:37
# Ligazón permanente a este artigo
Colinas que arden, lagoas de lume
Este é o poético e estraño título que lle deu o escritor de viaxes Javier Reverte ao último libro del que acabo de ler.

O libro é de hai varios anos (dame pereza agora mirar cando se editou), narra viaxes que fixo no ano 2008, e agora, xusto despois de rematalo, non teño nin idea de por que puido poñerlle ese título, pero os escritores son así, ás veces, algo ou moi metafóricos.

Trata sobre dúas viaxes. A primeira delas foi a Kenia. Comezaron en Nairobi, subiron cara ao norte bordeando o mítico Monte Kenia (o segundo máis alto do continente africano) e o obxectivo era chegar ao Lago Turkana, que fai fronteira con Etiopía.

A segunda, uns meses despois, e con varios expedicionarios comúns á anterior, foi en Tanzania. Saíron da capital, Dar-es-Salaam, na costa (ou sexa, no leste), e avanzaron cara ao oeste para percorrer o Parque Nacional de Selous (o máis grande de África e un dos máis grandes e antigos do mundo) e finalmente facer unha pequena viaxe polo mítico Lago Tanganika, subidos no barco Liemba, que leva case 100 anos en funcionamento (coas correspondentes reparacións e actualizacións, obviamente). Tamén visitaron en Ujiji o pequeno museo que lembra o famoso encontro entre David Livingstone e Henry Morton Stanley.

O autor e outro dos seus compañeiros prolongaron brevemente esta segunda expedición e metéronse en Zambia para visitar a aldea na que morreu Livingstone e onde quedou soterrado o seu corazón.

Pois nada, como sempre no caso deste autor, un libro bastante ameno, xa que se move por uns entornos moi exóticos e que apetece coñecer e nos que nos ilustra sobre como funcionan outras partes do planeta.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-08-2016 17:32
# Ligazón permanente a este artigo
O elixir da inmortalidade

Por fin puiden ler unha novela "grosa" este verán. Metinlle o dente a "O elixir da inmortalidade", un novelón que descansaba na miña casa dende había varios anos. Foi escrita por Gabi Gleichmann, ao que vedes na foto.

Non é doado explicar de que trata. Basicamente vén sendo que nun hospital noruegués estase consumindo a vida de Ari Spinoza, o que vai ser o último (porque morre sen fillos) da incrible saga familiar dos Spinoza, estirpe xudea que leva vivindo e protagonizando a historia de Europea dende o século XII.

Naquela época, un rapaz que vive no norte de León, debido a unha visión, trasládase a Portugal e acaba sendo o médico persoal do sanguinario Afonso Henriques, a pesar de que este non apreciaba aos xudeus.

Ese é o comezo dunha saga da que van formando parte moitos persoeiros alucinantes, que van tendo máis ou menos problemas por ser xudeus, e que de cando en cando dan lugar a algún rapaz cunha prominente nariz, o cal significa que terá unha grande vida segada cunha tráxica morte.

Un dos persoeiros da historia, o filósofo Benjamin, que viviu máis de trescentos anos, escribe un libro titulado como esta novela, no que conta a historia de boa parte da familia, e ademais explica como elaborar o "elixir da inmortalidade", bebedizo que moi poucos probaron, pero coñecemento que se vai transmitindo deste xeito dunha xeración a outra.

Portugal, Castela, España, Holanda, Francia, Alemania, Hungría, Austria, Noruega, Rusia. Poucos países europeos hai nos que non transcorra a historia ou algún personaxe proceda de alí. Ao final ata resulta algo enmarañada a trama, porque a novela é un continuo flash-back, pero as biografías inventadas dos homes desta saga son abraiantes. Unha lectura moi recomendable.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-08-2016 20:29
# Ligazón permanente a este artigo
Viñetas dende o Atlántico 2016

Fun, como todos os anos, ver as exposicións que forman a nova edición do salón do cómic "Viñetas dende o Atlántico" que temos en agosto na Coruña.

As catro sedes principais e as exposicións que albergan son:

- Kiosko Alfonso: Jorge González, Rubén Pellejero e Díaz Canales (Corto Maltés), Cristina Bueno, Ramón Marcos e Daniel Torres.

- Palexco: Chris Claremont, Juan Díaz Canales e
Nadar.

- Concello: “Miguel EN Cervantes y el retablo de las maravillas”, de Miguelanxo Prado e David Rubín.

- Durán Loriga: Premios Castelao de Banda Deseñada 2014 e 2015, Kiko Da Silva e Fernando Llorente.

Todos os anos atopo algunha cousa que me sorprende moito. Aínda lembro o shock do ano pasado con Moderna de Pueblo, que me deixou flipado.

Este ano o que máis me gustou foi a exposición de Daniel Torres. Polo visto é un autor que ten éxito con algúns personaxes dos que fai obras, pero a exposición que trouxo aquí é sobre un proxecto concreto que me sorprendeu moito.

Titúlase "A Casa" e é un libraco no que aparecen as descricións de 26 tipos de vivendas de diferentes épocas e lugares da humanidade, cuns debuxos absolutamente flipantes.

Polo visto, o autor quería ser arquitecto, e comezou os estudos, pero non foi capaz de rematalos, pero sempre lle quedou o seu interese polas construcións, urbanismo, etc. E algunhas das súas páxinas son simplemente prodixiosas. A exposición está no Kiosko Alfonso e en Palexco, na zona de lectura, pode verse a obra fisicamente, que é un bo "tocho".

Déixovos unha pequena mostra.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-08-2016 20:16
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal