Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O xogo de Ender
Hai moitos anos, como de carambola, chegou ás miñas mans unha novela de ciencia-ficción (un xénero no que sempre estiven interesado pero no que aínda non profundicei) titulada "O mestre cantor", dun autor chamado Orson Scott Card.

A súa obra máis coñecida é "O xogo de Ender", a primeira dunha saga de cinco novelas en torno ao personaxe de Ender Wiggin. E onte vin unha versión cinematográfica da mesma, do ano 2013. O autor da novela dixera no seu momento que era imposible de filmar, pero polo visto quedou satisfeito co resultado.

Ender Wiggin é un rapaz superdotado que é levado á Escola de Batalla da Flota Internacional, para comprobar (xunto con outros rapaces das mesmas características) se vai ser o comandante do futuro exército que se enfrontará aos insectores, unha especie que intentou invadir a Terra hai 50 anos e que estivo a piques de conseguilo.

Na Escola de Batalla hai un ambiente totalmente militar e altamente competitivo, porque todos queren destacar e pretenden ser os máximos mandatarios do futuro exército que se enfronte aos insectores.

Non lin a novela orixinal, así que non sei se a película é fiel ou non, pero polo que lin, parece que o é bastante. Pero si lin a outra novela que comentei ao comezo, e sospeito que a novela debe darlle ao personaxe de Ender (sobre todo a el) unha profundidade psicolóxica que na película apenas se ve.

E é unha mágoa, porque incluso na película vese que Ender ten moito fondo, e aínda que acaba sendo o comandante dese exército e enfrontándose aos insectores, nótase que os comprendía e que pretendía chegar a un acordo ou negociación con eles. Seguro que na novela iso aparece máis desenvolto e sería unha gozada disfrutalo. Pero iso si que é imposible de filmar.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 31-08-2015 10:39
# Ligazón permanente a este artigo
Asasino no tempo
Onte vin na televisión unha película francesa bastante peculiar. En español titulárona "Asesino en el tiempo", en inglés "Back in crime" e en francés "L'autre vie de Richard Kemp". É de 2013.

Trata dun inspector de policía dunha certa idade ao que lle encargan a investigación dun crime no que aparece un cadáver aboiando na costa (ou río) non está claro, da súa cidade. E hai un detalle (os tímpanos perforados) que lle recorda a un caso de hai moitos anos que non conseguíu resolver.

E xusto a continuación, a película dá un xiro moi notable. Unha noite, voltando a casa pola ponte na que apareceu o cadáver, ve unha furgoneta parada, baleira e cos intermitentes postos. Párase a ver que sucede, e recibe un empurrón (non se ve quen o fai) que lle fai caer á auga. Cando retoma o seu camiño, descubre que está en 1989 (a acción orixinal era no 2010). No mesmo lugar, coas mesmas persoas, pero 20 anos atrás.

A partir de aquí se producen as típicas paradoxas espazo-temporais, porque se encontra consigo mesmo pero máis novo (nunca chegan a verse, aínda que pouco faltou), coñece a persoas que "xa coñecía no futuro", etc.

O caso é que o salto no tempo prodúcese xusto ao momento no que se produce o primeiro crime do asasino en serie coñecido como "perfora-oídos", que non conseguira resolver no seu momento. Con todo o tempo que lle dedicou "no seu momento", agora ten a segunda oportunidade de evitalo.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-08-2015 11:52
# Ligazón permanente a este artigo
Os ladróns somos xente honrada
A comezos dos anos 40 Enrique Jardiel Poncela fixo unha obra de teatro que tivo moito éxito, titulada "Os ladróns somos xente honrada".

Un ano máis tarde, Ignacio Iquino fixo xa unha versión cinematográfica. E uns quince anos máis tarde, Pedro Ramírez fixo unha nova versión, que visualmente a min sóame moito máis, así que debeu ser esta a que máis triunfou no mundo audiovisual. Onte botárona na televisión. Eu xa a vira hai anos, pero non lembraba case nada, e decidín recuncar.

O enredo é espectacular, pero a min dame que funcionaba mellor en teatro, e creo que a min me gustou máis no pasado.

A historia está ben, fala da nobreza da xente humilde e pícara, e da falsidade de moita xente que ten recursos e que se dedica só a aparentar, e o enredo está ben tramado. Pero esta vez deume a sensación de lentitude e de que algunhas esceas non tiñan demasiado sentido nin empastaban ben coas outras.

Polo visto, nesta adaptación cinematográfica meteron unhas cantas esceas que tiñan lugar no exterior da casa "de autos", que non estaban na obra de teatro orixinal. E precisamente moitas desas son as que resultan menos áxiles. Tocar algo que está moi ben non ten por que resultar beneficioso.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-08-2015 17:12
# Ligazón permanente a este artigo
Á hora sinalada (Nick of time)
O outro día estiven vendo na televisión esta película, da cal tamén poño o título orixinal en inglés, porque parece que hai décadas algún western tamén foi traducido ao español con este mesmo título.

Esta é do ano 1995, dirixida por John Badham, e protagonizada por Johnny Depp e Christopher Walken.

A trama non ten moita sustancia: un pai e a súa filla pequena chegan nun tren a Los Ángeles, e dous "extraños" os deteñen presentándose como axentes de policía, pero dende o comezo a cousa cheira moi mal.

A chantaxe consiste en que forman parte do equipo de seguridade da gobernadora do estado, que se presenta á re-elección, pero eles mesmos forman parte dunha trama para asasinala. E o que buscan é un "pardillo" que, suficientemente presionado, lles faga o traballo máis sucio.

Así que raptan á súa filla, e póñenlle o prazo de hora e media (a película vai case en tempo real) para matar á gobernadora (ao comezo dinlle que é unha muller que vai estar nun hotel, pero axiña se descubre o intento de magnicidio).

E nada, a película consiste na presa que lle meten eses "axentes", sobre todo Christopher Walken, que borda o seu papel, nos intentos de Johnny Depp por librarse do encargo e descubrir a trama, e todo iso. Está de máis dicir que a historia "acaba ben", pero non vou desvelar aquí como foi.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-08-2015 11:55
# Ligazón permanente a este artigo
Viaxes O Lóstregho en Cangas do Narcea

Como xa se está convertendo en costume, Viaxes O Lóstregho foi na segunda quincena de agosto facer algo de sendeirismo ás montañas cercanas.

O ano pasado fomos ao valdeorrés concello de A Veiga, para subir a varias lagoas glaciares no entorno de Pena Trevinca, e nesta ocasión achegámonos ao occidente asturiano para visitar un dos últimos parques naturais que nos faltaban alí: as fontes do Narcea, Degaña e Ibias.

A comarca está formada polos concellos de Cangas do Narcea, Degaña e Ibias. Fixemos a base na capital de Cangas do Narcea, a vila máis grande da comarca, nun hotel que estaba a un par de quilómetros do centro, pero podías achegarte (tamén de noite) á vila por unha senda perfectamente acondicionada e iluminada. De feito, parece que os cangueses a utilizan con moita frecuencia, sempre tiña moita animación.

A excursión durou seis días, que dedicamos a:

-Luns: chegamos dende Galicia cruzando pola Fonsagrada, Grandas de Salime, Pola de Allande e por fin Cangas de Narcea, a onde chegamos para xantar (as estradas son moi sinuosas pois é unha zona moi montañosa). Achegámonos ao Centro de Interpretación e á zona de Muniellos, onde se atopa un espectacular bosque de carballos, no que só poden entrar 20 persoas cada día (e nós non eramos ningún deles).

- Martes: Fixemos primeiro a ruta do bosque de Moal, xusto a carón de Muniellos. Din que é a ruta libre máis parecida ao que se atopa na reserva, e que non desmerece en nada á reserva oficial. Gustounos moito. Xantamos no magnífico mirador do Centro de Interpretación, e despois fixemos unha sinxela ruta por aquela zona, ao redor da aldea de Oubachu. Rematamos o día dándolle un repaso fotográfico á vila de Cangas do Narcea.

- Mércores: Decidimos afrontar o principal reto físico. Tiñamos previsto baixar a Degaña, e todas as rutas que tiñamos nesta zona consistían en ascensións para chegar a lagoas glaciares. Pero queríamos comezar coa máis dura, e fixémolo. Iso si, xa non nos atrevimos a facer nada máis ese día. Subimos ás lagoas de Fasgueo (na foto unha delas), que xa se atopan na provincia de León. Foron 3 ininterrumpidas horas de subida con moito sol (sudamos bastante), e case 1000 metros de desnivel superados. Xantamos alí, acompañados a unha certa distancia prudencial (varios centos de metros) por un cérvido (corzo, rebeco,...).

- Xoves: Este día tampouco estivo nada mal. Comezamos con outra das grandes citas da comarca. Dende o porto de Leitariegos (máis de 1.500 metros de desnivel), subimos ao Cueto de Arbás (2.007 metros de altitude), o primeiro "dousmil" da Cordilleira Cantábrica comezando polo occidente. A verdade é que resulta unha cousa bastante sinxela. Hai un tramo algo duro no medio (pero nada do outro mundo), pero en menos de dúas horas, pasando tamén por outra lagoa glaciar (á que chegas en media hora por unha cómoda pista forestal), estás no alto, cunhas vistas auténticamente alucinantes. E por se non chegaba con isto, despois de xantar abaixo, fixemos outra ruta circular duns 13 quilómetros polo val de Cibea, que se atopa bastante cerca. Este día quedamos ben mallados.

- Venres: Xa foi todo moi suave. Achegámonos ao concello de Ibias, que é de acceso máis complicado, ao ser tremendamente montañoso (e dicir isto nesta zona é esaxerar moito). Tiñamos varias rutas dispoñibles, pero entre a hora á que chegamos, o calor que facía e o cansos que estabamos pola acumulación de esforzos, decidimos facer a sinxela ruta circular da Senda do Ouro, de só un par de horas. E despois de xantar nun magnífico restaurante, baixamos ao Centro de Interpretación, para recibir as extensas e precisas explicacións da guía, durante cerca de dúas horas: maxistral.

- Sábado: iniciamos a volta. Tiñamos intención de ir a Luarca, un lugar que nos encanta, pero enterámonos que celebraban as festas de San Timoteo (e incluso sufrimos algún atasco relacionado con iso), e preferimos escapar. E decidimos cambiar de plan e parar noutro vila da costa asturiana que nos fascina: Tapia de Casariego. Alí tamén había algún tipo de festa ou mercadillo, pero aínda se podía andar ben e disfrutar. Tamén había moita xente na cercana e fermosa praia. E menciono isto porque, en canto collemos o coche e entramos en Galicia, comezou a chover, nalgúns momentos case con treboada. Iso si, poderemos contarlle aos nosos descendentes que, a pesar dese mal tempo, estaba aberto o tramo da autovía que está case sempre pechado, o temido Alto do Fiouco (non todos poden dicir que pasaron por el).

Pois nada, unha grata experiencia, como sempre sucede co sendeirismo. Principalmente nas dúas ascensións máis duras ou emotivas que fixemos (as lagoas de Fasgueo e o Cueto de Arbás), volvín notar esa vella emoción de dicir, ao baixar do coche e mirar os mapas: "pero de verdade imos subir aí arriba?", cando ves as montañas e comezas a recoñecer as súas siluetas. Pero finalmente sempre é así, sempre chegas e sabes que superaches unha nova proba. O esforzo é moi grande, pero vale a pena, e faite máis forte.

Saúdos.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-08-2015 00:34
# Ligazón permanente a este artigo
Cabana de balieiros
E para rematar esta semana tan relacionada co cómic, deume por ler unha obra deste tipo que levaba algún tempo na miña casa, e á que lle tiña moitas ganas.

Titúlase "Cabana de balieiros", foi debuxada e guionizada por Tokio (debuxante vigués) e foi editada en 2011 por Demo, a editorial de Manel Cráneo.

Conta unha historia moi curiosa e da que gustei moito. Na Costa da Morte durante o século XIX había varias vilas baleeiras. Parece que conta a historia dunha delas. Teoricamente non se centra en ningunha pero por algúns detalles podería ser algún lugar cerca de Camariñas. Historicamente, as tres principais vilas baleeiras da zona foron Caión, Malpica e Laxe.

O caso é que algúns habitantes da zona (chamados raqueiros), en confabulación con algúns cregos e outros señores, apagan os rudimentarios faros da escarpada costa e aluméana con touros que levan fachos na cornamenta, que se moven polos montes, e que ao non resultar unha referencia fixa, provocan naufraxios nesa recortada costa. Hai lendas que falan de que iso sucedía, pero non está moi claro se é certo.

Despois aprovéitanse de todo o que poden coller na pillaxe do naufraxio. Nas vilas da costa non hai ese costume, e intentan opoñerse e axudar no que poden aos náufragos, e nesta obra, un novo crego que chega á vila non ten boa acollida porque a Igrexa ten moi mala prensa, ao saber todo o mundo que están relacionados cos raqueiros.

Está ambientada en 1890, cando se produciu o naufraxio do Serpent na punta do Boi, cerca de Cabo Vilano, e os 172 mortos (só se salvaron 3) foron enterrados no Cemiterio dos Ingleses, na Praia do Trece, que pode visitarse na realidade.

Hai máis elementos interesantes, como a case total ausencia dos homes que andan embarcados, e polo tanto o matriarcado que se produce nas aldeas, que sorprende moito ao protagonista, o novo cura que chega alí sen saber moi ben onde se mete.

Xa non me gustaron tanto algúns aspectos do debuxo. Non me parecían moi ben definidos os rasgos dos personaxes, e nalgunhas viñetas tiven certas dificultades para recoñecelos, e só os coñecía polo contexto ou porque alguén mencionaba os seus nomes.

Pero, en xeral, a trama, mestura de historia, costumes e lendas dese máxico lugar chamado Costa da Morte, pareceume moi interesante, e o autor conseguíu contar moitas cousas nunha soa obra, mesturándoas dun xeito moi orixinal.

Saúdos.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-08-2015 23:58
# Ligazón permanente a este artigo
Viñetas dende o Atlántico 2015
Este ano, unha vez máis, celebrouse na Coruña o magnífico salón do cómic Viñetas dende o Atlántico.

Fun visitar as exposicións e descubrín unha autora auténticamente fantástica. Xa me falaran algo dela uns días antes, mais non fixen moito caso, pero cando vin as súas viñetas expostas, flipei.

Raquel Córcoles debuxa e Carlos Carrero guioniza as historias de "Moderna de pueblo", unha rapaza da vila que chega á cidade e non se entera de moito, aínda que esa é a excusa para pintar a moita xente "moderna" da cidade que xera moitas risas pola súa ridiculez.

Na súa exposición puxeron 40 viñetas, e as lin todas completas, e tamén os comentarios dos autores. Son moi divertidas e intelixentes, e seguro que moita xente recoñece a persoas que coñece.

Poño unha foto dunha das máis divertidas, que deu lugar a unha moi divertida enquisa.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-08-2015 23:43
# Ligazón permanente a este artigo
Viaxes O Lóstregho en Budapest

Viaxes O Lóstregho acaba de chegar da súa típica expedición anual, esta vez foi a Budapest, a capital de Hungría. A crónica aproximada da viaxe foi esta:

- Mércores 29 de xullo: Saída do aeroporto de Alvedro para facer escala en Barajas, e dende alí voar a Ferihegy (agora chamado Ferenc Liszt), o aeroporto de Budapest. Chegamos alá ao mediodía e dedicamos a tarde a facer un recoñecemento xeral da cidade, ver as cousas principais, calcular distancias, etc.

- Xoves 30 de xullo: Como había posibilidades de chuvia, decidimos ir comezando coas visitas en interior, xa sacaríamos fotos exteriores cando houbera mellor tempo, nos días seguintes. Así que este día caeron: Basílica de San Esteban, Parlamento, Galería Nacional de Pintura e Laberinto de Buda. Rematamos a xornada cun concerto de órgano na Basílica de San Esteban.

- Venres 31 de xullo: Como o tempo nuboso ía rematar ao longo da mañá, comezamos facendo a visita interior ao Museo Nacional Húngaro. Efectivamente, cando saímos facía o sol que nos acompañou case todo o resto do tempo. Visitamos o exterior da parte principal de Pest, que é a pegada ao río Danubio, que ocupa os barrios de Belváros e Lipotváros.

- Sábado 1 de agosto: Como seguía facendo bo tempo (este foi o mellor día da viaxe), comezamos visitando Óbuda, a parte máis antiga da cidade, onde destaca a antiga praza maior e os restos romanos de Aquincum (o xentilicio desta cidade é "aquincense"). Despois visitamos a Illa Margarita, que basicamente é un grande parque. E rematamos o intensísimo e longo día na Praza dos Heroes e o Városliget (parte da cidade). Se vos tomades a molestia de mirar os quilómetros que fixemos, a cifra pode ser mareante.

- Domingo 2 de agosto: Na miña opinión, o día máis grandioso, dedicamos o día a ver o máis importante da parte de Buda. Comezamos coa cidade vella en torno á igrexa de Matías e o Bastión dos Pescadores. Despois o Palacio Real. Despois subimos ao Monte Gellert. Seguimos baixando cara ao sur por Buda e despois de varias visitas cruzamos pola última ponte (Rákoczi) para visitar os novos contedores culturais do sur da cidade. Percorrimos as cousas máis interesantes do barrio de Ferencváros e rematamos na zona da Cidade Deportiva, onde os estadios e pavillóns. Mellor que non contedes os quilómetros tampouco nesa ocasión.

- Luns 3 de agosto: Fomos dando un paseo, e fotografiando algunhas cousas pendentes de Buda e de Pest, porque o obxectivo era coller o autobus que nos levou a Memento Park, onde están as estatuas da época soviética. Despois visitamos o interior da impresionante igrexa de Matías, e rematamos a xornada percorrendo a rúa principal de Buda que non está na colina do castelo (Fö utca) e unha das principais de Pest, a Avenida Andrassy.

- Martes 4 e Mércores 5 de agosto: Teoricamente a volta debía ser o martes nada máis. Pero era unha conexión de dous vóos con escala en Barcelona, e o primeiro retrasouse moito e provocou que perdéramos o segundo vóo. Como eran coa mesma compañía e eles tiveron a culpa desa circunstancia, pagáronos cea, aloxamento e almorzo nun hotel cercano ao aeroporto de El Prat, e xestionaron o billete no seguinte avión. Así que chegamos a Coruña o mércores ao mediodía.

Espero que vos gustara a crónica e que vos anime a viaxar a esta grande cidade, vale moito a pena. Nós non visitamos ningún dos seus marabillosos balnearios, pero din que son dos mellores do mundo.

Saúdos.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-08-2015 14:38
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal